24 de fev. de 2007

O que se mova non sae na foto

Unha das consecuencias desta última purga da Unión do Pobo Galego é que está deixando ó aire as miserias crónicas do Bloque Nacionalista Galego. Pensabao o outro día, cando lin un comentario nun post anterior, deixado por alguén co alcume “Patriota”, que incidía en que o Partido Nacionalista Galego, autodefinido ideoloxicamente coma liberal, non debería concordar con este proceso. E sen embargo, o seu representante no Consello Comarcal de Vigo non actuou na liña ideolóxica que o seu partido propugna, senón que se cadrou ante a UPG e defendeu unha postura, xa non desviada do seu ideario, senón abertamente oposta. Parece ser que estar no Bloque fomenta o contorsionismo. Non me sinto con forzas para culpalo; non é nada que os demáis partidos non teñamos feito.

É o medo, o medo de sempre a ser purgado cando deixas de serlles útil, cando cuestionas os seus métodos ou os seus obxetivos. Ese medo xúntase con outro, un medo que medra canto máis alto estás no escalafón: o medo a non saír na foto. Este teñoo visto moito, incluso dentro do meu partido. O primeiro é case parte consustancial á militancia non alienada; segundo pasan os anos, renóvanse a xente, pero a situación perdura, é faino coma un aura que rodea todo canto fagas. Sabes que terás unha lupa enriba túa, agardando o momento no que te desvíes para ensinarche, con maior ou menor educación, onde queda a porta de saída. Comprendo o primeiro, e detesto o segundo.

Tamén está a inconsciencia, que non debe ser infravalorada. A inconciencia dun nucleo duro totalmente alleo á realidade, por gusto ou por incapacidade, pero lonxe de calquera atisbo de vinculación coa sociedade e o tempo que lle tocou vivir. A mesma inconciencia que lles fai crer que expulsar a un militante por diferencias de opìnión, escudándose nunha excusa irrisoria que non engana a ningúen, excepto ós fanáticos do pensamento único e a exclusión do diferente, non terá coste político, ou o terá tan baixo que compensará de todolos modos seguir con isto ata o final.

O que esa xente non entende (esperemos que ese día chegue pronto) é que a quen danan non é tanto ó miliante en cuestión, senón á imaxe do Bloque Nacionalista Galego. A militancia do Bloque, adurmiñada por unha cúpula que actúa paternalistamente con ela, facéndolles crer que a discrepancia é disidencia (ou directamente traición), pode chegar ó convencemento de que é xusto que Pedro Gómez-Valadés sexa expulsado da organización. Porque non é coma nós, porque non é bó ter preto a alguén que pensa distinto a coma pensamos nós, ou porque alguén que defende que Israel debe existir non pode ser bóa persoa, e nós temos ben claro que somolos mellores do mundo. Hai mil motivos, ningún deles recollido nos estatutos.

Da igual que estexa disposto a traballar en calquera área, xa sexa a cultura, a lingua, a pesca ou o desenvolvemento sostible; é diferente, e non pode estar connosco. É dramático que a UPG pense e actúe así, máis o realmente tremendo é ver coma o groso da militancia se debate entre a abulia e o seguidismo, e non é quén de expresa-la súa oposición a unha decisión arbitraria contra unha persoa que, ata o dagora, foi exemplar no cumplimento das tarefas que a organización lle encomendou.

Alguén dentro da U será conscinente do que están a desencadear, das consecuencias que isto pode traer? Alguén deles terá a suficiente lucidez coma para intuír que este proceso antisemita na Europa do 2007 é unha anomalía histórica que quedará adherida á pel do Bloque mentres esta organización siga existindo? O BNG non é unha organización marxinal, senón que se atopa cogobernando unha comunidade autónoma do Estado español na Europa de hoxe en día. Alguén se plantexou qué impresión vai levar a xente fora? Ou non levan anos sofocando debates coa excusa de que”é malo para a imaxe do Bloque”? Porque, daquela, que algún me explique qué se supón que ten isto de beneficioso.

Se no próximo Consello Comarcal deciden finalmente expulsalo, o seguinte paso é o Consello Nacional, onde non abondan os votos da U. E alí onde pode que vexamos o segundo dos medos dos que falaba antes: o medo a non saír na foto. O medo, en suma, a disgustar á Komintern. Cando Anxo Quintana e o seu ámbito de influencia teñan na súa man a decisión, todos e cada un de nós teremos ocasión de ver de qué está feito o novo grupo dirixente dentro do BNG, se está disposto a seguir unha ruta propia ou actuará con cobardía, seguindo os postulados que previamente lle dicten os coroneis.

Non concordo con moitas da cousas que fai Quintana, e non votei por el na última AN, pero non por iso sinto animadversión persoal contra el, nin por elo deixo de comprender moitos dos obstáculos cos que se atopa, día a día, para facer política dende a súa posición. Quero dicir que entendo que en política (coma en case todo na vida) non hai bós e malos, senón persoas que buscan o seu espazo. Todos buscamos aire dentro do BNG, e iso ás veces fainos golpear co cóbado o abdomen do do lado. Pero esto non é unha das mesquindades cotiás da política, outra mostra da cortedade de miras coa que, ás veces, actuamos dentro do BNG, xa sexamos de EN, do PNG, da UPG ou de quen sexa. Isto ten outra dimensión, anque non todos acaben de comprendelo.

É o momento de demostrar de qué está feito cada un, de decidir se estamos dispostos a denuciar ben alto este atropelo ou se, por medo a non saír na foto, imos quedar, para vergoña nosa e do BNG, calados coma putas.

22 de fev. de 2007

A alongada man de Antón Losada

É a bomba mediática do momento. Nos foros, nos blogs, e na prensa. Todo o mundo se fai eco. ¿Todo? Todo non. Parece que hai medios que non se enteraron todavía.

20 de fev. de 2007

Os de esquerdas non podemos defender a Israel?

Antes que nada aviso: no caso do presidente da AGAI, o seu intento de expulsión é unha purga por motivos políticos, e o seu proisraelismo non deixa de ser unha excusa. Inda así, coma un dos argumentos que vin por ahí é que un nacionalista de esquerdas non pode defender a Israel, creo que paga a pena falar un pouco ó respecto.

A pouco que un comence a discutir sobre o conflicto árabe-israelí, o que probablemente aconteza é que o interlocutor, teña ou non idea do que fala, acabe por botárlle a culpa de todo ó Estado de Israel, cando non directamente ó pobo xudeo, sen reparar sequera na poboación árabe, drusa ou cristiana que tamén forma parte da cidadanía de Israel.

E non pasa isto nin unha vez nin dúas, senón que é a atitude xeralizada do común da sociedade. Sen embargo, segue pervivindo o cliché de que apoiar acríticamente a Palestina é algo "subersivo", "alternativo". Algo que se sabe anque eles traten de manipularnos. Na mellor tradición das teorías consparanoicas, a análise sosegada dos feitos queda desprazada por unha manchea de conxeturas e prexuízos que sepultan calquer atisbo de racionalidade. Non falo de non criticar a Israel; falo de facelo con coñecemento de causa, para saber qué se lle pode imputar e qué non.

Porque neste conflicto hai dúas partes (a israelí e a ábare), pero cando a violencia ven do bando árabe (e ahí entra no mesmo saco o palestino deseperado que se suicida levándose a quince por diante, que o comando de Hezbolá), a responsabilidad xamáis recae nos autores. Sempre se reconduce, dun xeito ou outro, ó pecado orixinal da ocupación israelí. Ou é que, logo de sesenta anos de conflicto, os palestinos non teñen ningunha responsabilidade en que a situación non se solucionase? Moito se ten falado do territorio ocupado por Israel pero, qué pasaría se mañá mesmo Israel abandoase os territorios ocupados? Acaso non o aproveitarían os árabes para atacar dende máis preto, coma fixeron este verán dende o sur do Líbano logo de que se retirase dalí o exército de Israel? Tendo en conta que nin Hamás nin Hezbolá recoñeceron índa o Estado de Israel, penso que non caben moitas dúbidas do que farían se puidesen acercarse índa máis ós núcleos de poboación. No nome do pacifismo, se cadra, estase dando cobertura a unha barbarie maior. Ninguén nega o sufremento do pobo palestino, as condicións terribles nas que vive. O que está en liza é de quén é a responsabilidade de que esta traxedia cotiá se manteña, e sen visos de solucionarse.

Por mal que lles pese ós amantes do pensamento simple, neste mundo non hai case nunca bós e malos. Case sempre, a responsabilidade é compartida, e asumi-la parte de culpa que cada un ten nos feitos nos que se involucra é requisito indispensable para comprendelo, e buscar unha solución factible. Lamentablemente, estos días de caza de meigas acabamos todos en posicionamento extremos, o cal dificulta índa máis o entendemento. E incluso xenera situacións (como calificalas?), cando menos algo extrañas.

Como mostra, un botón: decía que levo todo o día lendo na rede que unha persoa nacionalista e de esquerdas non pode defender a Israel. "Por coherencia", din aqueles que nunca a tiveron, ós que se lle enche a boca coa palabra liberdade e despois defenden a Fidel. En fin, un está afeito a esta clase de incongruencias presentadas coma verdades absolutas por adictos a un dogma. Alá eles. O problema non é que determinada xente sexa máis ou menos fanática. O problema ven cando eses fanáticos teñen influencia dabondo coma para adoptar unha decisión que che afecta directamente. A unha persoa que elixeu libremente militar no nacionalismo, que está traballando día a día na causa da construcción nacional, están a punto de bota-lo do BNG por entender que é incompatible ser nacionalista, de esquerdas e apoiar a Israel. Se cadra, o que sí é incompatible é ser dunha certa esquerda e apoiar a Israel.

En países onde a sociedade é máis aberta, onde a cidadanía conforma unha rede máis interactiva e a esquerda que se plantexa é unha esquerda acorde cos tempos, coma é a sociedade catalana, podemos atopar algún exemplo do que estou a falar. Alí é posible oir cousas como esta:

"Comprender a Israel non implica necesariamente estar de acordo coas decisións do Goberno do Estado de Israel, senón aproximarse á realidade do pobo xudeu e ao conflito árabe-israelí con toda a súa complexidade, sen prexuízos preestablecidos e con espírito crítico, sen dar por boas as distincións simplistas (palestinos bos, xudeus malos)."

Esto escribiuno o xurista Jaume Renyer i Alimbau, presidente do Forum Català pel Dret a l’Autodeterminació e ex-deputado por Esquerra Republicana de Catalunya.

O texto íntegro podese atopar aquí.

17 de fev. de 2007

BNG: a máscara que tapa a ignominia

O Bloque Nacionalista Galego é a maior organización política do nacionalismo galego. Para todalas persoas que nos consideramos nacionalistas e queremos aporta-lo noso gran de area ó proceso de construcción nacional de Galiza pasa por ser unha referencia inevitable. Non é cuestión de concordar ou non co discurso da fronte, coa súa praxe ou evoluír. Trátase de que é a maior ferramenta da que nos dotamo-los galegos para artellar un proceso de construcción nacional que superase a anomalía que para nós supón vernos integrados no Estado doutra nación. De feito, é que é a única que conta con capacidade de incidencia real no ámbito nacional. Por iso doe tanto ter que acabar escribindo algo coma isto. Pero levamos tempo de máis calando, e este cheiro a podre non se soluciona con ambientadores.

O feito que quero denunciar agora é a agresión máis frontal que xamáis vin dentro da fronte. Nunca, repito, nunca, pensei que a UPG se atrevese a tanto. Nin nos momentos de maior indignación supuxen que chegarían tan lonxe. A UPG ven de promove-la expulsión dun militante por pertencer a unha asociación de apoio a Israel. Por incrible que pareza, a realidade é que un militante do Bloque Nacionalista Galego está a piques de ser expulsado da organización por unha actividade que realiza na súa vida privada.

O vigués Pedro Gómez-Valadés está a ser sometido a un proceso kafkiano por se-lo presidente da recentemente creada Asociación Galega de Amizade con Israel. Que ninguén enfoque isto en función de se un está a favor ou en contra de Israel; o que aquí se plantexa é ata qué punto unha organización política, que por lei ten que ser democratica, pode admitir ou expulsar a alguén en función da súa postura sobre ese tema. Porqué non expulsar ós homosexuais? Ou ós que falan español na súa vida cotiá? Porqué deterse en quen defende unha postura minoritaria sobre o conflicto árabe-israelí?

Porque se isto sae adiante, na próxima asamblea comarcal pedirei que expulsen a Francisco Rodriguez pola súa defensa enfervorizada na última Asamblea Nacional da dictadura cubana e do rexíme teocrático iraniano. Ou é que no doble raseiro da UPG é peor un Estado democrático coma Israel, esteamos ou non dacordo coa súa política militar, que unha dictadura vitalicia coma a de Fidel Castro, ou un país gobernado polos clérigos? Ben, supoño que non haberá que chegar a ese extremo porque coido que no BNG hai liberdade de expresión. Francisco Rodriquez é moi libre de defender a quen lle pete; o único que exixo é que se dea reciprocidade.

O tema ven de atrás e polo tanto hai que por sobre a mesa tódolos elementos. Gómez-Valadés é un militante de Esquerda Nacionalista, o nucleo do socialismo democrático dentro da frente. Ademáis, este militante é membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo, así coma responsable de Lingua e Cultura no mesmo órgano. Cabe recordar aquí, como se ten feito noutro blog, que a candidatura da Alternativa, na que se integrou EN, obtivo case a metade dos votos nas eleccións ó Consello Comarcal, ameazando o dominio da UPG na comarca. É de EN e ademáis é visible. Hai que ter isto presente para poder entender a situación. Se cadra equivócome, pero dubido moito que se se tratase dun militante de base sen adscripción partidaria se tivese montado este esperpento. Non estamos discutindo se apoiamos ou non a Israel; o que discutimos é se, dentro da fronte, ímos tolerar o vale todo para represaliar enemigos políticos.

Logo de ser incluída na orde do día, e tras unha sesión de dúas horas adicadas a denigralo, onde se chegou a alegar que estaba a soldo do Mossad ou a afirmar textualmente que "defender a Israel é moito peor que pegarlle á muller" (sic), o Consello Comarcal de Vigo ven de solicitar formalmente a súa expulsión, a menos que, no prazo de quince días, abandone a asociación e se arrepinta públicamente de ter apoiado a Israel. Pasado ese prazo, se non pide perdón pola súa herexía, o seguinte paso é que o Consello Nacional ratifique a expulsión. Sen dúbida, ata ahí chegaremos. O que acontece é que no Consello Nacional a UPG non ten maioría absoluta, co que para sacar isto adiante necesita dos votos do quintanismo. Votará Quintana e os seu en contra, índa a risco de enfadar a quen o manten no poder? Ou cederán de novo, alegando calquera excusa?

Por elo, gustaríame acabar dirixíndome ó outro grupo que ostenta a día de hoxe o poder no Bloque, a ese magma heteroxéneo coñecido como "quintanismo". Levan tempo presumindo de modernos; agora é o momento de demostralo con feitos. E preguntarlles se pensan poñer un mínimo de sentido común en toda esta tolemia ou, tamén esta vez, ante este atropelo, van aparta-la mirada e xustificalo cínicamente.

Execución en Cisxordania















O pe de foto só mencionaba o lugar, e o primeiro comentario aludía a política militar de George Bush. Sen pensalo dúas veces supuxen que o soldado era israelí.

Logo entereime de que están a tirotealo porque sospeitan que podía estar colaborando co exercito de Israel. Os tres son árabes; probablemente, os tres palestinos.

As persoas que saímos en defensa do Estado de Israel non o facemos por xenreira cara os palestinos. É precisamente a íntima convicción de que a paz chegará cando ambas nacións teñan o seu Estado o que nos leva a esta posición. Cremos, ademáis, que sí hai unha vontade de paz por parte de Israel. Vendo cousas coma esta, o único que un quere é que a ANP dea os pasos necesarios para acadar o seu cometido. Nin os israelíes nin os palestinos merecen un só día máis de sufrimento.

16 de fev. de 2007

O dereito a criticar

Varios concelleiros do Partido Popular dos concellos de Ogrobe e Cambados, así coma o alcalde deste último, denunciaron hai uns días a dous blogs nos cales se satirizaba sobre a faceta institucional desas persoas. O peor non foi comprobar coma é posible que índa haxa cargos institucionais capaces de recurrir á vía penal para atallar críticas sobre a súa xestión. O realmente tremendo desta historia é que o xuiz ven de admitir a trámite a denuncia.

Qué se supón que fixeron estes dous bloggers para ter que pasar polo trance de ser parte demandada nun proceso, ademáis do perxuízo irremediable que suporá para un deles ter que saír do anonimato? O máximo ó que se chegou nestea última bitácora foi a facer fotomontaxes, que creo que é algo ó que todos estamos acostumados. Non houbo insultos nin ameazas; tan só se ironizou acerca da suposta corruptela da corporación municiapl, e da prepotencia do xefe da policía municipal. Se esta clase de accións empezan a considerarse condeables estaremos asistindo a un importante recorte da liberdade de expresión, que é o dereito cívico por antonomasia. Ou é que o recurso á ironía vai deixar de ser válido para criticar ó poder no nome dunha interpretación maximalista do dereito á propia imaxe?

Espero que a sentencia sexa a confirmación de que a ironía e o sarcasmo, cando se empregan para criticar calquera forma de poder, deber prevalecer sobre un extrapolado dereito a honra para que, de ter que lamentar algo, sexa o ternos pasado e non o ternos quedado cortos.

14 de fev. de 2007

Carteis na rede

O creador da rede social Chuza! e membro do colectivo Aduaneiros sem fronteiras, Berto Yañez, ven de colgar na rede unha colección de carteis galegos da segunda metade do século vinte, que se atopaban dixitalizados no fondo da Biblioteca Nodal d´A Coruña. Os carteis suman polo pronto 876 exemplares adicados maioritariamente a esa cidade e a súa provincia, por se-la única biblioteca que dispuña de imaxes dixitalizadas e con acceso público. Sen embargo, na súa páxina preve amplia-lo catálogo conforme as institucións vaian dixitalizando os seus fondos. A colección de carteis podese atopar na súa conta de Flickr.


Alegra comprobar de novo coma, grazas á interacción a través da rede, se vai tecendo entre todos iso que se coñece coma sociedade civil. Así pois, parabéns e grazas.

10 de fev. de 2007

Xustificación do nacionalismo

O lúcidisimo Plácido Castro, a cara máis cosmopolita do nacionalismo galego durante a etapa republicana, nun artigo que amosa ás claras que o nacionalismo galego non é máis que a expresión do pobo galego que toma consciencia de sí. A expresión máis plena dos nosos anceios de cidadanía. Ningún representante político do nacionalismo debería esquencer que éste, e non outro, e o motivo último p0lo que comenzou, hai xa tanto tempo, o noso camiño cara a autodeterminación. Nin ranciadas nin sopa boba, senón respeto para a Nación. Nesas andamos.


Plácido Ramón Castro del Río "Justificación del nacionalismo". El Pueblo Gallego, domingo, 10 de abril de 1932. Traducción ó galego de Daniel Landesa Porras.

O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica verbo da citada vía, ten un profundo interese desde o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta hai poucos días nesta columna por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa visa política aínda despois de resolverse o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen deixar unha fonda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu, impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non só se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e mesmo varios que podían considerarse prexudicados pola nova vía, sumáronse ó movemento, facendo que este excedese tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España, e aqueles que ocupan cargos representativos e non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto débese á existencia dunha conciencia galega, dun sentimento de galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron os seu sentimento de patriotismo galego. Por outra parte, o simpático e emocionante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia só se conseguiu por motivos económicos, o que dá a entender que tódolos demais aspectos do ideario galeguista son ineficaces e non interesan a ninguén. Mais eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e a súa importancia foron debidas á existencia dunha forte emoción galega –latente nuns, consciente noutros–. A protesta foi transcendental e foi eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E así sucedeu, non só queda plenamente xustificada a tese nacionalista , senón que se demostra o valor de todo o labor do galeguismo na súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible coma antes e tería que soportar con resignación o despoxo de que querían facela víctima. Pero desde agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén.

E non é só na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexorde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo artigo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro

8 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (II)

A segunda das historias de Nova Iorque das que falei nunha ocasión é unha estomagante, cursi, e fantasiosa recreación da vida dunha nena rica. O peor da película colectiva, e o peor de todo canto teño visto de Coppola. Vale, iso sí, como documental da vida da clase alta (altísima!) neoiorquina. Unha fábula capitalista.

O exilio de Orhan Pamuk

Copio e pego dende Kontratempos: eu non o diría mellor. O escritor turco ten que saír por pernas.

"EXÍLIO. Orhan Pamuk, o Nobel de Literatura ameaçado de morte, exilou-se nos Estados Unidos da América. Não lhe restava grande alternativa, sobretudo depois do assassinato do jornalista Hrant Dink por um ultranacionalista que foi tratado como herói da «identidade turca». Devemos lembrar-nos disto sempre que se fala da hipotética hipótese da Turquia entrar para a União Europeia. Pamuk, diga-se, foi para o único sítio possível. Recentemente, num contexto de incremento das ameaças dos fundamentalistas islâmicos, a ex-deputada holandesa de origem somali Ayaan Hirsi também foi para os EUA depois da Holanda ter revogado a sua nacionalidade. Num e noutro caso, os EUA fazem jus à matriz do país: todos são bem-vindos, sem excepção, chegando de qualquer outro lugar menos livre do que aquele. No caso, vergonhosamente, a Europa."

6 de fev. de 2007

Shlomo Ben Ami na revista ENCLAVE

Ven completo este novo número da revista ENCLAVE. A revista editada pola fundación homónima inclúe no seu número deste inverno artigos de Lih Beiruk, secretario de Xustiza na Chancelería da RASD, Xose Manuel Beiras, e Gerry Adams, entre outros. Así mesmo analísase a incidencia do Goberno bipartito na situación da prensa en galego, ou o grao de cumprimento do Protocolo de Quito no noso país. Pero é de outra colaboración da que quero falar aquí.

Neste xa seu número quince, ENCLAVE conta cun colaborador de excepción, dotado dunha perspectiva privilexiada para analisa-lo contexto mundial no que nos atopamos, o ex-ministro de Asuntos Exteriores e diplomativo israelí Shlomo Ben Ami. A súa experiencia nas negociacións cos países árabes do entorno, nomeadamente a súa participación central nas negociacións de Camp David, fan da súa unha ollada especialmente valiosa á hora de enfoca-la cuestión árabe desde unha perspectiva occidental, máis non distante nin eurocéntrica. Unha das súas virtudes é que intenta porse no lugar do seu interlocutor, e ese esforzo de comprensión reflíctese nunha valoración novaidosa e sorprendente dunha problemática que, por moito que se fale dela, poucas veces supera ó cliché e o prexuízo no que frecuentemente vivimos instalados.

O artigo de Ben Ami, Vasos Comunicantes, explora a horizonte que deixou tras de sí a guerra dos EEUU a Iraq, e as consecuencias que a xerou no equilibrio de forzas a nivel mundial. O autor comenza a súa disertación cunha hipótese cada vez máis plausible. O paso vertixinoso da Rusia comunista a unha sociedade anarco-capitalista serviu a Vladimir Putin para cimenta-las bases dunha pseudodemocracia “tan dirixida e xerarquizada que será difícil distinguir dunha pura e simple dictadura”, o cal invevitablemente alterará a súa política exterior. O autor vaticina que, de seguir así as cousas, a nova Rusia non tardará en competir cos EEUU pola influencia nas repúblicas ex-soviéticas e no mundo árabe. A hipótese dunha nova Guerra Fría, se ben con características diferentes, subxace baixo este argumento.

Para Ben Ami, o detonante deste novo orde mundial que se está a xestar habería que buscalo na decisión do Goberno dos EEUU de declarárlle-la guerra a Iraq ó marxe da legalidade internacional. A tremenda oposición que a internvención ocasionou en toda Europa serviu para evidenciar que, nun mundo onde o poderío militar, económico e cultural, entendido esto último como a capacidade de exporta-lo modo de vida, se atopan na man dun só Estado, o certo é que segue a ser necesario contar coa comunidade internacional para saír triunfante dunha empresa destas dimensións; isto concrétase no concepto de lexitimidade.

A necesidade de redefini-lo concepto de lexitimidade para adaptalo a un contexto post-wesphaliano obrigará a Europa a “superar algunhas das súas propias contradiccións”; así, os europeos deberemos pornos de acordo acerca do conesnso que requeriremos para autorizar unha intervención militar se as circunstancias obligaran a elo. Tal e coma o enfoca Ben Ami, os EEUU están obrigados a contar con Europa para dotar ás súas accións da lexitmidade que só pode outorgar o “por ser o vello continente o corazón latexante da cultura democrático-liberal”.

A outra vertente do artigo é a súa análise da situación actual do mundo árabe. Logo de denuncia-la ausencia da diplomacia para buscar solucións puntuáis ó perigoso aillamento no que acaban moitos Estados-canalla, Ben Ami céntrase no problema desde o a perspectiva árabe. “É dificil entender a crise actual se se ignora o gran sentimento de humillación que impregna as sociedades islámicas”, agravada polo feito de que “a única maneira de incorporarse á globalización é a través da democracia, precisamente o sitema político que índa non botou raíces nos países musulmáns”.

Toda a súa leitura da situación entronca con este feito: “De feito, as institucións democráticas son vitais para impulsar a globalización. Esa é a razón pola cal os países que mellor se adaptan a globalización non són necesariamente os máis ricos (Arabia Saudí, Irán, Nixeria), senón os máis democráticos (Polonia, Taiwán, Tailandia, Corea,...)”.

“(...) o desafío do Islam de hoxe”, coma sinala Ben Ami “é volver á liberdade creativa da conciencia e do pensamento, asumir a responsabilidade propia polas traxedias, os fallos e as derrotas, volver á cultura da investigación e da dúbida e á crítica, incluída a autocrítica desde logo, a volta da liberdade económica, a loita contra a corrupción e o mal-goberno, a liberdade da muller sen a cal non pode existir democracia e modernidade”.

O artigo ó completo atópase na revista ENCLAVE, que será presentada en Vigo o venres nove as oito e media na Casa do Libro. Asemesmo, podese solicitar un exemplar mandando un correo a info@fundacionenclave.org.

3 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (I)

Cantas veces vendo unha película non acabamos coa sensación de que, en dúas horas de metraxe, non se nos contou nada, ben porque non había qué contar, ou porque non souberon transmitilo? Cantas veces non teremos perdido o tempo vendo cine pouco aproveitable, que non é quén de facernos saír da sala, ou encende-las luces da habitación, coa sensación de ter removido algo en nós?

Pensabao o outro día cando volvín a ver, despois de moitos anos, unha pequena xoia que empequenece índa máis ese cine valdeiro que tanto satura as carteleiras. Foi a fináis dos oitenta cando tres directores neoiorquinos se puxeron dacordo para crear unha homenaxe conxunta á súa cidade. Martin Scorsese, Francis Ford Coppola e Woody Allen rodaron cada un unha historia, de preto de media hora cada unha, na que a cidade de Nova Iorque era, xa non só o nexo común, senón unha persoaxe máis de cada historia.

Delas, a miña favorita, entón coma agora, é a historia rodada por Martin Scorsese, e interpretada por Nick Nolte e Rosanna Arquette. Nela contase a historia de obsesión entre un pintor desequilibrado e excesivo e a súa aprendiz e amante. A historia comenza co retorno da rapaza dunha escapada a Florida; cando a recolle no aeroporto, ela confésalle que en realidade se fora con outro home, pero iso ó pintor non lle importa. El é feliz co obxeto do seu desexo, sen importarlle o que ela sinta ou deixe de sentir. Ela é invisible para el, pero non o seu corpo. A xoven aprendiz de pintora está desanimada e quere abandoa-la cidade, pero el convéncea para que non o faga. Finalmente, ela acepta volver a convivir con el no seu estudio, pero co compromiso de non volver acostarse con el.

O nudo do argumento é o evoluir desa relacción posesiva, valéndose da cal Scorsese vai desgranando con absoluta mestría, no pouco tempo do que dispon, a as neuras do pintor, as esperanzas da rapaza, e a clase social neoiorquina na que se move a “parella”. Un resultado perfecto para unha mediametraxe que pon en evidencia a hipótese de que fai falta moito tempo para contar ben unha historia. Hitchcok decía que el non gastaba metraxe nun plano que non engadía nada á película, e ese postulado de economía artística era tan válido no momento en que foi dito coma o segue a ser agora.

Abraham Yehosúa

Furioso. Furioso e combativo, así estaba onte Abraham Yehoshúa na súa coferencia en Compostela. Furioso contra a demonización do seu Estado por parte da Europa que orixinou a súa necesidade. E combativo, contra todo aquel que quixera regateárlle ó seu país a posibilidade de existir. “Fun paracaidísta”, alegaba, “e os meus fillos estiveron na última guerra do Líbano”. Non estaba disposto a deixar que unha Europa allea á súa problemática puidera xulgalos con lixeireza. A súa aposta pola polo cese das hostilidades era firme. “Pero se me atacan, eu voume a defender, xa sexa de Palestina ou de calquera outro país”. Un home que propugna alto e claro a retirada dos asentamentos dos colonos, pero que non está disposto a pedir nin permiso nin perdón por algo que debería ser normal para calquera nación. Algo que, e el que o defendeu coas armas saberáo mellor ca ninguén, nunca sae gratis, nin é fácil, nin se mantén só.