22 de jan de 2008

Apagón informativo

Polo seu especial interese, na medida en que aclara a situación na que se atopou no día de onte Gaza, aportando datos reáis e non fotografías lastimeiras, adxunto o comunicado de prensa emitido pola Asociación Galega de Amizade con Israel.

Se unha medida que afecta a unha cuarta parte do suministro eléctrico pode venderse coma un xenocidio (manda carallo!) é porque a situación non vale en canto tal senón coma símbolo. Ao que se está xogando é a outra cousa, máis antiga e inconfesabel. E irracional.


A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) quere transmitir á opinión pública galega as seguintes puntualizacións que sobre a actual situación en Gaza están chegando terxiversadas ou directamente manipuladas, ao tempo que se agocha deliberadamente a realidade do que acontece.


1)
A subministración de electricidade a Gaza desde as plantas xeradoras de Israel e de Exipto manténse con normalidade e representa ao redor do 70% das necesidades de electricidade de Gaza. Tanto a planta xeradoras de Israel, con 124 megavatios, como a de Exipto, con 17 megavatios, seguiron funcionando ininterrompidamente.

2)
Aínda que se reduciu a subministración de combustible a Gaza desde Israel, debido aos ataques de Hamás con misís Quassam, o desvío a outros usos do combustible destinado aos xeradores de enerxía doméstica é unha decisión adoptada por Hamás e xa que logo responsabilidade súa, unha responsabilidade claramente baseada en consideracións mediáticas e propagandísticas.

3)
As acusacións de Hamas de que o recorte a subministración de combustible está a provocar unha crise humanitaria en Gaza, son tamén esaxeradas. Non hai escaseza de alimentos básicos, e os pacientes de Gaza que necesitan tratamento en hospitais israelís seguen viaxando a Israel para ser atendidos.

4)
Desde o ano 2001 Israel está sofrindo continuos ataques con foguetes lanzados desde Gaza por organizacións terroristas palestinas. Trinta mil civís israelís están expostos diariamente á ameaza dos foguetes. Estes ataques deliberados á poboación civil non poden contar co consentimento desta Asociación nin, cremos, que da sociedade galega en particular e occidental en xeral.

5)
No ano 2007 lanzáronse máis de 2.000 proxectís Qassam e morteiros desde Gaza. Desde que Hamás tomou o control de Gaza, a media de lanzamentos supera os 250 ao mes, cun incremento do 150% desde o mes de xuño. En 2008 lévanse disparados máis de 450 foguetes e morteiros, o cal nos da unha media de 1 foguete por hora.

A pregunta que desde a Asociación Galega de Amizade con Israel queremos trasladar a opinión pública galega é como reaccionaria calquera estado europeo se desde as súas fronteiras fora de continuo atacada indiscriminadamente a súa poboación civil (Reino Unido polo IRA, España por Marrocos, Francia por ETA, Rusia polos independentistas chechenos...).

Por último lembrar que desde o ano 2005 en Gaza non hai presenza israelí. A resolución do conflito no que desde Israel e a Autoridade Nacional Palestina de Abu Mazen veñen traballado intensamente e co compromiso público de chegar a unha solución viábel e pacífica antes de finais do ano 2008, é sabotada desde Gaza polo grupo integrista islámico de Hamas, para quen non hai ningunha vía de entendemento posíbel con Israel. Dese xeito, Hamas pode presumir de ter asasinado desde a súa toma do poder en Gaza a centos de palestinos por consideracións ideolóxicas, relixiosas ou políticas.

Vigo, 21 de Xaneiro de 2008

[Máis: comunicado na paxina da AGAI; "Nós condenan a una muerte lenta", El País; Israel levanta el embargo de combustible y de medicamentos en la Franja de Gaza, El Mundo; Israel allows some supplies into Gaza, NY Times]

2 comentários:

cossimo disse...

Máis sentimentalismo antisemita:

"Hai que salientar que a franxa de Gaza non deixou de ser territorio ocupado como consecuencia do plan de retirada unilateral de Sharon; só mudou a forma de ocupación. A franxa de Gaza transformouse nun inmenso cárcere acordoado polo Exército israelí e separado do resto do mundo. O Exército continúa coa súa política de lenta pero implacable destruccción da franxa de Gaza, política que se remonta aos tempos da segunda Intifada. Comezou ben antes de que os foguetes Qassam caesen sobre Sderot. En lugar de seguridade, trouxo máis violencia."
http://www.kibush.co.il/about.asp?lang=1


"Ao final do día tiven unha experiencia terrible. Sabía que o que dixera e fixera podería ser considerado polémico por algunhas persoas pero ameazante seguro que non. Por iso non imaxinaba que os policías israelíes que custodian o aeroporto Ben-Gurion abusarían dunha supervivinte do Holocausto de 79 anos de idade reténdome durante 5 horas e levando a cabo un rexistro absolutamente innecesario en cada parte do meu desnudo corpo.
A única vergoña que estes oficiais experimentaron foi darlle a volta as súas placas para que non se puidesen ler os seus nomes. O único propósito concebible para esta brutal violación da miña integridade corporal foi humillarme e asustarme.

Por suposto, sentinme humillada por esta ultraxe, pero négome a sentirme asustada por unha banda de covardes que ocultan a súa identidade mentres cometen tamaño atropelo. É UNHA ILUSIÓN CRUEL QUE ESTE TIPO DE FORZA BRUTA PROPORCIONE SEGURIDADE A ISRAEL. Degradándome non conseguirán silenciar a miña pequena voz."
http://www.cjpip.org/epstein.html

Sinceramente, perante os dous últimos posts non teño palabras. Afortunadamente eu son un sentimentaloide irracional.

Julicheiro disse...

Hamás existe, controla Gaza, e mata a cantos israelíes pode. Esa é a situación. Crer que o cese das réplicas do exército aos seus ataques traerá máis estabilidade á rexión é unha ilusión aínda máis cruel que o que alude a vítima dese deleznable cacheo.

Curiosa cárcere, por certo, na que hai elecións a alcaide.