Todo cambia para que todo siga igual
Este fin de semana ímos te-la Asamblea Nacional do BNG, e todo indica que só valerá para revalidar no cumio da organización á alianza entre Anxo Quintana e a UPG. Unha vez máis, pérdese a oportunidade de moderniza-la fronte, e faise baixo a apariencia dunha falsa modernización que só contribuirá a burocratizar aínda máis a organización. Corren malos tempos para o nacionalismo de esquerdas.
Sen dúbida, a estructura do BNG non é a axeitada para os tempos que corren, xa sexa porque este é un país atrasado e o frontismo é a estructura política que virá a sustituír ós partidos políticos nun futuro próximo (Beiras dixit), ou porque realmente é o rescoldo dunha época na que se cría que o nacionalismo acabaría por ser hexemónico no país se éramos quén de aglutinalo baixo unhas siglas. Por un motivo ou por outro, o proxecto non funciona.
Ante esta perspectiva, caben supoñer que a conversión do BNG nun partido político de corte clásico sería a evolución natural da fronte, pero esta mudanza pode rexenerar ó Bloque ou desvirtualo ata ser irrecoñecible. De entrada, o cambio non debera darnos medo. Sen embargo, teño a certeza de que esta reconversión vai ser capitalizada só pola forza maioritaria no seo da fronte.
A conversión do BNG nun partido político, ven mirado, é a evolución máis pragmática e viable para unha formación con vocación de goberno, e o máis honesto para a militancia é a supresión dos partidos dentro da fronte, de feito que tódolos militantes pasen a te-lo mismo rango, rematando coa duplicide de militancias hoxe reinante, así coma os privilexios que iso acarrexa.
Isto vai acontecer? E de acontecer, quén o promovería? Dubido moito que o partido maioritario opte por autodisolverse cando tan bós réditos lles reportou o falso frontismo. Parapetados trala amalgama de partidos, correntes e militantes sen adscripción, sempre mantivo o control da súa criatura, e por nada vai perdela máscara que tanto e tan ben serviu ós seus intereses, anque sempre se coidou de presentalos coma os intereses da nación. Incluso no hipotético e nada probable caso de que aceitase tal hara kiri, a fortísima conciencia de grupo dos seus militantes formaría unha barreira ante a cal aquela parte da cidadanía integrada na fronte non puidese ser partícipe dun proxecto aberto.
Así, ó longo do seu periplo a sociedade galega tivo no BNG unha relacción, ó principio de entusiasmo e, posteriormente, de rexeitamento-necesidade que só algúns líderes carismáticos conseguiron mudar, anque só fose temporalmente. Hoxe en día, o portavoz nacional, cal frautista de Hamelín, aglutina as esperanzas de moita xente que anhela un BNG moderno e aberto, de esquerdas pero non dogmático, a ferramenta de progreso que tanto necesita a nosa nación.
Inicialmente, fomos moitos os que confiamos nel para comandar un periodo de cambios (hai algún que non o sexa?) complexos, logo do prolongado e frutífero liderazgo de Xose Manuel Beiras, confianza que se mantivo ata hai relativamente pouco. A súa actitude coa organización (deixando ó marxe a acción de goberno) logo da investidura coma Vicepresidente fixo que perdesemos toda expectativa de cambio. A tan agardada renovación non só non chega, senón que esta mesma semana podemos comprobar coma revalida o trust que amordaza de novo a libre expresión do nacionalismo. Os galegos dispomos formalmente dunha forza nacionalista e de esquerdas, pero nestas condicións o que menos conta para a esa forza é a participación da sociedade nun proxecto deseñado por e para burócratas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário