29 de dez. de 2007

A lingua galega na diáspora sefardita

Tal e coma avisara no seu anterior artigoO fondo dos espellos, Méndez Ferrín adicalle de novo a súa colaboración semanal no Faro de Vigo á presenza xudía no Reino de Galicia. Desta vez, para falar da relación entre dita comunidade e a nosa lingua, e de qué aconteceu con ela na diáspora.

Logo do Decreto de Expulsión do 1492 producíronse dúas correntes migratorias. Nunha, asentárense nas ribeiras do Mediterráneo, destacando as comunidades formadas en Salónica e Estambul. Por outra banda están os que emigraron cara os Países Baixos. Estoutra, polos motivos que el apunta, é a que ten máis interese dende o punto de vista lingüístico.




A lingua dos xudeus de Galicia

Xose Luís Méndez Ferrín


Os xudeus de Galicia falaban a lingua das cidades e vilas nas que moraban, ou sexa a galega. Os nomes persoais dos varóns eran bíblicos (Isaque, David, Abraham) pro eles tiñan a atención de nomear as súas mulleres de xeito galego e meliorativo: Clara, Rica, Ouro, Alegría. En canto aos nomes de familia e alcumes, parece que na súa maioría eran galegos (Méndez, Pereira, Espiñosa, Sánchez), Certo que Pérez é moi numeroso entre xudeus, tamén pode ter unha procedencia hebrea coincidente co patronímico galego. Podían levar os nosos xudeus apelidos hebreus ou de escura fasquía semítica (escura para min); así: Cohén, Benveniste (coma o lingüista) Mardochai (V. Risco dicía ser este o verdadeiro apelido de Marx), Calvasan. Chaman a atención, polo caracter hebreu deliberado, os nomes de Ioseph Ibn Hayyim e de Moisés Ibn Zabarah, iluminados e calígrafo, respectivamente, da Torah ou Biblia de Kennicott, ambos os dous artistas coruñeses, que fan ostentación da súa veciñanza galega.


Seguiron falando galego os xudeus dispersados e expulsos de fins de século XV? –pregúntame Lucía Pereira Espinosa. Voulle responder cunha hipótese.


Logo do degredo de expulsión lanzado pola intolerancia dos ben chamados Reis Católicos en 1492, é fama que a maioría dos xudeus de Galicia pasaron a Portugal. Gozarían do beneficio dunha rede social de apoio nas xudarías daquel reino. Pro, poucos anos despois (1496-1497), o rei don Manoel ordenou a conversión obrigatoria ou, alternativamente, o exilio de todos os hebreus de Portugal.


Penso eu que os conversos e cristiáns novos que quedaron en Galicia fóronse confundindo co resto da poboación e non parece que existisen verdadeiros núcleos criptoxudaicos. Con todo, sabemos que un acusado de xudaísmo foi queimado en auto de fe que se celebrou na Praza Maior de Madrid a fins do século XVII e presidido por Carlos II. Esta víctima levaba o apelido moi galego de Carballo.


O continxente de xudeus galegos, portugueses e cataláns que se asentou no Mediterráneo Oriental foi absorbido lingüísticamente polo continxente maioritario dos xudeus que falaban o castelán. E conformouse de tal modo a lingua e a cultura sephardita: sobre a base dunha preponderancia castelá. Reproduciuse nesta Diáspora, pois, o fenómeno da hexemonía e dominación castelá na Península Ibérica sobre as linguas galega e catalá, e, aínda despois, da portuguesa.


Entendo que houbo unha porción de xudeus galegos e portugueses que arraízaron nos Países Baixos. Nese asentamento, a lingua dos xudeos galegos e portugueses reunificouse. Pasaríase, así, a unha sorte de novo galegoportugués, neste caso sephardita. Tal lingua foi usada polas familias de ascendencia galega e portuguesa nos Países Baixos até a Idade Contemporánea moi avanzada. Documentos en lingua sephardita galegoportuguesa consérvanse en arquivos de Amsterdam, teño entendido. O sephardita galegoportugués utilizouse como lingua oral e escrita nos Países Baixos deica a segunda metade do século XIX ou aínda máis adiante. Supoño que por eses tempos as nosas comunidades xudías dos Países Baixos se achegarían ao asquenazismo e adoptarían como lingua propia o neerlandés Non coñezo estudos nos que se elucide o elemento galego deste galegoportugués dos Países Baixos nin que falen do elemento galego presente no xudeocastelán sephartita.


(Na imaxe, casamento de sefardíes, Ámsterdam, s.XVI)


E ben, tanto na Europa Occidental coma na Oriental e no N. de África, perdida a lingua galega ou non, os sepharditas de orixe galega mantiveron moitos dos seus apelidos até os nosos días, aínda que sexa nalgúns casos difícil diferenciar o que é galego de aquilo que é portugués. En Galicia estamos moi orgullosos da posíbel orixe galega de certos sepharditas. Por exemplo: Francisco Sánchez, teorizador extremo do escepticismo no século XVI; Baruch Spinosa (Espiñosa, supoño, na orixe), filósofo revolucionario e único do século XVII; Pierre Mendès-France, o político perfecto do radicalismo pequenoburgués.


Observación


Hoxe os cursidosos da historia dos xudeus en Galicia poden aproveitarse da lectura dunha obra moito documentada e compendiosa de Gloria de Antonio Rubio: Los judíos en Galicia (Fundación Barrié, A Coruña 2006). Gustaríanos precisar que os hebreus que aparecen mencionados en dous documentos do ano 1044 que se inclúen no Tombo de Celanova, sendo os primeiros de tal nación que figuran localizados en Galicia, non viviron, segundo a información que chegou a nós, en Celanova Vagamente aparecen localizados (nin sequera fixados) no val do Arnoia e nas proximidades das aldeas de Fechas e Soutomel, como dependente dun feudal e para nada do abade de Celanova. En 1044 Celanova non era un núcleo urbano, senón só un convento. En todo caso, a vila de Allariz atópase a uns 12 quilómetros do teatro dos acontementos nos que se mencionan estes primeiros xudeus advertidos na documentación galega. E Allariz si que tivo xudaría ben poboada e documentada anos máis tarde.


(Pódese descargar o artigo en pdf aquí, en El Sábado 29/12/07)

28 de dez. de 2007

Pola boca morre o peixe (2)

Dos excursionistas israelíes, asesinados a tiros por milicianos palestinos en Hebrón

Yihad Islámica ha reivindicado el ataque.- No hay aún respuesta del Gobierno israelí

EL PÁIS - AGENCIAS - Hebrón - 28/12/2007

Dos jóvenes excursionistas israelíes han sido asesinados hoy a tiros en la ciudad cisjordania de Hebrón, cercana a Jerusalén. La organización radical palestina Yihad Islámica ha reivindicado el doble asesinato, calificado de "ataque terrorista" por un portavoz policial. Por el momento, no hay respuesta del Gobierno israelí.

Según Micky Rosenfeld, portavoz de la policía israelí, ha calificado de terrorista el asesinato de los dos excursionistas y ha dicho que "la policía y el ejército están buscando a los atacantes". Fuentes de la seguridad palestina han confirmado el tiroteo en las colinas del norte de la ciudad, pero no podían dar detalles sobre el origen o la causa del incidente.

Una tercera excursionista ha podido esconderse de los atacantes para evitar ser alcanzada por los disparos, según los servicios de emergencia.


Misturado coa información, o antisemitismo de salón sempre atopa un oco nas páxinas de El País. Milicianos radicais, desta vez. Cansa vivir nun país onde esta merda é o pan de cada día.

(Máis: Pola boca morre o peixe; atualizado: Otra vez los milicianos vuelven a asesinar, en Shema Israel)

Influencias

Podería ser Toledo, Xerusalén, ou a illa de Djerba. Sen embargo, a foto que aparece arriba foi tomada na cidade de Yazd, no corazón de Irán. Na imaxe de abaixo, desta vez do Pazo - Museo Sad Abad, en Teherán, pódese aprezar o influxo mizrahi presente no país.


Fotografías:
The Styx, vía Flickr.

27 de dez. de 2007

A primeira peza do dominó

Había tempo que non experimentaba esa sensación de irralidade ao enterarme dalgo malo. Agora que os islamistas conseguiron por fin matar a Benazir Bhutto, o único que queda é agardar o peor. Se Paquistán cae, os outros irán detrás. É só cuestión de tempo.

(Máis: Muere en un atentado la ex-primera ministra paquistaní Benazir Bhutto, El País; Benazir Bhutto assassinada durante comício político, Público; Bhutto assasinated in attack on rally, NY Times)

25 de dez. de 2007

Neve

Para os que procedemos da Galiza Tropical, a neve é algo que sempre pasa en outra parte. Sóbranme os dedos dunha man para contar as veces que nevou no lugar do que veño. Por iso boto man de imaxes doutros lares para ilustar o que (supoño que, en grande parte, por influxo do cine) é o símbolo destas festas. Quixen recuperar, ademáis, unha estampa inusual dun lugar onde estes fenómenos meteorolóxicos tampouco son nada frecuentes.

Con neve ou sen ela, a todos os leitores, Bó Nadal!

Vista dos Ancares. Fotografía: Namistai, vía Flickr.



Xerusalén, fai agora un ano. Vía Guerra Eterna.

21 de dez. de 2007

Dous artigos sobre a leitura

A toda aquela xente que disfrute lendo, e sinta mágoa por cómo se vai degradando o sistema educativo, pode que lle interese este fermoso (e rabudo) artigo de Antonio Muñoz Molina sobre a importancia da comprensión leitora. Pola súa banda, Manuel Rivas adícalle o artigo en Luces á saúde da literatura galega, que segundo sentencia un académico non hai por onde collela.

20 de dez. de 2007

Artigo de Ferrín


Tiña razón a persoa grazas a cal me enterei deste artigo: que Ferrín fale de xudeus con normalidade é unha agradable sorpresa. E non porque o escritor tivera ningún ramalazo xudeófobo, senón porque para un histórico militante da FPG o máis doado sería dar cancha á retórica antisemita que se agocha tralo antisionismo. E non, separa o gran da palla nun xesto que o enaltece.

Discrepo, iso si, no de que a vontade dos fundadores do sionismo fora desprazar á poboación árabe autótona, pero no resto creo que fai un conciso retrato da cuestión xudía. Sobre todo, gustoume o da indeterminación sobre o qué significa ser xudeu, tema polémico onde os haxa. Xa teño ganas de ler eses outros artigos sobre o hebreo-galego-portugués, tal e coma anuncia para a súa seción dos sábados no Faro de Vigo, O fondo dos espellos.

(Se non le no seu ordenador o artigo, pode consultalo en Galiza-Israel)

Israelitas


Xosé Luís Méndez Ferrín


Temos falado eiquí da orixe xudía, nunca probada, de certas familias de Vilanova dos Infantes, incluída a miña. No ronsel desta idea escríbeme Lucía Pereira Espinosa desde A Coruña para saber sobre a miña opinión sobre dúas cuestións. Primeira; qué é o que significa ser xudeu ou xudía. Segunda: se é que existen comunidades sepharditas de orixe galega que conservan a nosa lingua. Non me sinto capacitado para responder a estas difíciles preguntas, máis intentareino con atrevemento temerario.


Serán xudeus, hebreus, israelitas, aqueles que proveñan de comunidades predominantemente urbanas que se extenderon por Europa, N. de África e Orinte Próximo desde a Idade Antiga e que tiñan como signo identitario a relixión étnica e o relato nacional que se cifra no que nós chamamos Pentateuco e eles Torah e o hebreu coma lingua sagrada e de cultura. A respecto do hebreu, os xudeus, segundo o grande relato, dende os días do Cativerio de Babilonia deixaron de falalo para asumiren diversas linguas do mundo, ás veces adaptándoas ás súas peculiaridades culturáis. Se a lingua hebrea era a da relixión e do culto na sinagoga nos días de Xesús Xosé e María, poño por caso, eles non a falaban e si a aramea en cambio. Tamén non falaba hebreu Flavio Iosefo.


Na Idade Moderna, as comunidades xudías, do Mediterráneo Oriental principalmente, construíron unha identidade sobre a lingua castelá evoluída de modo particular chamada djudio ou ladino, que é coñecido tamén como xudeocastelán. Estas comunidades foron chamadas sepharditas porque procedían de Sepharad, ou sexa da Península Ibérica, de onde foron expulsados polas monarquías cruéis e católicas do absolutismo nacente en España e Portugal a fins do século XV. “Hay una tierra al Oeste/ que nunca puedo olvidar./ Hay una tierra al Oeste:/ Es mi dulce Sepharad”. Un grande continxente de xudeus vivían nos ghettos ou xudarías de Centro e Leste de Europa e alí foron fraguando unha outra identidade que tiña coma lingua o Jüddisch ou yiddish, palabra que, como o djudío sephardita, significa “xudeu”. Este Jüddisch é alemán transformado nas comunidades de que falamos e que son chamadas askenazís. Por outra parte, ao longo do tempor fóronse conformando outras culturas e sociedades xudías de lingua árabe, amhárica (en Etiopía) e máis das que só temos moi vaga referencia no Fondo dos Espellos.


Os universos sepharditas e askenazí son moi diferentes e semellan ter só en común a referencia á Torah e ao Talmude. O sionismo xurde da cultura askenazí a fins do século XIX e proponse co obxetivo heroico de resucitar o hebreu como lingua oral e viva e fundar en Palestina, mediante unha sorte de Reconquista, un Estado Xudeu que necesariamente tería que desprazar a poboación árabe autóctona. Tal obxetivo cumpriuse ao termo da II Guerra Mundial e eu observo moi poucas personalidades sepharditas na nomenclatura política do Estado de Israel.


Pro, cando nos preguntemos por quén é realmente xudeu, os problemas son moitos e penso que irresolubeis. Serán verdadeiros xudeus os sionistas laicistas para os que a relixión é só unha compoñente histórica e nacional? Eles din que si. Pro, podesmo considerar xudeus os sepharditas Francisco Sánchez, filósofo escéptico extremo do século XVI, ou Baruch Spinoza, xenio do século XVIII que teorizou o panteísmo? Diríamos que era xudeu o descrido e falsamente converso Fernando Rojas, autor de La Celestina, ou o heterodoxo para os católicos Frei Luis de León? Poderíamos chamar xudeus a Karl Marx, Albert Einstein, Sigmund Freud, Leon Trotski ou mesmo Woody Allen ou Bon Dylan por moito que proviñesen de familias de boa torgueira askenazí? Marx pensaba que non, e aborrecía o modo de vida xudaico en canto que o anti-xudeu Vicente Risco, e outros que forman estúpida lexión, pensabal e pensan que xentes coma estas conspiraban e conspiran no nome da mentira dos “Protocolos de Sión” para minar, disolver e destruír a civilización cristiá e demáis fantasías. E o que aínda é máis difícil de precisar: era xudeu Saulo, ou Paulos de Tarso, que arrincou a idea étnica do Deus privativo de Israel da sinagoga e chamos a todos os xentís, con éxito, a asumila ao tempor que fundaba o cristianismo?


Lectura recomentada: Reflexións sobre a cuestión xudía de J.P. Sartre. En próximas entregas seguirán pasando israelitas polo Fondo dos Espellos . Especialmente falaremos da nosa lingua no mundo da diáspora sephardita.



(Pódese descargar o artigo en formato pdf aquí.)

19 de dez. de 2007

Tremores


Entrevistador: Algúns xeólogos e científicos ambientalistas dixeron que os terremotos que golpearon recentemente Jerusalem e o Mar Morto foron terremotos artificiais, causados polas forzas de ocupación, nun esforzo de destruir a bendita Mesquita de Al-Aqsa. Hai algunha evidencia sobre isto?

Ahmad Abu Halabiya: A verdade é que algún destes tremores poden ser artificiais, mentras que outros son naturais. O que son perigosas son as excavacións debaixo da Mesquita de Al-Aqsa e a rede de túneles que foi construida. Estas amenazan os alecerces da Mesquita. Entón, calquera terremoto - sexa xa natural ou artificial - de maior intensidade de 5.5 ou 6 graos na Escala de Richter definitivamente terá un impacto, a non ser que Alá decrete outra cousa. Estos terán un impacto nos cimiento da Mesquita de Al-Aqsa. Aquí é onde xace o perigo, xa sexa un terremoto natural ou artificial. En calquera caso, non é imposible para os xudeus xenerar un tremor artificial dunha maneira ou outra, co obxetivo de alcanzar o seu obxectivo de destruir os cimientos da Mesquita de Al-Aqsa, como un paso cara a construción do seu falso templo, Deus o prohíba.

(O vídeo pódese ver aquí).

Vale que están en guerra e hai que buscar motivos para desacreditar ao enemigo. Fíxose sempre, ata aquí todo normal. Pero acusar aos israelíes (aos xudeus, segundo o entrevistado) de ser culpables de provocar terremotos sáese un chisco do campo da propaganda bélica. Na miña opinión, entra no do delirio.

Simpático é, iso si.

Arqueoloxía

Veño de atopar algo na rede que pode que sexa de interese dalgún dos leitores do blogue. Trátase da fantástica seción sobre Israel do blogue Terra Antiqva, adicado á difusión de novas relacionadas coa arqueoloxía. A investigación arquelóxica ocupa un lugar preeminente no campo académico israelí, na medida en que a rexión está repleta de restos de gran importancia para entender a Historia de tódalas culturas que foron habitando nesa rexión á beira do Mediterráneo. Recolle na súa web o Ministerio de Asuntos Exteriores:

A investigación arqueolóxica na Terra de Israel comenzou a mediados do século XIX, cando eruditos na Biblia examinaron a zona en búsqueda de remanentes de lugares mencionados no Antigo e o Novo Testamento. Cara fináis do século XIX, pero principalmente dende comenzos do século XX, moitos montículos (en árabe tel, un montículo composto de restos de antigos asentamentos) foron excavados, e sentáronse as bases para unha investigación arqueolóxica científica. As actividades arqueolóxicas expandíronse durante o período do Mandato Británico (1917-1948) e aumentaron en gran medida dende o establecemento do Estado de Israel.

Fotografía: vista de Masada, por Quidnunc Quixot (Vía Flickr)

17 de dez. de 2007

Nove anos de Verdes Trigos


Dende hai nove anos, Henrique Chagas coordina dende Sao Paulo unha das webs culturáis máis ativas de Brasil e, por ende dó ámbito lingüístico galego-portugués. Chagas, avogado de profesión, conta nesta interesante entrevista (publicada orixinariamente no Over Mundo) qué foi o que o levou a crear e o mantén a soster, sen máis apoio que a súa vontade, este gran descobremento que para moitos de nós foi o seu Verdes Trigos.

Norabóa por todo o acadado, e así veñan outros nove!

16 de dez. de 2007

Un militante da memoria

¿Algún recordo concreto?

Non por vivilo, senón por oírllelo contar ao meu pai; algunha reunión previa á Guerrra Civil, de 1936. El fora á casa dun amigo íntimo seu, Eusebio Oliver, gastroenterólogo. Alí ía a ler Federico García Lorca La casa de Bernarda Alba. Ao final da leitura e da cea falouse da situación; algúns dos asistentes, con gran asombro do meu pai, non só vían a guerra coma inminente, senón que desexaban que houbera unha intervención, a ver se acababa o desasosego. E é ahí onde Federico decideu e dixo: "Eu voume de Madrid, a Granada, que é máis tranquila, por se pasa algo". E en Granada matárono. Non é un recordo que eu vivira, contoume o meu pai ao pouco de ocorreu.

A memoria de Jorgue Semprún, brevemente repasada nesta entrevista feita por Juan Cruz.

14 de dez. de 2007

A criminalización dos inmigrantes

Aconsello a leitura deste post de Im-Pulso sobre cómo non se debe enfocar a inmigración. Que esta proposta (lean, lean, e xa me dirán) saíra adiante cos votos tanto do Grupos Popular coma do Socialista (corenta e seis votos a favor e só cinco en contra) na Comisión de Liberdades Civís (sic) da Eurocámara di moito de cómo se están a facer estas cousas: non se leva a cabo unha política de integración realista, e logo, cando xa é tarde, búscase atallar o problema con medidas draconianas que, ademáis, non resolven nada.

Aínda non está todo

Os tres do Eixo xa saíron á rúa co terceiro grao, pero todavía falla que se conceda o indulto. Para pedir que este sinsentido remate, está prevista unha manifestación para este domingo, en Compostela. Sairá ás 12:30 da Alameda, e nela haberá ocasión de amosar a nosa simpatía cara as vítimas dun proceso demencial que ata o dagora non foi máis que unha cadea de absurdos.

Asi mesmo, hoxe á noite terá lugar no Auditorio de Galicia (ver mapa), un concerto de Espido, Talabarte Trío e Marful, co mesmo obxetivo, inserido tamén na ativa campaña a prol do indulto que está a organizar o coletivo de apoio.

Fotografía: Teresa Díaz, vía Flickr.

12 de dez. de 2007

Algún día tiña que pasar

A sopresa da Comunidade Israelíta d´O Porto é comprensible. Coma recollen, con humor, quén ía pensar que o xudaísmo aceitase ás Barbies!

Recollida de sinaturas en apoio a Isaac Díaz Pardo

Se hai unha persoa viva que represente a xeración que mantivo viva a chama da galeguide durante a longa noite de pedra, esa persoa é Isaac Díaz Pardo. Non é, pois, extraño, que das entroitadas que lle fixeron os que durante anos foras os seus socios sexan respostadas con contundencia por gran parte da sociedade do noso País. Se quere amosar o seu apoio a Don Isaac Díaz Pardo, ou incluso colaborar, na medida das súas posibilidades no esclarecemento do opaco proceso que o privou do entramado económico-cultural de Sargadelos, pode facelo enviando un correo electrónico co seu nome e DNI á direción xmavera@hotmail.com. Coma ben di o manifesto, se calamos seremos cómplices.

SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES

Dende hai un tempo estamos asistindo a unha operación empresarial pola que se aparta a Isaac Díaz Pardo, da toma de decisións de Sargadelos, relegando así a aquel que fora alma mater e fundador das fábricas de Sargadelos e O Castro, creando con Luis Seoane ese emporio cerámico e cultural e converténdoo en sinal de identidade de Galicia. Falar de Sargadelos e O Castro é lembrar a labor dos exiliados, da unión da empresa e a cultura con base na tradición e o compromiso; é falar do home que traballou para manter a memoria da guerra e a represión cando ninguén o facía, da recuperación dos escritores que andiveron lonxe e remataron acollidos ao redor desa casa común, pero tamén dun home a quen sempre vimos traballando, facendo todo tipo de labores pois de ningunha delas se avergonzaba, e tanto cargaba paneis de exposicións na subida ao Museo do Pobo Galego, como deseñaba mobles e pergueñaba edificios que se recoñecen como seus. Neste momento, falar de Isaac é facelo de alguén traizoado polos seus -en palabras de Avelino Pousa Antelo- e Díaz Pardo debe ser o orgullo de todos os galegos de ben, moitos xa publicaron os seus escritos, outros fanlle homenaxes,... pero non debemos calar ata que se faga xustiza. ¡COMO CALAR...!

1. Ante o silencio público mesturado con informacións confusas.

2.Ante as institucións públicas que semellan mirar para outro lado.


3.Ante o paradoxo de que quen máis fixo pola recuperación da memoria histórica se atope en situación de silenciado neste momento de leis e anos conmemorativos.


4.Ante unha actualidade na que semella que o mundo da empresa establece os valores (o novo Sargadelos) e non hai ninguén que encabece a masa crítica desta sociedade civil disposta a defender a este home pero tamén a unha empresa que ha de estar por riba dos accionistas por ser xa case unha institución.


5.Ante a caída en picado dunha empresa que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa, cando nos representa a todos e non podemos deixar ao dispor duns accionistas que non se dan conta, de que o que se traen entre mans é algo que os galegos e galegas sentimos coma un proxecto cultural, unha representación do país que só pode ser de Isaac Díaz Pardo e de todos nós.

Por isto, necesitamos que alguén poña sentido no mundo empresarial, coloque os cartos no seu sitio e lidere este movemento de vontades para restaurar a xustiza cun dos nosos homes máis ilustres, cos mortos que o acompañaron neste empeño e co que hai de Galicia nese proxecto. Pedimos axuda aos avogados dispostos a argumentar e tramitar os papeis necesarios, aos políticos e deputados para xestionar as maneiras de resolver este conflito, aos intelectuais para opinar diante dos micrófonos e xornais, aos consumidores para demostrar o seu valor, é dicir, que cadaquén faga o posible para abrirlle os ollos á xustiza e poñer a cada un no seu sitio. Se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia. Tal vez teñamos que dicir que Isaac somos todos e todas nós defendendo, de novo a dignidade.

En Compostela a principios de decembro do ano 2007

ONU

Os milagres existen.

11 de dez. de 2007

Axenda (1)

Mañá, en Ferrol, terá lugar ás 20:00 no Ateneno Ferrolán terá lugar a conferencia "O Holocausto e a súa negación" , organizada pola AGAI. O Ateneo está ubicado na Rúa Magdalena 202-204, e estará presentado por Eliseo Zaera (Presidente) e Plácido Carro. A conferencia será impartida por Edwin Yabo, agregado cultural da Embaixada de Israel en España.

O acto xurde coma reación á Sentencia do Tribunal Constitucional que ampara o negacionismo dentro do ámbito da liberdade de expresión, e á cal a Asociación Galega de Amizade con Israel amosou o seu rexeitamento.


Ateneo Ferrolán: Teléfono: 981357970 | Fax: 981354098 | Rúa: Magdalena, 202-204 | C.P.: 15402 Ferrol (A Coruña)

AGAI: Teléfono:610424174
- Apartadoo:730
Correo: agai_galicia_israel@yahoo.es
Vigo (Pontevedra)

10 de dez. de 2007

Israel permite adoptar a unha parella homosexual

Nun feito sen precedentes na Hitoria de Israel e de todo Oriente Próximo, a Corte Suprema israelí ven de autorizar a adopción por parte dunha parella de homosexuáis. A parella, formada por dúas mulleres que levan quince anos convivindo, Tal e Avital, tivera ao longo deste periodo ata tres fillos, que legalmente estaban baixo a tutela da nai biolóxica.

A parella interpuxo demanda de adopción ante o Tribunal Familiar de Tel Aviv no ano 1997, pero as leis israelís non permiten adoptar ás parellas do mesmo sexo. As mulleres apelaron, e a Corte Suprema aceitou o caso.

E aquí entra en xogo unha desas cabriolas legáis que ás veces provocan resultados tan distintos aos agardados. Para ben, neste caso. Precisamente porque conforme ás leis israelíes non está permitido ás parellas homosexuáis contraer matrimonio, o tribunal determinou que a nai permanecía solteira, independentemente de con quén convivira. Coma o artigo 25 da Lei de Adopción autoriza a adopción de nenos incluso se os pais aínda viven, cando sexa en beneficio dos rapaces, a Corte Suprema deu o visto bó.

O panorama que agora se presenta é ben curioso. Logo de que a fináis de xaneiro o mesmo órgano xudicial equiparase o recoñecemento dos matrimonios homosexuáis celebrados no extranxeiro cos heterosexuáis, mentres que seguen sen poder celebrarse no propio Israel, pode darse a unha situación indesexable. Así, unha parella homosexuál con fillos, ou que pense en telos, terá que elexir entre casarse no extranxeiro, nun dos poucos países que permiten celebrar matrimonios entre persoas do mesmo sexo (caso de España), e logo solicitar o recoñecemento do enlace ante en Israel, ou permanecer solteiros para poder chegar a adoptar os fillos.

É unha esquizofrenia. O máis natural sería que se aceitar dunha ver por todas a realidade que dende xa hai moito tempo se vive no país, e se regular un matrimonio civil sen distinción de sexo entre os contraíntes. Que se siga a manter só o matrimonio relixioso é un atraso que non está xustificado por ningún relativismo cultural, e que, ata onde eu sei, debe ser a única diferenza sustancial entre o Dereito civil israelí e o dos ordeamentos xurídicos occidentáis.

Mentres ese día non chega, a decisión da Corte Suprema é importante paso adiante na supresión das barreiras que seguen a discriminar ás persoas en función da orientación sexual na maior parte do mundo.

9 de dez. de 2007

A frase

"O antisemitismo é o socialismo dos parvos, e o antisionismo é o antisemitismo dos cobardes."

Lida aquí (na columna lateral).

30.000

A Galipedia ven de superar os (primeiros) 30.000 artigos. Norabóa a todos os que a fan posible!

Normalización

"Cres que foi un fracaso a política de normalización dende os oitenta para esta parte?

Foi un fracaso rotundo porque o din os datos. Hai máis condicionantes, claro, pero coido que a política foi errada de principio a fin. Escolleuse unha mala norma e fíxose unha mala promoción, unha promoción ritual e virtual, e a xente non é parva, a xente ve que os referentes de normalización son referentes falsos, tanto nos políticos como nos medios. Todos son castelánfalantes. E digo que se escolleu unha mala norma porque se lle fixo pensar aos que eran realmente galegofalantes, na Costa da Morte ou nas montañas de Lugo e de Ourense, que a norma que se propoñía viña a substituír a súa lingua, e é un lugar común, que o din os paisanos, que eles non saben falar galego, cando eran os que o falaban de verdade. Se os galegofalantes de verdade senten que se lles está furtando algo ou impoñendo algo, pois é unha política errada. Agora, eu non son político.


Non hai nesa visión dos "galegofalantes de verdade" unha forma de mitificación parella ás que denuncias en Arte e parte?

O popular é un valor absoluto. A fala da xente nos bares, nas tabernas, é para min un valor absoluto. Non é ningunha mitificación. Se queres normalizar a lingua, tes que ir alí onde a xente a fala e tomala como referente principal, e non unha norma castelanizada totalmente, sobre todo no aspecto máis material da linguaxe, que é o fonético. Todo iso quedou varrido."

Xurxo Borrazás, entrevistado no suplemento cultural de Tempos Novos.

Vía Vieiros.

8 de dez. de 2007

IMRA en español

O mantedor de Herut ven de por en marcha un novo proxeto na rede, que ten coma obxetivo recopilar todas as novas que se publican cada día sobre Oriente Próximo. O sitio xurde coma a versión de fala hispana do sitio homónimo IRMA, que fai o propio en inglés. Para todas aquelas persoas que estean interesadas no conflito árabe-israelí ben seguro que será de utilidade.

6 de dez. de 2007

5 de dez. de 2007

O medo

O Museo Municipal de La Haya rexeitou expoñer unha serie de fotografías e un vídeo que presentan ao profeta Mahoma, e ao seu xenro Alí, coma unha parella homosexual. A artista iraní Sooreh Hera pretendía criticar o que considera unha hipocresía por parte do islam. "Condéase a homosexualidade, pero en países coma Irán ou Arabia Saudí é frecuente que os varóns casados manteñan relacións con outros homes". Tras denunciar ante a policía que recibira ameazas pola súa obra declarou "Sei que é perigoso, pero creo que o valor da miña obra está por riba da miña persona". (...)

En Europa, tras séculos de loita por construír un espazo de liberdade, estase a tirar todo ese bagaxe pola borda para non ofender a quén detesta esa idea. Os abnegados xestores do museo debería saber que os fanáticos crécense ante os que amosan medo, e tamén deberían saber que ningunha concesión satisfai ao fascismo. De novo, na civilizada Europa, o espítiro de Chamberlain, tan vivo coma sempre.

Máis: Da auto-censura, no Devaneios Desintéricos.

4 de dez. de 2007

Unha suástica na pel

Tremenda noticia sobre o rexurdir do nazismo en Alemania. Por non decir: en toda Europa.

3 de dez. de 2007

Annápolis, unha fiestra de oportunidade


Un artigo de Pedro Gómez-Valadés (AGAI)

O pasado martes asistimos esperanzados á declaración conxunta que desde Annápolis fixeron pública Ehud Olmert e Mahmud Abbas. Declaración que afirma a vontade dás partes de chegar a un acordo definitivo antes de finais do 2008. Máis alá dá percepción persoal de cada quen, máis ou menos optimista ou pesimista, do que non cabe dúbida é de que ficamos diante dunha fiestra de oportunidade que, por responsabilidade histórica, non deben deixar pasar israelís e palestinos na procura dunha resolución do drama que sacode desde hai décadas Oriente Medio. Non será Annápolis unha variña máxica que resolva ou problema. Sería inxenuo pretender tal cousa. Ou camiño está cheo de dificultades que, en escenarios semellantes, naufragaron non pasado ante a impotencia dá comunidade internacional e do que é máis importante, dúas propios actores que sofren ou día a día do conflito. Pero sería tamén irresponsable pola nosa banda, desconfiar dá vontade real de israelís e palestinos en chegar á resolución do conflito. Desde a comunidade internacional cómpre apoiar e dar un voto de confianza ás vítimas reais. Sei do maioritario anhelo dá sociedade civil israelí por poder vivir en paz. Unha sociedade cansa de décadas de terror, acoso e enfrontamentos. Creo na vontade do presidente Mahmud Abbas cando afirma a súa decisión de alcanzar acordos sostibles e firmes que fagan posible a convivencia dúas dous pobos. Non será doado, hai non taboleiro problemas moi difíciles de resolver. Cuestións algunhas dolorosas para as partes, mais, que con vontade son posibles de resolver, outras recoñezo de máis difícil prognóstico: ¿Como vincular, como comprometer a unha organización integrista como Hamas, que fai bandeira do terrorismo indiscriminado e que nega e renega dá posibilidade nin sequera remota, do recoñecemento dá lexitimidade do Estado de Israel? Malia este interrogante, quero ser optimista. Porque palestinos e israelís merecen poder vivir definitivamente en paz.


Publicado o tres de Decembro en La Voz de Galicia.

1 de dez. de 2007

Sempre

Un artigo de Rosa Montero.


En Arabia Saudí condearon a seis meses na cadea e a 200 latigazos a unha rapaza de 18 anos que foi violada por sete homes. Castígana porque, no momento do asalto, ela estaba falando cun amigo, e estar xunto a un varón "sen parentesco" alí é un delito. Non falamos dunha rexión primitiva e remota, senón de Arabia Saudí, un país riquísimo e amigo de Ocidente. Pregúntome qué faremos agora con tan incómodo colega para impedir este atropelo.


Tamén me pregunto qué opinan do caso todos esos individuos que abogan polo relativismo cultural. Aqueles que din que non podemos xulgar ás sociedades islámicas dende Ocidente. E que os nixerianos e iraníes que lapidan ás adúlteras, por exemplo, teñen as súas razóns culturais para facerlo, razóns que non podemos entender e que debemos respetar. Anque pareza mentira, hai persoas cultivadas que sosteñen tal cousa, e o argumento utilizouse na crise das viñetas de Mahoma. Esta falacia finxe ser respetuosa co contrario, pero en realidade é paternalista e cobarde: desdeña a capacidade ética do outro e evita axudar ao oprimido. En todas as sociedades houbo individuos que souberon denunciar os abusos do entorno. Romanos que clamaron contra a escravitude e renacentistas que combateron o xenocidio indíxena. En canto ao Islam, hai unha marabillosa tradición de intelectuáis tolerantes: "O meu corazón conteno todo/ Unha pradeira donde pacen as gacelas/ un convento de monxes cristiáns/ un templo para ídolos / a Kaaba do peregrino/ os rollos da Torah/ e o libro do Corán", decía, no século XII, o poeta sufí Ibn Arabí. O malo non é o Islam, senón os integristas. Non é un problema de cultura nin de ética, senón de desenrrolo social e político. E as atrocidades foron e son atroces sempre e en todas partes.


Publicado en El País o 27 de Novembro.

30 de nov. de 2007

A masacre de Lisboa

Fai cincocentos anos, durante a Pascua do 1506, tivo lugar na cidade de Lisboa unha das maiores aberracións da Europa medieval, o progromo polo que se persigueu, violou, torturou e asasinou a entre duas mil e catro mil persoas acusadas de ser xudías, nos feitos que se coñecen coma a Masacre de Lisboa do 1506.

Nunha das páxinas máis negras da Historia de Portugal, o fanatismo relixioso dos cristiáns estalou cunha anédota máis ben curiosa. Parece ser que, nunha parroquia das aforas de Lisboa, un domingo a xente atopábase na misa rezando pola fin da peste e a sequía cando, de súpeto, aguén exclamou que o rostro do Cristo se iluminara. Era un milagre.

Un dos asistentes, un xudeu converso que se vira obrigado a aceitar o cristianismo, tratou de facerlles ver aos demáis que non fora máis que un brillo do sol que se reflectia na figura. A multitude perdeu os estribos e apaleouno ata matalo.

Dahí endiante, o delirio. Durante tres días, a Praza do Rossio encheuse de fogueiras onde eran queimados os xudeus conversos, incluídos mulleres, nenos e vellos. Por entón, atopábanse refuxiados en Portugal arredor de 93.000 xudeus que foran expulsados de España por non aceitar convertirse. Crian que en Portugal estarían a salvo, pero á vista dos acontecementos, moitos marcharon, xunto con outros xudeus portugueses, camiño de terras máis libres nas que poder instalarse, principalmente Holanda e Brasil.

A turba finalizou cando foi asasinado un escudeiro do rei, logo do cal o exército interviu para por fin aos desmandes. O rei, que se atopaba fora da cidade cando a masacre comenzou, non puido porlle coto á mesma ata logo deses tres días interminábeis.

Agora, cincocentos anos despóis, un grupo de portugueses están a xuntar firmas na rede para promover a contrución dun memorial en memoria desas vítimas. Se vostede quere contibuír a que esta fermosa inicativa chegue a bó porto, pode amosar o seu apoio firmando aquí.

Sesenta anos esquivando a Historia

Onte escencinme de falar dunha efeméride capital, a data na que as Nacións Unidas aprobaron a Partición de Palestina en dous Estados, un xudeu e outro árabe, mediante a célebre Resolución 181. Os primeiros aceitaron unha resolución que claramente os perxudicaba, tanto pola extensión do territorio coma pola calidade do mesmo. Os segundos, antes de corenta e oito horas xa comenzaran a atacar o recén nado Estado de Israel.

A resolución das Nacións Unidas, nunca está de máis lembralo, outorgaba á poboación árabe de Palestina o oitenta por cento do territorio do Mandato Británico, que englobaba os atuáis Estados de Israel, Xordania, e os Territorios Palestinos. Os discursos lastimeiros ("ah, pobres palestinos, que quedaron sen terra!"), caen polo seu propio peso cando se sacan á luz estos datos.

Sen embargo, no imaxinario coletivo, a heroica Guerra de Independencia israelí, e todos os demáis conflitos que tiveron (e teñen) que afrontar para garantir a súa supervivencia, seguen a verse coma un ataque dos pérfidos xudeus, por máis que a Historia sexa a que é, e non á que aos xudeófobos lles gustaría.

Dende o principio quedou claro que o bando árabe non ía a recoñecer a autodeterminación xudía nin nun Estado do tamaño de Mónaco. Os xudeus debía seguir sendo minoría, controlables, e calquera intento de levar a bó porto o seu anceio milenario de autogoberno debía ser truncado.

Agora, sesenta anos despóis, abonda con botar unha ollada panorámica sobre o conflito para preguntarse como serían a día de hoxe as cousas se o bando árabe cumplira entón unha das poucas resolucións útiles aprobadas pola ONU.

Coma unha broma macabra, entérome vía Desde Sefarad que o 29 de Novembro é o Día Internacional de Solidaridade co Pobo Palestino, aprobado pola mesma institución que en sesenta anos non foi quén de facer cumplir a 181. Agora que a posibilidade de que teña que ser o Exército israelí quen lle saque as castañas do lume a Al Fatha en Gaza é cada vez máis plausible, estaría ben que, no canto de tanto buenrollismo, a ONU servira, anque só fora por unha vez, para levar a cabo as súas propias resolucións.

29 de nov. de 2007

Acordo de libre comercio entre MERCOSUR e o Estado de Israel

Esta previsto que hoxe se firme un histórico acordo comercial polo que MERCOSUR e o Estado de Israel pactan liberalizar o comercio entre os dous espazos económicos. O acordo, que levaba negociándose dende o 2005, está a ser promovido sobre todo por Arxentina e Brasil, e prevese que terá unha importancia capital para ambos mercados, o latinoamericano e o israelí, configurando o terceiro gran espazo económico de todo o mundo, por detrás dos que forman a ALCA e a Unión Europea.

Sobre os bens que van a intercambiarse, "os principais produtos exportados a Israel polo Mercosur son, atualmente, gráns, cereais, bens de capital, produtos de informática e calzados. Mentres o Mercosur se inserta no mercado israelí, con bens agropecuarios, produtos primarios e, en menor porcentaxe, manufacturas, as vendas de Israel ao bloque foron nun 96,5% de orixen industrial (bens químicos, petroquímicos, bens de capital e informática)." (...)

28 de nov. de 2007

Seleción de artigos sobre Annapolis

O mantedor de Herut ven de facer unha compilación dos mellores artigos sobre a Conferencia de Annapolis. Moi útil, tendo en conta a marea deles que xa se están a publicar.

Comentario matutino

Almorzo cunha amiga, lendo cadanseu xornal. De súpeto, escacha a rir. Pregúntolle que lle fixo tanta graza e leme: "Bush senta a israelíes e palestinos a falar de paz".

"É coma sentar a drogaditos e alcóholicos a falar de desintoxicación!".

27 de nov. de 2007

Suxerencia

Parece que Henrique Cymerman vai a cubrir para La Vanguardia as reacións en Israel ao que acontece dende xa mesmo en Annapolis. Se teñen ocasión, non se perdan as súas crónicas, das poucas que aportan algo aos datos. Na miña opinión, un barómetro fiabel do que acontece no País.

Web premiada


Cóntamne (mágoa que non teña o enlace) que hai unhas semanas celebrouse en Venecia o terceiro encontro de webs do mundo, onde comptetiron 169 países dos 244 que hai no mundo. A gañadora foi City of David, a páxina promocional da zona vella xerosilimitana.

A páxina é unha virguería. A maiores do típico en todas as webs turísticas, en City of David podemos ver a evolución da cidade, facer un percorrido virtual polas súas rúas, ou inspecionar as excavacións arqueolóxicas coma se estiveramos alí, e todo cun deseño francamente espectacular.

Parece dificil ver algo novo na rede, máis sitios coma este aínda son capaces de sorprender.

24 de nov. de 2007

As caras de Fagin (ao longo do tempo)

É interesante comprobar coma nas vintecatro versións cinematográficas que se fixeron de Oliver Twist, así coma nas incontábeis adaptacións teatráis, a fisonomía que se repite, polo menos nas que vin, sexa unha exaxeración dos rasgos mediterráneos dos xudeus sefardíes. Pola contra, Fagin era un asquenací, de orixe xermana, ben distinto da imaxe icónica que aceitamos sen discusión.

Conta Eisner no prólogo do comic do que falaba onte, que a causa do equívoco é que o ilustrador da primeira edición do libro caricaturizou os rasgos daqueles xudeus que lle eran familiares, os sefardíes, moito mellor situados económicamente que os hebreos procedentes do Este de Europa.

Con todos vostedes; eis as caras de Fagin:

Alec Guinnes, 1.948

Eric Porter, 1.985

Richard Dreyfuss, 1.997


Ben Kigsley, 2.005


Tod Key

Dave Eshelman


Peter Secher Schmidt


John Klise


Colm Feore

23 de nov. de 2007

Fagin


Os meus pais chegaron a Londres con moitos outros xudeus que escapaban dos países centroeuropeos. Como realizaron a viaxe é algo que non acerto a explicarme. Aquí atoparon unha comunidade mellor, na que os xudeus non estaban suxeitos a leis especiáis ou matanzas legáis. Durante moito tempo, Inglaterra foi un país que serviu de refuxio aos xudeus españóis e portugueses, chamados sefarditas. Foron os primeiros en chegar alí, onde vivían ben, mentres que aos recén chegados de Europa Central ollábanos coma a unha clase inferior. Aos xudeus alemáns, polacos e outros chamábanselles asquenacíes”.


Así comenza Fagin o xudeu (2.003), a obra na que Will Eisner retratou a dura vida dos asquenacíes no Londres vitoriano. E faino a través da vida de Fagin, unha das persoáxes máis importantes da literatura inglesa de todos os tempos.Fagin é o ladrón que acolle a Oliver Twist cando éste remata na rúa. Ensínalle a roubar, a enganar aos poucos ricos, a saír a flote, en suma. Para a Historia, pasou a ser o arquetipo do xudeu avarento, con nariz prominente e mirada torva. Curiosamente, Eisner incide en que a fisonomía que se repite dende hai séculos é a propia dos sefardíes, mentres que Fagin era asquenací, e estes adoitaban a ser corpulentos e loiros. Coma o propio Eisner explica no prólogo do comic:


Cheguei á conclusión de que había estereotipos “bós” e “malos”. O que contaba era a intención. Coma o estereotipo é unha ferramenta esencial na linguaxe da narración gráfica, incumbe ao debuxante recoñecer o seu impacto social. (...)


E así, con ese fondo a conciencia da influencia da imaxe na cultura popular, empecei a producir novelas gráficas que trataban de xudeus e dos prexuízos aos que estos aínda tiñan que enfrontarse. Fai uns anos, mentres examinaba contos populares e clásicos literarios con vistas a unha posible adaptación gráfica, fun consciente das orixes dos estereotipos étnicos que se aceitaban sen discusión. Ao contemplar as ilustracións de Oliver Twist, din cun exemplo indiscutible de difamación visual nun clásico da literatura.”


O libro é unha delicia. Da man do desventurado Fagin coñecemos a sorte dos milleiros de asquenacíes que malvivían nos barrios baixos londinenses, mentres que os enriquecidos sefardíes loitaban (infructuosamente) por sentirse integrados na alta sociedade. As tensións entre os dous grupos de xudeus europeos, o constante prexuízo cara eles por parte dos demáis ingleses, ou as condicións nas que vivían son algúns dos elementos cos que Eisner nos amosa ao desgrazado de Fagin.


Fagin é consciente de que a súa condea é a súa condición, máis antes de pregarse as presións dos demáis aínda ten valor para sinalar co dedo aos seus hipócritas compatriotas.

22 de nov. de 2007

1.921 - 2.007

Onte morreu o maior talento do cine español. Poden ler a súa biografía, filmografía e esta sentida necrolóxica de El Brujo.

21 de nov. de 2007

Infancia

Estas cousas doen nos ollos.

Vía Musulmáns contra a Sharia.

20 de nov. de 2007

Enquisa

Veño de chuzar a nova da Sentenza do Tribunal Constitucional, a ver qué opina a xente. Ao marxe da recua de antisionistas - antiimperialistas - xenófobosdifrazados, que tiran sempre de tópico antisemita, estou seguro que alguén terá algo interesante que aportar.

19 de nov. de 2007

Pois eu opino que a terra é plana

Coma acertadamente suxire Marcos Valcarcel no seu blogue, "Debuxar os príncipes de Asturias na portada dunha revista de humor e sátira é neste país perseguible e obxecto de multa. En cambio, negar o xenocidio e o Holocausto entra nas marxes da liberdade de expresión, seica."

Non teño unha postura clara sobre a prohibición do negacionismo. O impulso inicial levaríame a pedir a súa ilegalidade, máis, se o penso con máis calma (o cal é dificil), tamén lle atopo chatas a esta postura. Ilegalizando unha afirmación, por mentireira que sexa, e por noxenta que me resulte, contribúe por outra banda a que quenes a defenden poidan atribuírse ese aura de vítimas do sistema que tanto vende entre os incultos. Xa non son unha recua de nazis, no sentido literal da palabra, senón que pasan a ser uns oprimidos pola xustiza. E neste circo infame entra de cheo quenes, dende posturas supostamente antitéticas, alenta o inagotable tópico xudeófobo de que eles dominan o mundo. Os poderosos non queren que saibas a verdade.

Acontece que, neste caso, a verdade ten cheiro a Zyklon B.

Sexa cal sexa a súa postura sobre a penalización do negacionismo, recoméndolles a leitura destes tres artigos, que cada vez que os releo fan escorar un chisco a balanza cara o lado da penalización. Maila todo, quero crer que a xente é consciente e sabe atuar con madurez. Pero moito me temo que só sexa unha ilusión.

O Holocausto non é cuestión de opinión, de Pilar Rahola.

Delitos de xenocidio, de Alberto Benasuly.

O xenocidio non é unha opinión, de Xulia Navarro.

16 de nov. de 2007

Ah, ese é o problema



"El que habla en el vídeo es el clérigo saudí Mohamed Al-Arifi, conocido por su radicalismo. En un programa de la televisión libanesa, explica a los jóvenes que le acompañan cómo deben golpear a sus futuras esposas.

El vídeo se emitió el nueve de septiembre, pero es ahora cuando organizaciones contrarias al Islam lo han rescatado para alimentar su cruzada a través de Internet."

Para o xornal Público, quenes denuncian que se defenda o maltrato contra a muller non o fan porque lles pareza unha aberración, senón porque están inseridos en "organizacións contrarias ao Islam", contra o que manteñen unha "cruzada" (porque tan fanáticos son uns coma outros, é obvio).

Desnortados non. Desnortadísimos.

15 de nov. de 2007

Shlomo, o terrorista


Cartaz de protesta de BRIGA co gallo da conferencia de Shlomo Ben Ami en Compostela, o 21 de Novembro do ano pasado. Sacara a foto co móbil, e esquencérame dela ata hoxe.

Anque non se le ben, o texto di: "PROCURA-SE por terrorismo de Estado e apologia do genocídio. Recompensa: un Estado palestiniano soberano".

A páxina da organización relata os
acontecementos que protagonizaron ese día, así coma a campaña de repulsa contra a conferencia.

13 de nov. de 2007

Gaza, capital Teherán

Os manifestantes berraban a viva voz "chiíes, chiíes, non deixaremos que vendades Palestina a Irán" (...) Os dirixentes de Al Fatha que tomaron a palabra (...) condearon o "golpe de Estado" de Hamás e exixíronlle que devolveran o poder ao Goberno "lexítimo" da ANP.

A nova da ensanguentada homenaxe a Yasir Arafat, publicado hoxe, 13/11/07, na edición impresa de La Vanguardia. Aquí, a nova na súa web.

Nunha das maiores manifestacións palestinas da Historia, ducias de milleiros de persoas saíron á rúa para lembrar ao lider da OLP, no terceiro cabodano do seu falecemento. Todo un desafío no bastión islámico de Hamás. Os enfrontamentos que se produciron entre os partidarios de Al Fatha e Hamás provocaron sete mortos e cento cincuenta feridos.