20 de dez de 2007

Artigo de Ferrín


Tiña razón a persoa grazas a cal me enterei deste artigo: que Ferrín fale de xudeus con normalidade é unha agradable sorpresa. E non porque o escritor tivera ningún ramalazo xudeófobo, senón porque para un histórico militante da FPG o máis doado sería dar cancha á retórica antisemita que se agocha tralo antisionismo. E non, separa o gran da palla nun xesto que o enaltece.

Discrepo, iso si, no de que a vontade dos fundadores do sionismo fora desprazar á poboación árabe autótona, pero no resto creo que fai un conciso retrato da cuestión xudía. Sobre todo, gustoume o da indeterminación sobre o qué significa ser xudeu, tema polémico onde os haxa. Xa teño ganas de ler eses outros artigos sobre o hebreo-galego-portugués, tal e coma anuncia para a súa seción dos sábados no Faro de Vigo, O fondo dos espellos.

(Se non le no seu ordenador o artigo, pode consultalo en Galiza-Israel)

Israelitas


Xosé Luís Méndez Ferrín


Temos falado eiquí da orixe xudía, nunca probada, de certas familias de Vilanova dos Infantes, incluída a miña. No ronsel desta idea escríbeme Lucía Pereira Espinosa desde A Coruña para saber sobre a miña opinión sobre dúas cuestións. Primeira; qué é o que significa ser xudeu ou xudía. Segunda: se é que existen comunidades sepharditas de orixe galega que conservan a nosa lingua. Non me sinto capacitado para responder a estas difíciles preguntas, máis intentareino con atrevemento temerario.


Serán xudeus, hebreus, israelitas, aqueles que proveñan de comunidades predominantemente urbanas que se extenderon por Europa, N. de África e Orinte Próximo desde a Idade Antiga e que tiñan como signo identitario a relixión étnica e o relato nacional que se cifra no que nós chamamos Pentateuco e eles Torah e o hebreu coma lingua sagrada e de cultura. A respecto do hebreu, os xudeus, segundo o grande relato, dende os días do Cativerio de Babilonia deixaron de falalo para asumiren diversas linguas do mundo, ás veces adaptándoas ás súas peculiaridades culturáis. Se a lingua hebrea era a da relixión e do culto na sinagoga nos días de Xesús Xosé e María, poño por caso, eles non a falaban e si a aramea en cambio. Tamén non falaba hebreu Flavio Iosefo.


Na Idade Moderna, as comunidades xudías, do Mediterráneo Oriental principalmente, construíron unha identidade sobre a lingua castelá evoluída de modo particular chamada djudio ou ladino, que é coñecido tamén como xudeocastelán. Estas comunidades foron chamadas sepharditas porque procedían de Sepharad, ou sexa da Península Ibérica, de onde foron expulsados polas monarquías cruéis e católicas do absolutismo nacente en España e Portugal a fins do século XV. “Hay una tierra al Oeste/ que nunca puedo olvidar./ Hay una tierra al Oeste:/ Es mi dulce Sepharad”. Un grande continxente de xudeus vivían nos ghettos ou xudarías de Centro e Leste de Europa e alí foron fraguando unha outra identidade que tiña coma lingua o Jüddisch ou yiddish, palabra que, como o djudío sephardita, significa “xudeu”. Este Jüddisch é alemán transformado nas comunidades de que falamos e que son chamadas askenazís. Por outra parte, ao longo do tempor fóronse conformando outras culturas e sociedades xudías de lingua árabe, amhárica (en Etiopía) e máis das que só temos moi vaga referencia no Fondo dos Espellos.


Os universos sepharditas e askenazí son moi diferentes e semellan ter só en común a referencia á Torah e ao Talmude. O sionismo xurde da cultura askenazí a fins do século XIX e proponse co obxetivo heroico de resucitar o hebreu como lingua oral e viva e fundar en Palestina, mediante unha sorte de Reconquista, un Estado Xudeu que necesariamente tería que desprazar a poboación árabe autóctona. Tal obxetivo cumpriuse ao termo da II Guerra Mundial e eu observo moi poucas personalidades sepharditas na nomenclatura política do Estado de Israel.


Pro, cando nos preguntemos por quén é realmente xudeu, os problemas son moitos e penso que irresolubeis. Serán verdadeiros xudeus os sionistas laicistas para os que a relixión é só unha compoñente histórica e nacional? Eles din que si. Pro, podesmo considerar xudeus os sepharditas Francisco Sánchez, filósofo escéptico extremo do século XVI, ou Baruch Spinoza, xenio do século XVIII que teorizou o panteísmo? Diríamos que era xudeu o descrido e falsamente converso Fernando Rojas, autor de La Celestina, ou o heterodoxo para os católicos Frei Luis de León? Poderíamos chamar xudeus a Karl Marx, Albert Einstein, Sigmund Freud, Leon Trotski ou mesmo Woody Allen ou Bon Dylan por moito que proviñesen de familias de boa torgueira askenazí? Marx pensaba que non, e aborrecía o modo de vida xudaico en canto que o anti-xudeu Vicente Risco, e outros que forman estúpida lexión, pensabal e pensan que xentes coma estas conspiraban e conspiran no nome da mentira dos “Protocolos de Sión” para minar, disolver e destruír a civilización cristiá e demáis fantasías. E o que aínda é máis difícil de precisar: era xudeu Saulo, ou Paulos de Tarso, que arrincou a idea étnica do Deus privativo de Israel da sinagoga e chamos a todos os xentís, con éxito, a asumila ao tempor que fundaba o cristianismo?


Lectura recomentada: Reflexións sobre a cuestión xudía de J.P. Sartre. En próximas entregas seguirán pasando israelitas polo Fondo dos Espellos . Especialmente falaremos da nosa lingua no mundo da diáspora sephardita.



(Pódese descargar o artigo en formato pdf aquí.)

4 comentários:

Anônimo disse...

Non se pode ler

Julicheiro disse...

Non entendo. O qué non se pode ler?

Colectivo Galiza-Israel disse...

Supoño se refire a que o texto do arigo aparece encriptado no blog. Algo raro fixeches. Ti podes lelo???

Julicheiro disse...

Si, eu véxoo ben. Será cousa do navegador? Eu uso Firefox, e con el vaime ben. A ver se cambiando tipo de texto vai mellor.