27 de dez. de 2006

De paletos e cosmopolitas

A interpretación do himno galego cunha guitarra flamenca no acto de conmemoración do vixésimo quinto aniversario do Parlamento de Galiza está a provocar unha polémica acerca do acaído ou non da versión. Nun país tan acomplexado coma o noso, axiña xurden posmodernos de tódalas esquinas que veñen, raudos, a ilustrarnos ós duros e escuros que nos molestamos porque a nosa Cultura sexa desplazada nun acto no que se está a conmemorar este amago de autogoberno que é o o Parlamento autonómico.

Para empezar, a ninguén se lle pode pasar por alto que a escolla da música flamenca non ten nada de casual. O flamenco, xénero musical tradicionalmente ligado a Andalucía, ata o punto de considerarse coma o máis característico da súa cultura, tivo a sorte ou a desgraza de ser exaltado dende hai máis dun século coma unha marca de casa da cultura española, que á súa vez se superpuxo á das demáis nacións do Estado. A dicotomía que compoñen as corridas de touros e a música flamenca constitúe a imaxe por antonomasia que dende o extranxeiro se ten do Estado español. Imaxe que, para vergoña de tódolos que nel vivimos, índa perdura no mundo.

A Presidenta do Parlamento fala de altura de miras, de cosmpolitanismo para defender a súa escolla, e aquí é onde a pobreza do seu argumento cae polo propio peso. Porque dubido moito que a dona Dolores Villarino se lle pasase sequera pola cabeza escoller unha versión a ritmo de xota aragonesa, interpretada por un tamborileiro extremeño ou por un txalapartari vasco. Escolleu a música de guitarra española porque, para esta señora, xa que era un evento importante non íamos face-lo con instrumentos da casa. Mellor recurramos a algo máis universal, que a cultura galega é un pretexto para facer pinchos literarios pero non para un acto que vai a ser retransmitido por televisión para todo o Estado. Así, renunciando ó que somos, teremo-la enorme fortuna de que El Pais se faga eco do modernos que son os galegos dende que desembarcou Touriño.

Podémolo enfocar de mil maneiras distintas, podemos buscarlle tódalas escusas que nos dea a gana, pero o bochorno do outro día só responde ó nome de auto-odio. Só dende séculos de negación da nosa identidade se pode comprender que haxa compatriotas que se molesten por facer algo tan ovio coma queixarse deste atropelo. Só dende a asimilación do desprezo por tanto tempo amosado se pode chegar a comprender que se nos fale de cosmopolitanismo cando, o que se está a facer, é suprimi-lo que somos para sustituí-lo polo que nos queren facer crer que deberíamos ser.

O cosmopolitanismo é entroncar a nosa identidade co mundo. Castelao, Francisco Leiro, Manuel Rivas e un longo etcétera son exemplos de coma a verdadeira universalidade se acada logo de buscar dentro da nación aquelo que se lle pode ofrecer ó mundo. Nada máis paleto, máis aldeano, que esa xente que na cidade fala castelán polo qué dirán, nada máis sintomático de acomplexado que variar de idioma ou, neste caso, de instrumento, cando se trata dun acto de categoría.

A Cultura non é un pastiche, algo do que poidamos prescindir; é a nosa maneira de relaccionarnos co mundo. Asumimos a cultura que a tradición nos lega e, xeración a xeración, imos modificando nela aqueles aspectos que quedaron obsoletos ou que, por calquera outro motivo, xa non valen para o tempo que nos toca vivir. O idioma, a literatura, a pintura ou a música dunha Nación non son elementos susceptibles de mudar segundo a moda de cada ano. A súa función non é tanto distraer coma reafirmarnos no que somos, para non diluirnos na negra noite da desmemoria. Para existir. Para intentar sabermos quenes somos e poder legárllelo ós que veñan. Mudarán, acomodaranse a cada época, pero temos que procurar que os fios invisibles que nos ubican na Historia non se rompan. Do contrario, deixaremos de ser o que somos; galegos.

Pode que para a nosa descafeinada e xacobina inteligentzia esta fora unha arroutada de exhaltados, pero para aqueles que nos consideramos membros da Nación dos galegos, ninguén debería mofarse de nós tal e coma a señora Villarino fixo. Non é desprezo cara a música flamenca, do mesmo xeito que pretender a educación en galego non é un desprezo ó castelán; é que non hai dereito a que teñamos que pedir permiso por vivir coma o que somos. Un non é algo ata que materializa a súa identidade na realidade, e por iso pensar que podemos ser galegos sen realizarnos coma tales é unha maneira máis de enganarnos a nós mesmos.

13 de dez. de 2006

Unha nación europea

Leo en Europa Europa un artigo de Xulio Ríos sobre a o recoñecemento de Galiza como nacionalidade no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna dos días 16 ó 18 de setembro do ano 1933, e non podo deixar de pensar nos motivos que levaron ó nacionalismo galego a da-las costas ó ilusionante proxecto europeísta.
Daquela, o noso país foi representado polo xornalista e tradutor Plácido Castro, e acadou no seo dunha organización na que participaban catorce nacionalidades que aglutinaban a corenta millóns de europeos o recoñecemento internacional coma unha Nación. Estes días, nos que se chega ó esperpento de suxerir fórmulas aberrantes para eludir por parte dos partidos de ámbito estatal o único calificativo axeitado para defini-la nosa comunidade política, non está de máis recordar a altura de miras dunha xeración de galegos moi citada pero moi pouco asumida. Ésta entendía a lealtade a unha nación como a lealtade a unha parte da humanidade, como paso previo a un humanismo de ámbito global; hoxendía, ás veces dá a impresión de que ós representantes do nacionalismo lles importa máis un nacionalismo de trincheiras que un con vocación universalista.
Reconforta, nestes días de debate estéril, as impresións que o noso representante levou da súa presencia no evento: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.

6 de dez. de 2006

A segunda oportunidade de Anxo Quintana

Pasará aínda algún tempo ata que poidamos calibrar as consecuencias dos corrementos de poder producidos nesta XII Asamblea Nacional. O resultado non satisfixo a case ninguén, e dubido que alguén tivera prevista unha Executiva Nacional coma a resultante.
En “Galíndez”, a novela de Vázquéz Montalbán sobre o nacionalista vasco desaparecido en plena Quinta Avenida de Nova York, e torturado ata a morte por axentes de Trujillo, unhas das persoaxes implicadas no crime atribuía a imposibilidade de pecha-lo caso a que o corpo de Jesús de Galíndez nunca fora sepultado, senón arroxado ó mar. A modo de revival, a presenza de Beiras e de Alberte Xullo Feixóo confirman que, se non se toman precaucións, incluso aqueles ós que se tiña por mortos poden voltar para aguárlle-la festa ó triunfador.
A enorme brusquedade coa que se pretendeu rematar coas voces discordantes nas dúas últimas Asambleas tivo este fin de semana o efecto inesperado de volver coma un búmerang na que, se supuña, sería a consagración definitiva de Anxo Quintana e o bautismo de fogo do anton-losadismo.
Este efecto foi, sen embargo, desigual para os dous pesos pesados que voltan. Logo da ruptura das negociacións entre A Alternativa e o Encontro Irmandiño, a percepción xeralizada era que A Alternativa ocuparía o segundo posto, superando amplamente tanto ó Encontro coma ó Movemento Pola Base.
Desafortunadamente para os que apostabamos pola Alternativa, os nosos resultados foron moito peor dos esperados. Os motivos haberá que buscalos con calma pero, coma punto de partida, pódense apuntar varios: o subestimado tirón de Xose Manuel Beiras entre moitos miliantes independentes; o presentarmos unha candidata brillante pero moi pouco coñecida; o labor de desgaste practicado contra nós por parte do aparato do partido, por vernos coma o perigo real, desatendendo a crítica ás outras dúas listas; etc.
Pola súa parte, Xose Manuel Beiras, ó fronte do Encontro Irmandiño foi o gran triunfador da Asamblea, sorprendéndonos a quen non lle agoirábamos gran futuro no BNG. Dende A Alternativa construímos unha candidatura plural con persoas preparadas, pero nada se puido facer ó lado do carisma incomparable de Beiras. Quén pode ir contra o home que levantou el só o nacionalismo na década dos noventa, e coa direccion da organización en contra?
Persoalmente entristecéume que non quixesen acompañarnos neste treito, sentindo pena por que fora a remata-la súa carreira política cun esvarón, pero os acontecementos demostraron que non foi unha mala xogada pola súa parte. De todos modos, estou convencido que a nosa unión tería superado os 730 votos que sumamos.
No que respecta ó Movemento, penso que acadou os seus obxetivos para esta AN; demostrar que teñen presenza de cara á batalla que se aveciña na CIG.
Pero, a fin de contas, o que a priori parece a consecuenca máis importante desta Asamblea é o papel que, dagora en diante, lle toca desempeñar a Anxo Quintana. Cun 40% da militancia en contra, e non precisamente con críticas suaves, o futuro do noso portavoz nacional pasa por ser quén de aglutinar as distintas sensibilidades que agora están representadas nesta nova Executiva.
A pregunta do millón é se, agora que a UPG quedou con cinco de quince, o señor Quintana pasará a escoitar ós membros críticos, que suman outros cinco. Tal e coma eu o vexo, o máis intelixente que pode facer é aproveitar esta coxuntura para tender pontes con aqueles ós que leva tempo desprezando. Unha bóa dósis de humildade e non pouca man esquerda van facer falta se quere aproveitar esta segunda oportunidade para acomenter, agora sí, a modernización do BNG e non a súa doma. O futuro está aberto.