20 de mai. de 2007

Declaración de principios

Esto non pretende ser unha xustificación, sobre todo, porque creo que non teño porqué dalas. Sen embargo, polos comentarios que estou recibindo últimamente, creo que é conveniente deixar claras algunhas cousas.

Cando, hai cousa de oito meses, se me ocurreu abrir un blogue, non tiña máis intención que falar das cousas sobre as que quixera da-la miña opinión. Naquel momento, non tiña en mente falar de nada en concreto. Non pretendía facer un blogue sobre política, nin sobre Israel, nin sobre nada en particular; só ir comentando as cousas que a min me pareceran de interese. Sen embargo, por obra e graza dos acontecementos, estes últimos meses, o blogue acabou tratando básicamente de dous temas: o célebre caso e, en menor medida, da miña visión de Israel.

Agora que o primeiro está en suspenso, falo máis polo miúdo do segundo. Sen embargo, calquera pode comprobar que, nos post anteriores ó affaire, era un tema que non trataba en absoluto. Anque daquela xa me importaba, nunca me dera por comentalo no blogue.

Acontece que, cando todo isto explotou, unha das cousas que comprobei foi, ademáis de que hai xente que só cre na liberdade de expresión cando se emprega para dárlle-la razón, que o descoñecemento sobre o tema era maiúsculo, impropio dun conflicto que leva de actualidade xa máis de medio século. Puiden comprobar coma moitísima xente tiña unha información moi escasa e, ademáis diso, distorsionada, confusa. Non estou decindo con isto que se a xente dispuxese de información dabondo sobre a realidade de Oriente Medio fora a coincidir coa miña opinión. Teño amigos, xente informada e culta, que desaproba a mera existencia do Estado de Israel, e cónstame que o seu coñecemento da situación non é, nin moito menos, inferior ó meu.

Por motivo dos nosos caracteres particulares, da educación que cada quén recibiu, ou de calquera outra condición que marcara as nosas vidas, as ideas e coñecementos que ímos adquirindo ó longo do tempo non asentan do mesmo xeito nunca persoas que noutra, sen que iso implique unha formación menor nuns casos que noutros. Pero non me estou refirindo a iso. Refírome ó feito, puro e simple, de que hai moita xente que carece de información.

Por iso, dun tempo a esta parte, amoso especial interese en dar un debate que eu considero urxente. Creo que é moi necesario que os diferentes puntos de vista sexan expostos para que o debate sexa o máis plural e aberto posible e, dada a escasa (pero valiosa) presencia de blogues galegos que se prouncian sen tapuxos en defensa dos dereitos e intereses da sociedade israelí, si é posible que, por veces, adoptara un tono menos elaborado do que me gustaría.

Oxalá tiveramos neste tema, como si é posible sobre tantos outros, multitude de voces entre o branco e negro, para que a cada un de nós lle fose posible atopa-lo tono de gris que máis se adecuara á súa natureza. Encantaríame poder entrar a debatir sobre por onde deberían discurrir as fronteiras de Xerusalén, ou cal sería a solución máis acaída para os tan estratéxicos Altos do Golán. Pero cando o debate se reduce á dicotomía de Israel si ou Israel non, daquela eu posiciónome sen ambagaxes pola opción afirmativa. Como decía Bertrolt Brecht, cando plantas lirios, hai moi pouca variedade.

Coma é obvio, este blogue non é de obrigada leitura para ningúen. Se hai a quen non lle gusta coma trato este tema, ou outros, non ten porqué seguir lendoo. De feito, non sei moi ben qué é o que fai léndoo agora. Se realmente hai quen pensa que as miñas opinións son “asquerosas”, ou que, por calquera outro motivo, non deben ser tidas en conta, non entendo qué clase de satisfacción lle proporciona le-lo que escribe alguén a quen despreza tanto. Ademáis, se hai quen cre que a súa opinión é máis valiosa (que é probable que así sexa), ningúen lle impide abri-lo seu propio blogue, para dar nel a súa visión dos acontecementos.

Non ten sentido extenderse máis neste punto. Chegados a el, o único que cabe engadir é que, xa que as miñas ideas están claras, se alguén quere ler este blogue, que o faga sen acritude. E, se lle parece oportuno, que puntualice ou rebata aquelo no que non concorde; mentres sexa con educación, estarei encantado de respostarlle. Dado que a miña capacidade para influír no conflicto é nula, nada do que aquí se comente vai contribuír nin a mellorar nin a empeora-la vida de ningúen.

O que aquí se reflicten son opinións persoais e, coma tales, o único valor que as mesmas teñen é aquel que cadaquén lle dea. Ó fin e ó cabo, é só algo de ruído.

Um comentário:

Anônimo disse...

O sionismo sempre foi experto em utilizar o vitimismo como arma...