Sobre o artigo de onte de X.L. Barreiro Rivas
Nun artigo publicado no día de onte en La Voz de Galicia, o politólogo Xose Luís Barreiro Rivas reconducía a responsabilidade polos últimos enfrontamentos entre milicias na Franxa de Gaza á existencia do Estado de Israel. O xornal no que dito artigo saíu publicado é o de maior tirada e o máis influínte de todo o país e, polo tanto, a súa capacidade de crear opinión é infinitamente superior á que calqueira de nós poida ter dende un blogue. Sen embargo, gustaríame comentar, para quen puidera telo lido, os acontecementos que ós que el alude e que tan alegremente lle imputa a Israel.
Dende hai varias semanas, o xa crónico enfrontamento entre a milicia islamista de Hamás e a guardia armada de Al Fatáh recrudeceuse na Franxa de Gaza. Veñen sucedéndose, dende enton, tiroteos entre eles, así coma asesinatos de leáis a unha ou outra facción. Ademáis dos milicianos abatidos, varios civís morreron por causa do fogo cruzado; en total, ó redor de medio cento de persoas perderon a vida nos enfrontamentos. A situación, coma é claro, é moi mala para os habitantes da Franxa.
Logo de varios días combatendo, a milicia islamista de Hamás decatouse de que ía perdendo e, de non facer nada, pronto se vería cercada por Al Fatáh. A solución foi a habitual: disparar cohetes sobre territorio israelí para forzar a intervención do exército. Anque a resposta inicial do Tsáhal foi bombardear as posicións desa milicia, os cohetes continuaron caendo sobre poboacións fronteirizas. Como consecuencia, o Ministerio de Defensa da a orde de entrar na Franxa con tanques, as hostilidades cesan, e a facción acurralada gaña algo de tempo para repoñerse. En todo caso, só é unha solución temporal.
Anque ningunha guerra é simple, este é, sen dúbida, un conflicto especialmente complexo. Logo de máis de sesenta anos de loitas diarias, o conflicto árabe-israelí acadou unha cotidianeidade que ningún outro enfrontamento ten. Nel, as situacións repítense: os homes e mulleres-bomba, os internamentos nos campos de refugiados, os tiroteos. É, ademáis, o conflicto que maior cobertura mediática acadou ó longo de toda a Historia. Con estas circunstancias, o lóxico sería crer que estamos máis que informados do que alí acontece. E, sen embargo, a impresión que teño é xusto a contraria. Que hai tanto barullo ó redor que non o vemos con claridade.
Deixando ó lado o feito de que tratar ós palestinos coma débiles mentais, incapaces de asumi-la responsabilidade dos seus actos, é unha mostra de racismo coma outra calquera, por moito que se disimule de solidaridade, o que me intesa sinalar é outra cousa: que todo o que lle aconteza ós palestinos (e, por extensión, ós demáis árabes), por remoto que sexa, pode ser reconducido ó pecado orixinal de Israel.
Que dúas faccións paramilitares se disputen a tiro limpo o control da Franxa non move ó columnista a solidaridarizarse coa aterrada poboación da mesma, senón que aproveita para sinalar co dedo acusador, non ás milicias, senón a Israel. Porqué? Porque existe. O argumento é burdo, pero tremendamente eficaz.
Preguntome se Xose Luís Barreiro Rivas será consciente de que esta atitude paternalista (“pobres mouros, non saben o que fan”) é a mellor maneira de perpetua-lo conflicto. No canto de distribuír as responsabilidade da contenda entre uns e outro, segundo corresponda en cada caso, é moitísimo máis doado pintar no mapa cunha cor ós bós e, coa outra, ós malos. Está claro que aforras moito tempo pensando.
A diferencia de calquera outra situación que el poida comentar dende as páxinas de La Voz, para entrar a analisa-lo conflicto árabe israelí non fai falla, nin moito menos, saber nada do mesmo. É máis, canto máis laxo sexa o teu coñecemento da realidade de Oriente Medio, máis doado será repeti-los clichés que se repiten, invariables, dende á barra do Avante ós editoriáis de EL PAIS.
Que un analista político tan relevante, e polo xeral serio e informado, fale con tanta lixeireza e prexuízos dalgo que é patente que descoñece, só pode darse nun ámbito da realidade onde a información seria e contrastada é, por desgraza, a excepción, e non a norma.
Nenhum comentário:
Postar um comentário