30 de mai. de 2007

Discriminación positiva

Hai anos, en Nova Iorque fundarase unha escola que ía admitir sóamente a nenos e nenas homosexuáis. A dirección da escola xustificaba que, ó criarse fora dun entorno homófobo, os nenos medrarían sen as incomodidades que habitualmente padecen por mor da súa opción sexual.

Estos días coñécese un caso similar. Esta vez é un hotel de Melbourne o que ven en gañar en xuízo o dereito a negarse a aloxar a clientes heterosexuáis e a mulleres homosexuáis. O motivo, desta vez, é que a clientela gay se queixara de que non se sentía cómoda compartindo o establecemento cos colectivos citados. No seu pronunciamento, a Comisión de Dereitos Humanos de Vitoria saudou a medida coma positiva, "por estar en liña coa defensa dos dereitos dos grupos suxeitos a discriminación".

Pregúntome cantas veces se terán negado a aloxar nun hotel a gays polo mesmo motivo. Agora que cambian as tornas, enténdese que é unha medida progresista?

Agárdanse comentarios.

29 de mai. de 2007

Eleccións e transparencia

A estas horas, xa todo se ten dito dos resultados do domingo. Por iso, e antes de que volva a esquencerse ata as seguintes, quero facerme eco dalgo que, maila todo, non varía dunha eleccións a outras.

O Movemento polos Dereitos Civís ven de facer público un informe no que denucia as irregularidades detectadas nas recentes eleccións locais, tomando en consideración únicamente aqueles casos que acadaron relevancia mediática; obviamente, son moitos os que quedan no tinteiro. Non son feitos aillados; é unha praga, un desastre que non se da erradicado, na medida en que son moitos os intereses que move o racionalismo. A corrupción institucional frustra tódalas esperanzas dunha xestión óptima e imparcial dos recurso públicos. Estar atento a estes feitos é a mellor maneira de detectalos e, chegado o caso, evitar que se repitan.

Visto en Calidonia.

27 de mai. de 2007

O xogo limpo do PP

Mentres non se pechan os colexios electoráis, vou contar unha anécdota que me contaron esta mañá. Unha pequena historia que, na miña opinión, amosa máis das miserias da política deste país que calquera estudo sociolóxico.

Os feitos ocorreron unha vila das Rías Baixas, pero creo que se poderían extrapolar a calquera punto do país. O Concello, gobernado dende hai moitos anos polo Partido Popular, organizou para o pasado venres unha gala do deporte para os rapaces do pobo. Nela, aqueles nenos que participasen nalgunha das atividades ofertadas polo consitorio (voleibol, tenis, fútbol, ...) estaban convidados ó evento, no cal, acompañados polos seus páis, os rapaces participaron nun simulacro de entrega dos Oscar. A escena é a seguinte: pabellón de deportes, dous días antes das eleccións. Centos de nenos e nenas, ante a mirada orgullosa dos páis, acercándose, dun en un, ó centro da pista, para recoller o galardón que merece a súa entrega e sacrificio: un reloxio de agasallo, pagado, claro, con fondos públicos. Estoumo imáxinando: os páis, emocionados, grabandoo en vídeo, os rapaces desbordados de entusiasmo, os comendadores do PP facendo contas da asistencia... Todo moi na liña da nosa particular política local...

Pero a historia ven agora. Agora imáxinadevos a un rapaz de trece anos, que leva dende que apenas levantaba un palmo xogando ó tenis, que chega á súa clase do sábado á mañá. Entra nas canchas, saúda ós amigos, e ve que todolos demáis nenos están uns para outros amosándose os seus reloxios novos. Ó ver ó rapaz desconcertado, o seu profesor de tenis acercaselle e lle explica:

"É que onte tivemos unha gala do deporte, pero a ti xa non che avisamos porque eres do Bloque."

O pai dese rapaz vai nas listas do Bloque. O fillo, que índa é un neno, choráballe á súa avóa:

"Pero se eu nin sequera voto..."

26 de mai. de 2007

A falta de cheques

Se fósemos do PP, ofreceríamos recalificacións, empregos, ou cheques para comida. Coma estamos en contra deses texemanexes, no canto diso, ofrecemo-lo noso compromiso cuns concellos máis honrados e transparentes. Que, nos tempos que corren, non é pouco.



Quen queira estar enterado dos resultados provisionáis, segundo vaia avanzando a xornada, pode consultalos nesta páxina.

Lembra; mañá hai que ir a votar.

22 de mai. de 2007

Ultraortodoxos



... e tamén ...



Grazas, Pedro ;-)

Sobre o artigo de onte de X.L. Barreiro Rivas

Nun artigo publicado no día de onte en La Voz de Galicia, o politólogo Xose Luís Barreiro Rivas reconducía a responsabilidade polos últimos enfrontamentos entre milicias na Franxa de Gaza á existencia do Estado de Israel. O xornal no que dito artigo saíu publicado é o de maior tirada e o máis influínte de todo o país e, polo tanto, a súa capacidade de crear opinión é infinitamente superior á que calqueira de nós poida ter dende un blogue. Sen embargo, gustaríame comentar, para quen puidera telo lido, os acontecementos que ós que el alude e que tan alegremente lle imputa a Israel.

Dende hai varias semanas, o xa crónico enfrontamento entre a milicia islamista de Hamás e a guardia armada de Al Fatáh recrudeceuse na Franxa de Gaza. Veñen sucedéndose, dende enton, tiroteos entre eles, así coma asesinatos de leáis a unha ou outra facción. Ademáis dos milicianos abatidos, varios civís morreron por causa do fogo cruzado; en total, ó redor de medio cento de persoas perderon a vida nos enfrontamentos. A situación, coma é claro, é moi mala para os habitantes da Franxa.

Logo de varios días combatendo, a milicia islamista de Hamás decatouse de que ía perdendo e, de non facer nada, pronto se vería cercada por Al Fatáh. A solución foi a habitual: disparar cohetes sobre territorio israelí para forzar a intervención do exército. Anque a resposta inicial do Tsáhal foi bombardear as posicións desa milicia, os cohetes continuaron caendo sobre poboacións fronteirizas. Como consecuencia, o Ministerio de Defensa da a orde de entrar na Franxa con tanques, as hostilidades cesan, e a facción acurralada gaña algo de tempo para repoñerse. En todo caso, só é unha solución temporal.

Anque ningunha guerra é simple, este é, sen dúbida, un conflicto especialmente complexo. Logo de máis de sesenta anos de loitas diarias, o conflicto árabe-israelí acadou unha cotidianeidade que ningún outro enfrontamento ten. Nel, as situacións repítense: os homes e mulleres-bomba, os internamentos nos campos de refugiados, os tiroteos. É, ademáis, o conflicto que maior cobertura mediática acadou ó longo de toda a Historia. Con estas circunstancias, o lóxico sería crer que estamos máis que informados do que alí acontece. E, sen embargo, a impresión que teño é xusto a contraria. Que hai tanto barullo ó redor que non o vemos con claridade.

Deixando ó lado o feito de que tratar ós palestinos coma débiles mentais, incapaces de asumi-la responsabilidade dos seus actos, é unha mostra de racismo coma outra calquera, por moito que se disimule de solidaridade, o que me intesa sinalar é outra cousa: que todo o que lle aconteza ós palestinos (e, por extensión, ós demáis árabes), por remoto que sexa, pode ser reconducido ó pecado orixinal de Israel.

Que dúas faccións paramilitares se disputen a tiro limpo o control da Franxa non move ó columnista a solidaridarizarse coa aterrada poboación da mesma, senón que aproveita para sinalar co dedo acusador, non ás milicias, senón a Israel. Porqué? Porque existe. O argumento é burdo, pero tremendamente eficaz.

Preguntome se Xose Luís Barreiro Rivas será consciente de que esta atitude paternalista (“pobres mouros, non saben o que fan”) é a mellor maneira de perpetua-lo conflicto. No canto de distribuír as responsabilidade da contenda entre uns e outro, segundo corresponda en cada caso, é moitísimo máis doado pintar no mapa cunha cor ós bós e, coa outra, ós malos. Está claro que aforras moito tempo pensando.

A diferencia de calquera outra situación que el poida comentar dende as páxinas de La Voz, para entrar a analisa-lo conflicto árabe israelí non fai falla, nin moito menos, saber nada do mesmo. É máis, canto máis laxo sexa o teu coñecemento da realidade de Oriente Medio, máis doado será repeti-los clichés que se repiten, invariables, dende á barra do Avante ós editoriáis de EL PAIS.

Que un analista político tan relevante, e polo xeral serio e informado, fale con tanta lixeireza e prexuízos dalgo que é patente que descoñece, só pode darse nun ámbito da realidade onde a información seria e contrastada é, por desgraza, a excepción, e non a norma.

21 de mai. de 2007

Linguas cruzadas

Este sábado estiven vendo na galega un documental sobre o situación do galego entre a xente nova. Nel, rapaces de todo o país, daban conta do idioma que empregaban, así coma se o usaban sempre, ou só con segundo qué persoas. Nel reflectíase o que xa é sabido; que o galego goza, de momento, de bóa saúde no rural pero, se falamos da súa implantación na cidade, xa cambia o conto.


O que máis me chamou a atención foi o que dixo un dos rapaces. Segundo el (ou era ela?. Agora non estou seguro), para moita xente, o galego só o falaban os "da aldea" ou os que ían de intelecuáis. Que hai xente que pensa así xa o sabía, pero será certo que son, se cadra, a maioría?

Maila todo o esforzo realizado, o galego está condeado a ser unha lingua de vitrina? O único que mantén vivo a un idioma é que se fale. Por moito que enchamos bibliotecas con libros escritos en galego, ou traducidos ó mesmo, nada diso ten sentido se perdemos de falala día a día.

Se algúen está pensando en cambiarse ó galego, pediríalle que non tivera reparos por medo a cometer grallas (incluso os que levamos toda a vida falando nos equivocamos), nin pola extrañeza que supón coas persoas ás que sempre tratou en castelán. Que pense que o galego non é unha excusa para celebrar xuntanzas de escritores. E que, coma no anuncio de reloxios, o galego non é noso: noso é o pracer de custodialo ata a seguinte xeración.

20 de mai. de 2007

Declaración de principios

Esto non pretende ser unha xustificación, sobre todo, porque creo que non teño porqué dalas. Sen embargo, polos comentarios que estou recibindo últimamente, creo que é conveniente deixar claras algunhas cousas.

Cando, hai cousa de oito meses, se me ocurreu abrir un blogue, non tiña máis intención que falar das cousas sobre as que quixera da-la miña opinión. Naquel momento, non tiña en mente falar de nada en concreto. Non pretendía facer un blogue sobre política, nin sobre Israel, nin sobre nada en particular; só ir comentando as cousas que a min me pareceran de interese. Sen embargo, por obra e graza dos acontecementos, estes últimos meses, o blogue acabou tratando básicamente de dous temas: o célebre caso e, en menor medida, da miña visión de Israel.

Agora que o primeiro está en suspenso, falo máis polo miúdo do segundo. Sen embargo, calquera pode comprobar que, nos post anteriores ó affaire, era un tema que non trataba en absoluto. Anque daquela xa me importaba, nunca me dera por comentalo no blogue.

Acontece que, cando todo isto explotou, unha das cousas que comprobei foi, ademáis de que hai xente que só cre na liberdade de expresión cando se emprega para dárlle-la razón, que o descoñecemento sobre o tema era maiúsculo, impropio dun conflicto que leva de actualidade xa máis de medio século. Puiden comprobar coma moitísima xente tiña unha información moi escasa e, ademáis diso, distorsionada, confusa. Non estou decindo con isto que se a xente dispuxese de información dabondo sobre a realidade de Oriente Medio fora a coincidir coa miña opinión. Teño amigos, xente informada e culta, que desaproba a mera existencia do Estado de Israel, e cónstame que o seu coñecemento da situación non é, nin moito menos, inferior ó meu.

Por motivo dos nosos caracteres particulares, da educación que cada quén recibiu, ou de calquera outra condición que marcara as nosas vidas, as ideas e coñecementos que ímos adquirindo ó longo do tempo non asentan do mesmo xeito nunca persoas que noutra, sen que iso implique unha formación menor nuns casos que noutros. Pero non me estou refirindo a iso. Refírome ó feito, puro e simple, de que hai moita xente que carece de información.

Por iso, dun tempo a esta parte, amoso especial interese en dar un debate que eu considero urxente. Creo que é moi necesario que os diferentes puntos de vista sexan expostos para que o debate sexa o máis plural e aberto posible e, dada a escasa (pero valiosa) presencia de blogues galegos que se prouncian sen tapuxos en defensa dos dereitos e intereses da sociedade israelí, si é posible que, por veces, adoptara un tono menos elaborado do que me gustaría.

Oxalá tiveramos neste tema, como si é posible sobre tantos outros, multitude de voces entre o branco e negro, para que a cada un de nós lle fose posible atopa-lo tono de gris que máis se adecuara á súa natureza. Encantaríame poder entrar a debatir sobre por onde deberían discurrir as fronteiras de Xerusalén, ou cal sería a solución máis acaída para os tan estratéxicos Altos do Golán. Pero cando o debate se reduce á dicotomía de Israel si ou Israel non, daquela eu posiciónome sen ambagaxes pola opción afirmativa. Como decía Bertrolt Brecht, cando plantas lirios, hai moi pouca variedade.

Coma é obvio, este blogue non é de obrigada leitura para ningúen. Se hai a quen non lle gusta coma trato este tema, ou outros, non ten porqué seguir lendoo. De feito, non sei moi ben qué é o que fai léndoo agora. Se realmente hai quen pensa que as miñas opinións son “asquerosas”, ou que, por calquera outro motivo, non deben ser tidas en conta, non entendo qué clase de satisfacción lle proporciona le-lo que escribe alguén a quen despreza tanto. Ademáis, se hai quen cre que a súa opinión é máis valiosa (que é probable que así sexa), ningúen lle impide abri-lo seu propio blogue, para dar nel a súa visión dos acontecementos.

Non ten sentido extenderse máis neste punto. Chegados a el, o único que cabe engadir é que, xa que as miñas ideas están claras, se alguén quere ler este blogue, que o faga sen acritude. E, se lle parece oportuno, que puntualice ou rebata aquelo no que non concorde; mentres sexa con educación, estarei encantado de respostarlle. Dado que a miña capacidade para influír no conflicto é nula, nada do que aquí se comente vai contribuír nin a mellorar nin a empeora-la vida de ningúen.

O que aquí se reflicten son opinións persoais e, coma tales, o único valor que as mesmas teñen é aquel que cadaquén lle dea. Ó fin e ó cabo, é só algo de ruído.

18 de mai. de 2007

Mapa de Israel

Non me resisto a enlazalo; este mapa de Israel é unha auténtica virguería. Haberá algo parecido sobre o noso país?

13 de mai. de 2007

Catorce de Maio


O catorce de maio de 1948, cumprindo a resolución das Nacións Unidas que establecía un Estado para o pobo xudeo e outro para o pobo árabe, David Ben Gurion proclamou o nacemento do moderno Estado de Israel, culminando así un proceso milenario de retorno á patria. Cumpríase, así, o antiquísimo soño da nación hebrea de retornar á terra da que noutrora foron expulsados, e na que, a través das aliás, foran pouco a pouco retornando. Logo de fracasar os seus intentos de integración, e apenas catro anos despois de que os europeos intentásemso exterminalos, os xudeos dispuñanse a loitar polo único anaco de terra onde poderían vivir en paz, sen acosos nin guetos.

A salomónica decisión das Nacións Unidas, que dividía a rexión á metade, foi boicoteada pola Liga Árabe, disposta a aceptar só as resolucións que lle favorecesen. Froito desa atitude comenzou o conflicto máis lonxevo da actualidade.

Sen embargo, no imaxinario colectivo (onde se mestura o antisemitismo de toda a vida, só que agora na esquerda, co sensacionalismo dos medios e os intereses dos Estados árabes), a culpa (a vella culpa!) é dos xudeos, e ademáis éo en exclusividade. Claro que sí! Se un xudeo xa é sospeitoso, qué se pode esperar dun país cheo deles?

Coma adoitan a decir os israelíes, "eles atácannos, nós defendémonos, e o mundo acúsanos de agredilos". Non hai accións bóas ou malas; hai bós e hai malos, e os papeis xa hai tempo que foron asignados. Nin se atende á Historia, nin ós datos, nin ás atitudes, só ós prexuízos. Especialmente sangrante é, tendo en conta o uso capcioso que se fai das cifras de refuxiados palestinos, que se omita o éxodo xudeo cara o oeste; ese non existeu, o único que conta é o árabe. Nunca veremos unha reportaxe sobre eles en EL PAIS.

Por iso, dende este blogue, vaia a miña felicitación ó pobo de Israel no día da súa Independencia, agardando polo pronto nacemento do tan ansiado Estado palestino, que contribúa a normaliza-la situación de crise na que, dende hai máis de medio século, vive a terra máis codiciada.

10 de mai. de 2007

Unha escaleira a Europa


Dende que me enterei, teño ganas de ir a vela e, con estas referencias, a cousa pinta máis que ben. Irei, máis que con afán historicista, para cargarme de argumentos de cara ó futuro; coma eles, nós tamén deberíamos volver atrás para coller impulso.

7 de mai. de 2007

Eleccións municipáis

Se agora dende este blogue pido o voto para o BNG nas próximas eleccións municipáis, moitos pensarán que son un cínico, outros consideraranme incoherente, e haberá quen vexa niso unha velada petición de perdón á organización política na que milito.

E todo porque, anque dende o principio deixei ben claro que o que eu criticaba era unha decisión arbitraria dunha parte moi concreta da organización (mellor dito, dun dos partidos que a integran), o vendaval foi presentado coma unha traición, unha afrenta ó conxunto da organización, e non unha crítica a unha decisión dun dos seus órganos. Non coma crítica, senón coma disidencia.

Por iso haberá quen pense que, agora que se achegan as eleccións, nada me gustaría máis que ver coma a dirección quedase desautorizada nas urnas. Anque eses foran os termos (que non son), non me gustaría ver tal cousa. E non porque sinta especial estima polo grupo dirixente, senón porque, independentemente de que os que están agora me gusten máis ou menos, o Bloque Nacionalista Galego é a única formación política coa que conta este país para supera-lo seu atraso crónico, as vellas formas de facer política que postergan índa a chegada da cidadanía a gran parte da poboación.

Por primeira vez na súa historia, o BNG concorre en tódolos concellos de Galiza, igualando dende a súa modestia ós dous grandes partidos do Estado. O fito é consecuencia dun traballo de implantación dificil, cheo de atrancos e, con frecuencia, ingrato e anónimo. Traballo ilusionante que non merece caer en saco roto, que non debemos desperdiciar por moito que haxa cousas da organización que molesten.

En Galiza hai dous partidos-sucursais e unha organización xurdida de nós que, coas taras e os acertos, merece todo o noso apoio, o noso entusiamos, as nosas ganas de mudar unha sociedade que algúns quixeran ver sumisa e nós debemos amosar ergueita.

6 de mai. de 2007

Eurofobia

A próxima vez que alguén me diga que está en contra da Unión Europea, porque apoiala é ir en contra dos principios do nacionalismo, comentareille isto.

3 de mai. de 2007

James Brown

A nova máis importante do día non aparece nos xornais. Se non o levara a morte o pasado Nadal, o Rei do Funk cumpriría hoxe 74 anos, cargados de sexo, droga, e o ritmos máis sensuais.

Sen máis, vaia por el esta modesta homenaxe.