27 de fev de 2008

Novo restaurane kóxer na Coruña

Para residentes na zona da Coruña, e para afeccionados á gastronomía en xeral, pode ser de interese saber que o vindeiro xoves seis de marzo, a Comunidade xudía reformista Ner Tamid vai a inauguración na cidade o restaurante Sefardí 515, o primeiro desta índole que se abre en Galiza.

O restaurante estará ubicado no número trinta e oito da Rúa Alfredo Vicenti (ver mapa), e disporá dunha tenda de productos kóxer, tanto para aqueles que queiran seguir os preceptos relixiosos xudeus coma a aos que simplemente nos gusta probar novos sabores. Bó proveito!

Na imaxe, xantar kóxer dunha familia xerosilimitana. Foto: naamul.

[Máis: Código Postal 150004; correo electrónico: info@restaurantesefardi@.com; teléfono: 981263442]

23 de fev de 2008

Historia da Shoah, de Georges Bensoussan


"Se comprender é imposible, coñecer é necesario. Foto: .Fra."

Levaba xa algún tempo pospoñendo a leitura da Historia da Shoah de Georges Bensoussan, e ao fin esta semana me puxen con este breve libro que me deixou varias impresións que agora quero comentar.

A primeira, que por fin lera o libro definitivo de divulgación da Shoah. Por mor da súa brevidade, do seu carácter analitico e da súa claridade expositiva, o pequeno, máis denso, libro de Bensoussan é o máis acaído que coñezo para que unha persoa que, ou ben descoñeza, ou ben teña un coñecemento moi laxo da Shoah, queira facerse unha idea xeral dese capítulo da Historia de Europa. Hai libros útiles e outros imprescindibles e, anque que aínda o rematei de ler onte á noite, a impresión que teño é que se trata do libro que todas as persoas deberían ler algunha vez na vida. Se non outro máis completo, si cando menos este.

Coma unha árbore sen follas, o libro amósanos as liñas básicas da Shoah dun xeito tan esquemático coma orientativo. Maila baixar en ocasións á dramas concretos, ao longo de toda a narración evítanse aqueles episodios puntuáis que distraian do obxetivo básico do libro; ofrecer, a vista de páxaro, un relato imparcial dende a ascensión de Adolf Hitler ao poder, e aínda o clima antisemita previo que propiciou ese triunfo, ata a liberación dos últimos campos, así coma a reación da comunidade internacional e a sorte que mereceron os autores materiáis e intelectuáis da matanza.

Ao longo do relato, Bensoussan elude as situaciónas máis susceptibles de provocar reacións emotivas, cando non son imprescindibles para entender o conxunto. Máis ben, a tónica predominante é a obxetividade dun médico que ilustra sobre as características dunha ferida. Por momentos, esa mirada cartesiana cede paso a unha maior implicación sentimental, sobre todo cara o final; na valoración sobre a pasividade case unánime do resto do mundo e o benévolo castigo que recibiron a práctica totalidade dos xerarcas nazis, é dificil non notar o sentimento de inxustiza que o autor transmite nas súa palabras.

Hai algo no que incide varias veces ao longo do libro; a suposta pasividade da poboación xudía ante a súa situación. Bensoussan expón que, primeiro, a pasividade non foi tal nin sequera naquelas condicións nas que a loita era só unha maneira de precipitar a súa morte. En segundo lugar, tamén incide no choque paralizador que para un cidadán perfectamente integrado supón verse atacado polo Estado que ata entón o protexera. Outro aspecto capital é a celeridade coa que se levou a cabo o proceso, especialmente entre os once meses que van de marzo do 42 a febreiro do 43. En último lugar, a propia natureza dos feitos resultaba tan inconcebible que a escasísima información que chegaba dos campos era tomada, por unha poboación dispersa e incomunicada, coma unha fantasía difícilmente creíble. Apunta Bensoussan:

O inmediato da execución, o relativo segredo que a rodea, e en fin, o carácter impensable dos feitos paralizaron a capacidade de pensar e reaccionar.


Grazas á Asociación de Traductores en Lingua Galega, a día de hoxe dispomos dunha versión na nosa lingua, verquida do francés por Xoán Garrido Vilariño. Esta edición podese descargar de balde da páxina do proxecto Bivir, a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. Ás veces recomendo este ou aquel libro, un reportaxe, algunha película, máis neste caso en especial gustaríame recomendar vivamente que se descargen o arquivo de PDF (1,07 MB), que lean o libro, ou que cando menos o garden no disco duro para futuras consultas. A estructura do mesmo, distribuído en seis capítulos, e cos epígrafes e subepígrafes imprescindíbeis, fan da obra de Bensoussan o mapa idóneo para moverse polo espazo físico e temporal da traxedia.


[Máis: libro en pdf, para descargar gratis; crítica do libro en Comunidad Escolar, periódico dixital de información educativa; interesante artigo de Ana Nuño sobre a diferencia de tratamento entre Bensoussan e outros historiadores da Shoah; Memorial da Shoah, museo e centro de documentación xudía contemporánea en Francia, do cal o autor é reponsable editorial.]

21 de fev de 2008

Diferenzas

- E, qué lles di aos que acusan a Israel de tratar aos palestinos coma os nazis os trataron a vostedes?

- Iso é un infundio, porque todo o que é comparar o Holocausto con calquera outra cousa é banalizalo e non merece crédito. Paréceme moi mal moitas das cousas que Israel fai cos palestinos e viceversa, pero hai que ter en conta que isto non é un xenocidio, nin unha guerra relixiosa, nin existen campos de concentración, nin cámaras de gas. Todo o contencioso entre Israel e Palestina é unha disputa territorial. O Holocausto foi un feito novo na Historia da Humanidade. Xenocidios houbo sempre, pero o Holocausto foi unha matanza industrial, non foi en quente, non era unha campaña, era unha política estatal dirixida dende despachos ministeriáis e coa axuda de toda a sociedade.

19 de fev de 2008

O comenzo dun debate?

Antes que nada, dúas cousas. Dunha banda, paréceme evidente que o Partido Popular non ten ningunha lexitimidade para erixirse en garante do laicismo do Estado. Pola outra, creo que a súa proposta de contrato de inmigración non é máis ca unha medida eleitoralista de tintes claramente xenófobos. A acatar as leis e a pagar os impostos é algo ao que os inmigrantes xa estan agora obrigados, e polo que respecta a respetar as costumes (as de quén?) e traballar activamente para integrarse, pode haber concepto xurídico máis indeterminado?.

Aclarado isto, esta última oferta eleitoral está a ter o efecto colateral positivo de que, tímidamente, o partido no Goberno e os seus medios afíns comenzan a abordar unha temática, a integración dos inmigrantes, á que durante moito tempo non se prestou a atención debida.

Anque dunha maneira tanxencial, e froito dunha atitude oportunista, paréceme sintomático de madurez que por fin se poidan ler artigos coma este que publicou El País. Por diferenciarse do discurso excluínte da dereita conservadora, e por un universalismo ben intencionado, anque un chisco simplista, tendeuse a crer que a integración dos inmigrantes nas sociedades de acollida era un proceso espontáneo, o cal, por desgraza, día a día se demostra que non é.

Dar o debate de cómo imos a asimilar á quenes veñen a Europa na procura dun futuro mellor é a única maneira de evitar que, tras unha inicial acollida acrítica, os salvadores da patria teñan terreo abonado para espallar as súa solucións salvíficas.

[Máis: artigo de Durán i Lleida sobre o veo, no cal aborda esta e outras cuestións sobre integración]

15 de fev de 2008

Debate desenfocado

"(...) a miña opinión é que discutir sobre o veo é un erro (...). O verdadeiro debate é sobre a moral sexual que o veo representa, que non é outra que a muller é responsable da sexualidade do home. Debemos cubrir o noso corpo para que el non se excite; debemos permanecer encerradas na casa para que el non se excite. Esta moral, que pon toda a responsabilidade sobre a muller, é o que hai que discutir."

Tirado dunha moi recomendable entrevista con Ayaan Hirsi Ali. Por desgraza, coido que tampouco lle falta razón na súa apreciación sobre Turquía.

[Máis: biografía; post anterior no blogue sobre Ayaan Hirsi Ali]

11 de fev de 2008

Pola boca morre o peixe (4)

Cando unha persoa detona unha bomba que leva no cinto, no interior dun centro comercial, ao mellor é un terrorista suicida. Ou non. Ao mellor é o que eles queren que creamos.

Ataque "suicida" causa tres mortos nun supermercado en Israel

Unha persoa detonou unha bomba que levaba no cinto, no interior dun centro comercial na cidade de Dimona.


Redacción - 10:15 04/02/2008


Dimona, localidade a cincuenta quilómetros ao sur de Xerusalén, foi o escenario este luns da explosión causada por un ataque suicida levado a cabo por dúas persoas nun centro comercial da cidade. É o primeiro ataque suicida en Israel desde xaneiro de 2007.

A prensa israelí cita fontes policiais que confirman que o ataque foi realizado por dúas persoas, malia que unha delas foi abatida a tiros pola policía antes de poder activar o explosivo que levaba adherido ao corpo.

Poden ampliar en Haaretz.


[Máis: Pola boca morre o peixe (3)]

10 de fev de 2008

Descoberta

A información que dispomos do pasado xudeu de Galiza é decepcionantemente cativa, tendo en conta que nalgunhas rexións, coma a zona entre Ribadavia e Ourense foi amplamente poboada. Por iso cada nova achádega é acollida con verdadeiro entusiasmo.

Amigos e amigas, anímovos a que vos deixedes sorprender por esta maravillosa descoberta que Manuel Gago desvela no seu blogue. Simplemente fantástico.

Envexa

De vivir nun país normal.

9 de fev de 2008

Novas técnicas, o mesmo espírito

Quén dixo que xa non hai patriotas? Para evitar que lobby xudeu/israelí/sionista seguira manipulando a opinión pública italiana (valéndose do seu noxento sentimentalismo humanista, coma sempre), un blogue de ultradereita tivo a ben expoñer un listado de cento sesenta e dous proferores xudeus. Para que saiban que hai quén vixía as súas mentiras.

O xesto é enternecedor. Alegra ver que, nestes tempos de confusión, todavía hai voces ceives que axudan a sinalar co dedo aos inimigos da Nación. Non vaia ser que as pérfidas ideas dos nazis xudeus cheguen a infectar as nosas sanas conciencias.

Simplemente, grazas.

8 de fev de 2008

WPP´07

Esta imaxe dun soldado estadounidense, exhausto nun bunker no val de Korengal, Afganistán, ven de recibir o premio World Press Photo á mellor instantántea do 2007. O seu autor, o fotógrafo británico Tim Hetherington, reflicte nesta instantánea, en palabras do xurado, "a extenuación dun home, a extenuación dunha nación".

Entre as demáis fotos premiadas pareceume especialmente tremenda ésta, de quénes escapan do inferno (supoño que deste) buscando unha vida normal.

7 de fev de 2008

Neve no Néguev

Se é raro ver cuberta de neve a cidade de Xerusalén, máis o é ver a mesma estampa no deserto do Néguev. A imaxe foi tomada polo fotógrafo Guy Shachar, e forma parte dun portafolio que pode descargarse aquí.

Estoutra foi sacada nos arredores de Dimona. Autor: rampelech.

6 de fev de 2008

A tamén vella (e útil) banalización do mal

(...) será que, no nome dunha pretendida solidariedade cos palestinos, hai partidos de esquerdas que desprezan o horror nazi, que non senten ningunha piedade polas vítimas xudías e que son os culpábeis da banalización actual do holocausto. Máis aló das simpatías de cada cal cos protagonistas dun sanguento conflito que dura décadas, os millóns de europeos asasinados son vítimas puras, e o seu desprezo é unha vergoña lacerante.

Pilar Rahola.

5 de fev de 2008

A vella (e útil) histeria colectiva

O linchamento público que está a sufrir Abel está a ter o mesmo efecto que se reventasen os sumidoiros da cidade: toda a merda agochada sae coma un geyser á superficie. Que o Grupo Parlamentar do BNG se desmarque da lembranza institucional da Shoah é un mazazo en toda regra, pero que ademáis haxa tanta xente disposta a apoiar a súa atitude racista é coma para pensar moi en serio cantos retrógrados non camiñarán contigo en Compostela o Día da Patria.

Levo días discutindo na rede, intentando que a xente entenda que unha cousa é a Shoah e outra o conflicto árabe-israelí, pero vese que quizáis só sexa perder o tempo. Se non se matiza nalgo a Shoah, se non se culpa ao xudeu na mesma declaración, daquela mellor deixalo pasar. Total, tampouco é para tanto. O máis demoledor desta clase de atitudes é que revela que, por desgraza, maila a mudanza nas formas, a base social do nacionalismo galego segue a ter un nucleo rancio, provinciano, e profundamente xudeófobo. Podemos ollar cara outro lado, pero o certo é que quenes están dispostos a negar a memoria do Holocausto seguen a ser demasiados, se é que non medra co paso do tempo.

Se o que pretendía Aymerich e compañía era facer piña a dous meses das elecións, está claro que o conseguiron. Que para iso tiveran que botar man do odio grupal máis antigo do mundo, non pareceu importarlles en absoluto.

Se esta é a esperanza do País, triste futuro nos agarda.

[Máis: Carta de dimisión; entrevista en Galicia Hoxe; Blogue do BNG de Neda; e a nova en: Vieiros; El Faro de Vigo, Agencia Judía de Noticias, Chuza; El correo Gallego; La Opinión de A Coruña; La Voz de Galicia; A Nosa Terra; Libertad Digital Opinión: Pilar Rahola; Escaño 351; Jon Juaristi; Hermann Tertsch; Noggia (en inglés); Comunicat da Associació de relacions culturals Catalunya Israel: Shema Israel; Herut (1, 2, e 3)]

2 de fev de 2008