A segunda oportunidade de Anxo Quintana
Pasará aínda algún tempo ata que poidamos calibrar as consecuencias dos corrementos de poder producidos nesta XII Asamblea Nacional. O resultado non satisfixo a case ninguén, e dubido que alguén tivera prevista unha Executiva Nacional coma a resultante.
En “Galíndez”, a novela de Vázquéz Montalbán sobre o nacionalista vasco desaparecido en plena Quinta Avenida de Nova York, e torturado ata a morte por axentes de Trujillo, unhas das persoaxes implicadas no crime atribuía a imposibilidade de pecha-lo caso a que o corpo de Jesús de Galíndez nunca fora sepultado, senón arroxado ó mar. A modo de revival, a presenza de Beiras e de Alberte Xullo Feixóo confirman que, se non se toman precaucións, incluso aqueles ós que se tiña por mortos poden voltar para aguárlle-la festa ó triunfador.
A enorme brusquedade coa que se pretendeu rematar coas voces discordantes nas dúas últimas Asambleas tivo este fin de semana o efecto inesperado de volver coma un búmerang na que, se supuña, sería a consagración definitiva de Anxo Quintana e o bautismo de fogo do anton-losadismo.
Este efecto foi, sen embargo, desigual para os dous pesos pesados que voltan. Logo da ruptura das negociacións entre A Alternativa e o Encontro Irmandiño, a percepción xeralizada era que A Alternativa ocuparía o segundo posto, superando amplamente tanto ó Encontro coma ó Movemento Pola Base.
Desafortunadamente para os que apostabamos pola Alternativa, os nosos resultados foron moito peor dos esperados. Os motivos haberá que buscalos con calma pero, coma punto de partida, pódense apuntar varios: o subestimado tirón de Xose Manuel Beiras entre moitos miliantes independentes; o presentarmos unha candidata brillante pero moi pouco coñecida; o labor de desgaste practicado contra nós por parte do aparato do partido, por vernos coma o perigo real, desatendendo a crítica ás outras dúas listas; etc.
Pola súa parte, Xose Manuel Beiras, ó fronte do Encontro Irmandiño foi o gran triunfador da Asamblea, sorprendéndonos a quen non lle agoirábamos gran futuro no BNG. Dende A Alternativa construímos unha candidatura plural con persoas preparadas, pero nada se puido facer ó lado do carisma incomparable de Beiras. Quén pode ir contra o home que levantou el só o nacionalismo na década dos noventa, e coa direccion da organización en contra?
Persoalmente entristecéume que non quixesen acompañarnos neste treito, sentindo pena por que fora a remata-la súa carreira política cun esvarón, pero os acontecementos demostraron que non foi unha mala xogada pola súa parte. De todos modos, estou convencido que a nosa unión tería superado os 730 votos que sumamos.
No que respecta ó Movemento, penso que acadou os seus obxetivos para esta AN; demostrar que teñen presenza de cara á batalla que se aveciña na CIG.
Pero, a fin de contas, o que a priori parece a consecuenca máis importante desta Asamblea é o papel que, dagora en diante, lle toca desempeñar a Anxo Quintana. Cun 40% da militancia en contra, e non precisamente con críticas suaves, o futuro do noso portavoz nacional pasa por ser quén de aglutinar as distintas sensibilidades que agora están representadas nesta nova Executiva.
A pregunta do millón é se, agora que a UPG quedou con cinco de quince, o señor Quintana pasará a escoitar ós membros críticos, que suman outros cinco. Tal e coma eu o vexo, o máis intelixente que pode facer é aproveitar esta coxuntura para tender pontes con aqueles ós que leva tempo desprezando. Unha bóa dósis de humildade e non pouca man esquerda van facer falta se quere aproveitar esta segunda oportunidade para acomenter, agora sí, a modernización do BNG e non a súa doma. O futuro está aberto.
Nenhum comentário:
Postar um comentário