29 de nov de 2006

O problema estructural

Cando este fin de semana nos reunamos os militantes do BNG na XII Asamblea Nacional en Compostela, o que temos que ter claro é que non ímos solucionar ningún dos problemas ós que se enfronta a organización. Primeiro, porque para iso primeiro deberíamos recoñecer, anque só fora de portas adentro, que o BNG contra con graves carencias no plano organizativo e gubernamental. Este espírito autocrítico axiña é tildado de autoflaxelación por parte de quén pecha filas en torno á dirección, esquencendo que é este triunfalismo absurdo o que nos impide diagnostica-los nosos erros e, consecuentemente, buscar unha solución. En segundo lugar, porque índa existindo grupos que abordan esa crítica, de maneira máis ou menos constructiva, o enrocamento das posicións oficiais fronte ás renovadoras agoiran un debate esteril, únicamente enfocado ó desgaste do contrincante.
En certo modo é o de sempre, anque desta volta cambie un dos actores principais. Hai xa moito, quizais dende o comenzo, que no BNG só conta o protagonismo indiscutible da UPG, variando a parella de turno, pero inalterable o guión. Así, tanto os militantes non adscritos coma os partidos integrados na fronte, tiveron que conformarse con ser secundarios durante todo o periplo do nacionalismo organizado dende o seu orixe ata a agridoce entrada no Goberno do país.
Calquera que hoxe en día queira afrontar o motivo das políticas que practica o BNG, inebitablemente acaba por chegar á U. Non é posible entender a situación actual do Bloque sen comprender que foi a impronta da Unión do Pobo Galego a que marcou o evoluír da nosa organización ata a situación de crise na que agora nos atopamos.
O motivo deste dominio non hai que buscalo só no control que a U exerceu e exerce sobre organización e ós demáis militantes, senón na imposibilidade da militancia non aliñada para por coto a ésta mediante a creación e o mantemento de estructuras simétricas que actuen de contrapeso. Moitos militantes rexeitan a existencia de partidos no seo da fronte, pero só mediante un igual se pode compensar a outro igual.
O purismo, o idealismo moitas veces impide que vexamos que non é viable falar de cambios sen afronta-la evidencia de que ese cambio virá de man de quen polarice a aqueles militantes para os que a libre reflexión é o principal atributo da esquerda.
Fronte a quén coida que o maior valor da mesma é a unidade absoluta, moitos cremos que esa unidade só pode xurdir froito do entendemento e o mutuo acordo, non pola lei do rodillo tan tristemente frecuente na nosa organización. Pero de nada vale esta idea se as persoas que rexeitamos a unidade acrítica e bárbara que promove quen índa non se enterou de que xa non hai Muro seguimos dispersos, agardando por un Mesiás que, esta vez, tampouco virá.

2 comentários:

Costadamorte disse...

Julicheiro..., penso que estás todavía mais trabucado do que poida estalo a U...
Se a U é mala, os que pensades como tí sodes todavía peores.., vivides nun pais que non coñecedes, que non entendedes, e cunha ideoloxía que rechina a maioría dos galegos...
A U tamén, pero polo menos é conscente dise desencontro, e procura agochalo, vestilo dunha ropaxe mais entendible e con unha mensaxe persoalizada a ca quen..., o que explica que unha organización moi pequena, (en realidade non deben de ser nin cincocentos, consigue na práctica controlar o Bloque, controlar boa parte do sector laboral do país, e tamén controlar unha parte significativa do goberno..., e iso ten moito mérito para un partido "formalmente comunista revolucionario en pleno século XXI"...
Nembargantes, todos os "progres" na órbita do nacionalismo, "gauche divina" de adosado periurbano, foron experimentando de "experimento en experimento", e de fracaso en fracaso ate consolidar o bipartidosmo PPSOE...
¿Que foi de PSG, APG, POG, UG, EG, EN UG?... Sempre os mesmos cans con diferentes colares...
E o digo eu que andiven nalgunha disas andrómedas...
O sinto, pero diante da U, ¡chapeu!, se existe un nacionalismo galego con algunha presencia hoxe é soio grazas a U..., da que eu nin formei parte, nin creo que nunca chegua a formar...

Julicheiro disse...

En parte teño que darche a razón, pero só en parte. Eu non lle quito meritos á U no que á súa perseverancia e capacidade de traballo se refire; o que me amola é que as persoas que nos consideramos nacionalistas pero descremos desa esquerda retrógrada que permanece ancorada antes da caída da URSS non teñamos espazo político neste país. Eu considérome de esquerdas, pero rexeito esa esquerda antimoderna ancorada nos clichés dos anos 60, aquela que despreza á socialdemocracia cando é o que de facto practica... no mellor dos casos. A sociedade mudou moito, pero iso non tivo correlación nas forzas políticas do país, e iso eu vívoo coma un erro colectivo. Preocúpame que, logo de tanto tempo, non parece que haxa maneira de crear unha alternativa viable á U, e dicho quen o intenta e o seguirá intentando. Eu non detesto á U; é só que, parapetada tralo BNG, afoga os anceios de quen non comulguemos coa ordoxia comunista (anque creo que eles viven nos mesmos adosados ca nós). Este país é tan conservador que a nosa esquerda está igual que cando tiña que combatir o fascismo. Moi bonito de cara ó recoñecemento histórico, pero pouco viable nunha democracia parlamentaria e nun sistema económico capitalista. Algún dos impuros tamén queremos sumar, pero somos sistemáticamente desprezados por quen ten máis prexuízos que un cura carlista.
Xa por último, pediríalle que non desespere. Confíe, coma eu o fago, en que un nacionalismo organizado e moderno sexa viable. E por certo, agrádame ser o mesmo can, fracaso tras fracaso.