12 de dez de 2007

Recollida de sinaturas en apoio a Isaac Díaz Pardo

Se hai unha persoa viva que represente a xeración que mantivo viva a chama da galeguide durante a longa noite de pedra, esa persoa é Isaac Díaz Pardo. Non é, pois, extraño, que das entroitadas que lle fixeron os que durante anos foras os seus socios sexan respostadas con contundencia por gran parte da sociedade do noso País. Se quere amosar o seu apoio a Don Isaac Díaz Pardo, ou incluso colaborar, na medida das súas posibilidades no esclarecemento do opaco proceso que o privou do entramado económico-cultural de Sargadelos, pode facelo enviando un correo electrónico co seu nome e DNI á direción xmavera@hotmail.com. Coma ben di o manifesto, se calamos seremos cómplices.

SE CALAMOS SEREMOS CÓMPLICES

Dende hai un tempo estamos asistindo a unha operación empresarial pola que se aparta a Isaac Díaz Pardo, da toma de decisións de Sargadelos, relegando así a aquel que fora alma mater e fundador das fábricas de Sargadelos e O Castro, creando con Luis Seoane ese emporio cerámico e cultural e converténdoo en sinal de identidade de Galicia. Falar de Sargadelos e O Castro é lembrar a labor dos exiliados, da unión da empresa e a cultura con base na tradición e o compromiso; é falar do home que traballou para manter a memoria da guerra e a represión cando ninguén o facía, da recuperación dos escritores que andiveron lonxe e remataron acollidos ao redor desa casa común, pero tamén dun home a quen sempre vimos traballando, facendo todo tipo de labores pois de ningunha delas se avergonzaba, e tanto cargaba paneis de exposicións na subida ao Museo do Pobo Galego, como deseñaba mobles e pergueñaba edificios que se recoñecen como seus. Neste momento, falar de Isaac é facelo de alguén traizoado polos seus -en palabras de Avelino Pousa Antelo- e Díaz Pardo debe ser o orgullo de todos os galegos de ben, moitos xa publicaron os seus escritos, outros fanlle homenaxes,... pero non debemos calar ata que se faga xustiza. ¡COMO CALAR...!

1. Ante o silencio público mesturado con informacións confusas.

2.Ante as institucións públicas que semellan mirar para outro lado.


3.Ante o paradoxo de que quen máis fixo pola recuperación da memoria histórica se atope en situación de silenciado neste momento de leis e anos conmemorativos.


4.Ante unha actualidade na que semella que o mundo da empresa establece os valores (o novo Sargadelos) e non hai ninguén que encabece a masa crítica desta sociedade civil disposta a defender a este home pero tamén a unha empresa que ha de estar por riba dos accionistas por ser xa case unha institución.


5.Ante a caída en picado dunha empresa que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa, cando nos representa a todos e non podemos deixar ao dispor duns accionistas que non se dan conta, de que o que se traen entre mans é algo que os galegos e galegas sentimos coma un proxecto cultural, unha representación do país que só pode ser de Isaac Díaz Pardo e de todos nós.

Por isto, necesitamos que alguén poña sentido no mundo empresarial, coloque os cartos no seu sitio e lidere este movemento de vontades para restaurar a xustiza cun dos nosos homes máis ilustres, cos mortos que o acompañaron neste empeño e co que hai de Galicia nese proxecto. Pedimos axuda aos avogados dispostos a argumentar e tramitar os papeis necesarios, aos políticos e deputados para xestionar as maneiras de resolver este conflito, aos intelectuais para opinar diante dos micrófonos e xornais, aos consumidores para demostrar o seu valor, é dicir, que cadaquén faga o posible para abrirlle os ollos á xustiza e poñer a cada un no seu sitio. Se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia. Tal vez teñamos que dicir que Isaac somos todos e todas nós defendendo, de novo a dignidade.

En Compostela a principios de decembro do ano 2007

2 comentários:

Anônimo disse...

Vergoñento o que tenta facer con este gran home.
moito ánimo don Isaac Díaz Pardo,
Saúdos dende Lugo

Julicheiro disse...

Pasáronlle por riba sen ningún escrúpulo. Si que é vergoñento, si.
Saúdos.