Normalización
"Cres que foi un fracaso a política de normalización dende os oitenta para esta parte?
Foi un fracaso rotundo porque o din os datos. Hai máis condicionantes, claro, pero coido que a política foi errada de principio a fin. Escolleuse unha mala norma e fíxose unha mala promoción, unha promoción ritual e virtual, e a xente non é parva, a xente ve que os referentes de normalización son referentes falsos, tanto nos políticos como nos medios. Todos son castelánfalantes. E digo que se escolleu unha mala norma porque se lle fixo pensar aos que eran realmente galegofalantes, na Costa da Morte ou nas montañas de Lugo e de Ourense, que a norma que se propoñía viña a substituír a súa lingua, e é un lugar común, que o din os paisanos, que eles non saben falar galego, cando eran os que o falaban de verdade. Se os galegofalantes de verdade senten que se lles está furtando algo ou impoñendo algo, pois é unha política errada. Agora, eu non son político.
Non hai nesa visión dos "galegofalantes de verdade" unha forma de mitificación parella ás que denuncias en Arte e parte?
O popular é un valor absoluto. A fala da xente nos bares, nas tabernas, é para min un valor absoluto. Non é ningunha mitificación. Se queres normalizar a lingua, tes que ir alí onde a xente a fala e tomala como referente principal, e non unha norma castelanizada totalmente, sobre todo no aspecto máis material da linguaxe, que é o fonético. Todo iso quedou varrido."
Xurxo Borrazás, entrevistado no suplemento cultural de Tempos Novos.
Vía Vieiros.
Nenhum comentário:
Postar um comentário