31 de out. de 2007

Os tres do eixo: Simón, José e Jesús


Algo avergoñado polo retraso, acabo de acordarme de que aínda non falei aquí de tres veciños do Eixo que entraron onte na cadea por un absurdo total. Coma este blogue leo máis xente de fora de Galiza que de aquí, é probable que moitos leitores non saiban de qué vai a historia.

A reconstución dos feitos, en Vieiros:

Os feitos remóntanse a finais do ano 1997, cando o Ministerio de Fomento decide construír un terceiro carril na estrada N-525 Santiago-Ourense ao seu paso polo Eixo. Este tramo, duns dous quilómetros, atravesa a parroquia pola metade, e até daquelas a velocidade no mesmo estaba limitada a 50 km/h.

Os veciños opoñíanse a este novo carril de subida, dado que Fomento non prevía a construción de pasos para os peóns nin doutras medidas de seguridade, nunha zona onde os nenos debían coller o bus do colexio. Tamén, o paso as fincas dun e doutro lado ficaba bloqueado. As protestas dos veciños caeron en saco roto até que despois de varias mobilización conseguen que se paren as obras.

Ante esta situación, Fomento entrégalles un documento aos afectados onde se compromete a que, se lle permiten finalizar a obra, manterá inutilizado o terceiro carril cunhas boias até a construción dos pasos reclamados. Nun primeiro momento o ministerio cumpre coa palabra dada, mais chegado o verán de 1998, coas infraestruturas prometidas por facer, decide abrir o carril da discordia. Os veciños reaccionan e, dado que en poucas horas de traballo pódese acondicionar a vía, deciden montar gardas de mañá e de tarde para impedilo.
Pola mañá, mulleres e nenos, e pola tarde, todos xuntos, vixían a estrada, baixo a atenta mirada, a súa vez, de efectivos da Policía alí despregados. Unhas dúas semanas manteñen este ritmo, até que o 13 de xullo, as Forzas de Seguridade do Estado presuntamente reciben a orde de finalizar coas protestas. Esa mañá, varias mulleres son empurradas e golpeadas o que provoca a indignación dos habitantes do Eixo.

A tensión vai en aumento. Tal é así que ao día seguinte, desprázanse até o lugar dous furgóns da Policía procedentes da Coruña para evitar que se corte a estrada. Os veciños deciden marchar por ambas as dúas beiravías berrando consignas. Uns metros por detrás sitúanse os axentes.
É entón cando un dos manifestantes, un cativo duns 13 anos, irmán de Simón Márquez, insulta a un dos policías, que acto seguido decide detelo e levalo a un dos furgóns policiais, case que a rastro debido a resistencia que opón o neno. Algúns veciños, alarmados pola situación, abalánzanse sobre o axente. Outros policías acoden ao tumulto, e o grupo acaba por caer a rolos por un terraplén. Como consecuencia, o primeiro dos axentes resulta ferido nun ollo e no nariz e ten que ser trasladado ao hospital.

Asi mesmo, recóllese neste blogue de apoio:


Ca dignidade de quen se sabe inocente, os tres do Eixo, entraron finalmente na prisión ca cabeza ben alta no medio dunha salva de aplausos de esas que só se lles dan ás boas persoas… vinte minutos mais tarde os veciños seguiamos aplaudindo.

O día de onte, estas tres persoas entraron finalmente na cadea. Dende este blogue quero amosar a miña total adhesión e simpatía con Simón, José e Jesús, e súmome, dende a modestia desta bitácora, á campaña a prol do indulto.

No seguinte vídeo, os implicados explican os acontecementos que os levaron, no día de onte, a ser privados da súa liberdade.


Máis:

Nenhum comentário: