A maior diferenza
"Rosa Montero: Alégrame que gañe vostede o Premio Príncipe de Asturias das Letras e non o da Concordia, por exemplo. Debe de estar farto de que a súa faceta política se superpoña todo o tempo á literaria. En España, ademais, considéraselle un dos poucos "xudeus bos" en contraposición con todos os demais, que se supón que son "xudeus malos". Supoño que esta simplificación tan dogmática resultaralle incómoda.
Amos Oz: Si, síntome enormemente incómodo con iso, porque aos ollos da prensa europea, non sucede só en España, Israel consiste nun 80% de fanáticos colonos en Cisxordania, todos moi relixiosos; un 19% de crueis soldados nos controis das estradas, e un 1% de marabillosos intelectuais como eu mesmo que protestamos contra o Goberno e criticámolo. Como é obvio, isto é unha completa distorsión da realidade israelí. Por outra banda direille que o título que máis me gustaría ter algún día é o de "antigo militante pacifista". Porque iso significaría que conquistariamos a paz. Oxalá non necesitase ser político nunca máis.
(...)
Vostede leva pedindo desde 1967 que haxa dous Estados, o israelí e o palestino. Nisto foi verdadeiramente precoz. Sempre tivo unha visión moi pragmática sobre o asunto. Como vostede di, unha visión de médico.
A maior diferenza entre a intelectualidade de esquerda europea e eu mesmo é que os intelectuais de esquerdas europeos, cando ven un conflito internacional, apresúranse a asinar un manifesto contra os malos, organizan unha manifestación apoiando aos bos e logo vanse durmir moi satisfeitos de si mesmos. Eu, pola contra, teño a actitude dun médico de urxencias. Se vexo que houbo un accidente de tráfico na estrada e vexo que hai feridos ensanguentados, antes de porme a determinar quen foi o que causou o accidente ou que porcentaxe de culpa hai que repartir a cada cal, o primeiro que intento é parar a hemorraxia, e a continuación estabilizar ao paciente. E logo diso mirarei o xeito de curar as feridas. Non perdas un tempo precioso preguntando quen ten a culpa, porque ademais, no caso de Israel e Palestina, non se trata dunha cuestión en branco e negro."
Unha máis que recomendable entrevista con Amos Oz, íntegra en galego en Galiza-Israel e en español en El País Semanal. Paga a pena lela enteira. E si, suscribo a súa opinión sobre a intelligentzia europea; eu tamén creo que sobra moralismo e falta realidade.
Nenhum comentário:
Postar um comentário