19 de out. de 2007

Non se entende

A recente confiscación de terras de Xerusalén leste por parte do Goberno de Israel trae a primeiro plano un asunto do que hai tempo que teño ganas de falar. E digo confiscación a mantenta, porque ese é o termo acaído para designar o que está a pasar.

A conquista de Xerusalén


Dende a que o nacente Estado de Israel conquistou a parte ocidental de Xerusalén na Guerra da Independencia, a Historia da cidade santa para as tres grandes relixións monoteístas estivo pragada de avatares. Os intentos indisimulados polo bando árabe por apropiarse da parte israelí, así coma os desta última por controlar a parte da cidade que seguía baixo dominio árabe foron a tónica dominante durante os vinte anos seguintes, ata que, no 1967, no transcurso da Guerra dos Seis Días os israelíes conseguiron entrar na parte oriental, reunificando a cidade baixo a súa bandeira.

Para Israel foi este fito o que determinou a concreción do proxecto sionista, e case se podería decir que foi nese momento cando se conqueriu a verdadeira independencia. Xerusalén era o motivo polo que volveran ao fogar primixenio, nunca esquencido. Neste senso, a euforia de saber que non só non habería unha segunda Shoah senón que saían da guerra recuperando aquelo que máis querían disparou a euforia colectiva ata límites inenarrabeis.


A Ocupación


A Ocupación dos que agora coñecemos coma Territorios Palestinos durante dita guerra foi enfocada no momento coma unha situación provisional. Entendíase que, así coma se lle ofrecese ao bando árabe a devolución do terreo a cambio dun armisticio, éste aceitaría de inmediato. A tales efeitos, inicíaronse ás poucas semanas negociacións tendentes a establecer un calendario para a retiradas das tropas, a cambio do compromiso de non agresión por parte dos países árabes. Máis, para estupor de Israel, os páises árabes amosáronse inflexibeis; ou todo ou nada. Centos de milleiros de árabes pasaron a quedar baixo o dominio dun país que non tiña ningún interese en encargarse deles.

A posibilidade de instalar poboacións israelíes nos terreos bíblicos foi unha tentación demasiado forte, á que o Goberno non quixo ou non puido poñerlle coto. Comenzou entón o espallamento das colonias. Para abastecelas, investíronse cantidades astronómicas de capital para dotalas de electricidade, auga, gas, teléfono, ao tempo que se construía unha mesta rede de estradas que as comunicara entre si e con Israel. En termos económicos, as colonias supuxeron unha atividade ruinosa. Anos despois, o Goberno seguiría animando á xente a instalarse nelas, para intentar, dalgún xeito, amortizar o inmenso custo das mesmas. Despois de saír de Gaza, parece previsible que a desocupación de Cisxordania conlevará o abandono das colonias.

Corenta anos depóis do inicio da Ocupación, a situación está máis deteriorada do que xamáis puidera imaxinarse. Pola parte palestina, á inxustiza que supón vivir baixo dominio dun país extranxeiro haille que sumar a crónica situación de escaseza na que vive mergullada a súa poboación. Pola parte israelí, o deterioro social que supón ser conscientes de que para garantir a súa seguridade é necesario ter baixo control ao país veciño acabou por dexenerar nunha sociedade desencantada, onde sobre as ruínas do sionismo fundador foron xermolando multitude de leituras revisionistas que, ao meu entender, obedecen máis ao malestar que a situación provoca que a unha análise honesta do evoluír histórico do sionismo. O que os xudeus din é: viñemos a esta parte do mundo para ser libres, non para controlar a ningún. Que teñan que lidiar a diario cunha situación na cal as dúas realidades van unidas é algo que lles fai facerse moitas preguntas. A primeira: pagou a pena?

A Ocupación está consumindo aos palestinos e aos israelíes, de diferentes maneiras máis con idéntico efeito: estalles furtando a ambas comunidades unha esperanza de futuro. Mentres os palestinos non exerciten o seu lexítimo dereito á autodeterminación ese deterioro seguirá acrecentándose. Todos os pasos que se poidan dar nesa direción, por cativos que parezan, deben ser dados sen vacilación. Calquera atranco a ese obxetivo, por nimio que sexa, deberá ser apartado do camiño.


A confiscación de terras: o caso de Xerusalén

Ao marxe da Ocupación, ao longo deste últimos corenta anos os sucesivos Gobernos de Israel foron ocupando pequenas porcións de terreo para extender cidades fronteirizas, mellorar acesos, ou dotalas dun perímetro de seguridade. En xeral, son superficies pouco significativas; se tomamos coma referencia as negociacións de Camp David, o total non acadaría o 3% de Cisxordania, que naquel momento se ofreceu compensar cunha superficie igual de chan
israelí.

Polo que respeta ao Valado de Seguridade, entendo que a súa relevancia no aspecto territorial non é significtiva. Maila que se teña presentado coma un intento de apropiarse de facto de máis terreo en Cisxordania, presentado as razóns de seguridade coma unha mera coartada, o certo é que a efectividade e finalidade do Valado quedaron demostradas co descenso ata mínimos históricos dos atentados suicidas, chegando a desaparecer en moitas partes do país. As fronteiras, cando se negocien, non tomarán coma referencia o Valado, senón a liña do 67. Pódese pensar no caso da fronteira co Líbano; a mesma, no seu momento, foi movida nalgúns tramos apenas uns metros para adecuarse aos acordos adoptados. No caso de Palestina, os problemas non deberían vir por este lado.

Diferente valoración merecen as apropiacións ás que aludín antes, en especial aquelas que afectan á parte oriental de Xerusalén. A recente confiscación de 110 hectáreas ubicadas entre o leste da cidade e Xericó, onde se prevén constuir 3.500 vivendas e unha zona industrial, supón a culminación dunha serie de actuacións que exceden, con moito, calquera consideración de seguridade. Trátase, máis ben, de blindar Xerusalén ante calquera negociación sobre o futuro da capital. E isto é irreal, porque a ninguén se lle escapa que unha solución que non recolla ningunha das pretensións árabes sobre a cidade non terá opcións de saír adiante.

Se hai un movemento de liberación nacional que me fascine, na medida en que por máis que o estude, segue a prantexarme cuestións renovadas e sorprendentes, ese é o que protagonizaron os xudeus sionistas que fundaron Israel. Creo, ademáis, que hai no país unha firme vontade con buscar unha saída dialogada ao conflicto. Por iso non alcanzo a enteder cómo pode compatibilizarse un eventual proceso de paz cunhas obras que dificultan acadar calquera acordo sobre Xerusalén.

Escribín aquí varias veces que Israel é unha gran escola de realismo. Se quere gañar a verdade histórica, deberá selo tamén de Xustiza.

Nenhum comentário: