10 de mai de 2008

A Santa Compaña

Agora que o meu bó amigo Pedro Gómez-Valadés xa non milita no BNG, gustaríame expoñer as miñas impresións fináis e, se cadra, tomarme xa esas vacacións que levaba tempo pospoñendo.


Sobre o aspecto xurídico, a estas alturas, xa está todo dito. Que se tratou unha medida ilegal e antiestaturaria xa foi demostrado e explicado neste blogue. Ningún, repito, ningún dos instigadores abordou nin abordará este punto que saben perdido. No canto diso, atacan ao personaxe, lixan a imaxe pública de quén ten non fixo nada do que deba arrepentirse. Pensar distinto? E non só iso; ademáis, ter a desfachatez de facelo en alto.


Un detalle que ilustra a natureza do proceso: primeiro votouse a súa expulsión e, varios días despóis, comunicáronlle os cargos. Coma polo motivo real non poden expulsalo, finalmente alegaron deslealtade, amparándose en determinados artigos dos Estatutos que tampouco recollen nada que o implicado fixera. Se a decisión de expulsalo se axustara aos Estatutos, mal que nos pesara, non nos quedaría outra que respetala e aceitala. Pero non é o caso.


Pero interésame máis o motivo real, o que todos sabemos. Lembremos: dado que esa persoa expresa públicamente a súa simpatía cara Israel non pode participar do nacionalismo galego. Coma isto entra na distinción ridícula de que hai países bós e países malos, chegado a este punto, os defensores da medida acaban por tirar dunha mentira xa habitual. Que, en realidade, non é unha asociación de amizade entre Galiza e Israel, formada por cidadáns galegos que libremente escolleron integrarse nela. Que va. É unha asociación de amizade co Goberno de Israel, oscuramente artellada polo Estado imperialista para ocultar ao mundo o Holocausto palestino. O outro día, alarmado, un compañeiro contábame nunha cafetaría que sabía que Gómez-Valadés recibía cartos da Embaixada de Israel para limpar a imaxe do sionismo, e que podía probalo. Claro, mosqueado porque non compatira comigo o quiñón, pregunteille cales eran esas probas, en vista a exixirlle a Valadés a parte alícuota que me correspondería en canto compañeiro de fatigas sionistas. Mentres eu botaba contas na cabeza, el miroume moi serio, logo farfullou un par de evasivas e acabou recoñecendo: era só unha maneira de falar. Mira ti. E eu que xa tiña a vista posta nun mp3.


Que a AGAI é un invento do Estado de Israel é tan real coma que eu son monxe franciscano, xa, pero se manter relacións cun Estado acusado de incumprir os Dereitos Humanos indigna tanto a algúns militantes do BNG, non entendo a qué están agardando para tramitar a expulsión da actual Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo. Creo lembrar que, non hai moito, a Consellería que dirixe colaborou coa Feira do Libro da Habana, organizada ao alimón co estabilshment da ditadura castrista. Xa digo, non me fagan moito caso, pero xuraría que ahí sí que había unha colaboración cun Estado represor, feita a nivel institucional e con cartos de todos os galegos. (Nota: se non se lle ocorre qué replicar, sempre pode berrar un uh, sionista ou un Palestina vencerá!)


E que conste que non estou criticando a presenza na Feira (non son favorable a medidas illacionistas), nin á Conselleira (que coido que fai un bó traballo); critico o dobre raseiro que se emprega sempre, sempre, sempre cando se fala de Israel.


Se a AGAI fora unha asociación que defendera o Gran Israel que anhela a dereita relixiosa israelí, entendería que alguén puxera pegas á dupla pertenza a ambas asociacións. Ao fin e ao cabo, o BNG defende o dereito de autodeterminación de todas as nacións do mundo, entre as que estaría o que dende a Ocupación se veu chamando coma Palestina. Pero ese non é o caso. A Asociación, pola contra, apoiou públicamente dende o comenzo o lexítimo dereito do pobo palestino de contar cun Estado de seu, e a negociación coma vía de solución para o conflicto.


Ben mirado, resulta simpatico. Entendo que non para Pedro (anque ten sentido do humor, esta tocada de pelotas reiterada tenno un chisco queimado) pero, decía, ben mirado, a cousa non deixa de ter a súa graza. É todo un espectáculo ver a tanta xente afanándose en porlle cancelas ao mar, intentando por todos os medios que dende a súa casa se poida ofrecer información que atenta contra o que todo o mundo sabe que está pasando. De entre os argumentos máis involuntariamente cómicos que se esgrimiron, o meu favorito é o de que, coma lle explicaron nunha ocasión, non era nada persoal, pero si que estaban preocupados de que, ao permitir que algúen rachara unha lanza a prol de Israel dende un ámbito tradicionalmente “solidario” con Palestina, corríase o risco de que convencera a alguén. Qué horror. Porque todo o mundo sabe que, cando algúen comenza a sentir mágoa coas vítimas israelíes do terrorismo palestino, automáticamente quere ver a todos os palestinos colgados de ramas de olivos. Isto está claro; cando algúen se solidaríza co dor dunha parte, inmediatamente pasa a odiar a outra. E que ninguén trate de rebatirme, porque calquera persoa con sólida formación ideolóxica axiña se percata da verdadeira natureza do mundo: en branco e negro.


O que está en xogo non é a simpatía cara o pobo palestino, senón o mito montado arredor do conflicto. Mito divisorio entre nós e eles que, á súa vez, lle permite a certa esquerda, de pasado máis ben turbio, manter unha significación política da que na práctica carece. Ao presentar aos palestinos coma a quintaesencia da bondade, eludindo os seus aspectos reáis, na loita contra o inimigo capitalista, o Pequeño Satán (brazo incorrupto dos EUA, obvio), escenifican a encarnación definitiva da loita entre o pobo e o sistema. Omiten que, tanto en Israel coma en Palestina hai pobo e hai sistema, presentando o conflicto coma unha loita entre o pobo palestino e o Estado de Israel, aneque os ataques palestinos sexan perpetrados coa loxística da ANP e os mortos iraelíes sexan as máis das veces civís. Iso da igual. Israel é todo el un Estado (deben ser todos funcionarios, coma en Santiago), e Palestina sempre é Pobo, porque un bó ideologo non perde o tempo coas menudencias da vulgar realidade.


Sobra decir que este mito goza de bóa saúde, en gran parte, porque permite dar renda solta a toda esa alegre xudeofobia que non daba atopado cauce logo da Shoah. Agora que sabemos as consecuencias de deixarnos levar, non está moi ben visto decir que os xudeus dominan o mundo a través dun consello de homes poderosísimos, que son conspiradores e avarentos, e que os seus tentáculos chegan a todas partes. Iso só o din os fascistas, a extrema dereita. A xuventude consciente, a mocidade e non-tan-mocidade idealista non incurre en antisemitismo, que é algo moi feo e de dereitas. Iso si, o que non vai facer e deixar de denunciar aos sionistas, que, estos si, teñen un consello que domina o mundo, son conspiradores e avarentos, e os seus tentáculos chegan a todas partes. Porque, e isto tampouco vai a calalo a mocidade consciente, xa está ben de falar do Holocausto, que total xa pasou, e máis cando en Gaza está ocurrindo algo xa non igual, senón peor.


Calquera dos que bramaban pola hixienización é consciente de que nun debate sen máis pauta que o respeto e a argumentación racional, o mito que se montaron arredor de Palestina cae polo seu propio peso. Explícome; a xente seguirá sentindo máis simpatía cara un país sen Estado coma é Palestina que cara un que xa o ten, coma é Israel, e seguirán deplorando a Ocupación e as medidas de Israel que entorpezcan que esta situación indesexable se manteña no tempo. Pero, ao mesmo tempo, a meirande parte das persoas informadas acabarían por deixar de lavarlle a cara á cova de ladróns e fanáticos que teñen os palestinos por gobernantes, condeando un terrorismo que, lonxe de axudar a liberar a súa terra, enquista aínda máis o conflicto e, o máis importante, comezaría a exixirlle á sociedade palestina a responsabilidade dos seus actos.


O escritor inglés Martin Amis, no artigo que publicou o pasado outono co gallo do aniversario do 11 de Setembro, fala da encrucillada na que se atoparon as élites do islam logo das sucesivas derrotas árabes perante Israel, tendo que escoller entre asumir un futuro moi difícil e decepcionante, reducindo a relixiosidade das súas sociedades, ou a ilusión dun futuro de prosperidade e gloria eternas no caso de cinguirse ata o extremo a senda relixiosa. Maila que é unha comparación algo tosca, creo que pode valer para expoñer a situación dos partidos comunistas logo da caída do Muro de Berlín.


Por unha banda, optar por amoldarse ás estructuras democráticas, aceitando a competitividade eleitoral e uns resultados previsiblemente adversos. Pola outra, finxir que non acontecera nada, rebaixándose a concorrer ás eleccións, máis seguindo impermeábeis ás mudanzas nas formas e no fondo que os dereitos civís comenzaban a garantir, por fin, en toda Europa. O comunismo galego optou maioritariamente por esta segunda vía, a do pano nos ollos. Daqueles polvos ven esta lama.


Ben mirado, é o seu canto do cisne. Coma un Santiago Matamouros, amarrado ao cabalo despóis de morto, agora que o comunismo se tornou nun obxeto pop, desbotada a vía revolucionaria pola propia Historia á que só recurren dun modo moi, pero que moi selectivo (un achegamento integral tira por terra a súa mitoloxía), esta embestida da esquerda de cartón non debe entenderse coma unha mostra de forza, senón coma un intento desesperado de manter un dominio do BNG e do nacionalismo galego que saben qué só poden consevar en condicións de laboratorio. Todas as medidas represivas revelan unha impotencia, e ista non é unha excepción.


Os líderes do BNG intentan agora a tarefa quimérica de compatibilizar un discurso de extrema esquerda cunha xestión levemente social-demócrata dos recursos públicos. Un Bloque (e sinto ser tan crudo), na miña opinión pueril, que pretende seguir xogando á revolución na que non cre antes de aceitar que, primeiro está a realidade, e logo as ideas tendentes a mudala. En Burnt Norton, o primeiro dos seus célebres cuartetos, T.S. Eliot recollía unha idea que chegou a facerse un lugar común: a de que "non poden os humanos soportar demasiada realidade". Pois ben, os galegos debemos ser os máis humanos de entre todos, porque se non resulta difícil entender cóma esta clase de cousas aínda non están claras a estas alturas.


A expulsión de Pedro Gómez-Valadés non resolve un problema, senón que o crea, ou mellor dito, o revela. Do mesmo modo que Marx, n´O Capital abreu en canal o sistema capitalista, o caso Valadés fixo o propio co Bloque Nacionalista Galego e co nacionalismo galego, poñendo á vista de todos as tensións entre quenes cren no nacionalismo coma unha masa popular e os que o vemos coma un espazo de fomento cívico, coma suma de individuos libres, no ronsel da tradición republicana. Son dous modelos de enteder a sociedade, de facer País.


Agora que un deles ven de anotarse un tanto, de fondo, óense os apláusos excitados de quénes defenden un nacionalismo e unha esquerda que, para qué negalo, son xa só uns mortos que camiñan.



[Máis: Outras ideas, outro galeguismo, un artigo de Suso de Toro sobre a necesidade de que o nacionalismo galego abandone dunha vez a adolescencia ideolóxica. Iso, ou ir esmorecendo, ata morrer]

4 comentários:

Julicheiro disse...

Vou a volver a abrir os comentarios a todo o mundo, aínda os non rexistrados. Apelo á responsabilidade dos leitores en verquer as súas opinións sen recurrir ao insulto.

Se isto acontecera, sentíndoo moito, volverei a restrinxir os comntarios a aqueles usuarios que están rexistrados, ben no blogger ou en calquera dos sistemas de de OpenID que aparecen indicados.

Anônimo disse...

Estou descolocado, non entendo nada. Todo isto é subrealista, non sí.

Anônimo disse...

pois si, os que insultan e agreden chamándoe insultados e agredidos, surrealista, si.

Anônimo disse...

Un racista menos! Ben!