Yom HaShoah
Onte conmemorouse o Día da Shoá (יום השואה) en Israel. Anque o Dia Internacional da Shoá é o 27 de Xaneiro, data na que Auschwitz foi liberado polas tropas soviéticas, en Israel, a data de conmemoración da matanza de seis millóns de xudeos rememora un día de loita. Foi o 16 de Abril de 1943 cando os xudeos recluídos no Gueto de Varsovia iniciaron a revolta contra os nazis, que estalaría definitivamento tres días despois. Dos preto de 380.000 xudeos que inicialmente foron recluídos nel, aqueles que lograran sobrevivir a tres anos de cautiverio comenzaron unha batalla desigual contra os seus captores, que lograrían acabar con eles no prazo dun mes. A tarefa de reprimir a sublevación foi encomendada ó xeneral Jürgen Stoop, que encabezou a represión da revolta ata que esta rematou, o 16 de Maio. O propio Stoop anotou:
"180 xudeus, bandidos e subhumanos foron destruídos. O sector xudeu de Varsovia xa non existe. As operacións a gran escala finalizaron ás 20:15 horas ao facer estoupar a sinagoga de Varsovia. O número total de xudeus co que se actuou foi: 56.065, incluíndo xudeus capturados e xudeus cuxa exterminación pode ser probada."
O Gueto de Varsovia xurdira tres anos antes, cando no outono de 1940, as autoridades nazis ordearon cerca-lo barrio xudeo da cidade cun muro rematado en arame de espiño. Era o paso previo á solución final que Hitler ideara para o pobo hebreo, ó cal culpaban de tódolos males do mundo (niso non cambiamos tanto).
Na imaxe, tres dos capturados logo da revolta, cando as tropas nazis lograron entraron no gueto.
Nota: Mentres buscaba os enlaces comprobei que as datas varían dun sitio a outro: parece ser que o día correcto coincide co primeiro día do Pesaj, polo cal se optou por traslada-la conmemoración a outro día. Ademáis, é posible que se produzan desaxustes entre o calendario hebreo e o gregoriano que empregamos en occidente.
Nenhum comentário:
Postar um comentário