2 de ago de 2007

O terrible é que é normal

Hoxe vou contar algo persoal. Non adoito a falar da miña vida privada, máis esta semana aconteceume algo que me impactou moito. O suficiente coma para sentarme a escribilo.

Teño unha amiga que pon copas nun bar, e a outra noite fun facerlle unha visita. O local é un templo á Revolución Cubana, todo inzado de posters de Fidel Castro e un omnipresente Ché Guevara vixiando á clientela dende o teito. Anque estou moi lonxano a canto iso representa, o bar é fantástico. Poñen música tranquila, serven uns moi bós mojitos, e para colmo o ambiente é do mellor, nada que ver cos locales cheos a rebosar onde a duras penas podes manter unha conversa. Sentei na barra e, mentres a miña amiga estaba ocupada, púxenme a falar cun dos camareiros, que estaba descansando.

Charlamos disto e daquelo, e axiña simpaticei co tipo, ó que xa coñecía de vista. E niso estábamos, de bó rollo, cando saíu o tema da liberdade de expresión. Dixo que estaba en contra de que se prohibira exhibir simboloxía nazi. Ata aquí, todo normal. O que xa me chocou foi o seu razonamento. Segundo el, estaba en contra alegando que "porqué teñen que ter ese privilexio os xudeos? Porque - dixome - eu non son nazi. Pero ós xudeos ódios. Porqué me teñen que impedir decir o que penso?".

Intentei facerlle ver que, nunha sociedade na que todos tiñan que ter cabida, discriminar a un grupo social enteiro era contrario ós principios da mesma. "Si, si, o que queiras. Pero eu vexo os telediarios tódolos días, e ben vexo como tratan os xudeos ós palestinos. Que se os palestinos son terroristas e os xudeos se defenden... bah! E iso que os medios tiran cara os xudeos, que son os poderosos!".

Un cliente que medio se metera na conversa díxolle, tratando de face-lo entrar en razón, que iso sería culpa, en todo caso, do Goberno de Israel, non dos "xudeos", e que había moita xente que non estaba dacordo coas políticas que se seguían. "Eu con eses si, así si". De todos modos, non parecía convencido. Sabía que iso era certo, pero tamén sabía que non o era.

Pensei que xa acabara coa súa diatríba, e ía a cambiar de tema, cando dixo algo que non podo esquencer. Acercóuseme, esmagou o cigarro e díxome: "Non ves que son unha raza falsa, que mataron a Xesucristo porque era pacifista, como os palestinos? Mira se son cabróns."

Non me malinterpreten, con isto non quero decir que fora un mal tío. Foi agradable e educado, e pasei un bó rato charlando con el. Tampouco botaba escuma pola boca ó referirse ós "xudeos", nin desexou un novo Holocausto ("Eu non digo que os maten a todos. Que os deixen estar, pero eu odios.", aclarou). Non se trata diso. É outra cousa. Ese odio animal que fai que unha persoa normal, chegado o punto, odie á "raza xudea"(sic) porque sabe que son "unha raza falsa"... que mataron a Xesucristo.

Cando un pensa nos vellos medos cos que o franquismo atemorizaba á poboación, non pode evitar sorrir ó pensar na mitolóxica "conxura xudeo-masónica" que ameazaba o Réxime por doquier. Agora, visto na distancia, como moito provoca algunha chanza, nada máis. E, sen embargo, as mesmas persoas que sorrien con suficiencia ante esa conxura, ou se mofan da delirante teoría consparanoica do 11-M, logo repiten, sen decatarse, prexuízos milenarios. E non pasa nada.

Cantas veces temos oído falar do "lobby xudeo" coma un goberno mundial na sombra? Cantos centos (milleiros) de veces, por toda Europa, non se acusou ós xudeos de "conspiración", tanto cando se estragaban as colleitas coma cando había unha invasión, ou baixaban os salarios? Cantas veces non se terá recurrido ós xudeos coma chivo expiatorio no que purga-los erros e miserias da colectividade? E, sen embargo, no imaxinario colectivo, esas mentiras arraigaron ata tal punto que pasaron a ser A Verdade. Quenes trata de desenmascarar eses prexuízos con argumentos racionáis, a máis das veces non son tidos en conta, porque a sensación de que van contra O Evidente é tan palmaria que, no canto de parar a pensar que o que digan pode ser certo, quenes os defenden vólvense sospeitosos. Os argumentos pasan a un segundo plano, e o que intriga ó interpelado é saber qué é o que move a algúen a ir contra algo tan elemental coma que os xudeos son malos, conspiradores, e usureiros. Xa que o compromiso coa verdade está descartado, ábrese unha ampla gama de posibles explicacións: na maioría hai cartos de por medio. Do mesmo xeito que quenes renegaron da opresión do socialismo real foron (e son) acusados de vendidos ó capital, quenes rachan co dogma da maldade intrínseca dos xudeos corren unha sorte semellante; son, cando menos, traidores. Traidores á Verdade.

De tódolos tópicos xudeófobos que escoito a diario, o único co que non me topara índa, polo menos de xeito tan directo, era a acusación de que eran malvados porque mataran a Xesucristo. É máis; pensaba que era un tópico que caera en desuso conforme a sociedade se fora facendo máis laica, e agora só era unha lembranza do pasado. Máis non, vese que goza de bóa sáúde.

En Europa, logo da Shoáh non se dou un debate sobre qué dera lugar á barbarie nazi. Preferiuse ollar cara outro lado, no canto de mete-lo dedo na chaga de feridas que índa estaban abertas. Se cadra, naquel momento foi o mellor. Pero agora, máis de sesenta anos depois, xa vai sendo hora de prantexarse cómo foi posible aquelo. Non foi casual que, naqueles tumultuosos anos, todo un país aproveitase para levar a cabo aquelo que os europeos desexábamos dende había séculos.

É necesario aprender para non comete-los mesmos erros; coñecer non pode ser considerado un acto de traición. A información sobre a realidade de Oriente Medio é necesaria para poder facernos unha idea do que alí acontece, e o feito de que dita información vaia a ser sempre insuficiente non é motivo para eludila. Máis ben, ó contrario, é un estímulo para comprender máis e mellor qué move ós implicados a comportarse coma o fan.

Pero nada diso importa se non atallamo-lo problema de raíz. Todo europeo debería coñecer a errática historia do pobo xudeo e desterrar da súa cabeza os mitos xudeófobos que están ahí, agardando. É inútil falar con algúen acerca das implicacións de non atallar a violencia de Hezoblá nas vilas do norte, cando na súa cabeza está pensando que son os asasinos de Xesucristo os que son atacados. É delirante. E o peor é que é o normal.

Ese odio existe, e frustra toda expectativa dunha comprensión racional. Se non o asumimos, e todo indica que non temos esa intención, algún día a Shoáh repetirase de novo. Non é ser tremendistas, ou tratar de dar mágoa con desgrazas imposibles. Todo o contrario; é unha estimación do máis realista. É a consecuencia normal, o resultado previsible. E non seremos nós quenes se manchen as mans de novo. Máis simpatizaremos, co mesmo ahínco, co mesmo entusiasmo homicida, con quenes exterminan - agora sí, desta non escapan! - ó pobo deicída, aquel que sempre está estorbando no noso camiño.

2 comentários:

Colectivo Galiza-Israel disse...

Non sei que dicir.

A.F.P. disse...

Eu xa estou curado de espanto,dende logo e moi triste que a xente non se decate de que lado estamos,e por outra banda non entendo a xente de "esquedas"....como e posible que defendan posturas alleas ao pensamento ceibe,posturas totalmente antagonicas?.Como se pode defender a estados totalitarios...fai anos que non entendo nada....¡¡¡¡que facil e botarlle a culpa de todos os males os Xudeos...que facil e que bonito queda¡¡¡