14 de ago. de 2007

Pausa (longa)

Estiven tratando de retrasar este momento o máis posible, pero o certo é que o cansanzo acumulado e as tarefas pendentes obríganme a darlle unha pausa a esta bitácora. Unha pausa longa, ademáis, pero prefiro deixalo durante un tempo a actualizar con pouca regularidade. Amólame seguir un blog a trompicóns, e creo que, para a xente que se molesta en ler o que aquí vai aparecendo, non sería serio que non os advertira desa situación.

Anque o blog non leva aínda nin un ano aberto, penso que no tempo que levo dándolle á tecla xa pasaron cousas dabondo que xustifican unha temporada no dique seco. Polo menos, así o sinto eu, e creo que calquera persoa que estivera na miña situación durante os últimos seis meses, probablemente entedería a miña decisión.

No mellor dos casos, estarei preto de un mes sen actualizar. Se todo sae coma espero, conto con voltar a mediados de septembro (quizáis algo máis tarde; en tal caso, avisaría), para seguir dando a miña opinión sobre os ortodoxos que contra Israel viven mellor, a situación de Oriente Medio, a esquerda en xeral, ou calquera outra cousa que por entón atraia a miña atención. Ao fin e ao cabo, ese foi o criterio que seguín ata o dagora: falar do que me da a gana, cando me da a gana, e como ídem. Sen dúbida, errei. Tamén tería os meus acertos.

Con frecuencia recurro a un humor cáustico que non sempre é ben entendido, máis teño unha bóa excusa: aquelo do que falo resulta case sempre tan doloroso que, sen humor, sería imposible (para min) seguir os acontecementos dunha realidade sempre máis hostil do que un agarda. Todo canto rodea ao pobo xudeu e a Israel erosiona os ollos. Sempre pensei que, se había tantos bós humoristas xudeus, era porque non lles quedaba máis opción que reírse. Coma sempre viviron na cara B da Historia (agora, tamén, na dos telediarios) nunca puideron permitirse o luxo de adoptar esa pose de marxinados que tantos asumen para disimular a súa vacuidade.

É unha sensación curiosa isto de ter leitores. Que haxa xente que sinta interese en saber a túa opinión, anque non coincida en nada con ela (corrixo: sobre todo cando non coincide en nada con ela), é un fantástico alimento para a vaidade, si, máis, sobre todo, é unha oportunidade de relaccionarse (anque sexa dun xeito tan abrupto coma, ás veces, é o meu caso), de debatir, de denunciar. Este blog é gratuíto; nin me costa cartos nin mos fai gañar. Ademáis, non ten máis valor que o que cadaquén lle dea, que en xeral non ha de ser moito. Non importa. O que conta é atopar a esa media ducia de persoas as que lle divirte, lles interesa ou, quén sabe, lles emociona ler o que escribes. A todas elas me sinto agradecido, e así llelo fago saber.

J.

Um comentário:

J. disse...

Hai unhas semanas un amable leitor preguntou se Cunqueiro chegara a escribir o libro sobre os xudeus galegos do que falaba nunha entrevista. Entón non estaba seguro, e comprometinme a deixar aviso cando o soubera; xusto hoxe véñenme de confirmar que non existe tal libro.