O problema estructural
Cando este fin de semana nos reunamos os militantes do BNG na XII Asamblea Nacional en Compostela, o que temos que ter claro é que non ímos solucionar ningún dos problemas ós que se enfronta a organización. Primeiro, porque para iso primeiro deberíamos recoñecer, anque só fora de portas adentro, que o BNG contra con graves carencias no plano organizativo e gubernamental. Este espírito autocrítico axiña é tildado de autoflaxelación por parte de quén pecha filas en torno á dirección, esquencendo que é este triunfalismo absurdo o que nos impide diagnostica-los nosos erros e, consecuentemente, buscar unha solución. En segundo lugar, porque índa existindo grupos que abordan esa crítica, de maneira máis ou menos constructiva, o enrocamento das posicións oficiais fronte ás renovadoras agoiran un debate esteril, únicamente enfocado ó desgaste do contrincante.
En certo modo é o de sempre, anque desta volta cambie un dos actores principais. Hai xa moito, quizais dende o comenzo, que no BNG só conta o protagonismo indiscutible da UPG, variando a parella de turno, pero inalterable o guión. Así, tanto os militantes non adscritos coma os partidos integrados na fronte, tiveron que conformarse con ser secundarios durante todo o periplo do nacionalismo organizado dende o seu orixe ata a agridoce entrada no Goberno do país.
Calquera que hoxe en día queira afrontar o motivo das políticas que practica o BNG, inebitablemente acaba por chegar á U. Non é posible entender a situación actual do Bloque sen comprender que foi a impronta da Unión do Pobo Galego a que marcou o evoluír da nosa organización ata a situación de crise na que agora nos atopamos.
O motivo deste dominio non hai que buscalo só no control que a U exerceu e exerce sobre organización e ós demáis militantes, senón na imposibilidade da militancia non aliñada para por coto a ésta mediante a creación e o mantemento de estructuras simétricas que actuen de contrapeso. Moitos militantes rexeitan a existencia de partidos no seo da fronte, pero só mediante un igual se pode compensar a outro igual.
O purismo, o idealismo moitas veces impide que vexamos que non é viable falar de cambios sen afronta-la evidencia de que ese cambio virá de man de quen polarice a aqueles militantes para os que a libre reflexión é o principal atributo da esquerda.
Fronte a quén coida que o maior valor da mesma é a unidade absoluta, moitos cremos que esa unidade só pode xurdir froito do entendemento e o mutuo acordo, non pola lei do rodillo tan tristemente frecuente na nosa organización. Pero de nada vale esta idea se as persoas que rexeitamos a unidade acrítica e bárbara que promove quen índa non se enterou de que xa non hai Muro seguimos dispersos, agardando por un Mesiás que, esta vez, tampouco virá.