Mostrando postagens com marcador Nacionalismo. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Nacionalismo. Mostrar todas as postagens

8 de mar. de 2008

Leituras? Ningunha

Sobre o asasinato do ex-concelleiro Isaías Carrasco, que todo parece indicar que foi obra de ETA, veño de atopar en Im-Pulso o primeiro que leo dende que se comenzou a verquer tinta que trata xusto do que pensaba. Salientaría dúas frases: "case todos os partidos obvian adoptar medidas estratéxicas --é decir, duradeiras e constantes-- e, en paralelo, seguen empeñados en convertir a violencia dunha minoría en pedreira útil para lapidarse entre eles, para o que nin sequera dubidan en outorgar aos crímes de ETA unha dimensión política e social da que carecen." (especialmente esto último), e " cando un crimen condiciona o futuro dun país democrático é porque a democracia é inmadura ou está enferma." (...). Porque isto foi un crime a secas, e paréceme importante dexalo moi claro.

Este asasinato non obedece á ilegalización das sucesivas forzas políticas da esquerda independentista, nin á política penitenciaria dos presos condeados por terrorismo, nin moitísimo menos ás aspiracións de autogoberno de parte da sociedade vasca. Non hai que buscar leitura política porque xa hai moito tempo que estos tarados perderon calquera vínculo coa realidade. Contaba Savater, nunha entrevista na Rolling Stone, que, ao chegar a democracia e ver cómo seguía o terrorismo, entendía que se trataba dun fenómeno semellante ao do champán recén descorchado. Pensaba: agora están desatados porque todavía non saben cómo dar o paso á participación política, pero é cuestión de tempo que isto remita. Quén pode manter iso hoxe?

A violencia etarra non obedece máis que a unha inercia histórica que debeu rematar co franquismo. Que, hai seis anos o Goberno do Estado enlodaran aínda máis a situación coa Lei de Partidos (ben ou malintencionada, máis moi torpe) só serviu para atribuírlle algunha intencionaliade política á violencia dunha banda que xa daquela perdera (non foi sen tempo!) gran parte do seu apoio social, pero de ningunha maneira barniza de lexitimidade o terrorismo.

Se do que se trata é de rematar dunha vez por todas con esta senrazón, non vexo mellor maneira de facelo que non abdicando da nosa condición cívica, deixando en evidencia a quenes buscan sempre unha coartada para un vitimismo que os exima da súa responsabilidade.

[Máis: as novas sobre o asasinato, recopiladas no Google News; declaración de condea do Portavoz Nacional do BNG (video) ; post anterior no blogue sobre ETA]

10 de fev. de 2008

Envexa

De vivir nun país normal.

23 de out. de 2007

"Ja soc aqui"



Dun político catalán a outro, porque hoxe cúmprense trinta anos do retorno de Josep Tarradellas trala ditadura franquista. Reportaxes nos medios:


4 de out. de 2007

O búlgaro que temía a Catalunya

Por Pilar Rahola

A escena é anodina. Chofer hotel recolle hóspede para levar aeroporto Madrid. Hóspede pregunta polo tempo. Chofer pregunta procedencia. E, coñecidas as orixes, el, búlgaro, eu, catalana, o diálogo convértese nun tremendo furacán que descarga medos e prexuízos sobre o meu santo País, a miña santa lingua e a miña menos santa paciencia. Barcelona é bonita, pero os nacionalismos son malos. Queren impor o catalán. España racha pola nosa culpa. No chaparrón, consigo abrir o paraugas e balbuceo algunhas defensas, pero o meu estimado búlgaro é un guerreiro forxado nas mellores mañás da COPE, e está blindado ante a capacidade sedutora do inimigo. Non hai discusión: os cataláns son intolerantes, perigosos secesionistas e fanáticos lingüistas, e o único bo é que Barcelona é bonita. El viría traballar, pero en Barcelona hai cataláns. Así que lle aconsello vivamente que fique en Madrid, que en Catalunya todos somos polacos e non búlgaros, e iso págase. Remata: os nacionalismos son unha secuela para España. Cando lle digo que foron nacionalistas cataláns e vascos os que se puxeron á cabeceira da loita pola democracia, lánzame unha mirada retadora, polo retrovisor: ademais de catalana, mentireira. Por suposto, os seus coñecementos da nosa historia superan aos meus. A educación bríndanos, finalmente, un abatido saúdo cando chegamos ao aeroporto. Os dous estamos deprimidos e encabuxados. No avión leo a entrevista co President Montilla: "Catalunya non está nin deprimida, nin encabuxada". Coma min, pero ao revés. Será que non coñecen ao meu búlgaro. Con todo, o President ten razón. Catalunya continúa ás súas cousas, bastante allea á diana que lle puxo a España negra, a mesma que sempre a desprezou, a mesma que sempre a usou para atizar o medo e azuzar o estómago. Pero a diana existe e está chegando ao delirio. Pensen no meu estimado chofer. Naceu en Bulgaria e non leva moito en España. Pero xa aprendeu o substancial: que os cataláns teñen cornos. Sen dúbida, a Brunete mediática é unha gran escola de integración.

Publicado o primeiro de outubro do 2007, en El Periodico de Catalunya.

24 de jul. de 2007

Véspera do Día da Patria


Se hai un día e un lugar para xuntarnos os galegos, ese é mañá en Compostela. Para moitos de nós, o Día da Patria é o máis cercano que temos a un día santo, e o certo é que non está exento dos seus rituáis. A manifestación dende a Alameda, o silenzo tenso cando pasamos xunta ós de FPG no Toural, a busqueda desesperada dun bar logo do discurso na Quintana (gustaríame saber canto gañan os bares do Franco ese día) e logo, tal vez, a comida na Carballeira.

E pola tarde, a dar unha volta polo Festigal, que cada ano está mellor, anque non sei se quedarei a oír a Kroke. Maila que ás veces é algo agobiante, o vintecinco de xullo segue sento o meu festivo favorito. Por iso, tanto ós que veñen aquí porque lles gusta o que hai, coma ós que veñen só a indignarse, desexolles a todos os leitores un feliz Dia da Patria.

6 de jun. de 2007

Tres cousas

Tres cousas, tres:

1- Acabouse. E algúns parece que se alegran de ver confirmada-las súas teses. Pero están moi equivocados se cren que se pode acabar coa violencia etarra "sin cuartel y todos juntos". Quedarán coma salvadores de cara á galería, pero a obriga dun gobernante é solucionar un problema, e non facer inútiles exhibicións de forza. Zapatero intentouno, é iso é algo que o honra. O fracaso do proceso, en todo caso, é só imputable a quen vulnerou unilateralmente calquera esperanza de solución dialogada.

2- Esta carta, publicada n´O levantador de minas ilustra ben ás claras cómo actúa un rexime ditatorial, que é o calificativo que mellor lle acae ó Reino de Marrocos. A nova nin sequera aparece no propio xornal, senón que foi enviada por algúen á sección de novas enviadas polos usuarios. Seguro que mañá comenza un boicot contra os productos marroquíes (comenzando pola súa industria hoteleira, claro), ó marxe de que se dite, xa mesmo, unha desas resolucións-churro que a ONU aproba con tanta alegría noutros casos. Si, esa clase de medidas deben estár ó caer. Anque, de todos modos, é comprensible que apenas lle deamos importancia. Ó fin e ó cabo, só son árabes masacrando a outros árabes, nada que nos interese. A gran desgraza dos saharauis é que o Sahara non linde con Israel; iso abondaría para esperta-la nosa solidaridade.

3- Era previsible que o tema de Reganosa ía marcar un antes e un despóis na relacción entre o BNG e a sociedade. Na Comarca de Ferrolterra, as eleccións demostráronno con creces. Recapacitar? Autocrítica? Iso non entra no vocabulario dalgúns. Agora, moito me temo que vimos de cruza-lo punto de non retorno.

19 de mar. de 2007

Duas linguas

Nin Theodor Herzl nunca chegou a soñar con tanto, nin o noso Theodor se houbera conformado con menos. Pero son eles, e non nós, quenes conseguiron dotar de futuro a súa lingua.

A principios de século, o hebreo era unha lingua morta, só empregada nas ceremonias litúrxicas. Por aquela época, o noso país en pleno falaba galego. Cen anos despois, a situación mudou considerablemente.

10 de fev. de 2007

Xustificación do nacionalismo

O lúcidisimo Plácido Castro, a cara máis cosmopolita do nacionalismo galego durante a etapa republicana, nun artigo que amosa ás claras que o nacionalismo galego non é máis que a expresión do pobo galego que toma consciencia de sí. A expresión máis plena dos nosos anceios de cidadanía. Ningún representante político do nacionalismo debería esquencer que éste, e non outro, e o motivo último p0lo que comenzou, hai xa tanto tempo, o noso camiño cara a autodeterminación. Nin ranciadas nin sopa boba, senón respeto para a Nación. Nesas andamos.


Plácido Ramón Castro del Río "Justificación del nacionalismo". El Pueblo Gallego, domingo, 10 de abril de 1932. Traducción ó galego de Daniel Landesa Porras.

O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica verbo da citada vía, ten un profundo interese desde o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta hai poucos días nesta columna por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa visa política aínda despois de resolverse o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen deixar unha fonda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu, impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non só se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e mesmo varios que podían considerarse prexudicados pola nova vía, sumáronse ó movemento, facendo que este excedese tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España, e aqueles que ocupan cargos representativos e non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto débese á existencia dunha conciencia galega, dun sentimento de galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron os seu sentimento de patriotismo galego. Por outra parte, o simpático e emocionante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia só se conseguiu por motivos económicos, o que dá a entender que tódolos demais aspectos do ideario galeguista son ineficaces e non interesan a ninguén. Mais eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e a súa importancia foron debidas á existencia dunha forte emoción galega –latente nuns, consciente noutros–. A protesta foi transcendental e foi eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E así sucedeu, non só queda plenamente xustificada a tese nacionalista , senón que se demostra o valor de todo o labor do galeguismo na súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible coma antes e tería que soportar con resignación o despoxo de que querían facela víctima. Pero desde agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén.

E non é só na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexorde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo artigo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro

20 de jan. de 2007

Onde hai fume

Un dos praceres segredos que me acompañan estes últimos meses é atoparme, cada vez que leo o suplemento de cultura dun coñecido xornal coruñés, coa lista dos libros máis vendidos en lingua galega. Alí, semana tras semana, na sección de Ficción aparece no primeiro posto o libro que máis fai por furgar na historia silenciada da cidade.

O drama dunha xeneración libertaria sepultada polo fascismo sérvelle ó autor para amosárno-las entrañas dunha sociedade na que o terrol inicial, maila deixar de manifestarse abertamente, segue estando moi presente. Nas miradas, nos saúdos, o un na lonxitude das saias nótase unha opresión que a xente acaba por interiorizar. Chega un punto non que non se sabe a ciencia certa porqué hai que facer algo, ou mellor dito, deixar de facelo, pero todos saben que teñen que obedecer.

Nalgún lado lin que quén garda para sí un gozo destrúe o voo da vida, e penso que iso é o que acontece no plano social cando unha comunidade se autolimita, conformándose cunha visión acotada da realidade. Visión que lle impide comprende-lo mundo que a rodea, e comprenderse a sí mesma nun proceso de identificación, de formulación en positivo da súa identidade.

Unha comunidade política que non se asimila dexenera, coma a nosa, en autoodio, porque se o único espello no que te miras é nos dos Caleixón do Gato, dificilmente poderás acadar conciencia da túa xusta medida. Coma dí o refrán, onde hai fume houbo lume.

1 de jan. de 2007

Euskadi e a liberdade

Agora que parece que o proceso de paz está irremediablemente tocado (e posiblemente fundido) sucédense as reaccións, a favor ou en contra, de apoiar, maila todo, un proceso de negociacións conducentes ó cese da violencia en Euskal Herria. Persoalmente, espero que a parte dialogante do movemento abertzale acabe impoñendose ó sector máis violento, pero, no ámbito do factible, a pregunta é se o Presidente do Goberno seguirá adiante co escaso apoio popular co que conta neste treito. Espero e desexo que así sexa, porque non paga a pena tensar a corda ata este punto para deixar escapar esta dificil e rara oportunidade. Costou moito chegar ata onde estamos, e iso é algo que a ninguén se lle debe pasar por alto. A acción criminal de ETA complica un proceso xa de por sí dificil, pero iso non significa que, dentro do movemento abertzale non se estéa a dar o debate acerca de se continuar no enrocamento ou tender a obxetivos pragmáticos por medio da negociación. Sen embargo, son consciente de que é dificil que primen estos úlimos, e iso é o que quero cuestionarme aquí.

A pregunta é: ¿Quere ETA e o seu entramado que haxa paz algún día en Euskadi? Non me refiro a que haxa ou non paz se se cumplen os seus requerimentos, senón se están dispostos a que a sociedade vasca tome a decisión que considere oportuna sen ter que coincidir co que a ETA lle pareza correcto. A pregunta que eu prantexo, e cada quén é libre de respostala como lle pete, é ata qué punto o lexítimo dereito de autodeterminación de Euskadi é o seu leit motiv e non a causa trala que se escudan. Se queren enfrontarse ó referendo de autodeterminación ou se pretenden, pola contra, impoñer a independencia.

Un home tan pouco sospeitoso de totalitario coma o filósofo e escritor Antonio Escohotado escribiu no seu ensaio Caos y orden, dentro do capítulo La cuestión nacional, as seguintes reflexión que agora me gustaría compartir con vostedes:

"El fenómeno jurídico de que un grupo pueda constituírse como Estado soberano es indiscernible del fundamento jurídico en cuya virtud puede siempre escindirse de otro (Estado soberano), con lo cual su derecho de constitución es indiscernible de su derecho de secesión. El único límite de semejante decisión es extrajurídico, y concierne al grado de tenacidad y coraje con que proceda, pues esa decisión suscitará sin duda represalias. Pero un repaso a la historia pasada y reciente muestra que cuando este binomio se omite o niega surge de inmediato una espiral de violencia, cada vez menos discriminatoria a la hora de elegir blancos, donde compiten en crueldad separatistas y unionistas. A diferencia de otras épocas, en lo que va de siglo ni un solo de estos conflictos se ha zanjado duraderamente con una victoria militar del unionista, sellada con la rendición de su adversario."

Escohotado, no transcurso do capítulo, entra a coñece-lo caso concreto de Euskadi coma expoñento máis claro do conflicto entre nación e Estado dentro do Estado español. O intelectual madrileño comenza criticando o enconamento das posicións, e o proveito que sacan uns e outros do seu inmovilismo ("Sus verdaderos enemigos pasan entonces a ser quienes aspiran a una salida negociada, sean del bando que fueren, pues amenazan interrumpir el comercio de mano dura.") e, logo de critica-los burdos pretextos do Estado español para eludi-la convocatoria do referendo, pasa a valora-la situación dende a perspectiva vasca:

"Por otra parte, la vileza de gobiernos que enconan reivindicaciones nacionalistas - en vez de darles curso, mediante los oportunos plebiscitos- no asegura que esa reivindicación sea justa, o siquiera argumentable con verdaderas razones. En el caso vacos, por ejemplo, a la siempre legítima aspiración de autogobierno no sólo se engancharon los tradicionales intereses caciquiles de cualquier región, sino ingredientes tan exóticos como el racialcatolicismo de Sabino Arana y el marxismo-leninismo de ETA. Da una idea de ello que las juventudes nacionalistas, representadas por Jarrai, rechazaran al principio el único brote libertario eficaz y espontáneo acontecido en Euskadi y el resto de España - el movimiento de los insumisos ante una recluta militar forzosa- como traición a la disciplina revolucionaria. Encomendándose primordialmente a la nitroglicerina, el combinado de comunismo albanés y aranismo no tardó en producir formas de autosabotaje, como la "irrenunciable" aplicación de la independencia a Navarra (..)"

Prosegue Escohotado a súa análise da situación na confrontación que ás veces se prantexa entre nacionalismo e cosmopolitanismo que "la reivindicación vasca no se opone en principio al ideario cosmopolita, sino tan solo al ideario indiscutiblemente etnómano del gobierno español, basado durante más de medio milenio en una autoridad que claramente es y se pretende "guardiana de la identidad colectiva". Comparado con otras reivindicaciones independentistas - como la catalana-, el independentismo vasco rebosa "etnomanía", pero no hay a priori el más mínimo roce entre nacionalismo (un espírito particular que reclama autogobierno) y cosmpolitanismo (un espíritu que aspira a hacer respetar la dignidad humana en todas partes)." Así, o problema de lexitimidade non viría do obxetivo senón do método.

O futuro de Euskadi pasa irremediablemente pola convocatoria dun referendo de autodeterminación. O feito de que o empecinamento de ETA dificulta ese chanzo é demasiado evidente coma para pasarlle desapercibido ós propios membros do autodenominado Movemento de Liberación Nacional Vasco. O Estado español, con tódalas súas taras, non é actulmente un rexime totalitario de corte fascista, senón un Estado democrático e de Dereito, no que é posible articular medios pacíficos co obxetivo de convencer á maioría dos membros da socieade vasca das bondades dunha hipotética independencia. Unha vez que esa vontade maioritaria sexa clara e inequívoca, ningunha Constitución do mundo pode pór freno ás aspiracións de autogoberno dunha comunidade política. Xa para rematar con Escohotado: "Otra cosa es que llegue a convocarlo (o referendo), porque -fuera de las elecciones- cualquier consulta desagrada a la clase política, y en este aspecto nacionalistas y no nacionalistas coinciden de lleno: unos para no sentar precedente, otros para mantener intacta la ilusión de una posible victoria."

Nestas horas baixas parar o proceso de paz convén facer algunha reflexión ó respecto de porqué falla sempre o diálogo coma forma de solución deste conflicto, pero máis urxente é que, o propio mundo abertzale (¿as 200.000 persoas que votaban HB?), aquelas persoas que consideran que a autodeterminación é un obxetivo non só lícito senón desexable, desautoricen de maneira clara a quen, erixíndose como portavoz e gardían da esencia euskaldún, se empeña en boicotear unha e outra vez un proceso que só compete ó conxunto da cidadanía vasca.

27 de dez. de 2006

De paletos e cosmopolitas

A interpretación do himno galego cunha guitarra flamenca no acto de conmemoración do vixésimo quinto aniversario do Parlamento de Galiza está a provocar unha polémica acerca do acaído ou non da versión. Nun país tan acomplexado coma o noso, axiña xurden posmodernos de tódalas esquinas que veñen, raudos, a ilustrarnos ós duros e escuros que nos molestamos porque a nosa Cultura sexa desplazada nun acto no que se está a conmemorar este amago de autogoberno que é o o Parlamento autonómico.

Para empezar, a ninguén se lle pode pasar por alto que a escolla da música flamenca non ten nada de casual. O flamenco, xénero musical tradicionalmente ligado a Andalucía, ata o punto de considerarse coma o máis característico da súa cultura, tivo a sorte ou a desgraza de ser exaltado dende hai máis dun século coma unha marca de casa da cultura española, que á súa vez se superpuxo á das demáis nacións do Estado. A dicotomía que compoñen as corridas de touros e a música flamenca constitúe a imaxe por antonomasia que dende o extranxeiro se ten do Estado español. Imaxe que, para vergoña de tódolos que nel vivimos, índa perdura no mundo.

A Presidenta do Parlamento fala de altura de miras, de cosmpolitanismo para defender a súa escolla, e aquí é onde a pobreza do seu argumento cae polo propio peso. Porque dubido moito que a dona Dolores Villarino se lle pasase sequera pola cabeza escoller unha versión a ritmo de xota aragonesa, interpretada por un tamborileiro extremeño ou por un txalapartari vasco. Escolleu a música de guitarra española porque, para esta señora, xa que era un evento importante non íamos face-lo con instrumentos da casa. Mellor recurramos a algo máis universal, que a cultura galega é un pretexto para facer pinchos literarios pero non para un acto que vai a ser retransmitido por televisión para todo o Estado. Así, renunciando ó que somos, teremo-la enorme fortuna de que El Pais se faga eco do modernos que son os galegos dende que desembarcou Touriño.

Podémolo enfocar de mil maneiras distintas, podemos buscarlle tódalas escusas que nos dea a gana, pero o bochorno do outro día só responde ó nome de auto-odio. Só dende séculos de negación da nosa identidade se pode comprender que haxa compatriotas que se molesten por facer algo tan ovio coma queixarse deste atropelo. Só dende a asimilación do desprezo por tanto tempo amosado se pode chegar a comprender que se nos fale de cosmopolitanismo cando, o que se está a facer, é suprimi-lo que somos para sustituí-lo polo que nos queren facer crer que deberíamos ser.

O cosmopolitanismo é entroncar a nosa identidade co mundo. Castelao, Francisco Leiro, Manuel Rivas e un longo etcétera son exemplos de coma a verdadeira universalidade se acada logo de buscar dentro da nación aquelo que se lle pode ofrecer ó mundo. Nada máis paleto, máis aldeano, que esa xente que na cidade fala castelán polo qué dirán, nada máis sintomático de acomplexado que variar de idioma ou, neste caso, de instrumento, cando se trata dun acto de categoría.

A Cultura non é un pastiche, algo do que poidamos prescindir; é a nosa maneira de relaccionarnos co mundo. Asumimos a cultura que a tradición nos lega e, xeración a xeración, imos modificando nela aqueles aspectos que quedaron obsoletos ou que, por calquera outro motivo, xa non valen para o tempo que nos toca vivir. O idioma, a literatura, a pintura ou a música dunha Nación non son elementos susceptibles de mudar segundo a moda de cada ano. A súa función non é tanto distraer coma reafirmarnos no que somos, para non diluirnos na negra noite da desmemoria. Para existir. Para intentar sabermos quenes somos e poder legárllelo ós que veñan. Mudarán, acomodaranse a cada época, pero temos que procurar que os fios invisibles que nos ubican na Historia non se rompan. Do contrario, deixaremos de ser o que somos; galegos.

Pode que para a nosa descafeinada e xacobina inteligentzia esta fora unha arroutada de exhaltados, pero para aqueles que nos consideramos membros da Nación dos galegos, ninguén debería mofarse de nós tal e coma a señora Villarino fixo. Non é desprezo cara a música flamenca, do mesmo xeito que pretender a educación en galego non é un desprezo ó castelán; é que non hai dereito a que teñamos que pedir permiso por vivir coma o que somos. Un non é algo ata que materializa a súa identidade na realidade, e por iso pensar que podemos ser galegos sen realizarnos coma tales é unha maneira máis de enganarnos a nós mesmos.