6 de fev. de 2009
5 de jan. de 2008
Beber coa lingua
3 de jan. de 2008
O galego nas aulas
A Mesa pola normalización lingüística ven de sacar un manifesto co que non podo estar máis dacordo. Co gallo da aprobación do Decreto, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, a Mesa fai un chamamento ao conxunto da comunidade educativa para que, entre todos, este nova regulación si sirva para algo.
Hai uns días, Isaac Díaz Pardo vaticinaba que o galego desaparecería coma lingua de uso frecuente, e ficaría reducida a funcións rituáis (que foi o que lle aconteceu ao hebreo durante milleiros de anos, ata que a recuperaron os sionistas), e eu non quero que lle pase iso ao galego. O noso idioma ten todas as caraterísticas para ser unha das linguas máis dinámicas do mundo e penso que, máis alá da opción ideolóxica de cada quén, é tarefa común de todos garantirlle un futuro. Oxalá desta vez se logre revertir esta tendencia que empurra ao galego cara a vitrina.
Só unha chata; o modo de recoller as sinaturas. Entendo que sexa preferible contar coa firma do puño e letra do asinante, máis, habendo coma hai sitios coma Petition on line, porqué non complementar ambos sistemas, para acadar máis apoios?
Si que é algo engorroso ter que descargar o formuario, imprimilo, cubrilo e envialo por correo postal, máis penso que sería importante que desta vez entre todos deramos un apoio claro a esta medida.
(Máis: formulario; versión definitiva do decreto)
29 de dez. de 2007
A lingua galega na diáspora sefardita
Tal e coma avisara no seu anterior artigo n´O fondo dos espellos, Méndez Ferrín adicalle de novo a súa colaboración semanal no Faro de Vigo á presenza xudía no Reino de Galicia. Desta vez, para falar da relación entre dita comunidade e a nosa lingua, e de qué aconteceu con ela na diáspora.
Logo do Decreto de Expulsión do 1492 producíronse dúas correntes migratorias. Nunha, asentárense nas ribeiras do Mediterráneo, destacando as comunidades formadas en Salónica e Estambul. Por outra banda están os que emigraron cara os Países Baixos. Estoutra, polos motivos que el apunta, é a que ten máis interese dende o punto de vista lingüístico.
A lingua dos xudeus de Galicia
Xose Luís Méndez Ferrín
Os xudeus de Galicia falaban a lingua das cidades e vilas nas que moraban, ou sexa a galega. Os nomes persoais dos varóns eran bíblicos (Isaque, David, Abraham) pro eles tiñan a atención de nomear as súas mulleres de xeito galego e meliorativo: Clara, Rica, Ouro, Alegría. En canto aos nomes de familia e alcumes, parece que na súa maioría eran galegos (Méndez, Pereira, Espiñosa, Sánchez), Certo que Pérez é moi numeroso entre xudeus, tamén pode ter unha procedencia hebrea coincidente co patronímico galego. Podían levar os nosos xudeus apelidos hebreus ou de escura fasquía semítica (escura para min); así: Cohén, Benveniste (coma o lingüista) Mardochai (V. Risco dicía ser este o verdadeiro apelido de Marx), Calvasan. Chaman a atención, polo caracter hebreu deliberado, os nomes de Ioseph Ibn Hayyim e de Moisés Ibn Zabarah, iluminados e calígrafo, respectivamente, da Torah ou Biblia de Kennicott, ambos os dous artistas coruñeses, que fan ostentación da súa veciñanza galega.
Seguiron falando galego os xudeus dispersados e expulsos de fins de século XV? –pregúntame Lucía Pereira Espinosa. Voulle responder cunha hipótese.
Logo do degredo de expulsión lanzado pola intolerancia dos ben chamados Reis Católicos en 1492, é fama que a maioría dos xudeus de Galicia pasaron a Portugal. Gozarían do beneficio dunha rede social de apoio nas xudarías daquel reino. Pro, poucos anos despois (1496-1497), o rei don Manoel ordenou a conversión obrigatoria ou, alternativamente, o exilio de todos os hebreus de Portugal.
Penso eu que os conversos e cristiáns novos que quedaron en Galicia fóronse confundindo co resto da poboación e non parece que existisen verdadeiros núcleos criptoxudaicos. Con todo, sabemos que un acusado de xudaísmo foi queimado en auto de fe que se celebrou na Praza Maior de Madrid a fins do século XVII e presidido por Carlos II. Esta víctima levaba o apelido moi galego de Carballo.
O continxente de xudeus galegos, portugueses e cataláns que se asentou no Mediterráneo Oriental foi absorbido lingüísticamente polo continxente maioritario dos xudeus que falaban o castelán. E conformouse de tal modo a lingua e a cultura sephardita: sobre a base dunha preponderancia castelá. Reproduciuse nesta Diáspora, pois, o fenómeno da hexemonía e dominación castelá na Península Ibérica sobre as linguas galega e catalá, e, aínda despois, da portuguesa.
Entendo que houbo unha porción de xudeus galegos e portugueses que arraízaron nos Países Baixos. Nese asentamento, a lingua dos xudeos galegos e portugueses reunificouse. Pasaríase, así, a unha sorte de novo galegoportugués, neste caso sephardita. Tal lingua foi usada polas familias de ascendencia galega e portuguesa nos Países Baixos até a Idade Contemporánea moi avanzada. Documentos en lingua sephardita galegoportuguesa consérvanse en arquivos de Amsterdam, teño entendido. O sephardita galegoportugués
utilizouse como lingua oral e escrita nos Países Baixos deica a segunda metade do século XIX ou aínda máis adiante. Supoño que por eses tempos as nosas comunidades xudías dos Países Baixos se achegarían ao asquenazismo e adoptarían como lingua propia o neerlandés Non coñezo estudos nos que se elucide o elemento galego deste galegoportugués dos Países Baixos nin que falen do elemento galego presente no xudeocastelán sephartita.
(Na imaxe, casamento de sefardíes, Ámsterdam, s.XVI)
E ben, tanto na Europa Occidental coma na Oriental e no N. de África, perdida a lingua galega ou non, os sepharditas de orixe galega mantiveron moitos dos seus apelidos até os nosos días, aínda que sexa nalgúns casos difícil diferenciar o que é galego de aquilo que é portugués. En Galicia estamos moi orgullosos da posíbel orixe galega de certos sepharditas. Por exemplo: Francisco Sánchez, teorizador extremo do escepticismo no século XVI; Baruch Spinosa (Espiñosa, supoño, na orixe), filósofo revolucionario e único do século XVII; Pierre Mendès-France, o político perfecto do radicalismo pequenoburgués.
Observación
Hoxe os cursidosos da historia dos xudeus en Galicia poden aproveitarse da lectura dunha obra moito documentada e compendiosa de Gloria de Antonio Rubio: Los judíos en Galicia (Fundación Barrié, A Coruña 2006). Gustaríanos precisar que os hebreus que aparecen mencionados en dous documentos do ano 1044 que se inclúen no Tombo de Celanova, sendo os primeiros de tal nación que figuran localizados en Galicia, non viviron, segundo a información que chegou a nós, en Celanova Vagamente aparecen localizados (nin sequera fixados) no val do Arnoia e nas proximidades das aldeas de Fechas e Soutomel, como dependente dun feudal e para nada do abade de Celanova. En 1044 Celanova non era un núcleo urbano, senón só un convento. En todo caso, a vila de Allariz atópase a uns 12 quilómetros do teatro dos acontementos nos que se mencionan estes primeiros xudeus advertidos na documentación galega. E Allariz si que tivo xudaría ben poboada e documentada anos máis tarde.
(Pódese descargar o artigo en pdf aquí, en El Sábado 29/12/07)
9 de dez. de 2007
30.000
A Galipedia ven de superar os (primeiros) 30.000 artigos. Norabóa a todos os que a fan posible!
Normalización
"Cres que foi un fracaso a política de normalización dende os oitenta para esta parte?
Foi un fracaso rotundo porque o din os datos. Hai máis condicionantes, claro, pero coido que a política foi errada de principio a fin. Escolleuse unha mala norma e fíxose unha mala promoción, unha promoción ritual e virtual, e a xente non é parva, a xente ve que os referentes de normalización son referentes falsos, tanto nos políticos como nos medios. Todos son castelánfalantes. E digo que se escolleu unha mala norma porque se lle fixo pensar aos que eran realmente galegofalantes, na Costa da Morte ou nas montañas de Lugo e de Ourense, que a norma que se propoñía viña a substituír a súa lingua, e é un lugar común, que o din os paisanos, que eles non saben falar galego, cando eran os que o falaban de verdade. Se os galegofalantes de verdade senten que se lles está furtando algo ou impoñendo algo, pois é unha política errada. Agora, eu non son político.
Non hai nesa visión dos "galegofalantes de verdade" unha forma de mitificación parella ás que denuncias en Arte e parte?
O popular é un valor absoluto. A fala da xente nos bares, nas tabernas, é para min un valor absoluto. Non é ningunha mitificación. Se queres normalizar a lingua, tes que ir alí onde a xente a fala e tomala como referente principal, e non unha norma castelanizada totalmente, sobre todo no aspecto máis material da linguaxe, que é o fonético. Todo iso quedou varrido."
Xurxo Borrazás, entrevistado no suplemento cultural de Tempos Novos.
Vía Vieiros.
10 de jul. de 2007
O galego na educación
Coma ben indica un leitor, últimamente estamos a asistir as manobras do españolismo máis recalcitrante, e faino naquel fronte que máis dano nos provoca: falo da nosa lingua.
Cando me refiro a "españolismo" non aludo ós españois que viven con normalidade no seu país e coa súa lingua, senón a aqueles que, dentro do noso, nos nega ós galegos a capacidade de vivir plenamente nas mesmas condicións. Anque é frecuente que sigan a estratexia da lura, tratando de asociar o nacionalismo con formas máis ou menos veladas de sectarismo e exclusión, o certo é que cada vez hai máis xente que rexeita eses discursos apocalípticos de quenes logo se presentan coma salvadores, prestos a resolver problemas que nunca tomarán forma.
O decreto de normalización do galego no ensino, presentado por que só pretende manete-los seus privilexios (replicado irónicamente na blogosfera galega, sobre todo nesta páxina) non é, nin moito menos, unha medida autoritaria, tal e coma se pretende facer crer. Se a día de hoxe o galego ocupa un espazo marxinal non é froito dunha elección libre e consciente da sociedade galega. Penso que ningúen pode ser acusado de vitimista se fala dunha agresión clara e sistemática durante cinco séculos co obxetivo de erradica-la nosa conciencia de pobo, sobre todo a base de marxinar o noso idioma ata que este desapareza.
Á hora de enfoca-la estado do noso idioma non pode partirse da falacia de atoparnos nunha situación de equilibrio. É dende esa desigualdade de orixe dende a que hai que enfoca-la medida. Penso que ninguén rebatirá que, nestas circunstancias, as medidas de discriminación positiva estarían máis que xustificadas.
Pero, trátase o novo decreto dunha medida de discriminación positiva? As mesmas consisten en obrigar a introducir persoas ou elementos en ámbitos nos que, por tradición ou por norma, a súa presenza fora exigua ou nula. O caso do idioma galego, que logo de sete séculos de Historia só comenzou a ser empregada na educación logo da asunción da Autonomía, é paradigmático da situación na que tales medidas estarían máis que xustificadas. Pero, repito, trataríase dunha medida desa índole?
Para sabelo, abonda con expoñer certos datos:
- Cando se permiteu que o galego accedera á educacción, a situación do noso idioma era mellor que a actual. Nese contexto, a asunción do galego coma o idioma no que se impartía (anque fora só parcialmente, de xeito case residual), non era tanto unha medida de discriminación positiva coma un recoñecemento da situación fáctica na cal a gran maioría dos alumnos eran galegofalantes.
- Este último decreto, sen embargo, é xestado nunha situación claramente diferente, e coma tal, debe aportar solucións a problemas que naquel momento non había. A día de hoxe, as novas xeracións de galego, educados cuasi-integramente en español, logo do fracaso estrepitoso da política lingüística que seguiron os Gobernos de Partido Popular, perderon de maneira sangrante contacto co idioma do país. Foi unha educación paleta e acomplexada, que asociaba o foráneo co bó, e que se avergoñaba por ver nela só unha cultura aldeana e cerril, atitude que proviña directamente dos máis rancios estereotipos franquistas (dos que índa hoxe bebe moita xente). Nesta situación, ou se toman medidas contundentes ou acabaremos por perde-lo galego como o idioma de referencia do país. De feito, fará falta unha política lingüística valente para que a inercia actual se revirta. Este decreto trata de por unha primeira pedra no proxecto máis ambicioso ó que nos enfrentamos os galegos na actualidade, isto é, o poñernos todos mans á obra para que o noso idioma goce de bóa saúde.
Algúns de nós cremos que Galiza é unha nación. Outros, que é unha rexión máis de España, e hainos que non se paran a reflexionar sobre estas cousas. Pero, máis alá das nosas diferencias políticas, o idioma é patrimonio de todolos galegos, e a todos nos compete cederlle ós nosos fillos a herdanza, a súa vez, recibimos dos nosos páis.
6 de jul. de 2007
Un chovinista da lingua
"Eu não sou um chauvinista do país, mas sou um chauvinista da língua. O hebraico é um maravilhoso instrumento musical. É um vulcão em erupção. Eu já criei palavras que estão no dicionário. É o mais próximo da imortalidade a que se pode chegar"
Visto en Verdes Trigos.
21 de mai. de 2007
Linguas cruzadas
Este sábado estiven vendo na galega un documental sobre o situación do galego entre a xente nova. Nel, rapaces de todo o país, daban conta do idioma que empregaban, así coma se o usaban sempre, ou só con segundo qué persoas. Nel reflectíase o que xa é sabido; que o galego goza, de momento, de bóa saúde no rural pero, se falamos da súa implantación na cidade, xa cambia o conto.
19 de mar. de 2007
Duas linguas
Nin Theodor Herzl nunca chegou a soñar con tanto, nin o noso Theodor se houbera conformado con menos. Pero son eles, e non nós, quenes conseguiron dotar de futuro a súa lingua.
A principios de século, o hebreo era unha lingua morta, só empregada nas ceremonias litúrxicas. Por aquela época, o noso país en pleno falaba galego. Cen anos despois, a situación mudou considerablemente.
