Un silenzo cada vez máis pesado
Un dos fenómenos máis cargantes da actualidade é a sacralización do alternativo. Baixo este epígrafe acóllense calquera idea, así coma movemento social ou político, con postulados afastados do que se considera o pensamento “oficial” ou simplemento asumido socialmente coma común. A día de hoxe, calquera parida que se afaste ou contradiga aquelo que o común entendemento considera coma normal rodéase dun aúra de respetabilidade que o fai na práctica inatacable.
Dende creacionistas ata negacionistas do Holocausto, non hai colectivo que se escude na “alternatividade” para exixir respeto para as súas chorradas, igualando o dereito a expresarse (dubidoso, no caso dos segundos, por canto o que se busca é a expansión dun odio grupal) coa crítica que sempre pode recaer sobre calquera expresión, dende as argumentacións de quénes cuestionan a evolución ata calquera post deste blogue. Polo feito de ser minoritario (corrixo; polo feito de presentarse coma minoritarios, anque sexan millóns os que manteñan a mesma postura), automáticamente a maior das estupideces pasa a ter o rango de verdade incuestionable. Que coexiste con outras, claro, porque este fenómeno é irmán do relativismo; vale o mesmo a opinión do señor que alega que Deus creou o mundo en sete días, sen aportar máis probas que os textos sagrados da súa relixión (por suposto, respetable), ca o evolucionista que pode aportar datos empíricos obtidos tras unha investigación científica guiada pola racionalidade.
Por exemplo, segundo esta liña de pensamento, son igual de repetabeis quenes intentan sensibilizar á poboación africana de que os preservativos son imprescindibles para que non contraian o mortal virus do SIDA, e a política da Igrexa Católica no continente negro de pontificar contra os profilácticos por consideralos pecados (algo que, tendo en conta a influencia dos misioneiros católicos, que noutros ámbitos fan unha tarefa tan exemplar, me costa non considerar coma culposo).
En relación á custión xudía (ou quizáis, coma lúcidamente apuntou Albiac, “non existe cuestión xudía; existe cuestión antisemita”) con cansina frecuencia hai que oír ao idiota de turno denunciar que “non se pode falar mal dos xudeus” (sic), que “o Holocausto é un escudo que impide calquera crítica” (sic!), e que é característico dos xudeus o “vitimismo” (sic!!). Vilipendiado máis que ningún outro colectivo, acusado de máis delitos dos que materialmente podería realizar, o ensañamento non coñece tregua, e maila todo, a riada de acusacións infundadas agora é presentada coma algo alternativo. É prodixioso. Coma se fora pouco grave que calquera poida falar de “xenocidio” en Palestina, ou comparar a Shoah coa situación dos palestinos, pasándose polo arco do triunfo a realidade, o machacón coro unánime ademáis pode presentarse coma “unha voz alternativa” contra “os poderosos que non queren que saibamos a verdade”.
En concreto, nas últimas horas tiveron lugar dous feitos que, na miña opinión, demostran coma este recurso acaba por ter consecuencias catastróficas, especialmente no segundo caso. O primeiro non deixa de ser unha consparanoia habitual na pseudo-esquerda. O segundo, maila non ser tampouco infrecuente, é moito máis grave e preocupante.
Dende a morte de Haider cando ía borracho perdido ata o mega-atentado de Bombai, calquera pode apuntar cara unha unha conspiración xudía (eles dirán sionista, a ver se cola), co alicente de que non fai falla presentar probas. Para qué ir atribuíndo responsabilidades en cada caso,segundo corresponda, se un pode reconducir calquera cousa que pase no mundo cara Israel? O problema non é que sexan ou non estúpidos; esa parte teñoa clara. O problema é que son demasiados os estúpidos e, ademáis, viven moi cómodos na súa ignorancia. En fin; o mundo está cheo de xente que se aburre. Pero vamos ao importante.
O outro caso ten que cómo os crentes da relixión musulmana, en especial os que residen en Europa, afrontaron esta última vaga de atentados, así coma os que os precederon. Neste rabioso artigo, Martín Varsavsky láiase de que a violencia extrema desa corrente que aspira a unificar relixión e Estado que é o islamismo non sexa contestada con maior contundencia dende dentro do propio islam. Comprendo e comparto a súa preocupación. Coma nacionalista, creo que debemos ser quénes defendemos estas ideas quénes con máis claridade nos opoñamos ao terrorismo de ETA, ou aos crimináis que buscan importar a Galiza a violencia coa que unha minoría mantén alí aterrada á sociedade. Asi mesmo, os máis feroces críticos de Israel son, con frecuencia, xudeus, e deixando ao lado aos Chomskys e demáis ralea que adoptan o discurso dominante para gañar aceitación, o certo é que as críticas máis honestas e atinadas feitas aos sucesivos Gobernos de Israel proceden dos propios israelíes, así coma dos xudeus da Diáspora. Do mesmo xeito, as máis populosas manifestación contra a invasión de Iraq tiveron lugar no países cuxos Gobernos apoiaron esa guerra, coma foi o caso de España. E isto débese a que é propio das sociedades maduras a autorregulación.
Pola contra, non vexo o mesmo no islam. Sinceramente, boto en falta que, os millóns de musulmáns europeos repudien públicamente e de xeito inequívoco as atrocidades que se cometen no nome da súa relixión. Tranquilizaríame que esa maioría de musulmáns que só queren vivir en paz amosaran o seu rexeitamento á violencia extrema da yihad. Se un etarra mata a alguén, entendo que é o meu deber coma nacionalista desmarcarme desa interpretación fascista que leva a xustificar o crime para acadar uns obxetivos cos que concordo. Se as FDI empregan unha forza excesiva nunha operación militar, as voces máis furiosas procederán da propia sociedade israelí. Máis se no nome do Corán se matan a centos de inocentes, o que se escoita no mundo musulmán e o silenzo.
É habitual que, dun tempo a esta parte, se empregue o calificativo de “islamofobia” para desacreditar calquera crítica ao islam (neste artigo, o señor Gustavo Perednik explica a orixe e evolución do termo). Nunha apropiación perversa do termo xudeofobia, que ven a denominar unha longa tradición que non é necesario lembrar, dase o paradoxo de que as mesmas persoas que manteñen os mesmos prexuízos antisemitas que se repiten século tras século, xa non só se consideren libres de xudeofobia, senón que ademáis se sinta moralmente lexitimados para falar de “islamofobia” cando se lle exixe aos musulmán que comporten baixo os mesmo baremos que a todos os cidadáns. Porque é xusto cando se pretende que se respeten as normas da sociedade civil común a todos cando se ve coma se xoga a baza de “minoría respetable” para eximirse desa responsabilidade.
E aquí é onde se ve a podredume dunha parte da actual esquerda. Porque cómo pode ser que a nosa rancia pseudo-progresía considere xenofobia xulgar a todos polo mesmo baremo? Ningúen está pedindo que se renuncie á relixión ou que non se poidan construír mezquitas. O que se pide é que se lle dispense o mesmo trato que a calquera outro colectivo, isto é, que se desmarque da violencia. Que a mesma xente que se escandaliza da xenofobia dun xudeu cara un árabe xustifique logo esa xenofobia multiplicada por mil cando é á ínversa só ten un nome; hipocresía. Hainos que están tan obsesionada en non parecer xenófobos que, na práctica, están promovendo unha discriminación igual ou maior á que din querer evitar.
Unha das ideas básicas da esquerda. a igualdade, prostitúese no momento no que polos mesmos feitos dispensamos un trato desigual a dúas persoas ou grupos sociáis, chegando a extremos aberrantes coma a distinción que se fai entre xudeus e musulmáns. Exixir a un nivel mil a un xudeu e xustificar calquera aberración que se faga no nome do exótico Corán, outorgándolle patente de corso a canto veña do terceiro mundo, non é nin progresista nin de esquerdas. É ser directamente estúpido. E exixir menos a un árabe que a un caucásico non é ser soliario; é ser racista. Coma a vez que lle escoitara a un negro decir que, para saber se estaba rodeado de racistas, facía un comentario absurdo e, se os demáis asentían ou lle seguían a corrente, decatábase de que non o estaban a xulgar igual que se fora branco.
O terrorismo islámico é unha realidade imparable que cada día temos máis tráxicamente preto. Non se trata de criminalizar a todo un colectivo, senón de entender que está igual de exposto que calquera outro da sociedade a xerar bolsas de fanatismo e violencia, e que merece ser tratado do mesmo xeito. Outorgar un trato paternalista aos crentes dunha relixión, lonxe de contribuír a solucionar nada, o que único que fai é, por unha banda, aumentar o sentimento de impunidade co xa contan en gran parte de Europa os seitores reaccionarios do islam e, polo outro, condear a un maior ostracismo ás voces renovadoras, aquelas que pretenden encauzar a súa civilización na modernidade. Xente á que lle resulta sumamente frustrante que Occidente non os apoie na súa Reforma dende dentro. Ao contrario; mostrámonos pasivos ante os seitores últras e, cando o problema está desatado, intentamos arranxalo a tiros, dandolle argumentos á marea de descontentos que cada ano son reclutados para morrer e matar.
As autoridades do Reino Unido sospeitan que algúns dos terroristas de Bombai eran de orixe británica, coma tamén o eran os que perpetraron os atentados de Londres. No 11-M varios dos implicados viviron en España, onde non tiveron grandes contratempos para preparar os ataques aos trens. Ou empezamos a entender que aos musulmáns europeos hai que exixirlle o mesmo compromiso coa sociedade civil que ao demáis cidadáns ou a nosa inhibición estará axudando a incubar os ovos da serpe.
7 comentários:
Impecable post. Pódese falar máis alto pero non máis claro.
Excelente post!
Grazas a ambos.
Súmome ao parabén. Magnífico post.
Grazas igualmente.
Excelente e ben traballada reflexión. Grazas por non ter medo de pensar "en voz alta". Unha aperta.
Ao igual que ao demáis, agradézolle o seu comentario, sobre todo tendo en conta que, neste tema, as posicións adoitan a ser de branco ou negro. Apertas.
Postar um comentário