De costas a Europa
Anque o atentado de Baraxas acabou por arrebatarlle a pouca relevancia que se lle deu, coido que o feito máis relevante que este aninovo trouxo para a nosa nación foi a incorporación de Rumanía e Bulgaria á Unión Europea. A ampliación das fronteiras comunitarias non só traerá un novo equilibrio no reparto dos fondos comunitarios. Galiza, anque afastada dos grandes nucleos de inmigración do Estado, non permaencerá ó marxe dos fluxos migratorios provintes do Este.
A escasa importancia que se lle dou nos xornais galegos á incorporación de Bulgaria e Rumanía é unha mostra do escaso europeísmo da nosa sociedade. É de lamentar que durante a Era Fraga non se aproveitaron os anos dourados do proceso de construcción europea para incardinar á sociedade galega en Europa. Ó marxe dalgunha iniciativa puntual, e case sempre valdeira de contido, coma case todo o que o PP legou a este país, o feito é que os sucesivos gobernos de Fraga Iribarne non fixeron o máis mínimo por potencia-la nosa nación no ámbito da Europa comunitaria. Nin se obrigou á nosa endogámica universidade á ser máis porosa ós influxos dos centros académicos ponteiros no continente, nin se fomentou a creación dun tecido empresarial que incidise naquelo no que tivesemos vantaxe comparativa no Mercado Común. Non interesaba que houbera cidadanía, e menos cidadanía consciente do que acontece no mundo, informada. O que conviña era xente sumisa a cambio da súa ración de sopa boba, e houbo moitos que aceptaron gustosos. Moitos dos que hoxe se queixan do mal que vai todo non tiveron reparos durante anos en rapiña-lo que puideron das arcas públicas. O malo non é que sexamos pobres, ó malo é como nos aferramos á nosa miseria. A herdanza de Fraga é unha sociedade instalada ó cómodo abrigo da subvención, conservadora, que desatende o seu autogoberno e só pretende que outros a remolquen.
Hai que decilo sen panos quentes. Galiza é unha sociedade desestructurada, moi fragmentada, e onde a xente que asume a súa faceta de cidadán é moi minoritaria. Cando noutras nacións xa antes da fin do franquismo se comenzara a artellar unha incipiente sociedade civil, no noso país os ininterrumpudos mandatos de Fraga pospuxeron ese momento ata hai un par de anos. O primeiro sacrificado nesta clase de sociedades é o debate de segundo nivel, aquel que non nos afecta diariamente. Só se fala de Europa cando pon cotas á leite.
Polo pronto, o actual goberno bipartito comenza a dar pasos na dirección axeitada, e anque iso non significa que non acabe repetindo erros pasados, o certo é que se están a da probas da sensatez que tanto lle faltaron ós anteriores gobernos. Os galegos podemos vivir de costas á Europa, pero iso só servirá para que o golpe de mar nos pille desprevidos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário