17 de fev de 2007

BNG: a máscara que tapa a ignominia

O Bloque Nacionalista Galego é a maior organización política do nacionalismo galego. Para todalas persoas que nos consideramos nacionalistas e queremos aporta-lo noso gran de area ó proceso de construcción nacional de Galiza pasa por ser unha referencia inevitable. Non é cuestión de concordar ou non co discurso da fronte, coa súa praxe ou evoluír. Trátase de que é a maior ferramenta da que nos dotamo-los galegos para artellar un proceso de construcción nacional que superase a anomalía que para nós supón vernos integrados no Estado doutra nación. De feito, é que é a única que conta con capacidade de incidencia real no ámbito nacional. Por iso doe tanto ter que acabar escribindo algo coma isto. Pero levamos tempo de máis calando, e este cheiro a podre non se soluciona con ambientadores.

O feito que quero denunciar agora é a agresión máis frontal que xamáis vin dentro da fronte. Nunca, repito, nunca, pensei que a UPG se atrevese a tanto. Nin nos momentos de maior indignación supuxen que chegarían tan lonxe. A UPG ven de promove-la expulsión dun militante por pertencer a unha asociación de apoio a Israel. Por incrible que pareza, a realidade é que un militante do Bloque Nacionalista Galego está a piques de ser expulsado da organización por unha actividade que realiza na súa vida privada.

O vigués Pedro Gómez-Valadés está a ser sometido a un proceso kafkiano por se-lo presidente da recentemente creada Asociación Galega de Amizade con Israel. Que ninguén enfoque isto en función de se un está a favor ou en contra de Israel; o que aquí se plantexa é ata qué punto unha organización política, que por lei ten que ser democratica, pode admitir ou expulsar a alguén en función da súa postura sobre ese tema. Porqué non expulsar ós homosexuais? Ou ós que falan español na súa vida cotiá? Porqué deterse en quen defende unha postura minoritaria sobre o conflicto árabe-israelí?

Porque se isto sae adiante, na próxima asamblea comarcal pedirei que expulsen a Francisco Rodriguez pola súa defensa enfervorizada na última Asamblea Nacional da dictadura cubana e do rexíme teocrático iraniano. Ou é que no doble raseiro da UPG é peor un Estado democrático coma Israel, esteamos ou non dacordo coa súa política militar, que unha dictadura vitalicia coma a de Fidel Castro, ou un país gobernado polos clérigos? Ben, supoño que non haberá que chegar a ese extremo porque coido que no BNG hai liberdade de expresión. Francisco Rodriquez é moi libre de defender a quen lle pete; o único que exixo é que se dea reciprocidade.

O tema ven de atrás e polo tanto hai que por sobre a mesa tódolos elementos. Gómez-Valadés é un militante de Esquerda Nacionalista, o nucleo do socialismo democrático dentro da frente. Ademáis, este militante é membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo, así coma responsable de Lingua e Cultura no mesmo órgano. Cabe recordar aquí, como se ten feito noutro blog, que a candidatura da Alternativa, na que se integrou EN, obtivo case a metade dos votos nas eleccións ó Consello Comarcal, ameazando o dominio da UPG na comarca. É de EN e ademáis é visible. Hai que ter isto presente para poder entender a situación. Se cadra equivócome, pero dubido moito que se se tratase dun militante de base sen adscripción partidaria se tivese montado este esperpento. Non estamos discutindo se apoiamos ou non a Israel; o que discutimos é se, dentro da fronte, ímos tolerar o vale todo para represaliar enemigos políticos.

Logo de ser incluída na orde do día, e tras unha sesión de dúas horas adicadas a denigralo, onde se chegou a alegar que estaba a soldo do Mossad ou a afirmar textualmente que "defender a Israel é moito peor que pegarlle á muller" (sic), o Consello Comarcal de Vigo ven de solicitar formalmente a súa expulsión, a menos que, no prazo de quince días, abandone a asociación e se arrepinta públicamente de ter apoiado a Israel. Pasado ese prazo, se non pide perdón pola súa herexía, o seguinte paso é que o Consello Nacional ratifique a expulsión. Sen dúbida, ata ahí chegaremos. O que acontece é que no Consello Nacional a UPG non ten maioría absoluta, co que para sacar isto adiante necesita dos votos do quintanismo. Votará Quintana e os seu en contra, índa a risco de enfadar a quen o manten no poder? Ou cederán de novo, alegando calquera excusa?

Por elo, gustaríame acabar dirixíndome ó outro grupo que ostenta a día de hoxe o poder no Bloque, a ese magma heteroxéneo coñecido como "quintanismo". Levan tempo presumindo de modernos; agora é o momento de demostralo con feitos. E preguntarlles se pensan poñer un mínimo de sentido común en toda esta tolemia ou, tamén esta vez, ante este atropelo, van aparta-la mirada e xustificalo cínicamente.

20 comentários:

Julicheiro disse...

Podese ampliar esta información en Galiza Sosego (http://galiza-sosego.blogspot.com/)

Julicheiro disse...

Xa que non teño conta de Chuza!, respondo aquí ás mensaxes que se deixaron alí. E fágoo para amosala miña gratitude a Cesare, por explicar cales son os obxetivos da AGAI (que se deixe de demonizar a Israel para que poidamos discutir deste conflicto con argumentos racionais e non propaganda), que apoia TOTALMENTE a creación do Estado Palestino en canto cese o terrorismo, así coma a Calidonia, que da no clavo ó aclara-lo debate de fondo: isto é unha represalia política cunha excusa barata.

Por certo, El Uali: "(...)expulsou e roubou a terra a millóns de palestinianos". Xa me explicará vostede como, se no ano 48 só habitaban en Xudea (ata o nome de Palestina é recente!) entre 450.000 e 650.000 palestinos? Pero qué máis dan as cifras, difama que algo queda!




http://chuza.org/historia/upg-tenta-expulsar-membro-do-bng-por-pertencer-a-asociacion-pro-israeli/

Galiza ceibe disse...

Por certo, coma non son de Vigo, gostaríame saber cal foi o comportamento no consello comarcal doutros partidos e colectivos coma Inzar, Png, etc.

Julicheiro disse...

De Inzar non teño nin idea, pero do que falou en nome do PNG sí que lle podo decir que, ó comenza-la sesión fixo un breve alegato sobre a liberdade de expresión, pero cando viu como ían póndose as cousas pediu de novo a palabra para cambiar de parecer, e acabou defendendo a postura da UPG.

patriota disse...

Coido que tes unha información errada, xa que me consta que hai certo malestar na UPG en canto do posicionamento do PNG, xa que non lles gustou a postura tomada polo seu representante no Consello Comarcal de Vigo.

Julicheiro disse...

A información que publiquei douma un dos asistentes, que fixo especial fincapé na postura un tanto "veleta" do membro do PNG. Pode que as molestias se deba, non a que non apoiase as teses da U, senón a que non o fixera con énfase dabondo, ou dende o principio da asamblea. Supoño que o que a U quere é recabar apoios para levar esta purga ata o final coa maior apariencia de lexitimidade.

En fin, espero que alguén dentro da UPG lles faga entrar en razón, porque toda esta polémica non ten nin pes nin cabez. Saúdos

PATRIOTA disse...

Non o sei, eu non estou no Consello Comarcal, o que esta claro e que tamén no PNG hai xente que ten simpatías pola asociación de amizade presidida por Pedro Valadés e ainda a maiores, non creo que nengunha persoa autodenominada LIBERAL, coma se definen os do PNG, poda estar a favor da expulsión do compañeiro, independentemente da opinión que lles mereza o conflito palestino-israelí.

Julicheiro disse...

Como aponta vostede, ningunha persoa que se defina como liberal debería estar a favor de que se expulse a un compañeiro por algo que non deixa de ser un delito de opinión. O que eu escribo é o que me contaron de primeira man, non puxen nada da miña colleita; o certo é que o representate do PNG acabou pronuncíandose a favor da expulsión.

O que pode que acontecera é que el fora con intención de defende-la liberdade de opinión e, o chegar alí e ve-lo percal, se votara atrás. Pero isto é só unha conxetura, só podo falar do que pasou alí.

A min tamén me extraña que o PNG promova a expulsión dun militante por algo coma isto, máis cando hai xente dentro que simpatiza coa causa proisraelí. Espero que, finalmente, se posicione claramente en contra, que sería o congruente coa súa liña ideolóxica liberal, da cal, dito sexa de paso, simpatizo en varios aspectos.

De todos modos, se me entero de máis colgoo no blog.

El Uali disse...

É umha vergonha que um só judeu se instale na terra dos palestinos no entanto haja um só refugiado que nom pode retornar à sua Terra, só em base a prejuízos raciais e/ou religiosos. Hai hoje mais palestinianos no exílio que no seu próprio pais, a isso me referia.

Sobre cifras, pode-se ler por exemplo isto:
http://www.nodo50.org/csca/agenda05/palestina/al-nakba_16-05-05.html

E o que resulta ainda mais vergonhento é que aqui haja gente que defenda isso sem se ruborizar, e mesmo quem amossa a sua "solidariedade" com eles.

Julicheiro disse...

Boas tardes, El Uali. Agradézolle a aclaración, pero non son motivos raciais ou relixiosos, senón políticos, os que impiden a volta dos palestinos que tiveron que saír cando se creou o Estado de Israel.

Os únicos refuxiados que merecen esa condición son eses 450.000-650.000 ós que aludía no mensaxe anterior. A cifra que vostede aporta resulta de inclurír nese censo ós descendentes da poboación refuxiada, cousa que non acontece con ningún outro conflicto do mundo no que houbera desprazamentos de poboación. De feito, é ben significativo da parcialidade das Nacións Unidas o feito de que dispoña duna Alto Comisionado para os Refuxiados e, paralelamente, un Alto Comisionado para os Refuxiados Palestinos. A qué se debe esa duplicidade? Terán algo que ver o bloque formado por ducias de paises musulmáns que sistemáticamente promoven resolucións contra Israel(a última, promovida por Arabia Saudí, definida nas enciclopedias coma "Monarquía Abslouta")?

Moitas veces, ó tratar o tema dos refuxiados, omítese o dato de que, cohetaneamente ó desplazamento de poboación palestina cara o leste, un continxente de 350.000 xudeos que ata entón habitaban esas terras tivo que desprazarse cara o incipiente Estado de Israel. Qué acontecería se esas persoas tamén exixiran o seu "dereito ó retorno"? Qué acontecería se eses xudeos reclamasen as súas terras, as súas casas, todo o que deixaron atrás na súa fuxida cara o oeste?

Quixáis o máis razoable sería concedérlle-la cidadanía ós 350.000 palestinos, xa tirando polo alto. De feito, houbo unha proposta israelí neste sentido durate as negociacións de Camp David. Sen embargo, Arafat exixiu 150.000 ó ano... durante 10 anos. Bote contas.

A única solución viable para a zona é a de dous Estados para dous pobos; hai que ser un cínico para negar esta evidencia. Podemos discutir ata onde chegan as fronteiras (dende logo Israel deberá devolver parte do seu territorio, iso ninguén llo vai negar), pero supoñer que se pode por fin ó conflicto sen dous Estados, cada un cunha maioría relixiosa e cultural clara é non querer ver a única solución posible.

Por último, e vai sen acritude (ó contrario, volte cantas veces queira), pediríalle que lle votase unha ollada ó seguinte texto. É longo, pero paga a pena, posto que amosa ás claras a atitude maniquea de occidente entre uns refuxiados e outros, segundo o país que teña forzado o seu éxodo. Saúdos.

http://ruadajudiaria.com/index.php?p=544

Julicheiro disse...

Aclaración: a cifra de 350.000 refuxiados palestinos é a resultante de restárlle ós 650.000 refuxiados (contabilizando polo alto) os 350.000 xudeos que renunciaron ó seu retorno.

Os 300.000 que se forno logo do 1967 efectivamente marcharon, polo que non son refuxiados.

El Uali disse...

Falamos de mais de 800.000 palestinos expulsos das suas casas no 47-48, e de mais de 400.000 no 67, coa ocupaçom de Gaza e da Cisjordánia.

Israel é um Estado (ilegítimo) constituído em base a argumentos religiosos e/ou raciais, isto é, o suposto direito dos judeus de todo o mundo de ocupar umhas terras JÁ HABITADAS e expulsar a quem legitimamente vivia nelas.

Falamos do número de gente que foi OBRIGADA a abandonar as suas terras, as suas vivendas, A SUA VIDA, pola força das armas, algo bem pouco comparável ao judeus que se desprazárom para o nascente estado racista judeu, onde evidentemente poderiam desfrutar de todos os privilégios que desfrutam, graças ao seu novo sistema de Apartheid.

Dous estados para dous povos? E isso disse quando um "povo" (é Israel um povo?) dispom (ainda sendo minoritário em populaçom) do 70% da terra da Palestina histórica e ainda se permite ocupar militarmente o resto? Isso, e nom outra cousa, é o cinismo.

E falando de resoluçons, podes falar de todas as que Israel imcumpliu, ou melhor ainda, de todas as que os EUA (garantes da democracia no mundo, como sabemos nós, os iraquianos ou os afegaos) vetárom.

Lim há tempo esse deleznável alegato contra o direito ao retorno. Acaso nom tenhem direito a retornar ao Sahara os habitantes dos campamentos de refugiados em Tindouf? Ou só o número exacto de gente que marchou daquela? Está proibido que tenham descendência ou simplesmente devem deixá-la nos campamentos para poder voltarem? Considera-se -consideras- que já forom "substituídos" polos colonos marroquinos e nom é "preciso" o seu regresso?

É VIÁVEL o retorno de TODOS os refugiados palestinianos (mesmo dos nados no exílio, muitos deles a viver em campos de refugiados onde a vida nem é digna de tal nome) à SUA terra. Mas para isso som necessárias tanto a fim da ocupaçom como a fim da ideia de que os direitos políticos sobre os territórios se obtenhem pola força das armas e em base a supostos direitos históricos outorgados pola graça divina.

Sobre os teus perversos cálculos, resultariam apenas ridículos se nom fossem tam cruéis, se nom estivessem a justificar o que justificam e se nom fossem os mesmos que usa o terrorismo israelita para se legitimar:

-Fórom muitos mais (fundamentalmente no 47-48 e no 67) dos que citas os palestinianos expulsos das suas casas: parte deles instalarom-se de forma precária nos territórios (depois ocupados) de Gaza e Cisjordánia, e outra parte a países árabes do contorno. Em qualquer caso o hábito de rebaixar as cifras das tragédias históricas é-nos familiar, também noutros casos... Mas curiosamente o que tu fas nom é ainda delito em nengum país, que eu saiba.

-Nom é comparável (nem muito menos "compensável") o caso dos árabes expulsos co dos judeus deslocados até as seguras fronteiras das entidade sionista.

-Por que nom sumas também ao número de refugiados que "tenhem direito" a voltar um número como mínimo igual aos judeus que em todos estes anos se trasladárom desde todo o mundo até os territórios roubados? Tenhem mais direito eles a viver ali polo seu sangue ou a sua religiom que os antigos habitantes ou os seus filhos?

Julicheiro disse...

"Falamos de mais de 800.000 palestinos expulsos das suas casas no 47-48, e de mais de 400.000 no 67, coa ocupaçom de Gaza e da Cisjordánia."

Falso: Sen dúbida, tódalas guerras provocan movementos de persoas que fuxen da morte, máis no caso do que falamos, a saída dos árabes de Palestina, cando Israel, no exercicio do seu irrenuciable dereito á autodeterminación constitúe un Estado de seu, foi na maioría inducida polos Estados árabes veciños. Dada a aparente febleza do nacente Estado de Israel, os arabes fixeron chamamentos reiterados para que os habitantes árabes en Palestina abandoaran temporalmente as súas casas, para poder atacar máis cómodamente ós xudeos. Pensaban que a derrota militar de Israel era máis que previsible, e logo voltarían para expulsar definitivamente ós xudeos.

A propia declaración de independencia do Estado de Israel dí, textualmente:

EXHORTAMOS - aínda en medio da agresión sanguenta que é lanzada en contra nosa desde hai meses - aos habitantes árabes do Estado de Israel a manter a paz e participar na construción do Estado sobre baséea de plenos dereitos civís e dunha representación axeitada en todas as súas institucións provisionais e permanentes.

ESTENDEMOS a nosa man a todos os estados veciños e aos seus pobos nunha oferta de paz e boa veciñanza, e os exhortamos a establecer vínculos de cooperación e axuda mutua co pobo xudeu soberano asentado na súa terra. O Estado de Israel está disposto a realizar a súa parte no esforzo común polo progreso de todo o Medio Oriente.
http://www.blogoteca.com/israel/index.php?cod=7234

"Israel é um Estado (ilegítimo) constituído em base a argumentos religiosos e/ou raciais, isto é, o suposto direito dos judeus de todo o mundo de ocupar umhas terras JÁ HABITADAS e expulsar a quem legitimamente vivia nelas. "

Coma nacionalista, chócame que alguén cuestione o carácter nacional de Israel. Cómo podemos reclamar nós, con 13 deputados de 75, cunha esmagadora maioría de galegos e galegas que non cren que Galiza sexa unha nación, e que incluso estarían máis que conformes coa condición "rexional" de Galiza. Con que cara ímos negarlle ese dereito a un pobo que resistiu case 2000 anos de persecucións, discriminacións e asasinatos industriais? Se unha nación fica fundamentada na Terra, esa é sen dúbida Israel. Dende o ateismo confeso, a Biblia, tomada coma documento histórico, acredita e demostra a radical, e absoluta lexitimidade nacional de Israel. Negalo só é posible dende a deformación interesada da Historia. Moitas das argumentacións negadoras do carácter nacionalde Israel e dos seus dereitos coma nacion, son moi semellantes ós que Jimenez Losantos emprega cando fala do nacionalismo vasco.

"Falamos do número de gente que foi OBRIGADA a abandonar as suas terras, as suas vivendas, A SUA VIDA, pola força das armas, algo bem pouco comparável ao judeus que se desprazárom para o nascente estado racista judeu, onde evidentemente poderiam desfrutar de todos os privilégios que desfrutam, graças ao seu novo sistema de Apartheid."

Non podo dar por bóa ningunha das ideas que lanza vostede nesta frase. O apartheid é un insulto á memoria dos que sufriron o apartheid na África do Sul. Comapara-la situación dos árabes-israelíes con eles é unha vergoña; lamento ser tan contundente, pero o certo é que unha argumentación moi demagóxica. En ningún Estado árabe os cidadáns árabes teñen máis dereitos civís e democráticos ca en Israel. Se non me cre a min, cando menos escoite o que ten que dicir ó respecto un ministro árabe-israelí:

http://www.blogoteca.com/israel/index.php?cod=9410

"Dous estados para dous povos? E isso disse quando um "povo" (é Israel um povo?) dispom (ainda sendo minoritário em populaçom) do 70% da terra da Palestina histórica e ainda se permite ocupar militarmente o resto? Isso, e nom outra cousa, é o cinismo. "

Vostede esquence,non sei se interesadamente ou non, que no reparto do mandato británico en Palestina, as terras que Nacións Unidas contemplaba para o futuro Estado Palestino están ocupadas, sí, pero por Xordania, Siria, Exipto e Líbano, que aproveitaron a confusión para "move-los marcos". Digame vostede como é que, entre 1948 e 1967, que é cando Israel recupera Xerusalén no transcurso da Guerra dos Seis Días, os árabes non a declararon capital de ningún Estado? Había entón, ou hai agora, vontade de cumplir a primeira resolución das Nacións Unidas, e a que sempre se silencia ó falar deste conflicto?

"E falando de resoluçons, podes falar de todas as que Israel imcumpliu, ou melhor ainda, de todas as que os EUA (garantes da democracia no mundo, como sabemos nós, os iraquianos ou os afegaos) vetárom."

A primeira resolución que as Nacións Unidas dictaron foi a 181, que instaba ós árabes a crear un Estado do que índa a día de hoxe non hai nin sequer un esbozo. Unha vez que aclaremos esta, pasaremos a falar de tódalas resolucións que vostede queira.

"Lim há tempo esse deleznável alegato contra o direito ao retorno. Acaso nom tenhem direito a retornar ao Sahara os habitantes dos campamentos de refugiados em Tindouf? Ou só o número exacto de gente que marchou daquela? Está proibido que tenham descendência ou simplesmente devem deixá-la nos campamentos para poder voltarem? Considera-se -consideras- que já forom "substituídos" polos colonos marroquinos e nom é "preciso" o seu regresso?

É VIÁVEL o retorno de TODOS os refugiados palestinianos (mesmo dos nados no exílio, muitos deles a viver em campos de refugiados onde a vida nem é digna de tal nome) à SUA terra. Mas para isso som necessárias tanto a fim da ocupaçom como a fim da ideia de que os direitos políticos sobre os territórios se obtenhem pola força das armas e em base a supostos direitos históricos outorgados pola graça divina."

Coma dixen, noutro comentario, hai refuxiado de dúas categorías, a normal e a palestina, que inclúe non só ós refuxiados propiamente ditos, a aqueles que moraban en Palestina entre o 1946 e o 1948, senón tamén ós seus fillos, ós fillos dos seus fillos, ós fillos dos fillos dos seus fillos,... e así infinitamente.

Aquí na Galiza, cuestionamo-la galeguidde dos fillos de galegos na diáspora só porque votan ó PP, e pretendemos modificar incluso a lei porque nos parece que é un escándalo que os netos e bisnetos de galegos poidan votar. Nesta liña, recoméndolle vivamente dous ensaios:

http://ruadajudiaria.com/?p=544

http://ruadajudiaria.com/?p=543

Coido que respondín a tódalas súas dúbidas ó respecto, e agora gustaríame a min facerlle a vostede unha pregunta. Cre vostede que alguén que pensa coma min, que teño unha opinión direrente á súa, debe ser expulsado do Bloque Nacionalista Galego por ese motivo? Xa falamos de Israel un bó rato, agora gustaríame coñecer a súa opinión sobre o tema que nos ocupa. Grazas.

El Uali disse...

Vejamos a fábula do sionismo, que te reproduzes com macabra exactidom:

Os palestinianos virom-se envoltos de súbito numha guerra, que como todas as guerras som mui crueis, e decidírom (animados polos países vizinhos) marchar umha temporada para viver mais tranquilos sem o ruido das bombas. Já acabada a guerra, decidírom que estavam tam bem nos seus cámpos de refugiados de Gaza ou Cisjordánia e mesmo fora de Palestina, que optárom por nom voltar mais. Houvo alguns, que, inexplicavelmente, decidírom ainda retornar (para o qual nom tivérom nengum problema, por suposto), mas, voluntariamente, cedérom amavelmente as suas antigas terras para os judeus vindos e por vir, que por algo era a sua terra prometida.

Foi assim, nom?

Nom huvo tal "Nakba", as cifras de deslocados das que falam TODAS as fontes (mesmo as sionistas!) estám exageradas e nem hoje existe a ocupaçom, só uns cidadaos de bem que, com o seu exército, tentam defender-se como podem (com muros, controlos, assassinatos, torturas, derrubamento de vivendas) dos malvados terroristas que crem ter direito a umha terra só porque vivérom sempre nela...

Certamente, o assunto nom é para muita brincadeira. Em qualquer caso, poderias ocupar-te dumha ediçom impressa da tua fábula para difundir na Galiza (em Israel já o fam, algo assim é o que ensinam nas escolas...) Se queres algumha cita introdutória, tenho algumhas propostas para ti, todas de destacados sionistas:

"É claro que nom há sítio para os dous povos" (Joseph Weitz, 1940)

"Como vamos devolver os territórios ocupados? Nom há ninguém a quem lhos devolver. Nom há tal cousa chamada palestinianos" (Golda Meier, 1969)

"Quem quiger achegar-se à questom sionista desde umha perspectiva moral nom é sionista" (Ben Gurion, citado por Moshe Dayan)

"O destino duns quantos centos de miles de negros na pátria judia é um assunto sem maiores conseqüências" (Chaim Weizmann)


Bem, assim ficaria todo mais claro. Igual que temos claro que os nenos de Tindouf (como os que acolhem famílias galegas todos os veraos) nom som realmente sarauis, serám como máximo "argelinos" (?), e nom tenhem nengum direito a volver às terras que legitimamente ocupam os marroquinos. O mesmo, o mesminho que os nenos palestinianos. Agora a sua pátria já nom é Palestina, como muito será o campo de refugiados, onde deveriam esforçar-se por refazer a sua vida.

A ideia de que todos os judeus (de raça ou religiom) do mundo som um povo já é discutível. O que si nom tem discussom é que o direito de autodeterminaçom nom implica o direito a constituir um Estado onde se queira sem ter em conta quem vive nesse território, um Estado ademais onde só os "puros" tenhem plenos direitos civis. Isso só tem um nome, e é fascismo.

Nom achas certa contradiçom entre as cínicas palavras da Declaraçom de "independência" (de quem???) e o facto de ser-lhes confiscada a terra aos árabes? E o facto de a maioria dos árabes expulsos (para ti que marcharom voluntariamente) nom poderem volver? E que o facto de Israel apropriar-se d0 25% a maiores do território que a ONU lhe "assignara"?

O da Bíblia vou deixá-lo de lado, apenas por ver de termos um debate minimamente nacional que nom se adentre no plano esotérico.
A propósito, Losantos também defende Israel, com tanta paixom coma ti.

Sobre os direitos dos árabes (os que puderom ficar logo do 48) em Israel (muitos dos quais nem sequera existem legalmente) e outras cousas:
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=47137

Dizer o de que tenhem mais direitos que em qualquer outro Estado do mundo, quando tenhem que andar quase que co bilhete de identidade na boca todo o dia, nom tem nome. Evidentemente, o ministro esse tem de agradecer como bom mercenário a sua posiçom. Mas a quantos árabes representa?

Por certo, nos mapas das escolas de Israel aparece a Palestina completa, consideram-se os árabes dos territórios ocupados também israelitas, com os mesmos direitos?

Já que falas de Jerusalém, saberás que está também ilegalmente ocupada (na sua totalidade) e ilegalmente declarada como capital, nom? Onde estám as embaixadas?

Sobre o Estado palestiniano. Queres fazer-lhe crer a alguém que a responsabilidade de que nom exista é exclusiva dos estados árabes de arredor (que jogárom o papel que jogárom, às vezes questionável, claro é) e dos mesmos palestinianos! Mas nom de Israel, que ocupa militarmente o território desse futuro (?) Estado e o mantém convertido num enorme campo de concentraçom? Incrível.

E bom, eu acho que o tema que nos ocupa é Palestina, os crimes de Israel e como em base a umha suposta "liberdade de expressom" alguns crem-se com direito a justificar e mesmo fazer propaganda dos criminais. Por suposto, eu nom concordo com isso.

Aprovarias tu a militáncia no BNG de um propagandista nazi, ou apenas de alguém que negasse ou relativizasse o Holocausto?

Quiçá só seja questom de número de mortos... Qual é o límite?

Julicheiro disse...

Os países árabes que rodean a Israel fomentaron a emigración ata que o conflicto rematase, que eles crian que sería pronto. Outra cousa é que lles saíse mal a xogada. Qué houbera pasado de ter gañado a guerra? Viviría algún xudeo alí, ou houbérannos botado ó mar? Cres que houberan respetado os fronteiras que a ONU reservou para o Estado xudeo ou que se houberan apropiado de todo o territorio? O Estado xudeo debe retrotraerse ás fronteiras do 67, pero cres que, de ter gañado o bando árabe, hoxe sequera existiría, anque fose nun espazo mínimo?

Non querer crear o Estado Palestino (que oxalá, oxalá chegue pronto) é a mellor maneira de persevera-la sangría. Mentres se discute sobre uns "dereitos históricos", da igual que a xente morra tódolos días. "É a causa", e a causa xustifícao todo. Ata que se asetaron os sionistas a finais do século XIX, Xudea non era máis que un deserto onde só existían algúns núcleos de poboación, e no resto só había bereberes e malaria. Se nunca se tivesen asentado alí os pérfidos sionistas, quén se tivera desprazado ata alí? Lémbrolle que a prensa árabe da época, especialmente a máis progresistas, sacaba editoriais do estilo: "Recibamos cos brazos abertos ós sionistas, pois eles traerán o progreso a esta terra". Esta parte tende a omitirse; sí, houbo palestinos que abandoaron o oeste de Xudea ó comenza-la guerra, pero como é que foron alí os seus páis, cantos deles procedían de varias xeracións de asentados? Non se pode ser tan categórico.

No que fala vostede das escolas, mellor non saquemo-lo tema do que ensinan nas escolas da ANP, posto que iso sí que daría para outro debate igual de longo que este.

Paréceme incrible que alguén que defende a identidade nacional de Palestina (que é innegable, claro que o é!) dea a entender que os xudeos non son unha nación. A identidade xudea ten unha parte de relixión, outra de historia, e outra cultural. Ou é que non hai xudeos laicos, que manteñen a súa tradición sen por elo ser partícipes da vida relixiosa das sinagogas? Decir que, para ser xudeo, hai que ser practicante, é coma decir que para ser galego hai que ser cristiano, porque históricamente sempre foi así. Relixión e cultura non son o mesmo, anque se toquen. Da Biblia, coma xa dixen, extraín só un dato histórico, non dogmático, e polo tato mantéñoo polos mesmo motivos que dei antes.

Parecelle a vostede que o feito de que "tenhem que andar quase que co bilhete de identidade na boca todo o dia" é "fascismo". Ben, daquela vostede cre que os árabes israelís viven igual que os habitantes do gueto de Varsovia. Igualiño.

Xerusalém tamén podería dar para outro longo debate, coma case todos os temas que estivemos tratando. Repito: porqué non se declarou capital do Estado palestino cando puideron telo feito durante lustros? Por outra banda, tamén lle lembro que en Camp David se lle ofreceu a Arafat a metade de Xerusalén (dous barrios de catro), e o rais, coma con todo na súa vida, non adoptou unha decisión ó respecto. E que as embaixadas estean e Tel Aviv é para non incomodar ó mundo árabe, non por outra cousa.

Cando a ANP tivo vontade de construír ese Estado palestino, digamo vostede, cando? Máis ben gastaron e gastan todo o seu presuposto en intentar destruír a Israel, e en propaganda para deslexitimalo. Cando unha sóa actitude positiva para soluciona-lo conflicto, díagme unha sóa.

Pero centrareime na pregunta que lle facía, e que vostede responde cun categórico "Por suposto, eu nom concordo com isso". Daquela, haberá que expulsar tamén a Francisco Rodriguez pola súa defensa de Irán, país onde as nenas son casadas ós nove anos (e consecuentemente consumado o matrimonio!), cousa que no mundo civilizado se considera pederastia. Eu non creo que Francisco Rodríguez estea a defende-la pederastia por defender a Irán, do mesmo modo que Pedro non está a defender os asasinatos selectivos nin ningunha clase de exterminio por defender a Israel. Ambos teñen o seu espazo no Bloque, os dous.

Na asimilación Israel-nazismo e conflicto árabe-israelí - Holocuausto que fai vostede na última liña si que prefiro non entrar. É unha falacia que, por moitas veces repetida, non deixa de ser menos falsa.

Vostede e eu estamos totalmente en desacordo na nosa percepción deste conflicto. Non poderíamos discrepar máis. Pero a min nunca se me ocorrería prohibirlle falar libremente ó respecto, nin tomar contra vostede calquera clase de represalia porque a súa opinión discordante poida "intoxicar" ós demáis. Ningún dos dous está en posesión da verdade absoluta, e ninguén que se considera demócrata debería apoiar esta aberración.

Anônimo disse...

Vaia cousa. Xa había xudeos alí antes da inmigración masiva e non estaban perseguidos. Foron eles os que alentaron a chegada de mais e mais xudeos para ser suficientes para reclamar un estado e expulsar os palestinos por métodos terroristas.

El Uali disse...

Segues coa tua fábula. A "emigraçom" foi "voluntária", algo que nem se atreve a afirmar o mais falaz dos historiadores hoje em dia.

Em efeito, já havia judeus em Palestina antes da emigraçom em massa, a diferença é que nom pretendiam constituir um Estado unirracial, e os problemas vinhérom quando usando o terrorismo tentárom (e conseguírom) expulsar os árabes para poderem ter o seu estado racial e religiosamente (quase) puro, que privilegiasse por suposto os judeus.

É Israel quem reclama "direitos históricos" por motivos religiosos. É Israel (e tu) quem defende que tem mais direito a viver em Palestina qualquer pessoa do mundo que se converta ao judaísmo que os próprios palestinianos. É Israel quem impede que haja um Estado palestiniano com a sua ocupaçom, que tu legitimas.

O de Paco Rodríguez e Irám é de novo pura intoxicaçom, pois nem ele (nem ninguém do BNG) defende o regime político iraniano. Se tes provas de que si, cita a fonte.

Os acordos de Camp David eram, por muitos motivos (como a negaçom do direito ao retorno), inaceitáveis para os palestinianos. Só em base à chantagem da ocupaçom pudo ter sido negociado algo assim.



Mesmo reconhecendo que entre dentro da liberdade de expresso a apologia dos crimes de Israel (que é muito dizer), o que nom aceito é que isso seja compatível coa militáncia anti-imperialista no BNG. Isso nom.

Julicheiro disse...

Perdoe, crin que estaba ó tanto de porqué a miña alusión a Francisco Rodriguez. O susudito fixo unha defensa encendida de Irán nunha intervención na última Asamblea Nacional, diante de milleiros de militantes do BNG. Pode preguntarlle a calquera dos asistentes.

Por outra banda, tamén defendeu a ditadura cubana, que esa si que é moi lexitima (porque Fidel é "dos nosos", co que non hai de qué preocuparse). Cuba si, Irán si, Israel non. Curioso.

Pode vostede equipararme a un nazi, a Losantos, ou a Cristo Bendito, pero o certo é que na defensa do Estado de Israel coinciden persoas de moi diverso pelaxe. Eu defendo un Estado de Israel coextixtindo con un Estado Palestino, e coma xa dixen, penso que Israel debe devolver o territorio ocupado logo do 67.

No relativo ós estatutos do BNG, decir que non se prohibe apoiar a un ou outro Estado ou sociedade; o que si se recolle é o dereito á discrepancia, que xa vemos todos como se deixa exercer segundo quén sexa o que discrepe. Ó mellor é algo que ven regulado nos "estatutos de feito" que aplican os sectores dominantes dentro da organización. Anque claro está que iso dos lobbys é algo que vai contra a democracia que vostede tanto estima.

Di que nos estatutos si que se recolle o antiimperialismo, e iso lexitima unha expulsión. Voltemos pois a Irán (non queres caldo, sete tazas!). Ou é que ese Estado non está a levar a cabo unha política claramente imperialista no actual conflicto de Irak? A táctica de sufragar milicias para facerse co control dunha rexión é algo que levan anos practicando exitosamente no Líbano a través de Hezbolá (ou iso non se considera imperialismo). De todolos xeitos, se non me cre a min, pode crea a alguén ben pouco susceptible de imperialista:

http://galiza-israel.blogspot.com/2007/01/causa-persa.html

P.S: Quero remarcar unha vez máis que nunca pediría que o botasen a vostede anque chegase a xustificarme algo así. Unha fronte, por definición, é unha organización plural.

El Uali disse...

Sei o que falou Paco Rodríguez (polo que nom tenho especial simpatia, por se che interessa) e nom foi para nada isso que dis. Fijo umha referência a Irám, mas nem sequer para defender essa naçom, só para referir-se à política em matéria internacional do BNG, que era (supostamente) valorada positivamente por países como Irám. Nada que ver co que tu dis.
Desde aquela vim que muitos, a falha de argumentos para defenderem Israel, recorrem pronto ao "e tu mais" sacando o tema de Irám de forma tergiversada.

O mesmo dixo de Cuba, em todo caso este si que é um país que o BNG sempre defendeu, um exemplo de dignidade e defesa da Soberania Nacional único no mundo, um referente e um espelho no que devem mirar-se todos os povos que loitam.
Tristemente, a propaganda do sistema contra um país mui incómodo fai muito mal, também nas nossas fileiras. Mas nom é este o tema.
Em todo caso, a diferença entre Israel e Cuba é evidente. Além de questons sociais ou económicas, Israel é um país imperialista que oprime e ocupa militarmente um povo, e som os seus aliados os que ameaçam a umha outra naçom, como a cubana, que confronta precisamente o imperialismo desde hai quase 50 anos.

Ao território de antes do 67? Isso seria outorgar-lhe aos judéus mais do 70% da palestina histórica, ainda sendo menos em número, nom? Em todo caso, o que é óbvio é que seja qual for a soluçom ao problema, todas estám bloqueadas por Israel, a sua ocupaçom, a sua política criminal, o seu muro, os seus controlos, assassinatos "selectivos", destruiçons de miles de vivendas cada ano... convertendo umha naçom enteira num enorme campo de concentraçom. Esse é o problema. Por isso é nojento que alguém pense que o opressor merece toda a sua "solidariedade".

Volvendo a Irám, por suposto que é mui criticável a sua política, já nom tanto no caso iraquiano, que é mui complexo (tu só repetes a propaganda dos EUA) mas si por exemplo com os curdos. Em todo caso, citache o Líbano, e postos a comparar, pareces esquecer que Israel vem de bombardar esse país causando miles de mortos.

TODOS os povos agredidos merecem a nossa solidariedade. Os agressores, o nosso despreço.

Julicheiro disse...

Xa tardaba en comparame cos americanos! Ben, e a ultima vez que respondo, non porque me caia vostede mal, senon porque a conversa xa entrou, por parte dambos, no bucle que vostede di de Y tu mas!

Francisco Rodriguez, que o pobre deben de estar pitandolle os oidos, dixo que Iran era parte da humanidade consciente. Ou sexa, que hai unha inconsciente, que debe ser a que me inclue a min. Pois case que elixo esta inconsciencia, e non a que ese senhor elixa para min.

Esta claro que Israel e o malo malisimo que so quere matar mais nenos palestinos para aproveitar as suas visceras para algunha receita caseira, que e o que lle faltou por decir. Polo tanto, non ten sentido seguir discutindo, porque mais ala de aclarar certos termos, coma o principio desta discusion, agora xa pasamos esa fase, e estamos na de repetilas bondades do bando co que simpatizamos. E iso xa non e discutible. Iso e opinion. Concretamente, a opinion que se lle esta vetando a un companheiro.

Por iso so me queda decirlle que volva por aqui cando queira, que foi un pracer dictutir disto con vostede, pero que xa que non imos chegar a ningun lado o mellor e despedirse exactamente agora. Abur

P.S. Non e que o meu asqueroso prosionismo me volvera ademais analfabeto. A falta de tiles e doutros signos de puntuacion debese a que escribo dende un teclado, cando menos, un tanto extra;o.