Israel coma coartada
O outro día decía que todo este proceso está deixando ó aire as miserias crónicas do BNG. Hoxe vou dar un paso máis: tamén están quedando ó aire as vergoñas de gran parte da esquerda, os monstros que temos gardados baixo chave. E digo que temos, non porque eu crea que os teño (sen dúbida terei outros, que se cadra nin os vexo), senón porque, maila todo, síntome parte dese sector social que se identifica co xeneralista térmo “de esquerdas”. Ou esa é a miña impresión, anque moitos non dubidarían en negarme o abrigo baixo ese epígrafe. Houbo un tempo no que me importou, agora xa non. Se algúen quere apropiarse para sí o calificativo, establecendo sucesivos círculos concéntricos de pureza e redención, que o faga.
Precisamente porque quero que esta visión do mundo triunfe é polo que creo que hai que desenredala dos aspectos que lastran o seu avance, deixando, mentres tanto, vía libre ós cartos coma único referente real. É, dende esa intención, polo que quero decir que moitas veces, nós, a esquerda, non comprendemos o mundo novo, e achacámoslle defectos á realidade no canto de cambiar os lentes cos que a vemos. Agora, que as férrea distinción de clases que, noutro tempo, alentou os soños da revolución, foi reventada polo capitalismo, dando paso a un crisol de “clases”, que non son clases porque non son estancas, que non se guían por criterios de xustiza pero tampouco de orixe nin de sumisión, senón de fortuna e azar, nós seguimos vendo o mudo coas vellas gafas que Marx e Hegel fabricaron para o proletariado.
Agora que no noso horizonte non hai máis revolucións que as que nos depare a tecnoloxía, miramos con pena cara un futuro que cada vez queda máis atrás, progresivamente desmantelado, folclorizado, para vergoña nosa, que tanto o agardamos. E, con outra xente, ou na soidade dos vellos libros editados por Akal, comprobamos de novo coma o mundo que nós (e nalgúns casos, xa os nosos pais) tanto quixemos, non chega conforme o previsto. Ó contrario que ós adolescentes, non queremos nin oir falar de derrota; a pose marxinal só divirte a quen índa non sabe que isto vai en serio.
Un dos Novos motivos polos que os poetas minten que nos dou Enzenzberger foi:
“Porque por boca da clase obreira
nunca oirede-la palabra clase obreira”
No momento en que tomamos conciencia de ser algo, nese preciso instante comenzamos a ser outro. Porque non podemos observarnos e desenrolanrnos ó mesmo tempo, cando reparamos no espello xa é outro o que mira. Unha ollada periódica a ese espello pode axudar a facer pequenos axustes na traxectoria, pero a brúxula segue estando dentro nosa. Unha ollada constante e estaremos perdidos, alienados; isto é, asumiremos os valores do outro, do que mira.
Hai quen índa sacude aquelas bandeiras e nos chama traidores. Non. Traidores eles por enarborar ós mortos coma se índa puidesen guiarnos. Eles son os reconstruídos, os que se crean a base de mirar o que foron, os ladróns de tumbas do seu propio pasado. Os que elexiron outro camiño, o camiño de volta.
A esquerda clásica, que na Galiza de hoxe é a dos anos 70, repite a vision do mundo tal e coma o deixou a última vez que fixo unha análise honesta. Xunto a ela, cada vez máis voces insinúan, e ata ás veces berran, que mentres esteamos neste mundo, deberíamos asumir a dor da lucidez coma o prezo a pagar por afronta-la modernidade coma un desafío ético. Non pode pedírselle a ninguén que deixe de ser un mismo, sobre todo cando os anos van pasando e deixan tras de sí o severo peso da rutina, pero si que se pode e se debe pedir que a ollada non se atrofie, que se exercite de cando en vez, que se cuestionen os dogmas con auténtico afán de sorprendernos.
Nos anos 70, o futuro e a felicidade da humanidade pasaba por Cuba. Hoxe, caídos todolos referentes reais que había, podemos finxir que non pasou nada, e seguir sacando á rúa as bandeiras que se amaban, ou recobrar ese desexo, e plasmar esa materia noutras formas. Así, podemos pararnos a enteder a aquela parte da sociedade israelí que quixo consturír un futuro mellor e nós aillamos, obrigándoa a dárlle a razón ós máis rudos da súa nación. Ser de esquerdas, hoxe coma sempre, non é máis que comprometerse co progreso, a liberdade, e a xustiza social, máis alá das formas ou ideoloxías que se adopten en cada época. Quenes de verdade queiran ser útiles á súa Terra e ó seu Tempo, farían ben en preguntarse qué se supon que aportan os que, coma o detective Carvalho, se limita a berrar dende a popa do barco:
Fillos de puta!
... ás lonxanas luces dos rañaceos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário