Pintan bastos
O pasado martes, a Executiva Nacional do BNG adoptou unha decisión ambigua que, de entrada, non implica que Pedro Gómez-Valadés vaia a ser expulsado da fronte. Digo ambigua porque, nos termos nos que se tomou o acordo, máis que unha rectificación clara do erro que se estaba a cometer ou, cando menos, un disimulado deixalo pasar, a Executiva decidiu recomendar ó Consello Comarcal de Vigo que non tome medidas contra o militante mentres que éste non vincule á AGAI co BNG. O que acontece é que el xa nunca vinculou ás dúas organizacións; foi a prensa a que se fixo eco da súa militancia nacionalista durante a presentación da asociación, ata o ponto de que nalgúns medios se incidiu nese aspecto coma unha rareza no actual espectro político.
“Vincular ó BNG coa AGAI”. E coma pode non vincula-las, acaso prohibíndolle ós xornalistas que escriban o que lles pete? Tal e coma eu o vexo, o que se está a facer é pospoñe-la súa expulsión ata despóis das eleccións municipais. Calquera vez que volva a aparecer nun acto público coma presidente da asociación, os medios de comunicación sinalarán de novo a organización política á que pertence. Polo tanto, calquera vez que apareza algunha noticia sobre a asociación, o Consello Comarcal pode determinar ó seu arbitrio que esa é a gota que colma o vaso. Cando lles pete, ou sexa, logo das municipais. Moi hábil.
De todolos xeitos, índa estamos a tempo de meter incluso máis a pata, posto que esta tarde vaise decidir en Vigo se o Consello segue ou non a recomendación da Executiva Nacional. Co cal os escenarios son (esta noite sairemos de dúbidas):
a) Botalo agora e ir tocados ás municipais.
b) Botalo despois e pospoñe-lo chaparrón.
c) Non expulsalo, pero sen deixar pasa-la ocación de recriminárlle-la súa conduta.
Calquera que sexa o desenlace desta truculenta historia, o BNG xa está tocado. Tocado perante a cidadanía, á que lle volvemos a amosar ás claras o nucleo duro das nosas vergoñas. Pero sobre todo tocado cara nós, cara os que estamos dentro. Pouca confianza merece unha organización á que se lle enche a boca coa palabra pluralidade e logo non é quen de levala mínimamente á práctica.
Un erro histórico do Bloque Nacionalista Galego (se cadra de todo o nacionalismo galego) é que sempre tivemos unha atitude paternalista coa sociedade, á que acusamos de pasiva, de inconsciente, de demasiado apegada ós intereses inmediatos. Nós sempre tivemos ben claro, xa non o que era bó para nós, senón o que era bó para os demáis. Quen vai saber mellor ca nós qué é bó para o resto da xente?
E así seguimos, sen decatarnos de que, se ben noutro tempo en parte foi así, cunha poboación dispersa e desinformada, hoxe en día a sociedade cambiou moito. Hoxe somos nós os que temos que aprender dela, os que nos temos que deixar imbuír do éspírito dos tempos. A decisión de expulsar a un militante dunha organización que se concibeu, xa non coma un partido político, senón coma a verdadeira institución de autogoberno da nosa nación (dahí que haxa partido de diferentes ideologías, correntes, militantes independentes: en suma, o reflexo da pluralidade de Galiza), só se entende dende a óptica dos que cren que os demáis son demasiado inconsciente coma para decidir por si mesmos. É mellor prohibirlle unha opción que nos sabemos que é errada a permitir que haxa quen, no exercicio da súa perversa liberdade, elixa a opción equivocada. Non vaia ser que, inconscientes de nós, acabemos sendo todos sionistas. Ou homosexuais. Ou friquis. Non vaia ser que nos deviemos do unico nacionalismo verdadeiro; o seu.
Esta visto que todos somos iguais, pero uns son máis iguais ca outros.
Nenhum comentário:
Postar um comentário