27 de jul. de 2008

Primeiras impresións de "Oh, Xerusalen"

Onte á noite estiven vendo Oh, Xerusalén, a película sobre o nacemento do Estado de Israel basada na novela de Dominique Lapierre e Larry Collins, e tiven a mesma sensación que cando fun cunha amiga tolkieniana ata o extremo a ver O señor dos anéis; por bóa que sexa, voulle a estar sacando defectos todo o tempo. De todos modos, coma é lóxico, en pouco máis de hora e media, pouco che poden contar sobre un dos periodos máis convulsos do século pasado, os meses que precederon e seguiron á Partición de Palestina e á Declaración de Independencia de Israel. Con estas limitacións, é forzoso que se omitan feitos, ou que apenas se mencionen outros de gran relevancia.

A accion comenza en Nova Iorque, cando o mozo xudeu Bobby Goldman, coñece a un árabe de Xerusalén, Saïd Chahine, que se atopa estudando nos EUA. Toda a película xira en torno a estes dous amigos, obrigados polos acontecementos a loitar en bandos enfrontados. O telón de fondo dese encontro é un parte radiofónico no que informan do atentado no Hotel Rei David. A raíz dese encontro fórxase unha amizade que discurre paralela aos preparativos á Partición, ata que pouco antes de que se produza a votación ambos viaxan a Xerusalén.

Neste punto prodúcese o que, na miña opinión, mellor reflicte a película: a miserable inhibición das autoridades do Reino Unido. Eles sabían que era cuestión de semanas, de meses coma moito, que as tropas árabes botaran aos xudeus ao mar, e maila todo optaron por permanecer ao marxe, ao tempo que perseguían á inmigración xudía. Xente que viña dos campos.

Hai unha escea, logo da votación nas Nación Unidas, na que unha turba árabe percorre a cidade para expulsar dela aos xudeus, e ao chegar a un control con tropas coloniáis, un grupo de xudeus charlan distraídos ao outro lado, confiados en que lles impedirán continuár. Os soldados preguntan qué deben facer e o oficial ao cargo responde: deixádeos pasar. Dahí en diante, o Terror.

A película procura reflectir ruindades dun bando ou outro, se ben deixa en peor lugar, na miña opinión, aos sionistas que aos árabes. Se dos primeiros resalta a súa determinación e a abrumadora inferioridade numérica e militar, tanto no que a número de armas coma á nula formación militar da práctica totalidade dos combatentes (só as milicias paramilitare da Haganá e do Irgún constituían a excepción), tamén é nos feitos históricos que en peor lugar deixan ás tropas aínda irregulares de Israel nos que máis se ceba.

Por exemplo, nos aínda hoxe polémicos feitos de Deir Yassin reflicte con toda crudeza de detalles a versión árabe (matanza indiscriminada) e non a sionista (cruenta batalla contra tropas iraquíes destacadas no pobo, distorsionada pola propaganda árabe para animar aos seu a combatir, e que tivo o efeito contrario; moitos fuxiron); lean ambas e comparen. De feito, o malo malísimo da película é o lider do Irgún, frío e sádico (no bando árabe non hai persoaxes así), co que se aprobeita para trazar un antagonismo entre os bós, a Haganá, e os malos, o Irgún. Non é que non teña a miña opinión sobre cada milicia, pero o xeito no que os contrapoñen paréceme unha simplificación máis que forzada.

Asi mesmo, apenas se alude á constante violencia árabe contra os xudeus, que foi un dos factores a ter en conta á hora de decretar a Partición, e que se viña producindo dende moitos anos antes. Sen explicar feitos coma a matanza de Hebrón (case vinte anos atrás) a reivindicación da llixuv de contar con órganos de autogoberno e defensa case parece un capricho identitario, e non unha necesidade urxente de protecion. Pode que nisto sexa no que máis coxea a película.

A presenza entre os combatentes sionistas de supervivintes dos campos resúmese no persoaxe de Hadassah, que a través da súa truculenta historia deixa entrever os horrores dos campos. De todos modos, a traxedia do xudaísmo en Europa non é o tema desta película.

En conclusión, o resultado queda algo descompensado e escaso nalguns aspectos, pero en xustiza hai que admitir que a ambición de reflectir esos feitos históricos é tan desmesurada que resulta moi difícil amosar todo en tan pouco tempo. Así pois, é unha película que está ben, e mesmo llela recomendaría tanto a quen xa teña algo de idea sobre os acontecementos históricos coma a quén queira comenzar a telos, se ben xa digo que a idealización dos persoaxes, sobre todo no bando árabe, lle resta fidelidade histórica.



Trailer da película.

2 comentários:

Colectivo GZ-Israel disse...

Tes que ler o libro. Porque reducir ás súas 600 páxinas non debeu ser fácil para o director da versión cinematográfica. Eu tiven a fortuna de que a miña lectura de "Oh Jerusalen" foi aló polo xa lonxano 1980... tiña eu sen dúbida máis pelo... e agora puiden ver a película sen comparala co orixinal. A min a película gustoume. E por certo, falando de cine, se non a viches, recoméndoche "La sombra de un gigante" que xunto con "Exodo" e a devandita "Oh Jerusalen" ven poden verse coma unha triloxía non oficiosa claro.

J. disse...

Pois outro libro para a lista, lo. De "La sombra de un gigante" nunca oíra falar, pero xa a puxen a descargar no Ares; non me imaxinaba que houbera unha película sobre a Guerra de Independencia con John Wayne.

Grazas pola recomendación.