O xornal Ha´aretz publicou o xoves e o venres unhas supostas declaracións de seis soldados das IDF, así coma un editorial e un artigo de opinión baixo a etiqueta de análise, nas que se pon en tela de xuízo a actuación do seu exército na recente operación militar Chumbo Fundido/Sólido. O xornal denuncia o comportamento das tropas durante dita ofensiva, ó tempo que despreza os mecanismos de autorregulación do exército coma inoperativos.
As declaracións están a levantar escándalo, e gustaríame aludir a elas en varios puntos:
1) Hai que diferenciar ataques intencionais de erros macabros, coma o que recolle o xornal:
"Había unha casa cunha familia dentro... puxémolos nunha habitación. Despóis deixamos a casa e outro pelotón entrou, e poucos días despois houbo unha orde de liberar á familia. Eles ubicaran francotiradores arriba. O comandante do pelotón deixou marchar á familia e díxolles que foran pola dereita. Unha nai e os seus dous fillos non entenderon e foron pola esquerda, pero esquencéronse de decirlle ó francotirador do tellado que eles os deixaran marchar, e estaba listo, e el debía abrir fogo e... fíxoo o que se supuña que tiña que facer, coma que estaba seguindo ordes".
A escena é atroz, máis non por iso deixa de ser un erro, por tráxicas que sexan as súas consecuencias. Durante unha guerra é habitual que acontecan descoordinacións coma ésta, e non por iso houbo intención de ferir a persoas que non representaban unha ameaza para as tropas. De trece baixas israelíes durante a guerra, catro fórono por fogo amigo, e tampouco neste caso había intencionalidade á hora de matar soldados propios.
2) Outro dos supostos que relata é o caso dun imoble no que se entrou abatindo ós que se atopaban no interior conforme se avanzaban polas habitacións. Entendo que a imaxe é forte, pero cómo cren os xornalistas que se fai nunha guerra? Petas amablemente na porta e preguntas, se non é molestia, se hai terroristas islámicos dentro? Cando se vai a bombardar un edificio, avísase con tempo para desaloxar, cando se detectan civís nunha área, as operacións pospóñense na medida do posible, pero cando se entre nun edificio que é obxetivo militar non se lle da tempo ós enemigos a reaccionar. Entras e abátelos, así funcionan as cousas na guerra. Nesta, e en todas.
3) O
vandalismo. Isto si que é preocupante.
El País recolle que se destrozaron vivendas, fixeron pintadas xenófobas, e en xeral procedeuse a unha serie de accions humillantes para os propietarios dos inmobles. Eu son partidario de recurrir á violencia cando está xustificado, pero a crueldade, por definición, é sempre supérflua. Os oficiais a cargo dos pelotóns deberían estar atentos a que esta clase de feitos non se producisen nunca e, en caso de producirse, depurar responsabilidades.
4) A presenza crecente de relixiosos nas IDF. Esta información apareceu en varios medios, a xeito de explicación. Isto non é unha crítica; é un prexuízo. Non teño datos (dubido que os teñan os propios xornalistas) que avalen que que cada vez hai máis observantes entre os militares, pero en todo caso esa situación se debería a que os seitores do sionismo laico foron deixando de lado a tarefa da defensa nacional. Gustaríame saber se as clases media-altas, da esquerda á centro-dereita, seguen a mandar ós seus fillos a misións de perigosidade extrema, coma si acontece cos sionistas de dereitas, nomeadamente os sionistas da dereita relixiosa. E isto pódese enlazar co que pasou nas eleccións; á hora da verdade, a xente vota a quen si vai a dar a cara polo país. Se o sionismo laico e laborista caeu a onde está débese sobre todo á progresiva desvinculación desa xente co proxecto sionista, nomeadamente no campo da defensa. Por poñer un símil; se os membros dun partido político que defende o ensino público mandan logo ós seus fillos a escolas de pago, qué credibilidade esperan ter?
Creo que esta clase de investigacións internas tendentes a depurar responsabilidades son algo saudable e que deberan prosperar. Entendo que nunha guerra é imposible porse escrupulosos, pero se houbo accións de crueldade gratuíta, estas deberán identificarse, represaliar a quen as levou a cabo e a quen as autorizou, e tomar as medidas tendentes para que non se repita.
Sei que a prensa e a sociedade europea lle-lo piden a Israel porque é Israel, e con ningún outro país do mundo se ían a molestar sequera en informarse. Seino de sobra. Pero a grandeza de Israel está en que non se move en función do que berremos os europeos, senón por criterios de racionabilidade. E para preservar esa altura moral, é necesario que se adopten as medidas de autorregulación pertinentes.
[Máis: entradas no blogue sobre Gaza; galería de fotos en Time (na sexta imaxe alude á escola que posteriormente a ONU admitiu que non fora bombardeada)]