24 de fev. de 2007

O que se mova non sae na foto

Unha das consecuencias desta última purga da Unión do Pobo Galego é que está deixando ó aire as miserias crónicas do Bloque Nacionalista Galego. Pensabao o outro día, cando lin un comentario nun post anterior, deixado por alguén co alcume “Patriota”, que incidía en que o Partido Nacionalista Galego, autodefinido ideoloxicamente coma liberal, non debería concordar con este proceso. E sen embargo, o seu representante no Consello Comarcal de Vigo non actuou na liña ideolóxica que o seu partido propugna, senón que se cadrou ante a UPG e defendeu unha postura, xa non desviada do seu ideario, senón abertamente oposta. Parece ser que estar no Bloque fomenta o contorsionismo. Non me sinto con forzas para culpalo; non é nada que os demáis partidos non teñamos feito.

É o medo, o medo de sempre a ser purgado cando deixas de serlles útil, cando cuestionas os seus métodos ou os seus obxetivos. Ese medo xúntase con outro, un medo que medra canto máis alto estás no escalafón: o medo a non saír na foto. Este teñoo visto moito, incluso dentro do meu partido. O primeiro é case parte consustancial á militancia non alienada; segundo pasan os anos, renóvanse a xente, pero a situación perdura, é faino coma un aura que rodea todo canto fagas. Sabes que terás unha lupa enriba túa, agardando o momento no que te desvíes para ensinarche, con maior ou menor educación, onde queda a porta de saída. Comprendo o primeiro, e detesto o segundo.

Tamén está a inconsciencia, que non debe ser infravalorada. A inconciencia dun nucleo duro totalmente alleo á realidade, por gusto ou por incapacidade, pero lonxe de calquera atisbo de vinculación coa sociedade e o tempo que lle tocou vivir. A mesma inconciencia que lles fai crer que expulsar a un militante por diferencias de opìnión, escudándose nunha excusa irrisoria que non engana a ningúen, excepto ós fanáticos do pensamento único e a exclusión do diferente, non terá coste político, ou o terá tan baixo que compensará de todolos modos seguir con isto ata o final.

O que esa xente non entende (esperemos que ese día chegue pronto) é que a quen danan non é tanto ó miliante en cuestión, senón á imaxe do Bloque Nacionalista Galego. A militancia do Bloque, adurmiñada por unha cúpula que actúa paternalistamente con ela, facéndolles crer que a discrepancia é disidencia (ou directamente traición), pode chegar ó convencemento de que é xusto que Pedro Gómez-Valadés sexa expulsado da organización. Porque non é coma nós, porque non é bó ter preto a alguén que pensa distinto a coma pensamos nós, ou porque alguén que defende que Israel debe existir non pode ser bóa persoa, e nós temos ben claro que somolos mellores do mundo. Hai mil motivos, ningún deles recollido nos estatutos.

Da igual que estexa disposto a traballar en calquera área, xa sexa a cultura, a lingua, a pesca ou o desenvolvemento sostible; é diferente, e non pode estar connosco. É dramático que a UPG pense e actúe así, máis o realmente tremendo é ver coma o groso da militancia se debate entre a abulia e o seguidismo, e non é quén de expresa-la súa oposición a unha decisión arbitraria contra unha persoa que, ata o dagora, foi exemplar no cumplimento das tarefas que a organización lle encomendou.

Alguén dentro da U será conscinente do que están a desencadear, das consecuencias que isto pode traer? Alguén deles terá a suficiente lucidez coma para intuír que este proceso antisemita na Europa do 2007 é unha anomalía histórica que quedará adherida á pel do Bloque mentres esta organización siga existindo? O BNG non é unha organización marxinal, senón que se atopa cogobernando unha comunidade autónoma do Estado español na Europa de hoxe en día. Alguén se plantexou qué impresión vai levar a xente fora? Ou non levan anos sofocando debates coa excusa de que”é malo para a imaxe do Bloque”? Porque, daquela, que algún me explique qué se supón que ten isto de beneficioso.

Se no próximo Consello Comarcal deciden finalmente expulsalo, o seguinte paso é o Consello Nacional, onde non abondan os votos da U. E alí onde pode que vexamos o segundo dos medos dos que falaba antes: o medo a non saír na foto. O medo, en suma, a disgustar á Komintern. Cando Anxo Quintana e o seu ámbito de influencia teñan na súa man a decisión, todos e cada un de nós teremos ocasión de ver de qué está feito o novo grupo dirixente dentro do BNG, se está disposto a seguir unha ruta propia ou actuará con cobardía, seguindo os postulados que previamente lle dicten os coroneis.

Non concordo con moitas da cousas que fai Quintana, e non votei por el na última AN, pero non por iso sinto animadversión persoal contra el, nin por elo deixo de comprender moitos dos obstáculos cos que se atopa, día a día, para facer política dende a súa posición. Quero dicir que entendo que en política (coma en case todo na vida) non hai bós e malos, senón persoas que buscan o seu espazo. Todos buscamos aire dentro do BNG, e iso ás veces fainos golpear co cóbado o abdomen do do lado. Pero esto non é unha das mesquindades cotiás da política, outra mostra da cortedade de miras coa que, ás veces, actuamos dentro do BNG, xa sexamos de EN, do PNG, da UPG ou de quen sexa. Isto ten outra dimensión, anque non todos acaben de comprendelo.

É o momento de demostrar de qué está feito cada un, de decidir se estamos dispostos a denuciar ben alto este atropelo ou se, por medo a non saír na foto, imos quedar, para vergoña nosa e do BNG, calados coma putas.

22 de fev. de 2007

A alongada man de Antón Losada

É a bomba mediática do momento. Nos foros, nos blogs, e na prensa. Todo o mundo se fai eco. ¿Todo? Todo non. Parece que hai medios que non se enteraron todavía.

20 de fev. de 2007

Os de esquerdas non podemos defender a Israel?

Antes que nada aviso: no caso do presidente da AGAI, o seu intento de expulsión é unha purga por motivos políticos, e o seu proisraelismo non deixa de ser unha excusa. Inda así, coma un dos argumentos que vin por ahí é que un nacionalista de esquerdas non pode defender a Israel, creo que paga a pena falar un pouco ó respecto.

A pouco que un comence a discutir sobre o conflicto árabe-israelí, o que probablemente aconteza é que o interlocutor, teña ou non idea do que fala, acabe por botárlle a culpa de todo ó Estado de Israel, cando non directamente ó pobo xudeo, sen reparar sequera na poboación árabe, drusa ou cristiana que tamén forma parte da cidadanía de Israel.

E non pasa isto nin unha vez nin dúas, senón que é a atitude xeralizada do común da sociedade. Sen embargo, segue pervivindo o cliché de que apoiar acríticamente a Palestina é algo "subersivo", "alternativo". Algo que se sabe anque eles traten de manipularnos. Na mellor tradición das teorías consparanoicas, a análise sosegada dos feitos queda desprazada por unha manchea de conxeturas e prexuízos que sepultan calquer atisbo de racionalidade. Non falo de non criticar a Israel; falo de facelo con coñecemento de causa, para saber qué se lle pode imputar e qué non.

Porque neste conflicto hai dúas partes (a israelí e a ábare), pero cando a violencia ven do bando árabe (e ahí entra no mesmo saco o palestino deseperado que se suicida levándose a quince por diante, que o comando de Hezbolá), a responsabilidad xamáis recae nos autores. Sempre se reconduce, dun xeito ou outro, ó pecado orixinal da ocupación israelí. Ou é que, logo de sesenta anos de conflicto, os palestinos non teñen ningunha responsabilidade en que a situación non se solucionase? Moito se ten falado do territorio ocupado por Israel pero, qué pasaría se mañá mesmo Israel abandoase os territorios ocupados? Acaso non o aproveitarían os árabes para atacar dende máis preto, coma fixeron este verán dende o sur do Líbano logo de que se retirase dalí o exército de Israel? Tendo en conta que nin Hamás nin Hezbolá recoñeceron índa o Estado de Israel, penso que non caben moitas dúbidas do que farían se puidesen acercarse índa máis ós núcleos de poboación. No nome do pacifismo, se cadra, estase dando cobertura a unha barbarie maior. Ninguén nega o sufremento do pobo palestino, as condicións terribles nas que vive. O que está en liza é de quén é a responsabilidade de que esta traxedia cotiá se manteña, e sen visos de solucionarse.

Por mal que lles pese ós amantes do pensamento simple, neste mundo non hai case nunca bós e malos. Case sempre, a responsabilidade é compartida, e asumi-la parte de culpa que cada un ten nos feitos nos que se involucra é requisito indispensable para comprendelo, e buscar unha solución factible. Lamentablemente, estos días de caza de meigas acabamos todos en posicionamento extremos, o cal dificulta índa máis o entendemento. E incluso xenera situacións (como calificalas?), cando menos algo extrañas.

Como mostra, un botón: decía que levo todo o día lendo na rede que unha persoa nacionalista e de esquerdas non pode defender a Israel. "Por coherencia", din aqueles que nunca a tiveron, ós que se lle enche a boca coa palabra liberdade e despois defenden a Fidel. En fin, un está afeito a esta clase de incongruencias presentadas coma verdades absolutas por adictos a un dogma. Alá eles. O problema non é que determinada xente sexa máis ou menos fanática. O problema ven cando eses fanáticos teñen influencia dabondo coma para adoptar unha decisión que che afecta directamente. A unha persoa que elixeu libremente militar no nacionalismo, que está traballando día a día na causa da construcción nacional, están a punto de bota-lo do BNG por entender que é incompatible ser nacionalista, de esquerdas e apoiar a Israel. Se cadra, o que sí é incompatible é ser dunha certa esquerda e apoiar a Israel.

En países onde a sociedade é máis aberta, onde a cidadanía conforma unha rede máis interactiva e a esquerda que se plantexa é unha esquerda acorde cos tempos, coma é a sociedade catalana, podemos atopar algún exemplo do que estou a falar. Alí é posible oir cousas como esta:

"Comprender a Israel non implica necesariamente estar de acordo coas decisións do Goberno do Estado de Israel, senón aproximarse á realidade do pobo xudeu e ao conflito árabe-israelí con toda a súa complexidade, sen prexuízos preestablecidos e con espírito crítico, sen dar por boas as distincións simplistas (palestinos bos, xudeus malos)."

Esto escribiuno o xurista Jaume Renyer i Alimbau, presidente do Forum Català pel Dret a l’Autodeterminació e ex-deputado por Esquerra Republicana de Catalunya.

O texto íntegro podese atopar aquí.

17 de fev. de 2007

BNG: a máscara que tapa a ignominia

O Bloque Nacionalista Galego é a maior organización política do nacionalismo galego. Para todalas persoas que nos consideramos nacionalistas e queremos aporta-lo noso gran de area ó proceso de construcción nacional de Galiza pasa por ser unha referencia inevitable. Non é cuestión de concordar ou non co discurso da fronte, coa súa praxe ou evoluír. Trátase de que é a maior ferramenta da que nos dotamo-los galegos para artellar un proceso de construcción nacional que superase a anomalía que para nós supón vernos integrados no Estado doutra nación. De feito, é que é a única que conta con capacidade de incidencia real no ámbito nacional. Por iso doe tanto ter que acabar escribindo algo coma isto. Pero levamos tempo de máis calando, e este cheiro a podre non se soluciona con ambientadores.

O feito que quero denunciar agora é a agresión máis frontal que xamáis vin dentro da fronte. Nunca, repito, nunca, pensei que a UPG se atrevese a tanto. Nin nos momentos de maior indignación supuxen que chegarían tan lonxe. A UPG ven de promove-la expulsión dun militante por pertencer a unha asociación de apoio a Israel. Por incrible que pareza, a realidade é que un militante do Bloque Nacionalista Galego está a piques de ser expulsado da organización por unha actividade que realiza na súa vida privada.

O vigués Pedro Gómez-Valadés está a ser sometido a un proceso kafkiano por se-lo presidente da recentemente creada Asociación Galega de Amizade con Israel. Que ninguén enfoque isto en función de se un está a favor ou en contra de Israel; o que aquí se plantexa é ata qué punto unha organización política, que por lei ten que ser democratica, pode admitir ou expulsar a alguén en función da súa postura sobre ese tema. Porqué non expulsar ós homosexuais? Ou ós que falan español na súa vida cotiá? Porqué deterse en quen defende unha postura minoritaria sobre o conflicto árabe-israelí?

Porque se isto sae adiante, na próxima asamblea comarcal pedirei que expulsen a Francisco Rodriguez pola súa defensa enfervorizada na última Asamblea Nacional da dictadura cubana e do rexíme teocrático iraniano. Ou é que no doble raseiro da UPG é peor un Estado democrático coma Israel, esteamos ou non dacordo coa súa política militar, que unha dictadura vitalicia coma a de Fidel Castro, ou un país gobernado polos clérigos? Ben, supoño que non haberá que chegar a ese extremo porque coido que no BNG hai liberdade de expresión. Francisco Rodriquez é moi libre de defender a quen lle pete; o único que exixo é que se dea reciprocidade.

O tema ven de atrás e polo tanto hai que por sobre a mesa tódolos elementos. Gómez-Valadés é un militante de Esquerda Nacionalista, o nucleo do socialismo democrático dentro da frente. Ademáis, este militante é membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo, así coma responsable de Lingua e Cultura no mesmo órgano. Cabe recordar aquí, como se ten feito noutro blog, que a candidatura da Alternativa, na que se integrou EN, obtivo case a metade dos votos nas eleccións ó Consello Comarcal, ameazando o dominio da UPG na comarca. É de EN e ademáis é visible. Hai que ter isto presente para poder entender a situación. Se cadra equivócome, pero dubido moito que se se tratase dun militante de base sen adscripción partidaria se tivese montado este esperpento. Non estamos discutindo se apoiamos ou non a Israel; o que discutimos é se, dentro da fronte, ímos tolerar o vale todo para represaliar enemigos políticos.

Logo de ser incluída na orde do día, e tras unha sesión de dúas horas adicadas a denigralo, onde se chegou a alegar que estaba a soldo do Mossad ou a afirmar textualmente que "defender a Israel é moito peor que pegarlle á muller" (sic), o Consello Comarcal de Vigo ven de solicitar formalmente a súa expulsión, a menos que, no prazo de quince días, abandone a asociación e se arrepinta públicamente de ter apoiado a Israel. Pasado ese prazo, se non pide perdón pola súa herexía, o seguinte paso é que o Consello Nacional ratifique a expulsión. Sen dúbida, ata ahí chegaremos. O que acontece é que no Consello Nacional a UPG non ten maioría absoluta, co que para sacar isto adiante necesita dos votos do quintanismo. Votará Quintana e os seu en contra, índa a risco de enfadar a quen o manten no poder? Ou cederán de novo, alegando calquera excusa?

Por elo, gustaríame acabar dirixíndome ó outro grupo que ostenta a día de hoxe o poder no Bloque, a ese magma heteroxéneo coñecido como "quintanismo". Levan tempo presumindo de modernos; agora é o momento de demostralo con feitos. E preguntarlles se pensan poñer un mínimo de sentido común en toda esta tolemia ou, tamén esta vez, ante este atropelo, van aparta-la mirada e xustificalo cínicamente.

Execución en Cisxordania















O pe de foto só mencionaba o lugar, e o primeiro comentario aludía a política militar de George Bush. Sen pensalo dúas veces supuxen que o soldado era israelí.

Logo entereime de que están a tirotealo porque sospeitan que podía estar colaborando co exercito de Israel. Os tres son árabes; probablemente, os tres palestinos.

As persoas que saímos en defensa do Estado de Israel non o facemos por xenreira cara os palestinos. É precisamente a íntima convicción de que a paz chegará cando ambas nacións teñan o seu Estado o que nos leva a esta posición. Cremos, ademáis, que sí hai unha vontade de paz por parte de Israel. Vendo cousas coma esta, o único que un quere é que a ANP dea os pasos necesarios para acadar o seu cometido. Nin os israelíes nin os palestinos merecen un só día máis de sufrimento.

16 de fev. de 2007

O dereito a criticar

Varios concelleiros do Partido Popular dos concellos de Ogrobe e Cambados, así coma o alcalde deste último, denunciaron hai uns días a dous blogs nos cales se satirizaba sobre a faceta institucional desas persoas. O peor non foi comprobar coma é posible que índa haxa cargos institucionais capaces de recurrir á vía penal para atallar críticas sobre a súa xestión. O realmente tremendo desta historia é que o xuiz ven de admitir a trámite a denuncia.

Qué se supón que fixeron estes dous bloggers para ter que pasar polo trance de ser parte demandada nun proceso, ademáis do perxuízo irremediable que suporá para un deles ter que saír do anonimato? O máximo ó que se chegou nestea última bitácora foi a facer fotomontaxes, que creo que é algo ó que todos estamos acostumados. Non houbo insultos nin ameazas; tan só se ironizou acerca da suposta corruptela da corporación municiapl, e da prepotencia do xefe da policía municipal. Se esta clase de accións empezan a considerarse condeables estaremos asistindo a un importante recorte da liberdade de expresión, que é o dereito cívico por antonomasia. Ou é que o recurso á ironía vai deixar de ser válido para criticar ó poder no nome dunha interpretación maximalista do dereito á propia imaxe?

Espero que a sentencia sexa a confirmación de que a ironía e o sarcasmo, cando se empregan para criticar calquera forma de poder, deber prevalecer sobre un extrapolado dereito a honra para que, de ter que lamentar algo, sexa o ternos pasado e non o ternos quedado cortos.

14 de fev. de 2007

Carteis na rede

O creador da rede social Chuza! e membro do colectivo Aduaneiros sem fronteiras, Berto Yañez, ven de colgar na rede unha colección de carteis galegos da segunda metade do século vinte, que se atopaban dixitalizados no fondo da Biblioteca Nodal d´A Coruña. Os carteis suman polo pronto 876 exemplares adicados maioritariamente a esa cidade e a súa provincia, por se-la única biblioteca que dispuña de imaxes dixitalizadas e con acceso público. Sen embargo, na súa páxina preve amplia-lo catálogo conforme as institucións vaian dixitalizando os seus fondos. A colección de carteis podese atopar na súa conta de Flickr.


Alegra comprobar de novo coma, grazas á interacción a través da rede, se vai tecendo entre todos iso que se coñece coma sociedade civil. Así pois, parabéns e grazas.

10 de fev. de 2007

Xustificación do nacionalismo

O lúcidisimo Plácido Castro, a cara máis cosmopolita do nacionalismo galego durante a etapa republicana, nun artigo que amosa ás claras que o nacionalismo galego non é máis que a expresión do pobo galego que toma consciencia de sí. A expresión máis plena dos nosos anceios de cidadanía. Ningún representante político do nacionalismo debería esquencer que éste, e non outro, e o motivo último p0lo que comenzou, hai xa tanto tempo, o noso camiño cara a autodeterminación. Nin ranciadas nin sopa boba, senón respeto para a Nación. Nesas andamos.


Plácido Ramón Castro del Río "Justificación del nacionalismo". El Pueblo Gallego, domingo, 10 de abril de 1932. Traducción ó galego de Daniel Landesa Porras.

O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica verbo da citada vía, ten un profundo interese desde o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta hai poucos días nesta columna por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa visa política aínda despois de resolverse o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen deixar unha fonda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu, impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non só se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e mesmo varios que podían considerarse prexudicados pola nova vía, sumáronse ó movemento, facendo que este excedese tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España, e aqueles que ocupan cargos representativos e non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto débese á existencia dunha conciencia galega, dun sentimento de galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron os seu sentimento de patriotismo galego. Por outra parte, o simpático e emocionante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia só se conseguiu por motivos económicos, o que dá a entender que tódolos demais aspectos do ideario galeguista son ineficaces e non interesan a ninguén. Mais eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e a súa importancia foron debidas á existencia dunha forte emoción galega –latente nuns, consciente noutros–. A protesta foi transcendental e foi eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E así sucedeu, non só queda plenamente xustificada a tese nacionalista , senón que se demostra o valor de todo o labor do galeguismo na súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible coma antes e tería que soportar con resignación o despoxo de que querían facela víctima. Pero desde agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén.

E non é só na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexorde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo artigo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro

8 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (II)

A segunda das historias de Nova Iorque das que falei nunha ocasión é unha estomagante, cursi, e fantasiosa recreación da vida dunha nena rica. O peor da película colectiva, e o peor de todo canto teño visto de Coppola. Vale, iso sí, como documental da vida da clase alta (altísima!) neoiorquina. Unha fábula capitalista.

O exilio de Orhan Pamuk

Copio e pego dende Kontratempos: eu non o diría mellor. O escritor turco ten que saír por pernas.

"EXÍLIO. Orhan Pamuk, o Nobel de Literatura ameaçado de morte, exilou-se nos Estados Unidos da América. Não lhe restava grande alternativa, sobretudo depois do assassinato do jornalista Hrant Dink por um ultranacionalista que foi tratado como herói da «identidade turca». Devemos lembrar-nos disto sempre que se fala da hipotética hipótese da Turquia entrar para a União Europeia. Pamuk, diga-se, foi para o único sítio possível. Recentemente, num contexto de incremento das ameaças dos fundamentalistas islâmicos, a ex-deputada holandesa de origem somali Ayaan Hirsi também foi para os EUA depois da Holanda ter revogado a sua nacionalidade. Num e noutro caso, os EUA fazem jus à matriz do país: todos são bem-vindos, sem excepção, chegando de qualquer outro lugar menos livre do que aquele. No caso, vergonhosamente, a Europa."

6 de fev. de 2007

Shlomo Ben Ami na revista ENCLAVE

Ven completo este novo número da revista ENCLAVE. A revista editada pola fundación homónima inclúe no seu número deste inverno artigos de Lih Beiruk, secretario de Xustiza na Chancelería da RASD, Xose Manuel Beiras, e Gerry Adams, entre outros. Así mesmo analísase a incidencia do Goberno bipartito na situación da prensa en galego, ou o grao de cumprimento do Protocolo de Quito no noso país. Pero é de outra colaboración da que quero falar aquí.

Neste xa seu número quince, ENCLAVE conta cun colaborador de excepción, dotado dunha perspectiva privilexiada para analisa-lo contexto mundial no que nos atopamos, o ex-ministro de Asuntos Exteriores e diplomativo israelí Shlomo Ben Ami. A súa experiencia nas negociacións cos países árabes do entorno, nomeadamente a súa participación central nas negociacións de Camp David, fan da súa unha ollada especialmente valiosa á hora de enfoca-la cuestión árabe desde unha perspectiva occidental, máis non distante nin eurocéntrica. Unha das súas virtudes é que intenta porse no lugar do seu interlocutor, e ese esforzo de comprensión reflíctese nunha valoración novaidosa e sorprendente dunha problemática que, por moito que se fale dela, poucas veces supera ó cliché e o prexuízo no que frecuentemente vivimos instalados.

O artigo de Ben Ami, Vasos Comunicantes, explora a horizonte que deixou tras de sí a guerra dos EEUU a Iraq, e as consecuencias que a xerou no equilibrio de forzas a nivel mundial. O autor comenza a súa disertación cunha hipótese cada vez máis plausible. O paso vertixinoso da Rusia comunista a unha sociedade anarco-capitalista serviu a Vladimir Putin para cimenta-las bases dunha pseudodemocracia “tan dirixida e xerarquizada que será difícil distinguir dunha pura e simple dictadura”, o cal invevitablemente alterará a súa política exterior. O autor vaticina que, de seguir así as cousas, a nova Rusia non tardará en competir cos EEUU pola influencia nas repúblicas ex-soviéticas e no mundo árabe. A hipótese dunha nova Guerra Fría, se ben con características diferentes, subxace baixo este argumento.

Para Ben Ami, o detonante deste novo orde mundial que se está a xestar habería que buscalo na decisión do Goberno dos EEUU de declarárlle-la guerra a Iraq ó marxe da legalidade internacional. A tremenda oposición que a internvención ocasionou en toda Europa serviu para evidenciar que, nun mundo onde o poderío militar, económico e cultural, entendido esto último como a capacidade de exporta-lo modo de vida, se atopan na man dun só Estado, o certo é que segue a ser necesario contar coa comunidade internacional para saír triunfante dunha empresa destas dimensións; isto concrétase no concepto de lexitimidade.

A necesidade de redefini-lo concepto de lexitimidade para adaptalo a un contexto post-wesphaliano obrigará a Europa a “superar algunhas das súas propias contradiccións”; así, os europeos deberemos pornos de acordo acerca do conesnso que requeriremos para autorizar unha intervención militar se as circunstancias obligaran a elo. Tal e coma o enfoca Ben Ami, os EEUU están obrigados a contar con Europa para dotar ás súas accións da lexitmidade que só pode outorgar o “por ser o vello continente o corazón latexante da cultura democrático-liberal”.

A outra vertente do artigo é a súa análise da situación actual do mundo árabe. Logo de denuncia-la ausencia da diplomacia para buscar solucións puntuáis ó perigoso aillamento no que acaban moitos Estados-canalla, Ben Ami céntrase no problema desde o a perspectiva árabe. “É dificil entender a crise actual se se ignora o gran sentimento de humillación que impregna as sociedades islámicas”, agravada polo feito de que “a única maneira de incorporarse á globalización é a través da democracia, precisamente o sitema político que índa non botou raíces nos países musulmáns”.

Toda a súa leitura da situación entronca con este feito: “De feito, as institucións democráticas son vitais para impulsar a globalización. Esa é a razón pola cal os países que mellor se adaptan a globalización non són necesariamente os máis ricos (Arabia Saudí, Irán, Nixeria), senón os máis democráticos (Polonia, Taiwán, Tailandia, Corea,...)”.

“(...) o desafío do Islam de hoxe”, coma sinala Ben Ami “é volver á liberdade creativa da conciencia e do pensamento, asumir a responsabilidade propia polas traxedias, os fallos e as derrotas, volver á cultura da investigación e da dúbida e á crítica, incluída a autocrítica desde logo, a volta da liberdade económica, a loita contra a corrupción e o mal-goberno, a liberdade da muller sen a cal non pode existir democracia e modernidade”.

O artigo ó completo atópase na revista ENCLAVE, que será presentada en Vigo o venres nove as oito e media na Casa do Libro. Asemesmo, podese solicitar un exemplar mandando un correo a info@fundacionenclave.org.

3 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (I)

Cantas veces vendo unha película non acabamos coa sensación de que, en dúas horas de metraxe, non se nos contou nada, ben porque non había qué contar, ou porque non souberon transmitilo? Cantas veces non teremos perdido o tempo vendo cine pouco aproveitable, que non é quén de facernos saír da sala, ou encende-las luces da habitación, coa sensación de ter removido algo en nós?

Pensabao o outro día cando volvín a ver, despois de moitos anos, unha pequena xoia que empequenece índa máis ese cine valdeiro que tanto satura as carteleiras. Foi a fináis dos oitenta cando tres directores neoiorquinos se puxeron dacordo para crear unha homenaxe conxunta á súa cidade. Martin Scorsese, Francis Ford Coppola e Woody Allen rodaron cada un unha historia, de preto de media hora cada unha, na que a cidade de Nova Iorque era, xa non só o nexo común, senón unha persoaxe máis de cada historia.

Delas, a miña favorita, entón coma agora, é a historia rodada por Martin Scorsese, e interpretada por Nick Nolte e Rosanna Arquette. Nela contase a historia de obsesión entre un pintor desequilibrado e excesivo e a súa aprendiz e amante. A historia comenza co retorno da rapaza dunha escapada a Florida; cando a recolle no aeroporto, ela confésalle que en realidade se fora con outro home, pero iso ó pintor non lle importa. El é feliz co obxeto do seu desexo, sen importarlle o que ela sinta ou deixe de sentir. Ela é invisible para el, pero non o seu corpo. A xoven aprendiz de pintora está desanimada e quere abandoa-la cidade, pero el convéncea para que non o faga. Finalmente, ela acepta volver a convivir con el no seu estudio, pero co compromiso de non volver acostarse con el.

O nudo do argumento é o evoluir desa relacción posesiva, valéndose da cal Scorsese vai desgranando con absoluta mestría, no pouco tempo do que dispon, a as neuras do pintor, as esperanzas da rapaza, e a clase social neoiorquina na que se move a “parella”. Un resultado perfecto para unha mediametraxe que pon en evidencia a hipótese de que fai falta moito tempo para contar ben unha historia. Hitchcok decía que el non gastaba metraxe nun plano que non engadía nada á película, e ese postulado de economía artística era tan válido no momento en que foi dito coma o segue a ser agora.

Abraham Yehosúa

Furioso. Furioso e combativo, así estaba onte Abraham Yehoshúa na súa coferencia en Compostela. Furioso contra a demonización do seu Estado por parte da Europa que orixinou a súa necesidade. E combativo, contra todo aquel que quixera regateárlle ó seu país a posibilidade de existir. “Fun paracaidísta”, alegaba, “e os meus fillos estiveron na última guerra do Líbano”. Non estaba disposto a deixar que unha Europa allea á súa problemática puidera xulgalos con lixeireza. A súa aposta pola polo cese das hostilidades era firme. “Pero se me atacan, eu voume a defender, xa sexa de Palestina ou de calquera outro país”. Un home que propugna alto e claro a retirada dos asentamentos dos colonos, pero que non está disposto a pedir nin permiso nin perdón por algo que debería ser normal para calquera nación. Algo que, e el que o defendeu coas armas saberáo mellor ca ninguén, nunca sae gratis, nin é fácil, nin se mantén só.

20 de jan. de 2007

Onde hai fume

Un dos praceres segredos que me acompañan estes últimos meses é atoparme, cada vez que leo o suplemento de cultura dun coñecido xornal coruñés, coa lista dos libros máis vendidos en lingua galega. Alí, semana tras semana, na sección de Ficción aparece no primeiro posto o libro que máis fai por furgar na historia silenciada da cidade.

O drama dunha xeneración libertaria sepultada polo fascismo sérvelle ó autor para amosárno-las entrañas dunha sociedade na que o terrol inicial, maila deixar de manifestarse abertamente, segue estando moi presente. Nas miradas, nos saúdos, o un na lonxitude das saias nótase unha opresión que a xente acaba por interiorizar. Chega un punto non que non se sabe a ciencia certa porqué hai que facer algo, ou mellor dito, deixar de facelo, pero todos saben que teñen que obedecer.

Nalgún lado lin que quén garda para sí un gozo destrúe o voo da vida, e penso que iso é o que acontece no plano social cando unha comunidade se autolimita, conformándose cunha visión acotada da realidade. Visión que lle impide comprende-lo mundo que a rodea, e comprenderse a sí mesma nun proceso de identificación, de formulación en positivo da súa identidade.

Unha comunidade política que non se asimila dexenera, coma a nosa, en autoodio, porque se o único espello no que te miras é nos dos Caleixón do Gato, dificilmente poderás acadar conciencia da túa xusta medida. Coma dí o refrán, onde hai fume houbo lume.

16 de jan. de 2007

Ayaan Hirsi Ali


No número 1.580 de El País Semanal, publicado o domingo sete de Xaneiro deste ano, aparece unha entrevista de Yolanda Monge con Ayaan Hirsi Alí, de orixe somalí e nacionalidade holandesa (logo de perdela temporalmente por supostas irregularidades burocráticas). Despois de dous anos exercendo de deputada no Parlamento holandés, esta muller de 37, que se fixo mundialmente coñecida logo do asasinato do cineasta Theo van Gogh, para o cal escribira o guión da polémica Submission: Part I, renunción á súa acta en maio do ano pasado, desencantada pola pasividade da clase política holandesa con respecto ó drama das mulleres no mundo islámico. Dende septembro vive en Washington, traballando para un Centro de Estudios de carácter conservador (o que, coma ben sinala a entrevistadora, facilita moito a tarea de denigrala), dende o cal pode expresar máis abertamente que no seu país a súa crítica frontal ás sociedades atrapadas no Islam. A día de hoxe, liberada tanto da opresión da súa relixión coma da mordaza do pensamento políticamente correcto, esta muller, maila atoparse ameazada de morte e vivir por elo permanentemente escoltada, asemella a liberdade personificada.

Pola relevancia dunha testemuña directa, acerco algunha das respotas desta muller, á cal con cinco anos de idade lle cortaron o clítoris cunhas tixeiras. Esta mutilación, que comparte con case tódalas mulleres somalíes, practícase en nome da relixión islámica, co obxetivo de purificar as súas almas; do contrario, os imáns amezan á analfabeta poboación con que esas nenas serán pusídas por demos, caerán no vicio, e acabarán practicando a prostitucíón (que como todo o mundo sabe, é o que lle pasa ás mulleres ás que non se lles corta o clítoris).

Cando a entrevistadora lle menciona as palabras do asesinado político holandés Pim Fortuyn nas que decía que o islam era retrógrado, Ayaan non o dubida: “Segundo o “Informe de desenrrolo humano árabe de Nacións Unidas”, se se mide á luz de tres criterios (liberdade política, educación e condición da muller), o que dixo Fortuyn non é unha opinión: é un feito” Fortuyn era o lider da Lista Pym Fortuyn, considerada de extrema dereita, pero por moito que nos escudemos neso para negarlle calquera autoridade, o certo é que, nesa afirmación en concreto, o lider populista non parece que andivera desencamiñado .

Maila renegar da súa relixión e declararse atea, Ayaan séntese todavía parte da sociedade musulmana. As súas críticas non proveñen dunha mirada eurocéntrica e distante, senón que són froito da súa particular experiencia na súa África natal e na súa posterior vida en Holanda (“Cando cheguei a Holanda (...) o meu mundo comenzou a ser outro, o dunha persoa libre que non vive atemorizada pola relixión nin pola casta nin polo seu sexo.”). O contraste entre a extremadamente opresiva sociedade na que se criou (cando lle viu a súa primeir menstruación ós 14 anos, a súa nai empezou a puñetazos con ela chamándolle “sucia puta”, o cal da idea da educación sexual da súa proxenitora) e aquela outra que coñeceu con vintedous anos, supuxo unha revelación acerca da situación na que viven millóns de mulleres en todo o mundo árabe. Antes non podía sabelo, porque o outro era o normal. Na entrevista conta que, cando tiña vinte anos e vivía no exilio en Kenia, ó enterarse da condea a morte a Salman Rushdie o primeiro que pensou foi que, alguén que blasfemaba contra o Profeta,“sen dúbida, debe morrer”. Quén lle ía decir a ela que agora estaría nesa mesma situación?

Así, Ayaan afirma que: “Durante sécalos (os musulmáns) comportámonos coma se o coñecemento estivese no Corán, negámonos a cuestionar nada, negámonos a progresar. Segundo ela, o motivo foi que: “Ó declarar infalible ó noso profeta e non permitirnos dubidar del, os musulmáns establecemos unha tiranía estática. Fosilizámo-la perspectiva moral de millóns de persoas cunha mentalidade de deserto árabe propia do século VII”.

O mundo musulmán non é o único en recibi-los seus dardos; Ayaan critica a moxigatería de Europa á hora de tratar estas circunstancias, e de coma o pensamento occidental axiña cae no relativismo por medo a quedar de imperialistas: “A xente di que os valores do islam son a compaixón, a tolerancia e a liberdade, e eu obervo a realidade, as culturas e os Gobernos, e vexo que iso, pura e simplemente, non é así. En Occidente, moitos aceptan ese tipo de aservacións porque aprenderon a valora-las relixións ou as culturas dun modo non demasiado crítico, por medo a que lles chamen racista. O peor que lle podes chamar a un holandés e racista. O seu pasado colonizador, o apartheid de Sudáfrica… Para que non lles poidas chamar racistas non teñen que cuestiona-la emigración, incluso cando ésta socava os valores de Occidente.”

Esta muller, cunha irmá, Haweya, asasinada en Nairobi logo de que a violasen estando embarazada, non fala dos dereitos das mulleres porque o lera nun libro, nunha cafetería dunha cidade occidental, cunha cervexa na man e a palestina ó pescozo, mentres se congratulaba de ser unha rebelde contracultural. Case que a súa historia é ben distinta. E fala para “decir a quen queira escoitar que os valores do mundo dos meus pais xera e perpetúa a pobreza, e a tiranía e a opresión das mulleres”.

12 de jan. de 2007

Sodoma e Gomorra


O xornal El Periódico publicou o pasado domingo unha reportaxe acerca das motivacións que levan a mozos musulmáns nados e educados en Europa a sumárse ás filas da yihad, con motivo da publicación en Francia do libro "Os novos mártires de Alá", do iraniano Farhad Josrojavar. O autor, residente no país galo, é especialista en Irán e no mundo islámico, así coma director de estudios da École des Hautes Études en Sciences Sociales.

O seu libro parte dunha vintena de entrevistas realizadas entre outros tantos musulmáns detidos por presunta vinculación con Al-Quaeda. A través delas vaise analisando porqué uns xóvenes educados en Occidente acabaron apoiando a quen propugna abertamente que a súa meta é destruí-la sociedade occidental, sustituíndoa por unha prolongación dos dominios do Islam. Os rapaces sinalan coma detonante a exclusión social á que se ven sometidos pola sua relixión, o cal me parece unha queixa lexítima. Moitas persoas viven unha situación de marxinalidade que as conduce a adoptar posicións radicais fronte á sociedade que as exclúe, e unha sociedade impermeable á inmigración, ou que só a asimila formalmente, é o mellor caldo de cultivo para a nefasta cultura de guetos. Unha vez asumido que dende occidente poderíamos ter feito máis por integralos, preocupame cal é, ós seus ollos, a solución a este problema:

"Unha cousa ofusca ás radicais: o que ven como a depravación moral dos occidentais, que os fai merecedores de ser castigados. "Deus lapidou as cidades de Sodoma e Gomorra e agora vai ocorrer o mesmo con Europa", alerta Osman. Para Ahmad, "En Europa estase todo o tempo tentado polo prohibido: a sexualidade, o alcohol, a droga...".

Ahsen, outro radical, di: "Quero loitar na yihad para que reine a lei divina. Quero poñer fin a este mundo depravado onde as mulleres saen con mulleres, os homes con homes, onde se copula cos animais e se viola aos nenos. A mulleres convértense en homes e os homes en mulleres. É monstruoso". "O que máis me choca --segue Ahsen-- é a homosexualidade. Hai que prohibila. É unha enfermidade para a que hai que atopar un medicamento".

Ademais, denuncian que a tolerancia de Occidente coa liberdade sexual tórnase intolerancia para o islam. "Aquí toléranse todos os travestimos, pero ao islam impídeselle todo", di Hasán. Osmán coincide con el: "Pódese ir espido, pero unha muller que queira cubrirse co veo para respetar a Deus sofre todo tipo de humillacións".

O resultado é que hai que combater a Occidente, berce dunha depravación que está contaxiando aos países islámicos e que subvierte as leis naturais ditadas por Deus. "Hai que facer a yihad contra Occidente --clama Ahsen-- porque a raíz do mal está aquí, que é onde se inventan as depravacións".


Unha amiga parisina contábame que o problema está precisamente nos emigrantes de segunda xeración, posto que foron educados coma franceses na escola, pero ó incorporarse ó mercado laboral se atopaban con que o resto da socieadade non os trataba coma semellantes. Sen embago, non parece que os polacos ou os angoleños, que tamén pasan por problemas desa índole, respondan coa violencia coa que o fan estes razaces.

En Francia integráronse os xudeos, os polacos, os angoleños e os galegos; porqué con eles tería que ser distinto? Un dos entrevistados danos unha pista:"Co islam, Occidente enteiro respéctanos. Teñen medo de nós, trátannos de fanáticos, de tolos, de divos, de xente violenta que non dúbida en morrer e en matar a outros, pero xa non nos desprezan máis." Dificilmente poderá ser integrado quen coida que o recurso á violencia é válido, xa non para que respeten os seus dereitos, senón para acadar algo tan etéreo e intanxible como a dignidade. Martin Luther King encamiñou a revolta pacífica dos negros estadounidenses para acada-la equiparación dos dereitos civís cos que ostentaban os cidadáns brancos, pero o que esta xente busca non é calibrable obxetivamente. Buscan a súa dignidade, ser respetados, ser temidos:"Os musulmanes conseguiron unha nova dignidade que reposa sobre este medo que inspiran nos occidentais".

Espero e desexo que dentro do mundo árabe se dean os pasos necesarios para que a integración en Europa sexa efectiva, encabezada polo sector máis dialogante do Islam, que existe e debe considerarse un interlocutor válido, e non capitalizada por estos prantexamentos xenófobos que só buscan laminar as conquistas sociais acadadas nas actuais democracias occidentais.

Por se alguén ten interés, o texto íntegro pódese atopar en El Periódico.com

7 de jan. de 2007

De costas a Europa

Anque o atentado de Baraxas acabou por arrebatarlle a pouca relevancia que se lle deu, coido que o feito máis relevante que este aninovo trouxo para a nosa nación foi a incorporación de Rumanía e Bulgaria á Unión Europea. A ampliación das fronteiras comunitarias non só traerá un novo equilibrio no reparto dos fondos comunitarios. Galiza, anque afastada dos grandes nucleos de inmigración do Estado, non permaencerá ó marxe dos fluxos migratorios provintes do Este.

A escasa importancia que se lle dou nos xornais galegos á incorporación de Bulgaria e Rumanía é unha mostra do escaso europeísmo da nosa sociedade. É de lamentar que durante a Era Fraga non se aproveitaron os anos dourados do proceso de construcción europea para incardinar á sociedade galega en Europa. Ó marxe dalgunha iniciativa puntual, e case sempre valdeira de contido, coma case todo o que o PP legou a este país, o feito é que os sucesivos gobernos de Fraga Iribarne non fixeron o máis mínimo por potencia-la nosa nación no ámbito da Europa comunitaria. Nin se obrigou á nosa endogámica universidade á ser máis porosa ós influxos dos centros académicos ponteiros no continente, nin se fomentou a creación dun tecido empresarial que incidise naquelo no que tivesemos vantaxe comparativa no Mercado Común. Non interesaba que houbera cidadanía, e menos cidadanía consciente do que acontece no mundo, informada. O que conviña era xente sumisa a cambio da súa ración de sopa boba, e houbo moitos que aceptaron gustosos. Moitos dos que hoxe se queixan do mal que vai todo non tiveron reparos durante anos en rapiña-lo que puideron das arcas públicas. O malo non é que sexamos pobres, ó malo é como nos aferramos á nosa miseria. A herdanza de Fraga é unha sociedade instalada ó cómodo abrigo da subvención, conservadora, que desatende o seu autogoberno e só pretende que outros a remolquen.

Hai que decilo sen panos quentes. Galiza é unha sociedade desestructurada, moi fragmentada, e onde a xente que asume a súa faceta de cidadán é moi minoritaria. Cando noutras nacións xa antes da fin do franquismo se comenzara a artellar unha incipiente sociedade civil, no noso país os ininterrumpudos mandatos de Fraga pospuxeron ese momento ata hai un par de anos. O primeiro sacrificado nesta clase de sociedades é o debate de segundo nivel, aquel que non nos afecta diariamente. Só se fala de Europa cando pon cotas á leite.

Polo pronto, o actual goberno bipartito comenza a dar pasos na dirección axeitada, e anque iso non significa que non acabe repetindo erros pasados, o certo é que se están a da probas da sensatez que tanto lle faltaron ós anteriores gobernos. Os galegos podemos vivir de costas á Europa, pero iso só servirá para que o golpe de mar nos pille desprevidos.

1 de jan. de 2007

Euskadi e a liberdade

Agora que parece que o proceso de paz está irremediablemente tocado (e posiblemente fundido) sucédense as reaccións, a favor ou en contra, de apoiar, maila todo, un proceso de negociacións conducentes ó cese da violencia en Euskal Herria. Persoalmente, espero que a parte dialogante do movemento abertzale acabe impoñendose ó sector máis violento, pero, no ámbito do factible, a pregunta é se o Presidente do Goberno seguirá adiante co escaso apoio popular co que conta neste treito. Espero e desexo que así sexa, porque non paga a pena tensar a corda ata este punto para deixar escapar esta dificil e rara oportunidade. Costou moito chegar ata onde estamos, e iso é algo que a ninguén se lle debe pasar por alto. A acción criminal de ETA complica un proceso xa de por sí dificil, pero iso non significa que, dentro do movemento abertzale non se estéa a dar o debate acerca de se continuar no enrocamento ou tender a obxetivos pragmáticos por medio da negociación. Sen embargo, son consciente de que é dificil que primen estos úlimos, e iso é o que quero cuestionarme aquí.

A pregunta é: ¿Quere ETA e o seu entramado que haxa paz algún día en Euskadi? Non me refiro a que haxa ou non paz se se cumplen os seus requerimentos, senón se están dispostos a que a sociedade vasca tome a decisión que considere oportuna sen ter que coincidir co que a ETA lle pareza correcto. A pregunta que eu prantexo, e cada quén é libre de respostala como lle pete, é ata qué punto o lexítimo dereito de autodeterminación de Euskadi é o seu leit motiv e non a causa trala que se escudan. Se queren enfrontarse ó referendo de autodeterminación ou se pretenden, pola contra, impoñer a independencia.

Un home tan pouco sospeitoso de totalitario coma o filósofo e escritor Antonio Escohotado escribiu no seu ensaio Caos y orden, dentro do capítulo La cuestión nacional, as seguintes reflexión que agora me gustaría compartir con vostedes:

"El fenómeno jurídico de que un grupo pueda constituírse como Estado soberano es indiscernible del fundamento jurídico en cuya virtud puede siempre escindirse de otro (Estado soberano), con lo cual su derecho de constitución es indiscernible de su derecho de secesión. El único límite de semejante decisión es extrajurídico, y concierne al grado de tenacidad y coraje con que proceda, pues esa decisión suscitará sin duda represalias. Pero un repaso a la historia pasada y reciente muestra que cuando este binomio se omite o niega surge de inmediato una espiral de violencia, cada vez menos discriminatoria a la hora de elegir blancos, donde compiten en crueldad separatistas y unionistas. A diferencia de otras épocas, en lo que va de siglo ni un solo de estos conflictos se ha zanjado duraderamente con una victoria militar del unionista, sellada con la rendición de su adversario."

Escohotado, no transcurso do capítulo, entra a coñece-lo caso concreto de Euskadi coma expoñento máis claro do conflicto entre nación e Estado dentro do Estado español. O intelectual madrileño comenza criticando o enconamento das posicións, e o proveito que sacan uns e outros do seu inmovilismo ("Sus verdaderos enemigos pasan entonces a ser quienes aspiran a una salida negociada, sean del bando que fueren, pues amenazan interrumpir el comercio de mano dura.") e, logo de critica-los burdos pretextos do Estado español para eludi-la convocatoria do referendo, pasa a valora-la situación dende a perspectiva vasca:

"Por otra parte, la vileza de gobiernos que enconan reivindicaciones nacionalistas - en vez de darles curso, mediante los oportunos plebiscitos- no asegura que esa reivindicación sea justa, o siquiera argumentable con verdaderas razones. En el caso vacos, por ejemplo, a la siempre legítima aspiración de autogobierno no sólo se engancharon los tradicionales intereses caciquiles de cualquier región, sino ingredientes tan exóticos como el racialcatolicismo de Sabino Arana y el marxismo-leninismo de ETA. Da una idea de ello que las juventudes nacionalistas, representadas por Jarrai, rechazaran al principio el único brote libertario eficaz y espontáneo acontecido en Euskadi y el resto de España - el movimiento de los insumisos ante una recluta militar forzosa- como traición a la disciplina revolucionaria. Encomendándose primordialmente a la nitroglicerina, el combinado de comunismo albanés y aranismo no tardó en producir formas de autosabotaje, como la "irrenunciable" aplicación de la independencia a Navarra (..)"

Prosegue Escohotado a súa análise da situación na confrontación que ás veces se prantexa entre nacionalismo e cosmopolitanismo que "la reivindicación vasca no se opone en principio al ideario cosmopolita, sino tan solo al ideario indiscutiblemente etnómano del gobierno español, basado durante más de medio milenio en una autoridad que claramente es y se pretende "guardiana de la identidad colectiva". Comparado con otras reivindicaciones independentistas - como la catalana-, el independentismo vasco rebosa "etnomanía", pero no hay a priori el más mínimo roce entre nacionalismo (un espírito particular que reclama autogobierno) y cosmpolitanismo (un espíritu que aspira a hacer respetar la dignidad humana en todas partes)." Así, o problema de lexitimidade non viría do obxetivo senón do método.

O futuro de Euskadi pasa irremediablemente pola convocatoria dun referendo de autodeterminación. O feito de que o empecinamento de ETA dificulta ese chanzo é demasiado evidente coma para pasarlle desapercibido ós propios membros do autodenominado Movemento de Liberación Nacional Vasco. O Estado español, con tódalas súas taras, non é actulmente un rexime totalitario de corte fascista, senón un Estado democrático e de Dereito, no que é posible articular medios pacíficos co obxetivo de convencer á maioría dos membros da socieade vasca das bondades dunha hipotética independencia. Unha vez que esa vontade maioritaria sexa clara e inequívoca, ningunha Constitución do mundo pode pór freno ás aspiracións de autogoberno dunha comunidade política. Xa para rematar con Escohotado: "Otra cosa es que llegue a convocarlo (o referendo), porque -fuera de las elecciones- cualquier consulta desagrada a la clase política, y en este aspecto nacionalistas y no nacionalistas coinciden de lleno: unos para no sentar precedente, otros para mantener intacta la ilusión de una posible victoria."

Nestas horas baixas parar o proceso de paz convén facer algunha reflexión ó respecto de porqué falla sempre o diálogo coma forma de solución deste conflicto, pero máis urxente é que, o propio mundo abertzale (¿as 200.000 persoas que votaban HB?), aquelas persoas que consideran que a autodeterminación é un obxetivo non só lícito senón desexable, desautoricen de maneira clara a quen, erixíndose como portavoz e gardían da esencia euskaldún, se empeña en boicotear unha e outra vez un proceso que só compete ó conxunto da cidadanía vasca.

27 de dez. de 2006

De paletos e cosmopolitas

A interpretación do himno galego cunha guitarra flamenca no acto de conmemoración do vixésimo quinto aniversario do Parlamento de Galiza está a provocar unha polémica acerca do acaído ou non da versión. Nun país tan acomplexado coma o noso, axiña xurden posmodernos de tódalas esquinas que veñen, raudos, a ilustrarnos ós duros e escuros que nos molestamos porque a nosa Cultura sexa desplazada nun acto no que se está a conmemorar este amago de autogoberno que é o o Parlamento autonómico.

Para empezar, a ninguén se lle pode pasar por alto que a escolla da música flamenca non ten nada de casual. O flamenco, xénero musical tradicionalmente ligado a Andalucía, ata o punto de considerarse coma o máis característico da súa cultura, tivo a sorte ou a desgraza de ser exaltado dende hai máis dun século coma unha marca de casa da cultura española, que á súa vez se superpuxo á das demáis nacións do Estado. A dicotomía que compoñen as corridas de touros e a música flamenca constitúe a imaxe por antonomasia que dende o extranxeiro se ten do Estado español. Imaxe que, para vergoña de tódolos que nel vivimos, índa perdura no mundo.

A Presidenta do Parlamento fala de altura de miras, de cosmpolitanismo para defender a súa escolla, e aquí é onde a pobreza do seu argumento cae polo propio peso. Porque dubido moito que a dona Dolores Villarino se lle pasase sequera pola cabeza escoller unha versión a ritmo de xota aragonesa, interpretada por un tamborileiro extremeño ou por un txalapartari vasco. Escolleu a música de guitarra española porque, para esta señora, xa que era un evento importante non íamos face-lo con instrumentos da casa. Mellor recurramos a algo máis universal, que a cultura galega é un pretexto para facer pinchos literarios pero non para un acto que vai a ser retransmitido por televisión para todo o Estado. Así, renunciando ó que somos, teremo-la enorme fortuna de que El Pais se faga eco do modernos que son os galegos dende que desembarcou Touriño.

Podémolo enfocar de mil maneiras distintas, podemos buscarlle tódalas escusas que nos dea a gana, pero o bochorno do outro día só responde ó nome de auto-odio. Só dende séculos de negación da nosa identidade se pode comprender que haxa compatriotas que se molesten por facer algo tan ovio coma queixarse deste atropelo. Só dende a asimilación do desprezo por tanto tempo amosado se pode chegar a comprender que se nos fale de cosmopolitanismo cando, o que se está a facer, é suprimi-lo que somos para sustituí-lo polo que nos queren facer crer que deberíamos ser.

O cosmopolitanismo é entroncar a nosa identidade co mundo. Castelao, Francisco Leiro, Manuel Rivas e un longo etcétera son exemplos de coma a verdadeira universalidade se acada logo de buscar dentro da nación aquelo que se lle pode ofrecer ó mundo. Nada máis paleto, máis aldeano, que esa xente que na cidade fala castelán polo qué dirán, nada máis sintomático de acomplexado que variar de idioma ou, neste caso, de instrumento, cando se trata dun acto de categoría.

A Cultura non é un pastiche, algo do que poidamos prescindir; é a nosa maneira de relaccionarnos co mundo. Asumimos a cultura que a tradición nos lega e, xeración a xeración, imos modificando nela aqueles aspectos que quedaron obsoletos ou que, por calquera outro motivo, xa non valen para o tempo que nos toca vivir. O idioma, a literatura, a pintura ou a música dunha Nación non son elementos susceptibles de mudar segundo a moda de cada ano. A súa función non é tanto distraer coma reafirmarnos no que somos, para non diluirnos na negra noite da desmemoria. Para existir. Para intentar sabermos quenes somos e poder legárllelo ós que veñan. Mudarán, acomodaranse a cada época, pero temos que procurar que os fios invisibles que nos ubican na Historia non se rompan. Do contrario, deixaremos de ser o que somos; galegos.

Pode que para a nosa descafeinada e xacobina inteligentzia esta fora unha arroutada de exhaltados, pero para aqueles que nos consideramos membros da Nación dos galegos, ninguén debería mofarse de nós tal e coma a señora Villarino fixo. Non é desprezo cara a música flamenca, do mesmo xeito que pretender a educación en galego non é un desprezo ó castelán; é que non hai dereito a que teñamos que pedir permiso por vivir coma o que somos. Un non é algo ata que materializa a súa identidade na realidade, e por iso pensar que podemos ser galegos sen realizarnos coma tales é unha maneira máis de enganarnos a nós mesmos.

13 de dez. de 2006

Unha nación europea

Leo en Europa Europa un artigo de Xulio Ríos sobre a o recoñecemento de Galiza como nacionalidade no IX Congreso de Nacionalidades Europeas, celebrado en Berna dos días 16 ó 18 de setembro do ano 1933, e non podo deixar de pensar nos motivos que levaron ó nacionalismo galego a da-las costas ó ilusionante proxecto europeísta.
Daquela, o noso país foi representado polo xornalista e tradutor Plácido Castro, e acadou no seo dunha organización na que participaban catorce nacionalidades que aglutinaban a corenta millóns de europeos o recoñecemento internacional coma unha Nación. Estes días, nos que se chega ó esperpento de suxerir fórmulas aberrantes para eludir por parte dos partidos de ámbito estatal o único calificativo axeitado para defini-la nosa comunidade política, non está de máis recordar a altura de miras dunha xeración de galegos moi citada pero moi pouco asumida. Ésta entendía a lealtade a unha nación como a lealtade a unha parte da humanidade, como paso previo a un humanismo de ámbito global; hoxendía, ás veces dá a impresión de que ós representantes do nacionalismo lles importa máis un nacionalismo de trincheiras que un con vocación universalista.
Reconforta, nestes días de debate estéril, as impresións que o noso representante levou da súa presencia no evento: “Calquera que sexa o réxime político en que Galicia viva, a nosa terra, autónoma ou non, está xa proclamada moralmente como unha nación”.

6 de dez. de 2006

A segunda oportunidade de Anxo Quintana

Pasará aínda algún tempo ata que poidamos calibrar as consecuencias dos corrementos de poder producidos nesta XII Asamblea Nacional. O resultado non satisfixo a case ninguén, e dubido que alguén tivera prevista unha Executiva Nacional coma a resultante.
En “Galíndez”, a novela de Vázquéz Montalbán sobre o nacionalista vasco desaparecido en plena Quinta Avenida de Nova York, e torturado ata a morte por axentes de Trujillo, unhas das persoaxes implicadas no crime atribuía a imposibilidade de pecha-lo caso a que o corpo de Jesús de Galíndez nunca fora sepultado, senón arroxado ó mar. A modo de revival, a presenza de Beiras e de Alberte Xullo Feixóo confirman que, se non se toman precaucións, incluso aqueles ós que se tiña por mortos poden voltar para aguárlle-la festa ó triunfador.
A enorme brusquedade coa que se pretendeu rematar coas voces discordantes nas dúas últimas Asambleas tivo este fin de semana o efecto inesperado de volver coma un búmerang na que, se supuña, sería a consagración definitiva de Anxo Quintana e o bautismo de fogo do anton-losadismo.
Este efecto foi, sen embargo, desigual para os dous pesos pesados que voltan. Logo da ruptura das negociacións entre A Alternativa e o Encontro Irmandiño, a percepción xeralizada era que A Alternativa ocuparía o segundo posto, superando amplamente tanto ó Encontro coma ó Movemento Pola Base.
Desafortunadamente para os que apostabamos pola Alternativa, os nosos resultados foron moito peor dos esperados. Os motivos haberá que buscalos con calma pero, coma punto de partida, pódense apuntar varios: o subestimado tirón de Xose Manuel Beiras entre moitos miliantes independentes; o presentarmos unha candidata brillante pero moi pouco coñecida; o labor de desgaste practicado contra nós por parte do aparato do partido, por vernos coma o perigo real, desatendendo a crítica ás outras dúas listas; etc.
Pola súa parte, Xose Manuel Beiras, ó fronte do Encontro Irmandiño foi o gran triunfador da Asamblea, sorprendéndonos a quen non lle agoirábamos gran futuro no BNG. Dende A Alternativa construímos unha candidatura plural con persoas preparadas, pero nada se puido facer ó lado do carisma incomparable de Beiras. Quén pode ir contra o home que levantou el só o nacionalismo na década dos noventa, e coa direccion da organización en contra?
Persoalmente entristecéume que non quixesen acompañarnos neste treito, sentindo pena por que fora a remata-la súa carreira política cun esvarón, pero os acontecementos demostraron que non foi unha mala xogada pola súa parte. De todos modos, estou convencido que a nosa unión tería superado os 730 votos que sumamos.
No que respecta ó Movemento, penso que acadou os seus obxetivos para esta AN; demostrar que teñen presenza de cara á batalla que se aveciña na CIG.
Pero, a fin de contas, o que a priori parece a consecuenca máis importante desta Asamblea é o papel que, dagora en diante, lle toca desempeñar a Anxo Quintana. Cun 40% da militancia en contra, e non precisamente con críticas suaves, o futuro do noso portavoz nacional pasa por ser quén de aglutinar as distintas sensibilidades que agora están representadas nesta nova Executiva.
A pregunta do millón é se, agora que a UPG quedou con cinco de quince, o señor Quintana pasará a escoitar ós membros críticos, que suman outros cinco. Tal e coma eu o vexo, o máis intelixente que pode facer é aproveitar esta coxuntura para tender pontes con aqueles ós que leva tempo desprezando. Unha bóa dósis de humildade e non pouca man esquerda van facer falta se quere aproveitar esta segunda oportunidade para acomenter, agora sí, a modernización do BNG e non a súa doma. O futuro está aberto.

29 de nov. de 2006

O problema estructural

Cando este fin de semana nos reunamos os militantes do BNG na XII Asamblea Nacional en Compostela, o que temos que ter claro é que non ímos solucionar ningún dos problemas ós que se enfronta a organización. Primeiro, porque para iso primeiro deberíamos recoñecer, anque só fora de portas adentro, que o BNG contra con graves carencias no plano organizativo e gubernamental. Este espírito autocrítico axiña é tildado de autoflaxelación por parte de quén pecha filas en torno á dirección, esquencendo que é este triunfalismo absurdo o que nos impide diagnostica-los nosos erros e, consecuentemente, buscar unha solución. En segundo lugar, porque índa existindo grupos que abordan esa crítica, de maneira máis ou menos constructiva, o enrocamento das posicións oficiais fronte ás renovadoras agoiran un debate esteril, únicamente enfocado ó desgaste do contrincante.
En certo modo é o de sempre, anque desta volta cambie un dos actores principais. Hai xa moito, quizais dende o comenzo, que no BNG só conta o protagonismo indiscutible da UPG, variando a parella de turno, pero inalterable o guión. Así, tanto os militantes non adscritos coma os partidos integrados na fronte, tiveron que conformarse con ser secundarios durante todo o periplo do nacionalismo organizado dende o seu orixe ata a agridoce entrada no Goberno do país.
Calquera que hoxe en día queira afrontar o motivo das políticas que practica o BNG, inebitablemente acaba por chegar á U. Non é posible entender a situación actual do Bloque sen comprender que foi a impronta da Unión do Pobo Galego a que marcou o evoluír da nosa organización ata a situación de crise na que agora nos atopamos.
O motivo deste dominio non hai que buscalo só no control que a U exerceu e exerce sobre organización e ós demáis militantes, senón na imposibilidade da militancia non aliñada para por coto a ésta mediante a creación e o mantemento de estructuras simétricas que actuen de contrapeso. Moitos militantes rexeitan a existencia de partidos no seo da fronte, pero só mediante un igual se pode compensar a outro igual.
O purismo, o idealismo moitas veces impide que vexamos que non é viable falar de cambios sen afronta-la evidencia de que ese cambio virá de man de quen polarice a aqueles militantes para os que a libre reflexión é o principal atributo da esquerda.
Fronte a quén coida que o maior valor da mesma é a unidade absoluta, moitos cremos que esa unidade só pode xurdir froito do entendemento e o mutuo acordo, non pola lei do rodillo tan tristemente frecuente na nosa organización. Pero de nada vale esta idea se as persoas que rexeitamos a unidade acrítica e bárbara que promove quen índa non se enterou de que xa non hai Muro seguimos dispersos, agardando por un Mesiás que, esta vez, tampouco virá.

24 de nov. de 2006

Todo cambia para que todo siga igual

Este fin de semana ímos te-la Asamblea Nacional do BNG, e todo indica que só valerá para revalidar no cumio da organización á alianza entre Anxo Quintana e a UPG. Unha vez máis, pérdese a oportunidade de moderniza-la fronte, e faise baixo a apariencia dunha falsa modernización que só contribuirá a burocratizar aínda máis a organización. Corren malos tempos para o nacionalismo de esquerdas.
Sen dúbida, a estructura do BNG non é a axeitada para os tempos que corren, xa sexa porque este é un país atrasado e o frontismo é a estructura política que virá a sustituír ós partidos políticos nun futuro próximo (Beiras dixit), ou porque realmente é o rescoldo dunha época na que se cría que o nacionalismo acabaría por ser hexemónico no país se éramos quén de aglutinalo baixo unhas siglas. Por un motivo ou por outro, o proxecto non funciona.
Ante esta perspectiva, caben supoñer que a conversión do BNG nun partido político de corte clásico sería a evolución natural da fronte, pero esta mudanza pode rexenerar ó Bloque ou desvirtualo ata ser irrecoñecible. De entrada, o cambio non debera darnos medo. Sen embargo, teño a certeza de que esta reconversión vai ser capitalizada só pola forza maioritaria no seo da fronte.
A conversión do BNG nun partido político, ven mirado, é a evolución máis pragmática e viable para unha formación con vocación de goberno, e o máis honesto para a militancia é a supresión dos partidos dentro da fronte, de feito que tódolos militantes pasen a te-lo mismo rango, rematando coa duplicide de militancias hoxe reinante, así coma os privilexios que iso acarrexa.
Isto vai acontecer? E de acontecer, quén o promovería? Dubido moito que o partido maioritario opte por autodisolverse cando tan bós réditos lles reportou o falso frontismo. Parapetados trala amalgama de partidos, correntes e militantes sen adscripción, sempre mantivo o control da súa criatura, e por nada vai perdela máscara que tanto e tan ben serviu ós seus intereses, anque sempre se coidou de presentalos coma os intereses da nación. Incluso no hipotético e nada probable caso de que aceitase tal hara kiri, a fortísima conciencia de grupo dos seus militantes formaría unha barreira ante a cal aquela parte da cidadanía integrada na fronte non puidese ser partícipe dun proxecto aberto.
Así, ó longo do seu periplo a sociedade galega tivo no BNG unha relacción, ó principio de entusiasmo e, posteriormente, de rexeitamento-necesidade que só algúns líderes carismáticos conseguiron mudar, anque só fose temporalmente. Hoxe en día, o portavoz nacional, cal frautista de Hamelín, aglutina as esperanzas de moita xente que anhela un BNG moderno e aberto, de esquerdas pero non dogmático, a ferramenta de progreso que tanto necesita a nosa nación.
Inicialmente, fomos moitos os que confiamos nel para comandar un periodo de cambios (hai algún que non o sexa?) complexos, logo do prolongado e frutífero liderazgo de Xose Manuel Beiras, confianza que se mantivo ata hai relativamente pouco. A súa actitude coa organización (deixando ó marxe a acción de goberno) logo da investidura coma Vicepresidente fixo que perdesemos toda expectativa de cambio. A tan agardada renovación non só non chega, senón que esta mesma semana podemos comprobar coma revalida o trust que amordaza de novo a libre expresión do nacionalismo. Os galegos dispomos formalmente dunha forza nacionalista e de esquerdas, pero nestas condicións o que menos conta para a esa forza é a participación da sociedade nun proxecto deseñado por e para burócratas.

23 de nov. de 2006

Apertura

Sen nada que decir polo pronto, este é un espazo que terá ou non continuidade segundo se desenrrolen os acontecementos. Sen máis prámbulos, a porta está aberta.