10 de jul. de 2007

O galego na educación

Coma ben indica un leitor, últimamente estamos a asistir as manobras do españolismo máis recalcitrante, e faino naquel fronte que máis dano nos provoca: falo da nosa lingua.

Cando me refiro a "españolismo" non aludo ós españois que viven con normalidade no seu país e coa súa lingua, senón a aqueles que, dentro do noso, nos nega ós galegos a capacidade de vivir plenamente nas mesmas condicións. Anque é frecuente que sigan a estratexia da lura, tratando de asociar o nacionalismo con formas máis ou menos veladas de sectarismo e exclusión, o certo é que cada vez hai máis xente que rexeita eses discursos apocalípticos de quenes logo se presentan coma salvadores, prestos a resolver problemas que nunca tomarán forma.

O decreto de normalización do galego no ensino, presentado por que só pretende manete-los seus privilexios (replicado irónicamente na blogosfera galega, sobre todo nesta páxina) non é, nin moito menos, unha medida autoritaria, tal e coma se pretende facer crer. Se a día de hoxe o galego ocupa un espazo marxinal non é froito dunha elección libre e consciente da sociedade galega. Penso que ningúen pode ser acusado de vitimista se fala dunha agresión clara e sistemática durante cinco séculos co obxetivo de erradica-la nosa conciencia de pobo, sobre todo a base de marxinar o noso idioma ata que este desapareza.

Á hora de enfoca-la estado do noso idioma non pode partirse da falacia de atoparnos nunha situación de equilibrio. É dende esa desigualdade de orixe dende a que hai que enfoca-la medida. Penso que ninguén rebatirá que, nestas circunstancias, as medidas de discriminación positiva estarían máis que xustificadas.

Pero, trátase o novo decreto dunha medida de discriminación positiva? As mesmas consisten en obrigar a introducir persoas ou elementos en ámbitos nos que, por tradición ou por norma, a súa presenza fora exigua ou nula. O caso do idioma galego, que logo de sete séculos de Historia só comenzou a ser empregada na educación logo da asunción da Autonomía, é paradigmático da situación na que tales medidas estarían máis que xustificadas. Pero, repito, trataríase dunha medida desa índole?

Para sabelo, abonda con expoñer certos datos:

- Cando se permiteu que o galego accedera á educacción, a situación do noso idioma era mellor que a actual. Nese contexto, a asunción do galego coma o idioma no que se impartía (anque fora só parcialmente, de xeito case residual), non era tanto unha medida de discriminación positiva coma un recoñecemento da situación fáctica na cal a gran maioría dos alumnos eran galegofalantes.

- Este último decreto, sen embargo, é xestado nunha situación claramente diferente, e coma tal, debe aportar solucións a problemas que naquel momento non había. A día de hoxe, as novas xeracións de galego, educados cuasi-integramente en español, logo do fracaso estrepitoso da política lingüística que seguiron os Gobernos de Partido Popular, perderon de maneira sangrante contacto co idioma do país. Foi unha educación paleta e acomplexada, que asociaba o foráneo co bó, e que se avergoñaba por ver nela só unha cultura aldeana e cerril, atitude que proviña directamente dos máis rancios estereotipos franquistas (dos que índa hoxe bebe moita xente). Nesta situación, ou se toman medidas contundentes ou acabaremos por perde-lo galego como o idioma de referencia do país. De feito, fará falta unha política lingüística valente para que a inercia actual se revirta. Este decreto trata de por unha primeira pedra no proxecto máis ambicioso ó que nos enfrentamos os galegos na actualidade, isto é, o poñernos todos mans á obra para que o noso idioma goce de bóa saúde.

Algúns de nós cremos que Galiza é unha nación. Outros, que é unha rexión máis de España, e hainos que non se paran a reflexionar sobre estas cousas. Pero, máis alá das nosas diferencias políticas, o idioma é patrimonio de todolos galegos, e a todos nos compete cederlle ós nosos fillos a herdanza, a súa vez, recibimos dos nosos páis.

2 comentários:

Anônimo disse...

Leo estes días, na prensa diaria, algunha carta ao director favorable á potenciación do galego como lingua vehicular en ensino. Cartas en castelán, de xente interesada por que os rapaces consigan bo coñecemento e dominio da nosa lingua, manifestando preocupación polo seu retroceso no ámbito oral.

Que dúbida cabe, son boas novas; tanto tempo de difundir mensaxe positiva e de autoestima, sobre todo desde o nacionalismo, mostra resultados. Agora hai que ser firmes na defensa e consolidación dos avances, para seguir avanzando.

J. disse...

Si, é un fenómeno curioso. A perda de galegofalantes viu acompañada cunha maior estima social polo galego, ata o punto de que para moitos é unha lingua de vitrina, válida só para actos oficiáis. Ese é a gran paradoxa do noso idioma a día de hoxe.

Tamén se da moito o caso de xente que está en contra do galego no ensino porque pensa que pode ser perxudicial para o futuro laboral dos seus fillos. Haberá que insistir, pois, que o que condiciona unha bóa educación son os contidos e a docencia, e non tanto que se faga nun idioma ou noutro (casos paradigmáicos son os das ikastolas, que encabezan tódolos anos os ránquings de calidade educativa a nivel estatal). Haberá que seguir roendo. Saúdos