18 de mar. de 2009

Os xudeus de Irán e Roger Cohen

Selo da República Islámica de Irán, emitido no 1991 en conmemoración do Día do Neno.


Roger Cohen, xornalista do New York Times, viaxou recentemente ata Irán co obxetivo de narrar a situación do país. As súas impresións foron plasmadas nunha serie de nove artigos, dos cales o titulado What´s Iran´s Jews said causou unha aguda reacción na comunidade xudeo-iraní de Los Angeles, así coma en medios israelíes.

O artigo de Cohen mantén a tese de que a comunidade xudía iraní, que minorou de 100.000 a 25.000 persoas nas últimas seis décadas, recibe un trato correcto no país dos aiatolás. Baséase, para chegar a esa conclusión, en datos tales coma a declaración dun tendeiro que afirmou que nunca tivera problemas, e en que había un cartaz nunha sinagoga felicitando o trixésimo aniversario da Revolución. O xornalista londinense admite que existe violencia, pero culpa diso a Israel, ao tempo que disculpa a retórica do réxime iraní coma unha forma de chamar a atención sobre as inxustizas cometidas por Israel:
Eu sei que, se moitos xudeus deixan Irán, é por unha razón. A hostilidade existe. A acusación de espiar para Israel contra un gurpo de xudeus de Shiraz no 1999 amosou o peor do rexime. Os xudeus elixen un representante no Parlamento, pero pode votar por un musulmán se o prefire. Un musulmán, sen embargo, non pode votar por un xudeu.

Pregunteille a Morris Motamed, un xudeu membro do Majlis, se sinte que foi utilizado, un traidor iraní [Nota: o orixinal di "I asked Morris Motamed, once the Jewish member of the Majlis, if he felt he was used, an Iranian quisling"]. "Eu non", respondeu. "De feito eu sinto (que hai) unha profunda tolerancia cara os xudeus". El dixo que os cantos de "Morte a Israel" lle molestaron, pero pasou a criticar o "dobre raseiro" que permite a Israel, Paquistán e India ter a bomba nuclear, pero non a Irán.

Os dobres raseiros non serven máis; o Oriente Medio volviuse demasiado sofisticado. Un xeito de ver as diatribas difamatorias de Irán contra Israel é o dunha provocación para chamar a atención da xente sobre a bomba de Israel, os seus corenta e un anos de ocupación de Cisxordania, a súa negación de Hamás, o seu repetitivo uso dunha forza desproporcionada. A linguaxe iraní pode ser ruín, pero unha paz en Oriente Medio (e o compromiso de Teherán) terá que ter en conta estos puntos.

Na imaxe, rapazas agardando en Teherán para emigrar a Eretz Israel, xaneiro de 1943. 


Este artigo incomodou á nutrida comunidade xudeo-iraní de Los Angeles, composta por 30.000 membros, maior por tanto á que hai no propio país. En palabras de Sam Yebri, fundador de Los Angeles Trinta anos despois, un grupo de xóvenes activistas: "Non houbo outro artigo ou editorial que teña creado semellante reacción entre os xudeus iranís de tódalas orixes e grupos de idade. (...) Foi un shock, porque Cohen está usando a súa percepción para pintar de cor de rosa o réxime de Teherán. (...) Eu sei de xudeus iranís que viven en Irán e viven con medo. Non viven nun entorno no que poidan falar con franqueza con Roger Cohen.

Continúa Yebri: "A verdade do acontecido é que dende 1979, o Goberno de Irán ven usando a presenza de xudeus vivindo nese país coma a mellor ferramenta propagandística para supostamente presentarse a si mesmos coma un facho de luz no oeste."

No artigo no que se recollen estas declaracións, Cohen Bombs vs. Real Boms, o seu autor, Rob Eshman declara:
"Moitas destas persoas tiveron experiencias de primeira man coa intimidación, a opresión, confiscación da propiedade e aleatorios confinamentos en prisión que acosaron á comnidade xudía en Irán dende o ascenso dos mulás. E a maioría ten amigos e familiares que permanecen alá e contan historias moi diferentes do que Cohen viu."
Paga a pena ler íntegros ambos artigos, e persoalmente gustoume a atinada réplica do señor Eshman.

Logo da reacción, o xornalista aceitou acudir a un debate no Templo Sinaí, moderado polo rabino David Wolpe, para explicarse diante de dita comunidade. O encontro está dispoñible en video e pode atoparse aquí.

Nenhum comentário: