14 de mar. de 2007

É por xente así polo que sigo no Bloque

"Sr. D. Anxo Quintana, Portavoz Nacional do B N G:

Membros da Executiva Nacional do BNG:

Membros do Consello Nacional do BNG:

Ante o inicio do proceso de expulsión promovido polo Consello comarcal de Vigo na persoa de Pedro Gómez-Valadés, militante do BNG nesa localidade e Presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel ( AGAI ), quero expresar ante vostedes, a miña total solidaridade con D. Pedro Gómez-Valadés e facer miñas todas ás súas actuacións, comunicados e roldas de prensa que fixo como Presidente de AGAI .

Quero tamén expresar a miña repulsa ante as medidas “inquisitoriais” tomadas contra este destacado e esforzado militante do BNG, según recoñecen os seus propios “ inquisidores”, polo único motivo de presidir unha asociación “ imperialista”, xa que “o goberno de Israel aposta por prácticas imperialistas, e declarar o contrario é incompatible cos principios do Bloque Nacionalista Galego“, segundo declarou dona Manuela Rodríguez, responsable comarcal do BNG de Vigo .

Como xa comuniquei ao responsable comarcal do BNG en Ferrolterra, Sr. López Foxo, eu son tamén afiliado do BNG, socio e membro fundador da Asociación Galega de Amizade con Israel e polo tanto calquera medida que o BNG, tanto a nível comarcal como nacional, tome contra Pedro Gómez-Valadés tamén terá que ser tomada contra á miña persoa.

Como xa dicia anteriormente, o maior “pecado” que cometimos tanto Pedro coma eu mesmo, é apoiar a un estado “imperialista” coma é segundo a maior parte do Consello comarcal de Vigo o estado de Israel. Asi mesmo e por pura lóxica, e tamen segundo o mesmo Consello comarcal, AGAI é unha asociación “ imperialista”.

¿Cren vostedes que un pobo que foi invadido e ocupado durante 200 anos polo Imperio Romano, destruindo Xerusalem no ano 70 d.C. por medio das tropas do xeneral Tito, é un pobo imperialista?

¿Cren vostedes que a heroica resistencia en Masada contra as lexións romanas e digna dun pobo imperialista?¿Cren vostedes que un pobo que foi expulsado salvaxemente da súa terra pola forza do imperio Romano é un pobo imperialista?

¿Cre vostede Sr. Quintana, que un pobo que andivo errante durante 2000 anos, sufrindo persecucións, expulsións, progroms, asasinatos, etc.. ,é un pobo imperialista?

¿Cren vostedes que un pobo que sufreu a Shoá (Holocausto) con maís de 6 millóns de mortos é un pobo imperialista?

¿Cren vostedes que un país como o estado xudeu de Israel, que é do tamaño da nosa Galiza quitándolle a provincia de Ourense é un país imperialista?

¿Cre vostede Sr. Quintana que o estado xudeu de Israel que ten 7,5 millóns de habitantes, dos cales 1,5 millóns son árabes, é un pobo imperialista?

¿Cren vostedes que un país que fai oficial a lingua da minoria árabe é un país imperialista?¿Cren vostedes que un país que ten como lingua oficial o árabe, lingua dos seus maís feroces inimigos, é un pais imperialista?

¿Cre vostede Sr. Quintana, que un país de 7,5 millóns de habitantes rodeado de 300 millóns de persoas en diversos paises enemigos ou hostiles, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que ao día seguinte da súa independencia, respaldada pola ONU, é atacado polos países veciños para destruilo, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que sufre unha agresión no ano 1967, na chamada Guerra dos seis dias, por medio de todos os paises árabes que o rodean para intentar a sús destrucción, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que sufre unha agresión no ano 1973 na chamada Guerra do Yom Kipur, por medio de todos os paises árabes que o rodean co fin de destruilo, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que o ÚNICO país do mundo ameazado de destrucción total é un país imperialista?

¿Cre vostede Sr. Quintana que o ÚNICO país do Oriente Medio onde se respectan os dereitos das mulleres, e de todas as minorias étnicas e relixosas, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que o ÚNICO estado de dereito e democrático de Oriente Medio, rodeado de estados ditatoriais con gobernos oligarcoteocráticos, é un estado imperialista?

¿Cren vostedes que un país como Israel onde o Tribunal Supremo obriga a desviar o trazado da cerca antiterrorista tras gañar un recurso varios cidadáns palestinos, é un estado imperialista?

¿Cren vostedes que un país xudeu que tén deputados árabes na Knesset(Parlamento) é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que está ameazado pola maioría dos países árabes e ten un ministro árabe é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que recolle a varios centos de miles de xudeus procedentes do que era a Unión Sovietica, a maioria deles nun estado de pobreza extrema, e dalles un fogar e un traballo, é un país imperialista?

¿Cre vostede Sr.Quintana que un país que foi creado na súa etapa actual por mozos e mozas sionistas socialistas procedentes de moitas partes do mundo, sufrindo verdadeiras calamidades nunha terra hostíl e desértica, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que o único país do mundo onde se aplicou o ideario comunista dun xeito democrático e voluntario (Kibbutz) con resultados económicos e sociais espectaculares, é un país imperialista?

¿Cre vostede Sr.Quintana, que un país que rescata mediante pago ao país de orixe a máis de 15.000 cidadáns etíopes (falashas) de raza negra, pero que practicaban o xudaismo dende tempos inmemoriais e os convirte en cidadáns israelíes de pleno dereito, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que sofre o acoso do terrorismo dende hai máis de 70 anos e que só dende o ano 2000 provocou 1.200 mortos civís entre os seus cidadáns, é un país imperialista?

¿Cren vostedes que un país que ten na súa fronteira norte a un grupo terrorista como Hizbula, armado e adestrado por Irán e Siria, que pusee entre 30.000 e 40.000 cohetes con un alcance de entre 50 e 100 Km é que está disposto a disparalos indiscriminadamente, como xa fixo hai uns meses, contra a poboación civil, é un estado imperialista?

¿Cren vostedes que un país no que moitos cidadáns seguen lembrando con nostalxia o seu país de procedencia e conservando moitos deles a lingua que os seus antepasados trouxeron de Sefarad (España), é un país imperialista?

¿Cren vostedes que haberia algún país europeu que soportaría máis de dous meses o asedio terrorista que sofre Israel?

¿Cren vostedes ético e moralmente admisíbel acusar a Israel de “prácticas imperialistas” e non dicir nada sobre a destrucción de Chechenia polo exercito ruso?

¿Cren vostedes ético acusar a Israel de “prácticas imperialistas” e non dicir nada da utilización de nenos e menores no conflito palestino-israelí por parte dos palestinos?

¿Cren vostedes ético e moralmente admisíbel acusar a Israel de “prácticas imperialistas” e non dicir nada en contra de aquiles que envian a homes e mulleres cargados de explosivos para suicidarse e causar o maior dano posíbel entre a poboación israelí?

¿Cren vostedes ético acusar a Israel de “practicas imperialistas” e non dicir nada de que nas escolas palestinas se enseña aos cativos a odiar aos xudeus?

¿Cren vostedes ético acusar a Israel de “prácticas imperialistas” e non dicir nada sobre onde van os miles de millóns de dólares que EE.UU., Europa e algún país árabe entregan dende hai moitos anos a Autoridade Nacional Palestina mentras a poboación pasa necesidade de limentos, medicinas e outros produtos de primeira necesidade?

Sr.Quintana, membros da Executiva Nacional, membros do Consello Nacional, poderia seguir así 5 ou 6 folios máis, pero é dabondo para demostrar que Israel non é un pais imperialista, nin AGAI é unha asociación “imperialista”.

Sr.Quintana, membros da Executiva Nacional, membros do Consello Nacional, penso que a maioria do Consello comarcal de Vigo equivocouse de país. ISRAEL NON É CUBA, país que sofre unha ferrea ditadura nun estado-cadea onde os seus cidadáns non poden saír nin entrar libremente.

ISRAEL NON É CUBA, país onde no ano 2.003 foron fusilados tres rapaces por secuestrar unha pequena embarcación para fuxir dese “paraíso”, sen producir ningún dano nin a persoas, nin á propia embarcación .

Sr.Quintana, ISRAEL NON É ARXELIA onde os islamistas levan causado máís de 100.000 mortos .

ISRAEL NON É ARABIA SAUDÍ onde hai uns días foron decapitados tres xóvenes por “sodomia, casarse entre eles e facer proposicións a outros homes”.

Membros da Executiva Nacional, ISRAEL NON É A REPÚBLICA ISLÁMICA DE IRÁN onde máis de 4.000 gays e lesbianas foron executados dende o ano 1.979 coa chegada dos Ayatolás.

ISRAEL NON É A REPÚBLICA ISLÁMICA DE IRÁN onde foron executados máis de 100.000 persoas dende o ano 1.979.

Membros do Consello Nacional, ISRAEL NON É A REPÚBLICA POPULAR DE CHINA responsábel da morte de máis de 1.000.000 de tibetanos.

ISRAEL NON É XORDANIA que matou máis de 20.000 “palestinos” no coñecido como “Setembro negro”

ISRAEL NON É A AUTORIDADE NACIONAL PALESTINA onde unha persoa acusada de “colaboracionista” é asasinada nos cuarteis da policia sen ningún tipo de xuizo e despois colgada na rúa para ser acoitelada por nenos e maiores.

ISRAEL NON É OS PAISES ÁRABES onde a muller é lapidada, tapada e queimada con ácido polos seus propios irmáns por “deshonrar” á familia.

Sr.Quintana, membros da Excutiva Nacional, membros do Consello Nacional, ISRAEL NON É EXIPTO onde son perseguidos, castigados e a veces asesinados persoas homosexuais .

ISRAEL NON É ARABIA SAUDÍ, IRÁN, SUDÁN, TURQUIA, MARROCOS ou outros países árabes onde xudeus ou cristiáns non poden públicamente profesar as súas creencias relixiosas nin abrir templos so pena de ser decapitados ou perseguidos.

O grave problema de todo isto Sr.Quintana, membros da Executiva Nacional, membros do Consello Nacional, é, que detrás de toda esta acusación non está o “TRADICIONAL ANTIIMPERIALISMO” do BNG, senón un TRADICIONAL ANTISEMITISMO que cada vez con máis forza percorre Europa, e que afecta principalmente á esquerda politica e polo tanto tamen a esquerda máis extrema e rancia dentro do BNG como é a marxista-leninista UPG, lugar de onde proceden inicialmente as acusacións contra Pedro Gómez-Valadés.

Se o que se pretende é que levemos a nosa “militancia” na Asociación Galega de
Amizade con Israel á clandestinidade, negando a nosa militancia no BNG cando estemos traballando en AGAI ou negando a nosa militancia en AGAI cando estemos traballando no BNG, ou tapando a cara para non saír nas fotos e que podamos ser identificados por alguén como membros do BNG, non conten comigo e penso que tampouco co resto dos militantes do BNG que militan en AGAI.


Vou seguir defendendo o que creo que é de xustiza .

Vou seguir defendendo o dereito de Israel a non ser borrado do mapa.

Vou seguir defendendo o dereito de Israel a ter unhas fronteiras seguras.

Vou seguir defendendo o dereito de Israel a non ser acosado polo terrorismo islámico.

Vou seguir defendendo o dereito de Israel a non ser acosado polos terroristas de HizbuláVou seguir loitando contra o maniqueísmo occidental neste conflito.

Vou seguir loitando contra a banalización da Shoá (Holocausto).

Vou seguir loitando contra a negación da ShoáVou seguir defendendo a Israel porque é un minúsculo país, un minúsculo país democrático sufrindo o acoso do Imperialismo Islámico, mentras en occidente a maioría da clase política é sobre todo a maioría da esquerda mira cara outro lado . Total que maís dá, son xudeus!!!

Vou seguir defendendo a Israel porque é defender os valores xudeu cristiáns de liberdade individual, liberdade colectiva, liberdade de culto, respeco aos dereitos das minorias étnicas ou relixiosas, respecto aos dereitos humanos, respecto aos dereitos da muller, respecto á vida, respecto á liberdade de pensamento, dereito á xustiza, etc...

Guste ou non guste á xente da UPG e a outra xente do BNG (Sr.Beiras incluido) vou seguir defendendo ao estado de dereito e democrático de Israel e estando en contra dos terroristas de Al Fatah, Mártires de Al Aqsa, Yihad islámica, Hamás e a chamada Autoridade Nacional Palestina mentras siga permitindo que existan estos grupos terroristas e lles dea apoio na maioría das ocasións.

Dicia Albert Einstein (perdón por citar a un xudeu) que hai dúas cousas que son infinitas, a estupidez humana e o Universo. Visto o que está sucedendo no BNG é máis fácil dubidar do segundo que do primeiro."

Neda ( A Coruña) , 4 de Marzo de 2.007

Asdo.- Abel Anxo García López

Concelleiro do BNG en Neda ( A Coruña )

Xente coma esta é a que me fai crer que todavía hai esperanza. Xente que está disposta a decirlle ben alto á esquerda retrógrada o que ista non quere oír.

Logo de moitos anos repetindo as caducas consignas coma se foran verdade revelada, xa vai sendo hora de que se habituen a escoitar e a argumentar, a respeta-la discrepancia, a entender, dunha vez por todas, que democracia e unanimidade son dúas ideas que non caben na mesma frase.

13 de mar. de 2007

A gran esperanza hebrea


Moitos temos as esperanzas postas nela. Sería unha digna herdeira, logo dunha escolla errada.

12 de mar. de 2007

Manifesto

Todalas persoas que queiran amosa-la súa solidaridade con Pedro Gómez-Valadés, o militante do Bloque Nacionalista Galego que vai ser expulsado por presidir unha asociación de amizade entre Galiza e Israel, pode facelo suscribindo o manifesto Carta aberta a Anxo Quintana. O obxetivo desta iniciativa é que o Portavoz Nacional do BNG interceda para evitar este despropósito. Quen queira amosa-la súa discrepancia con este proceso pode facelo enviando un correo a cartaaberta_anxoquintana@yahoo.es.

Para suscribir o manifesto non é necesario ser militante do BNG. Asimesmo, o feito de que alguén o asine non significa que concorde coas opinións de dito militante. Esta é unha iniciativa que non busca posicionarse sobre o conflicto árabe-israelí, senón que só pretende denunciar a vulneración dos dereitos individuáis desta persoa.

Para deter esta expulsión é imprescindible que o Portavoz Nacional se pronuncie en contra desta medida. Portavoz que, convén recorda-lo, éo de todolos militantes do BNG, e non só daqueles que o votaron.

Independentemente da opinión de cada quén, a liberdade de expresión sempre debe prevalecer. Esta medida arbitraria deteriora irremediablemente a calidade da democracia interna da nosa organización. As normas están para todos, e deben aplicarse obxetivamente, e non coma unha arma arroxadiza contra os adversarios políticos da Unión do Pobo Galego. Por todo isto, ou só por mera decencia: non á expulsión de Pedro Gómez-Valadés.

10 de mar. de 2007

Respeto ás minorías para gañar a sociedade

"O pluralismo interno é un valor no BNG cuxo significado vai máis alá dunha formulación meramente teórica. Para unha forza política con aspiracións a ser maioritaria na sociedade, o respecto efectivo ás minorías é fundamental por tres razóns:

1. Porque é o exemplo do modelo social e cultural da Galiza do futuro, onde todos e todas debemos ter cabida independentemente da nosa filiación política e ideolóxica, onde mesmo os non nacionalistas han compartir dereitos e obrigas con nós para a construción do noso país.

2. Porque o noso modelo organizativo está así concibido, admitindose a presentación de listas diversas que responden a sensibilidades diversas. Así se plasmou na última Asemblea Nacional, sendo considerado como unha riqueza e non unha debilidade do BNG.

3. E finalmente, e o máis importante, porque a mesma formulación dos Dereitos humanos individuais sempre debe preceder a calquera consideración de carácter colectivista. Isto é unha esixencia que toda a sociedade e non só BNG debe apoiar: todo deterioro destes principios en calquera lugar inicia a pendente que nos leva ao totalitarismo.

O BNG iniciou un proceso de expulsión dun dos nosos afiliados. Primeiramente, votou a súa consideración de "militante de segunda" (sen posibilidade de acceso a cargos) en razón da súa pertenza a unha asociación legal e democrática, -ASOCIACION GALEGA DE AMIZADE CON ISRAEL- que, como o seu nome indica, busca a amizade e a concordia entre os pobos. Dita purga vén motivada por unha lectura maniquea e unilateral dun conflito complexo e difícil; e é un atallo do colectivismo que viola os artigos 18,19 e 20 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que contradí o principio do pluralismo e respecto ás minorias, situándonos nun novo escenario dentro do BNG:

1. Aniquila o sistema organizativo e representativo do que nos dotamos, e substitúeo por un sistema de purgas e imposicións de maiorías circunstanciais que crea inestabilidade e medo á depuración como novos principios organizativos.

2. Desmobiliza e retrae os nosos apoios sociais que observan eses novos principios organizativos de depuración como a pauta a seguir por un futuro BNG maioritario.

3. Converte unha determinada opinión de análise política internacional en filtro de pertenza plena á organización. A ideoloxía que resulta do filtrado é que o "antiimperialismo" que di defender o BNG renuncia ao acervo democrático occidental Ademais o antiimperialismo non debería estar por riba do pluralismo político, da liberdade de expresión e do dereito á discrepancia pública.

É por iso que chamamos á solidariedade dos nosos compañeiros e compañeiras, dos nosos representantes institucionais e políticos, e mesmo de toda a sociedade para amparar un dereito humano e democrático. Reivindicamos o respecto ás minorías en favor de toda a sociedade galega."

Asinan:

01 - Xoán Bernárdez Vilar / 02 - Abel Anxo García López
03 - Manuel Feás Sánchez / 04 - Cesar Pazos Barreiro
05 - Mª Isabel Ferreiro Rodríguez / 06 - Fernando del Rio Iglesias
07 - Francisco X. Lores Ínsua / 08 - Xurxo Gegorio Vaqueiro
09 - José Henrique Pérez Rodríguez / 10 - Florentino Pinheiro Vasques
11 - Xose Carlos Morell Gonzalez / 12 - Xoan Xesús Rozas Neira
13 - Iago Pillado Losada / 14 - Natalia Costas Alonso
15 - Fernando Acuña Rúa / 16 - Henrique Monteagudo Romero
17 - Fernando Rodríguez Dacosta / 18 - Miguel Mato Fondo
19 - Xosé María Moreno Villar / 20 - Vitor Manuel Meirinho Guede
21 - María Luisa Varela Nogueiras / 22 - Alberte Mahía Rodríguez
23 - Felipe Gómez Morgade / 24 - Francisco Xavier Freire Chico
25 - Carlos Pérez Sainz / 26 - David Álvarez López
27 - Francisco Lores Santacecilia / 28 - Alexandre Fernández Villaverde
29 - Alberte Vila González / 30 - Gonzalo Cao Sousa
31 - Xosé Manoel Santos Díaz / 32 - Quico Recondo Martínez
33 - Xosé Manuel Garcia Garcia / 34 - Xosé Manuel Xil Ramos
35 - Xosé-Henrique Costas González / 36 - Antonio Rodríguez Sampayo
37 - Diego González López / 38 - Patricia Pampillón Vila
39 - Carlos Nuevo Cal / 40 - Marta Toledano Funes
41 - Rosendo Gonzalo Covelo Roma / 42 - Carlos Alonso Valladares
43 - Xavier Gómez Curras / 44 - Xose Gómez Quintela
45 - Xosé Vixande López / 46 - Daniel Monteagudo Ferreira
47 - Xavier González Carreira / 48 - Manuel Currás Meira
49 - Susana Seoane Dovigo / 50 – Heliodoro Álvarez Conde
51 - Xusto Molejón Valoria / 52- Xoaquín de Acosta Beiras

Este manifesto apareceu publicado no xornal El Faro de Vigo no día de hoxe, sábado 10 de Marzo de 2007, baixo o epígrafe Carta aberta a Anxo Quintana. Sen embargo, en previsión da que lle viña enriba, xa hai días que o noso valente Portavoz Nacional decidiu marcar coma spam esta clase de misivas.

9 de mar. de 2007

O video que nunca estará no Youtube

A continuación transcribo parte da entrevista que se lle fixo en Radio Sefarad ó pérfido sionista e consumado xenocida o sábado tres de marzo, logo de chegar a un acordo económico satisfactorio co meu contacto do Mossad para difundila.

A entrevista comenza co propio Valadés explicando pormenorizadamente a súa situación, ata que a entrevistadora (son dous, un home e unha muller), sorprendida, o interrompe, decíndolle que o que lles está contando é algo completamente inquisotorial, irreal, propio dunha novela de Kafka

“Bueno, a fuerza de repetir todas las barbaridades que escuché ayer en cuatro horas de debate, que empezamos a las ocho y cuarto y acabamos casi a la una de la mañana, en anteriores… el día anterior hubo un Consello Local en que una persona, un histórico del BNG y también miembro de la asociación, se dio de baja ya porque dijo que, independientemente de la resolución, el no podía compartir militancia con estos talibanes, o aprendices de talibánes,… Cuando repaso todo lo que escuché, es realmente increíble. Si no fuera que allí estaba yo de testigo es casi… efectivamente, de Kafka. Allí se me acusó de estar a sueldo del Mossad, y no lo dijo un militante normal, anónimo, lo dijo una señora diputada en el Parlamento de Madrid, Olaia Fernández Davila, del BNG, ella dijo que estaba a sueldo del Mossad, y lo reiteró. Y que no era casual el nacimiento de la asociación, que era parte de una estrategia para hundir al Bloque. La situación es delirante y, si repito algunos de las afirmaciones que se dijeron en esta reunión, en la de ayer y en la anterior, probablemente son espeluznantes.”

(…) Muchos de los que nos oyen (…) estarán intersados en saber sobre la Asociación Galega de Amizade con Israel, y quienes componeis esta asociación. Tu mismo eres del Bloque Nacionalista Galego, en particular de Esquerda Nacionalista. ¿Quiénes más estáis en esa asociación y cuales son vuestras actividades?

“Bueno, primero reiterar lo que ya dije en varias, muchas ocasiones; que la asociación es apartidaria, como tiene que ser, independientemente de que miembros de la Directiva o miembros de la asociación seamos del BNG, del PP, del PSOE o de nada. Incluso algunos votan y otros no votan. La asociación es apartidaria. La asociación tiene unos puntos fundacionales que compartimos todos y, a mayores, uno puede estar a favor de una mayor intervención del Estado en la cosa pública o una menor, esos ya son cuestiones extra-asociación.

La asociación tiene varios puntos. Uno es combatir lo que nosotros entendemos la banalización del Holocausto, cuando no la negación del mismo. Es recuperar la secular huella histórica, como parte de nuestra memoria histórica como gallegos, de la presencia judía en Galicia, que fueron siglos de presencia, y pensamos que es parte de nuestra memoria histórica que debemos recuperar.

Entendemos que hay una criminalización, una demonización de Israel, por defecto, y un acriticismo con los palestinos que no es, desde luego, ajustado a la realidad. Entendemos que, en la medida de nuestras posibilidades debemos aportar información para que el debate en la sociedad sea lo más equilibrado posible, en la medida de nuestra posibilidades, claro está. Entonces, para llevar a cabo todos estos propósitos pretendemos tener una publicación, en la que estamos trabajando ya. El nombre de la publicación es “De Compostela a Xerusalén”, que tratará de muchos temas relacionados con Israel, con Galicia, con el mundo judío, en fin. Cuando esté…

(Interrumpindo) Perdone, y ¿ esto es lo que ellos dicen que es trabajar para el Mossad?

“Si, si. Bueno, es que dijeron tantas barbaridades, tantas barbaridades que ya no... No niegan que haya algún judío bueno, eso se dijo, son cosas, son realmente... ¡Si esto lo tuviera grabado y lo pudiera colgar en el Youtube!”

Casi de manual, ¿no?, una reunión de Manual de Perfecto Antisemita...

“Sí, y duele más cuando… Bueno, yo le niego a estas personas el calificativo “de izquiedas”. Estos son estalinistas frustrados y fracasados que pretenden imponer en el 2007 esquemas de antes de la caída del muro de Berlín en la Rusia soviética.

Yo creo que la izquierda tiene que ser, y es hablo particularmente, ya como Pedro Gómez-Valadés, tiene que ser objetiva, lo más objetiva posible, tiene que ser científica, tiene que estar dispuesta a modificar lo que piensa de cualquiera cosa, no guiarse por propaganda o por los catecismo de Marta Harnecker, y esta gente siguen ahí, anclados en el Muro de Berlín.

Alguno ayer me dijo, a pregunta mía, le pregunté qué opinaba de,… porque el se definía como prosoviético (risas do locutor), y estamos en el 2007, ya non existe la Unión Soviética, y es un cargo institucional alto del BNG, no estoy hablando de un militante de base con poca formación, estoy hablando de un concejal en Vigo, que es la principal ciudad de Galicia, y el me decía que… le pregunté por la invasión rusa de Praga en la Primavera del 68, y el dijo que eso estaba bien hecho, y lo apoyaba y lo seguía apoyando. Con mentalidades así, como puedes imaginar, el diálogo es difícil.”

Desde luego

(…)

E hai máis, moito máis. Houbérame gustado colga-la entevista no blog, pero coma é unha función que non está dispoñible, nin é un video que poida colgar no Youtube, se algúen ten interese en escoita-la íntegramente (dura un cuarto de hora), pódolle-la enviar nun arquivo MP3. Se algúen está interesado en coñecer (confirmar) como as gasta a UPG cos desviados, que me avise a julicheiro@gmail.com, e lle-la envío sen problemas. Que ningúen se quede coas ganas; coma nos servizos de contactos, o anonimato está garantido.

Volvo a escoita-la entrevista e reafírmome no que levo días pensando: que todo isto é tan, tan irreal, que seguro que, ó final, non é máis que unha broma que algúen nos está gastando mediante unha cámara oculta…

8 de mar. de 2007

O antisemitismo despois do antisemitismo

Cando, hai unhas semanas, Abraham Yeosúa estivo en Compostela, un dos asistentes á súa conferencia "Xudeu, Sionista e Israel: aclarando conceptos", preguntoulle se notaba máis ou menos rexeitamento cara os xudeos, logo de varias décadas visitando Europa. A súa resposta non puido ser máis lapidaria: "O antisemitismo é unha enfermidade crónica".

Nestes momentos nos que a cólera dalgúns impide un debate sosegado, boto man dun artigo de Tiago Barbosa que incide no feito de que, para que haxa un debate racional, é imprescindible deixar de lado clichés e prexuízos. Liberarnos, e non só de cara á galería, do eterno antisemitismo occidental.

7 de mar. de 2007

Israel coma coartada

O outro día decía que todo este proceso está deixando ó aire as miserias crónicas do BNG. Hoxe vou dar un paso máis: tamén están quedando ó aire as vergoñas de gran parte da esquerda, os monstros que temos gardados baixo chave. E digo que temos, non porque eu crea que os teño (sen dúbida terei outros, que se cadra nin os vexo), senón porque, maila todo, síntome parte dese sector social que se identifica co xeneralista térmo “de esquerdas”. Ou esa é a miña impresión, anque moitos non dubidarían en negarme o abrigo baixo ese epígrafe. Houbo un tempo no que me importou, agora xa non. Se algúen quere apropiarse para sí o calificativo, establecendo sucesivos círculos concéntricos de pureza e redención, que o faga.

Precisamente porque quero que esta visión do mundo triunfe é polo que creo que hai que desenredala dos aspectos que lastran o seu avance, deixando, mentres tanto, vía libre ós cartos coma único referente real. É, dende esa intención, polo que quero decir que moitas veces, nós, a esquerda, non comprendemos o mundo novo, e achacámoslle defectos á realidade no canto de cambiar os lentes cos que a vemos. Agora, que as férrea distinción de clases que, noutro tempo, alentou os soños da revolución, foi reventada polo capitalismo, dando paso a un crisol de “clases”, que non son clases porque non son estancas, que non se guían por criterios de xustiza pero tampouco de orixe nin de sumisión, senón de fortuna e azar, nós seguimos vendo o mudo coas vellas gafas que Marx e Hegel fabricaron para o proletariado.

Agora que no noso horizonte non hai máis revolucións que as que nos depare a tecnoloxía, miramos con pena cara un futuro que cada vez queda máis atrás, progresivamente desmantelado, folclorizado, para vergoña nosa, que tanto o agardamos. E, con outra xente, ou na soidade dos vellos libros editados por Akal, comprobamos de novo coma o mundo que nós (e nalgúns casos, xa os nosos pais) tanto quixemos, non chega conforme o previsto. Ó contrario que ós adolescentes, non queremos nin oir falar de derrota; a pose marxinal só divirte a quen índa non sabe que isto vai en serio.

Un dos Novos motivos polos que os poetas minten que nos dou Enzenzberger foi:

“Porque por boca da clase obreira
nunca oirede-la palabra clase obreira

No momento en que tomamos conciencia de ser algo, nese preciso instante comenzamos a ser outro. Porque non podemos observarnos e desenrolanrnos ó mesmo tempo, cando reparamos no espello xa é outro o que mira. Unha ollada periódica a ese espello pode axudar a facer pequenos axustes na traxectoria, pero a brúxula segue estando dentro nosa. Unha ollada constante e estaremos perdidos, alienados; isto é, asumiremos os valores do outro, do que mira.

Hai quen índa sacude aquelas bandeiras e nos chama traidores. Non. Traidores eles por enarborar ós mortos coma se índa puidesen guiarnos. Eles son os reconstruídos, os que se crean a base de mirar o que foron, os ladróns de tumbas do seu propio pasado. Os que elexiron outro camiño, o camiño de volta.

A esquerda clásica, que na Galiza de hoxe é a dos anos 70, repite a vision do mundo tal e coma o deixou a última vez que fixo unha análise honesta. Xunto a ela, cada vez máis voces insinúan, e ata ás veces berran, que mentres esteamos neste mundo, deberíamos asumir a dor da lucidez coma o prezo a pagar por afronta-la modernidade coma un desafío ético. Non pode pedírselle a ninguén que deixe de ser un mismo, sobre todo cando os anos van pasando e deixan tras de sí o severo peso da rutina, pero si que se pode e se debe pedir que a ollada non se atrofie, que se exercite de cando en vez, que se cuestionen os dogmas con auténtico afán de sorprendernos.

Nos anos 70, o futuro e a felicidade da humanidade pasaba por Cuba. Hoxe, caídos todolos referentes reais que había, podemos finxir que non pasou nada, e seguir sacando á rúa as bandeiras que se amaban, ou recobrar ese desexo, e plasmar esa materia noutras formas. Así, podemos pararnos a enteder a aquela parte da sociedade israelí que quixo consturír un futuro mellor e nós aillamos, obrigándoa a dárlle a razón ós máis rudos da súa nación. Ser de esquerdas, hoxe coma sempre, non é máis que comprometerse co progreso, a liberdade, e a xustiza social, máis alá das formas ou ideoloxías que se adopten en cada época. Quenes de verdade queiran ser útiles á súa Terra e ó seu Tempo, farían ben en preguntarse qué se supon que aportan os que, coma o detective Carvalho, se limita a berrar dende a popa do barco:

Fillos de puta!

... ás lonxanas luces dos rañaceos.

3 de mar. de 2007

Papel mollado

"4. MAIORIAS E MINORIAS. A posición oficial da organización determinaráse por maiorias. Garantizaráse o direito das posición minoritárias á súa defensa pública, discrepando lexitimamente da opción maioritária.

5. LIBERTADE DE EXPRESIÓN. O necesário debate que se ten de producir no seo do nacionalismo galego leva-nos á defensa a ultranza da libertade de expresión non só para as distintas opcións organizadas sinón tamén a título individual para todos os membros.

6. DIREITO A DISCREPANCIA PÚBLICA. O direito á defensa pública das posicións minoritárias e o de defensa de expresión concretaráse no direito á discrepáncia pública sempre que na práctica non plantexe unha contradición operativa que leve ao bloqueo ou ao boicot da decisión maioritária."


As palabras son bonitas, pero os feitos son teimudos.

2 de mar. de 2007

O triunfo dos porcos

Calquera das tres posibilidades das que falei onte era mala. Finalmente, elexiron a peor. No Consello Comarcal de Vigo celebrado onte decidiron, maila o chamamento á calma feito pola Executiva Nacional, inicia-lo procedemento tendente a desposuir a Pedro Gómez-Valadés de todolos seus postos na organización. O primeiro paso é expulsalo da Executiva, así coma apartalo da área de cultura que leva na organización. Logo, pasará ó Consello Nacional para que ratifique a súa expulsión. Xa teño dito que a UPG non ten votos dabondo, co que Quintana ten a chave de se seguir adiante con todo isto ou deter a tempo toda esta tolemia.

Vámolo a botar porque, neste tema, non pensa coma a maioría. Apoia a existencia dun Estado para os xudeos, e faino coa mesma intesidade coa que o apoia para os galegos. Baixo iso, a causa subxacente, a súa militancia nunha alternativa á UPG. Non defendeu a violencia, senón o entendemento, pero cometeu o erro de querer amosarno-la postura errada.

É o triunfo dos porcos. Longa vida ó pensamento único.

1 de mar. de 2007

Pintan bastos

O pasado martes, a Executiva Nacional do BNG adoptou unha decisión ambigua que, de entrada, non implica que Pedro Gómez-Valadés vaia a ser expulsado da fronte. Digo ambigua porque, nos termos nos que se tomou o acordo, máis que unha rectificación clara do erro que se estaba a cometer ou, cando menos, un disimulado deixalo pasar, a Executiva decidiu recomendar ó Consello Comarcal de Vigo que non tome medidas contra o militante mentres que éste non vincule á AGAI co BNG. O que acontece é que el xa nunca vinculou ás dúas organizacións; foi a prensa a que se fixo eco da súa militancia nacionalista durante a presentación da asociación, ata o ponto de que nalgúns medios se incidiu nese aspecto coma unha rareza no actual espectro político.

“Vincular ó BNG coa AGAI”. E coma pode non vincula-las, acaso prohibíndolle ós xornalistas que escriban o que lles pete? Tal e coma eu o vexo, o que se está a facer é pospoñe-la súa expulsión ata despóis das eleccións municipais. Calquera vez que volva a aparecer nun acto público coma presidente da asociación, os medios de comunicación sinalarán de novo a organización política á que pertence. Polo tanto, calquera vez que apareza algunha noticia sobre a asociación, o Consello Comarcal pode determinar ó seu arbitrio que esa é a gota que colma o vaso. Cando lles pete, ou sexa, logo das municipais. Moi hábil.

De todolos xeitos, índa estamos a tempo de meter incluso máis a pata, posto que esta tarde vaise decidir en Vigo se o Consello segue ou non a recomendación da Executiva Nacional. Co cal os escenarios son (esta noite sairemos de dúbidas):

a) Botalo agora e ir tocados ás municipais.
b) Botalo despois e pospoñe-lo chaparrón.
c) Non expulsalo, pero sen deixar pasa-la ocación de recriminárlle-la súa conduta.

Calquera que sexa o desenlace desta truculenta historia, o BNG xa está tocado. Tocado perante a cidadanía, á que lle volvemos a amosar ás claras o nucleo duro das nosas vergoñas. Pero sobre todo tocado cara nós, cara os que estamos dentro. Pouca confianza merece unha organización á que se lle enche a boca coa palabra pluralidade e logo non é quen de levala mínimamente á práctica.

Un erro histórico do Bloque Nacionalista Galego (se cadra de todo o nacionalismo galego) é que sempre tivemos unha atitude paternalista coa sociedade, á que acusamos de pasiva, de inconsciente, de demasiado apegada ós intereses inmediatos. Nós sempre tivemos ben claro, xa non o que era bó para nós, senón o que era bó para os demáis. Quen vai saber mellor ca nós qué é bó para o resto da xente?

E así seguimos, sen decatarnos de que, se ben noutro tempo en parte foi así, cunha poboación dispersa e desinformada, hoxe en día a sociedade cambiou moito. Hoxe somos nós os que temos que aprender dela, os que nos temos que deixar imbuír do éspírito dos tempos. A decisión de expulsar a un militante dunha organización que se concibeu, xa non coma un partido político, senón coma a verdadeira institución de autogoberno da nosa nación (dahí que haxa partido de diferentes ideologías, correntes, militantes independentes: en suma, o reflexo da pluralidade de Galiza), só se entende dende a óptica dos que cren que os demáis son demasiado inconsciente coma para decidir por si mesmos. É mellor prohibirlle unha opción que nos sabemos que é errada a permitir que haxa quen, no exercicio da súa perversa liberdade, elixa a opción equivocada. Non vaia ser que, inconscientes de nós, acabemos sendo todos sionistas. Ou homosexuais. Ou friquis. Non vaia ser que nos deviemos do unico nacionalismo verdadeiro; o seu.

Esta visto que todos somos iguais, pero uns son máis iguais ca outros.

24 de fev. de 2007

O que se mova non sae na foto

Unha das consecuencias desta última purga da Unión do Pobo Galego é que está deixando ó aire as miserias crónicas do Bloque Nacionalista Galego. Pensabao o outro día, cando lin un comentario nun post anterior, deixado por alguén co alcume “Patriota”, que incidía en que o Partido Nacionalista Galego, autodefinido ideoloxicamente coma liberal, non debería concordar con este proceso. E sen embargo, o seu representante no Consello Comarcal de Vigo non actuou na liña ideolóxica que o seu partido propugna, senón que se cadrou ante a UPG e defendeu unha postura, xa non desviada do seu ideario, senón abertamente oposta. Parece ser que estar no Bloque fomenta o contorsionismo. Non me sinto con forzas para culpalo; non é nada que os demáis partidos non teñamos feito.

É o medo, o medo de sempre a ser purgado cando deixas de serlles útil, cando cuestionas os seus métodos ou os seus obxetivos. Ese medo xúntase con outro, un medo que medra canto máis alto estás no escalafón: o medo a non saír na foto. Este teñoo visto moito, incluso dentro do meu partido. O primeiro é case parte consustancial á militancia non alienada; segundo pasan os anos, renóvanse a xente, pero a situación perdura, é faino coma un aura que rodea todo canto fagas. Sabes que terás unha lupa enriba túa, agardando o momento no que te desvíes para ensinarche, con maior ou menor educación, onde queda a porta de saída. Comprendo o primeiro, e detesto o segundo.

Tamén está a inconsciencia, que non debe ser infravalorada. A inconciencia dun nucleo duro totalmente alleo á realidade, por gusto ou por incapacidade, pero lonxe de calquera atisbo de vinculación coa sociedade e o tempo que lle tocou vivir. A mesma inconciencia que lles fai crer que expulsar a un militante por diferencias de opìnión, escudándose nunha excusa irrisoria que non engana a ningúen, excepto ós fanáticos do pensamento único e a exclusión do diferente, non terá coste político, ou o terá tan baixo que compensará de todolos modos seguir con isto ata o final.

O que esa xente non entende (esperemos que ese día chegue pronto) é que a quen danan non é tanto ó miliante en cuestión, senón á imaxe do Bloque Nacionalista Galego. A militancia do Bloque, adurmiñada por unha cúpula que actúa paternalistamente con ela, facéndolles crer que a discrepancia é disidencia (ou directamente traición), pode chegar ó convencemento de que é xusto que Pedro Gómez-Valadés sexa expulsado da organización. Porque non é coma nós, porque non é bó ter preto a alguén que pensa distinto a coma pensamos nós, ou porque alguén que defende que Israel debe existir non pode ser bóa persoa, e nós temos ben claro que somolos mellores do mundo. Hai mil motivos, ningún deles recollido nos estatutos.

Da igual que estexa disposto a traballar en calquera área, xa sexa a cultura, a lingua, a pesca ou o desenvolvemento sostible; é diferente, e non pode estar connosco. É dramático que a UPG pense e actúe así, máis o realmente tremendo é ver coma o groso da militancia se debate entre a abulia e o seguidismo, e non é quén de expresa-la súa oposición a unha decisión arbitraria contra unha persoa que, ata o dagora, foi exemplar no cumplimento das tarefas que a organización lle encomendou.

Alguén dentro da U será conscinente do que están a desencadear, das consecuencias que isto pode traer? Alguén deles terá a suficiente lucidez coma para intuír que este proceso antisemita na Europa do 2007 é unha anomalía histórica que quedará adherida á pel do Bloque mentres esta organización siga existindo? O BNG non é unha organización marxinal, senón que se atopa cogobernando unha comunidade autónoma do Estado español na Europa de hoxe en día. Alguén se plantexou qué impresión vai levar a xente fora? Ou non levan anos sofocando debates coa excusa de que”é malo para a imaxe do Bloque”? Porque, daquela, que algún me explique qué se supón que ten isto de beneficioso.

Se no próximo Consello Comarcal deciden finalmente expulsalo, o seguinte paso é o Consello Nacional, onde non abondan os votos da U. E alí onde pode que vexamos o segundo dos medos dos que falaba antes: o medo a non saír na foto. O medo, en suma, a disgustar á Komintern. Cando Anxo Quintana e o seu ámbito de influencia teñan na súa man a decisión, todos e cada un de nós teremos ocasión de ver de qué está feito o novo grupo dirixente dentro do BNG, se está disposto a seguir unha ruta propia ou actuará con cobardía, seguindo os postulados que previamente lle dicten os coroneis.

Non concordo con moitas da cousas que fai Quintana, e non votei por el na última AN, pero non por iso sinto animadversión persoal contra el, nin por elo deixo de comprender moitos dos obstáculos cos que se atopa, día a día, para facer política dende a súa posición. Quero dicir que entendo que en política (coma en case todo na vida) non hai bós e malos, senón persoas que buscan o seu espazo. Todos buscamos aire dentro do BNG, e iso ás veces fainos golpear co cóbado o abdomen do do lado. Pero esto non é unha das mesquindades cotiás da política, outra mostra da cortedade de miras coa que, ás veces, actuamos dentro do BNG, xa sexamos de EN, do PNG, da UPG ou de quen sexa. Isto ten outra dimensión, anque non todos acaben de comprendelo.

É o momento de demostrar de qué está feito cada un, de decidir se estamos dispostos a denuciar ben alto este atropelo ou se, por medo a non saír na foto, imos quedar, para vergoña nosa e do BNG, calados coma putas.

22 de fev. de 2007

A alongada man de Antón Losada

É a bomba mediática do momento. Nos foros, nos blogs, e na prensa. Todo o mundo se fai eco. ¿Todo? Todo non. Parece que hai medios que non se enteraron todavía.

20 de fev. de 2007

Os de esquerdas non podemos defender a Israel?

Antes que nada aviso: no caso do presidente da AGAI, o seu intento de expulsión é unha purga por motivos políticos, e o seu proisraelismo non deixa de ser unha excusa. Inda así, coma un dos argumentos que vin por ahí é que un nacionalista de esquerdas non pode defender a Israel, creo que paga a pena falar un pouco ó respecto.

A pouco que un comence a discutir sobre o conflicto árabe-israelí, o que probablemente aconteza é que o interlocutor, teña ou non idea do que fala, acabe por botárlle a culpa de todo ó Estado de Israel, cando non directamente ó pobo xudeo, sen reparar sequera na poboación árabe, drusa ou cristiana que tamén forma parte da cidadanía de Israel.

E non pasa isto nin unha vez nin dúas, senón que é a atitude xeralizada do común da sociedade. Sen embargo, segue pervivindo o cliché de que apoiar acríticamente a Palestina é algo "subersivo", "alternativo". Algo que se sabe anque eles traten de manipularnos. Na mellor tradición das teorías consparanoicas, a análise sosegada dos feitos queda desprazada por unha manchea de conxeturas e prexuízos que sepultan calquer atisbo de racionalidade. Non falo de non criticar a Israel; falo de facelo con coñecemento de causa, para saber qué se lle pode imputar e qué non.

Porque neste conflicto hai dúas partes (a israelí e a ábare), pero cando a violencia ven do bando árabe (e ahí entra no mesmo saco o palestino deseperado que se suicida levándose a quince por diante, que o comando de Hezbolá), a responsabilidad xamáis recae nos autores. Sempre se reconduce, dun xeito ou outro, ó pecado orixinal da ocupación israelí. Ou é que, logo de sesenta anos de conflicto, os palestinos non teñen ningunha responsabilidade en que a situación non se solucionase? Moito se ten falado do territorio ocupado por Israel pero, qué pasaría se mañá mesmo Israel abandoase os territorios ocupados? Acaso non o aproveitarían os árabes para atacar dende máis preto, coma fixeron este verán dende o sur do Líbano logo de que se retirase dalí o exército de Israel? Tendo en conta que nin Hamás nin Hezbolá recoñeceron índa o Estado de Israel, penso que non caben moitas dúbidas do que farían se puidesen acercarse índa máis ós núcleos de poboación. No nome do pacifismo, se cadra, estase dando cobertura a unha barbarie maior. Ninguén nega o sufremento do pobo palestino, as condicións terribles nas que vive. O que está en liza é de quén é a responsabilidade de que esta traxedia cotiá se manteña, e sen visos de solucionarse.

Por mal que lles pese ós amantes do pensamento simple, neste mundo non hai case nunca bós e malos. Case sempre, a responsabilidade é compartida, e asumi-la parte de culpa que cada un ten nos feitos nos que se involucra é requisito indispensable para comprendelo, e buscar unha solución factible. Lamentablemente, estos días de caza de meigas acabamos todos en posicionamento extremos, o cal dificulta índa máis o entendemento. E incluso xenera situacións (como calificalas?), cando menos algo extrañas.

Como mostra, un botón: decía que levo todo o día lendo na rede que unha persoa nacionalista e de esquerdas non pode defender a Israel. "Por coherencia", din aqueles que nunca a tiveron, ós que se lle enche a boca coa palabra liberdade e despois defenden a Fidel. En fin, un está afeito a esta clase de incongruencias presentadas coma verdades absolutas por adictos a un dogma. Alá eles. O problema non é que determinada xente sexa máis ou menos fanática. O problema ven cando eses fanáticos teñen influencia dabondo coma para adoptar unha decisión que che afecta directamente. A unha persoa que elixeu libremente militar no nacionalismo, que está traballando día a día na causa da construcción nacional, están a punto de bota-lo do BNG por entender que é incompatible ser nacionalista, de esquerdas e apoiar a Israel. Se cadra, o que sí é incompatible é ser dunha certa esquerda e apoiar a Israel.

En países onde a sociedade é máis aberta, onde a cidadanía conforma unha rede máis interactiva e a esquerda que se plantexa é unha esquerda acorde cos tempos, coma é a sociedade catalana, podemos atopar algún exemplo do que estou a falar. Alí é posible oir cousas como esta:

"Comprender a Israel non implica necesariamente estar de acordo coas decisións do Goberno do Estado de Israel, senón aproximarse á realidade do pobo xudeu e ao conflito árabe-israelí con toda a súa complexidade, sen prexuízos preestablecidos e con espírito crítico, sen dar por boas as distincións simplistas (palestinos bos, xudeus malos)."

Esto escribiuno o xurista Jaume Renyer i Alimbau, presidente do Forum Català pel Dret a l’Autodeterminació e ex-deputado por Esquerra Republicana de Catalunya.

O texto íntegro podese atopar aquí.

17 de fev. de 2007

BNG: a máscara que tapa a ignominia

O Bloque Nacionalista Galego é a maior organización política do nacionalismo galego. Para todalas persoas que nos consideramos nacionalistas e queremos aporta-lo noso gran de area ó proceso de construcción nacional de Galiza pasa por ser unha referencia inevitable. Non é cuestión de concordar ou non co discurso da fronte, coa súa praxe ou evoluír. Trátase de que é a maior ferramenta da que nos dotamo-los galegos para artellar un proceso de construcción nacional que superase a anomalía que para nós supón vernos integrados no Estado doutra nación. De feito, é que é a única que conta con capacidade de incidencia real no ámbito nacional. Por iso doe tanto ter que acabar escribindo algo coma isto. Pero levamos tempo de máis calando, e este cheiro a podre non se soluciona con ambientadores.

O feito que quero denunciar agora é a agresión máis frontal que xamáis vin dentro da fronte. Nunca, repito, nunca, pensei que a UPG se atrevese a tanto. Nin nos momentos de maior indignación supuxen que chegarían tan lonxe. A UPG ven de promove-la expulsión dun militante por pertencer a unha asociación de apoio a Israel. Por incrible que pareza, a realidade é que un militante do Bloque Nacionalista Galego está a piques de ser expulsado da organización por unha actividade que realiza na súa vida privada.

O vigués Pedro Gómez-Valadés está a ser sometido a un proceso kafkiano por se-lo presidente da recentemente creada Asociación Galega de Amizade con Israel. Que ninguén enfoque isto en función de se un está a favor ou en contra de Israel; o que aquí se plantexa é ata qué punto unha organización política, que por lei ten que ser democratica, pode admitir ou expulsar a alguén en función da súa postura sobre ese tema. Porqué non expulsar ós homosexuais? Ou ós que falan español na súa vida cotiá? Porqué deterse en quen defende unha postura minoritaria sobre o conflicto árabe-israelí?

Porque se isto sae adiante, na próxima asamblea comarcal pedirei que expulsen a Francisco Rodriguez pola súa defensa enfervorizada na última Asamblea Nacional da dictadura cubana e do rexíme teocrático iraniano. Ou é que no doble raseiro da UPG é peor un Estado democrático coma Israel, esteamos ou non dacordo coa súa política militar, que unha dictadura vitalicia coma a de Fidel Castro, ou un país gobernado polos clérigos? Ben, supoño que non haberá que chegar a ese extremo porque coido que no BNG hai liberdade de expresión. Francisco Rodriquez é moi libre de defender a quen lle pete; o único que exixo é que se dea reciprocidade.

O tema ven de atrás e polo tanto hai que por sobre a mesa tódolos elementos. Gómez-Valadés é un militante de Esquerda Nacionalista, o nucleo do socialismo democrático dentro da frente. Ademáis, este militante é membro da Executiva Comarcal do BNG de Vigo, así coma responsable de Lingua e Cultura no mesmo órgano. Cabe recordar aquí, como se ten feito noutro blog, que a candidatura da Alternativa, na que se integrou EN, obtivo case a metade dos votos nas eleccións ó Consello Comarcal, ameazando o dominio da UPG na comarca. É de EN e ademáis é visible. Hai que ter isto presente para poder entender a situación. Se cadra equivócome, pero dubido moito que se se tratase dun militante de base sen adscripción partidaria se tivese montado este esperpento. Non estamos discutindo se apoiamos ou non a Israel; o que discutimos é se, dentro da fronte, ímos tolerar o vale todo para represaliar enemigos políticos.

Logo de ser incluída na orde do día, e tras unha sesión de dúas horas adicadas a denigralo, onde se chegou a alegar que estaba a soldo do Mossad ou a afirmar textualmente que "defender a Israel é moito peor que pegarlle á muller" (sic), o Consello Comarcal de Vigo ven de solicitar formalmente a súa expulsión, a menos que, no prazo de quince días, abandone a asociación e se arrepinta públicamente de ter apoiado a Israel. Pasado ese prazo, se non pide perdón pola súa herexía, o seguinte paso é que o Consello Nacional ratifique a expulsión. Sen dúbida, ata ahí chegaremos. O que acontece é que no Consello Nacional a UPG non ten maioría absoluta, co que para sacar isto adiante necesita dos votos do quintanismo. Votará Quintana e os seu en contra, índa a risco de enfadar a quen o manten no poder? Ou cederán de novo, alegando calquera excusa?

Por elo, gustaríame acabar dirixíndome ó outro grupo que ostenta a día de hoxe o poder no Bloque, a ese magma heteroxéneo coñecido como "quintanismo". Levan tempo presumindo de modernos; agora é o momento de demostralo con feitos. E preguntarlles se pensan poñer un mínimo de sentido común en toda esta tolemia ou, tamén esta vez, ante este atropelo, van aparta-la mirada e xustificalo cínicamente.

Execución en Cisxordania















O pe de foto só mencionaba o lugar, e o primeiro comentario aludía a política militar de George Bush. Sen pensalo dúas veces supuxen que o soldado era israelí.

Logo entereime de que están a tirotealo porque sospeitan que podía estar colaborando co exercito de Israel. Os tres son árabes; probablemente, os tres palestinos.

As persoas que saímos en defensa do Estado de Israel non o facemos por xenreira cara os palestinos. É precisamente a íntima convicción de que a paz chegará cando ambas nacións teñan o seu Estado o que nos leva a esta posición. Cremos, ademáis, que sí hai unha vontade de paz por parte de Israel. Vendo cousas coma esta, o único que un quere é que a ANP dea os pasos necesarios para acadar o seu cometido. Nin os israelíes nin os palestinos merecen un só día máis de sufrimento.

16 de fev. de 2007

O dereito a criticar

Varios concelleiros do Partido Popular dos concellos de Ogrobe e Cambados, así coma o alcalde deste último, denunciaron hai uns días a dous blogs nos cales se satirizaba sobre a faceta institucional desas persoas. O peor non foi comprobar coma é posible que índa haxa cargos institucionais capaces de recurrir á vía penal para atallar críticas sobre a súa xestión. O realmente tremendo desta historia é que o xuiz ven de admitir a trámite a denuncia.

Qué se supón que fixeron estes dous bloggers para ter que pasar polo trance de ser parte demandada nun proceso, ademáis do perxuízo irremediable que suporá para un deles ter que saír do anonimato? O máximo ó que se chegou nestea última bitácora foi a facer fotomontaxes, que creo que é algo ó que todos estamos acostumados. Non houbo insultos nin ameazas; tan só se ironizou acerca da suposta corruptela da corporación municiapl, e da prepotencia do xefe da policía municipal. Se esta clase de accións empezan a considerarse condeables estaremos asistindo a un importante recorte da liberdade de expresión, que é o dereito cívico por antonomasia. Ou é que o recurso á ironía vai deixar de ser válido para criticar ó poder no nome dunha interpretación maximalista do dereito á propia imaxe?

Espero que a sentencia sexa a confirmación de que a ironía e o sarcasmo, cando se empregan para criticar calquera forma de poder, deber prevalecer sobre un extrapolado dereito a honra para que, de ter que lamentar algo, sexa o ternos pasado e non o ternos quedado cortos.

14 de fev. de 2007

Carteis na rede

O creador da rede social Chuza! e membro do colectivo Aduaneiros sem fronteiras, Berto Yañez, ven de colgar na rede unha colección de carteis galegos da segunda metade do século vinte, que se atopaban dixitalizados no fondo da Biblioteca Nodal d´A Coruña. Os carteis suman polo pronto 876 exemplares adicados maioritariamente a esa cidade e a súa provincia, por se-la única biblioteca que dispuña de imaxes dixitalizadas e con acceso público. Sen embargo, na súa páxina preve amplia-lo catálogo conforme as institucións vaian dixitalizando os seus fondos. A colección de carteis podese atopar na súa conta de Flickr.


Alegra comprobar de novo coma, grazas á interacción a través da rede, se vai tecendo entre todos iso que se coñece coma sociedade civil. Así pois, parabéns e grazas.

10 de fev. de 2007

Xustificación do nacionalismo

O lúcidisimo Plácido Castro, a cara máis cosmopolita do nacionalismo galego durante a etapa republicana, nun artigo que amosa ás claras que o nacionalismo galego non é máis que a expresión do pobo galego que toma consciencia de sí. A expresión máis plena dos nosos anceios de cidadanía. Ningún representante político do nacionalismo debería esquencer que éste, e non outro, e o motivo último p0lo que comenzou, hai xa tanto tempo, o noso camiño cara a autodeterminación. Nin ranciadas nin sopa boba, senón respeto para a Nación. Nesas andamos.


Plácido Ramón Castro del Río "Justificación del nacionalismo". El Pueblo Gallego, domingo, 10 de abril de 1932. Traducción ó galego de Daniel Landesa Porras.

O recente movemento galego en defensa do ferrocarril Zamora-Ourense-A Coruña, a parte de calquera aspecto político e de toda consideración técnica verbo da citada vía, ten un profundo interese desde o punto de vista galeguista. Estimo, coincidindo coa opinión exposta hai poucos días nesta columna por Jesús Bal, que o movemento en si ten moita máis importancia que a cuestión que o provocou; e creo que os seus efectos perdurarán na nosa visa política aínda despois de resolverse o problema da construcción do ferrocarril.

Porque non pode pasar sen deixar unha fonda pegada na conciencia de Galicia, unha ocasión na que, por primeira vez en tempos recentes, a nosa terra adquiriu, impulsada polos seus propios sentimentos, unha unidade e un sentido de solidariedade que revelaron unha cohesión insospeitada. Non só se derrubaron as barreiras de clase, senón que algunhas aldeas que non tiñan interese directo na construcción do ferrocarril, e mesmo varios que podían considerarse prexudicados pola nova vía, sumáronse ó movemento, facendo que este excedese tódolos límites do localismo e do provincialismo para adquirir o carácter dun levantamento de Galicia en defensa do que estimaba o seu dereito. Foi un verdadeiro plebiscito, quizais o máis auténtico que se realizou en España, e aqueles que ocupan cargos representativos e non lle prestaron a súa adhesión, deixaron de ser, en esencia, representantes xenuínos da vontade popular.

Ó meu entender, este fenómeno do espertar galego é o máis valioso reforzo e argumento máis irrebatible que recibiron os defensores da autonomía de Galicia. Porque se a protesta transcendeu os límites locais, isto débese á existencia dunha conciencia galega, dun sentimento de galeguidade nos habitantes da nosa terra. Algúns homes representativos que militan en partidos ata hoxe opostos a toda forma de descentralización fixeron, con motivo do referido movemento, declaracións favorables á autonomía. É dicir, que os feitos os convenceron e espertaron os seu sentimento de patriotismo galego. Por outra parte, o simpático e emocionante xesto dos habitantes de Sanabria, que se sentiron orgullosos e enaltecidos baixo a bandeira de Galicia e que transportaron cara a Zamora os límites da súa provincia desafiando a toda a burocracia madrileña, demostra plenamente que Galicia é algo máis ca unha división xeográfica, que ten os elementos sentimentais necesarios, ademais dos materiais, para ser unha nación, sexa cal sexa o nome que oficialmente se lle atribúe.

Sen embargo, os que queren a todo transo buscar argumentos para combater o galeguismo, afirman que esta solidariedade de Galicia só se conseguiu por motivos económicos, o que dá a entender que tódolos demais aspectos do ideario galeguista son ineficaces e non interesan a ninguén. Mais eu atrévome a afirmar que se consideramos tódolos aspectos do movemento en defensa do ferrocarril, teremos que recoñecer que a súa extensión e a súa importancia foron debidas á existencia dunha forte emoción galega –latente nuns, consciente noutros–. A protesta foi transcendental e foi eficaz porque os galegos se sentiron galegos antes que españois. E así sucedeu, non só queda plenamente xustificada a tese nacionalista , senón que se demostra o valor de todo o labor do galeguismo na súa pasada actuación, aínda nas súas fases máis románticas e líricas, que a moitos se lle antollaban un mero xogo inútil e sen aplicación práctica. Sen o labor do nacionalismo galego Galicia seguiría tan insensible coma antes e tería que soportar con resignación o despoxo de que querían facela víctima. Pero desde agora Galicia sabe que existe e Madrid sábeo tamén.

E non é só na nosa terra onde a conciencia nacional, conservada en tempos difíciles polos nacionalistas, rexorde como un potente factor político. O recente triunfo de De Valera en Irlanda é unha proba máis de que o sentimento patriótico é máis potente e perdurable que as razóns materiais e económicas. Nun próximo artigo falarei deste feito tan significativo na historia dos movementos nacionalistas.

P. R. Castro

8 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (II)

A segunda das historias de Nova Iorque das que falei nunha ocasión é unha estomagante, cursi, e fantasiosa recreación da vida dunha nena rica. O peor da película colectiva, e o peor de todo canto teño visto de Coppola. Vale, iso sí, como documental da vida da clase alta (altísima!) neoiorquina. Unha fábula capitalista.

O exilio de Orhan Pamuk

Copio e pego dende Kontratempos: eu non o diría mellor. O escritor turco ten que saír por pernas.

"EXÍLIO. Orhan Pamuk, o Nobel de Literatura ameaçado de morte, exilou-se nos Estados Unidos da América. Não lhe restava grande alternativa, sobretudo depois do assassinato do jornalista Hrant Dink por um ultranacionalista que foi tratado como herói da «identidade turca». Devemos lembrar-nos disto sempre que se fala da hipotética hipótese da Turquia entrar para a União Europeia. Pamuk, diga-se, foi para o único sítio possível. Recentemente, num contexto de incremento das ameaças dos fundamentalistas islâmicos, a ex-deputada holandesa de origem somali Ayaan Hirsi também foi para os EUA depois da Holanda ter revogado a sua nacionalidade. Num e noutro caso, os EUA fazem jus à matriz do país: todos são bem-vindos, sem excepção, chegando de qualquer outro lugar menos livre do que aquele. No caso, vergonhosamente, a Europa."

6 de fev. de 2007

Shlomo Ben Ami na revista ENCLAVE

Ven completo este novo número da revista ENCLAVE. A revista editada pola fundación homónima inclúe no seu número deste inverno artigos de Lih Beiruk, secretario de Xustiza na Chancelería da RASD, Xose Manuel Beiras, e Gerry Adams, entre outros. Así mesmo analísase a incidencia do Goberno bipartito na situación da prensa en galego, ou o grao de cumprimento do Protocolo de Quito no noso país. Pero é de outra colaboración da que quero falar aquí.

Neste xa seu número quince, ENCLAVE conta cun colaborador de excepción, dotado dunha perspectiva privilexiada para analisa-lo contexto mundial no que nos atopamos, o ex-ministro de Asuntos Exteriores e diplomativo israelí Shlomo Ben Ami. A súa experiencia nas negociacións cos países árabes do entorno, nomeadamente a súa participación central nas negociacións de Camp David, fan da súa unha ollada especialmente valiosa á hora de enfoca-la cuestión árabe desde unha perspectiva occidental, máis non distante nin eurocéntrica. Unha das súas virtudes é que intenta porse no lugar do seu interlocutor, e ese esforzo de comprensión reflíctese nunha valoración novaidosa e sorprendente dunha problemática que, por moito que se fale dela, poucas veces supera ó cliché e o prexuízo no que frecuentemente vivimos instalados.

O artigo de Ben Ami, Vasos Comunicantes, explora a horizonte que deixou tras de sí a guerra dos EEUU a Iraq, e as consecuencias que a xerou no equilibrio de forzas a nivel mundial. O autor comenza a súa disertación cunha hipótese cada vez máis plausible. O paso vertixinoso da Rusia comunista a unha sociedade anarco-capitalista serviu a Vladimir Putin para cimenta-las bases dunha pseudodemocracia “tan dirixida e xerarquizada que será difícil distinguir dunha pura e simple dictadura”, o cal invevitablemente alterará a súa política exterior. O autor vaticina que, de seguir así as cousas, a nova Rusia non tardará en competir cos EEUU pola influencia nas repúblicas ex-soviéticas e no mundo árabe. A hipótese dunha nova Guerra Fría, se ben con características diferentes, subxace baixo este argumento.

Para Ben Ami, o detonante deste novo orde mundial que se está a xestar habería que buscalo na decisión do Goberno dos EEUU de declarárlle-la guerra a Iraq ó marxe da legalidade internacional. A tremenda oposición que a internvención ocasionou en toda Europa serviu para evidenciar que, nun mundo onde o poderío militar, económico e cultural, entendido esto último como a capacidade de exporta-lo modo de vida, se atopan na man dun só Estado, o certo é que segue a ser necesario contar coa comunidade internacional para saír triunfante dunha empresa destas dimensións; isto concrétase no concepto de lexitimidade.

A necesidade de redefini-lo concepto de lexitimidade para adaptalo a un contexto post-wesphaliano obrigará a Europa a “superar algunhas das súas propias contradiccións”; así, os europeos deberemos pornos de acordo acerca do conesnso que requeriremos para autorizar unha intervención militar se as circunstancias obligaran a elo. Tal e coma o enfoca Ben Ami, os EEUU están obrigados a contar con Europa para dotar ás súas accións da lexitmidade que só pode outorgar o “por ser o vello continente o corazón latexante da cultura democrático-liberal”.

A outra vertente do artigo é a súa análise da situación actual do mundo árabe. Logo de denuncia-la ausencia da diplomacia para buscar solucións puntuáis ó perigoso aillamento no que acaban moitos Estados-canalla, Ben Ami céntrase no problema desde o a perspectiva árabe. “É dificil entender a crise actual se se ignora o gran sentimento de humillación que impregna as sociedades islámicas”, agravada polo feito de que “a única maneira de incorporarse á globalización é a través da democracia, precisamente o sitema político que índa non botou raíces nos países musulmáns”.

Toda a súa leitura da situación entronca con este feito: “De feito, as institucións democráticas son vitais para impulsar a globalización. Esa é a razón pola cal os países que mellor se adaptan a globalización non són necesariamente os máis ricos (Arabia Saudí, Irán, Nixeria), senón os máis democráticos (Polonia, Taiwán, Tailandia, Corea,...)”.

“(...) o desafío do Islam de hoxe”, coma sinala Ben Ami “é volver á liberdade creativa da conciencia e do pensamento, asumir a responsabilidade propia polas traxedias, os fallos e as derrotas, volver á cultura da investigación e da dúbida e á crítica, incluída a autocrítica desde logo, a volta da liberdade económica, a loita contra a corrupción e o mal-goberno, a liberdade da muller sen a cal non pode existir democracia e modernidade”.

O artigo ó completo atópase na revista ENCLAVE, que será presentada en Vigo o venres nove as oito e media na Casa do Libro. Asemesmo, podese solicitar un exemplar mandando un correo a info@fundacionenclave.org.

3 de fev. de 2007

Historias de Nova Iorque (I)

Cantas veces vendo unha película non acabamos coa sensación de que, en dúas horas de metraxe, non se nos contou nada, ben porque non había qué contar, ou porque non souberon transmitilo? Cantas veces non teremos perdido o tempo vendo cine pouco aproveitable, que non é quén de facernos saír da sala, ou encende-las luces da habitación, coa sensación de ter removido algo en nós?

Pensabao o outro día cando volvín a ver, despois de moitos anos, unha pequena xoia que empequenece índa máis ese cine valdeiro que tanto satura as carteleiras. Foi a fináis dos oitenta cando tres directores neoiorquinos se puxeron dacordo para crear unha homenaxe conxunta á súa cidade. Martin Scorsese, Francis Ford Coppola e Woody Allen rodaron cada un unha historia, de preto de media hora cada unha, na que a cidade de Nova Iorque era, xa non só o nexo común, senón unha persoaxe máis de cada historia.

Delas, a miña favorita, entón coma agora, é a historia rodada por Martin Scorsese, e interpretada por Nick Nolte e Rosanna Arquette. Nela contase a historia de obsesión entre un pintor desequilibrado e excesivo e a súa aprendiz e amante. A historia comenza co retorno da rapaza dunha escapada a Florida; cando a recolle no aeroporto, ela confésalle que en realidade se fora con outro home, pero iso ó pintor non lle importa. El é feliz co obxeto do seu desexo, sen importarlle o que ela sinta ou deixe de sentir. Ela é invisible para el, pero non o seu corpo. A xoven aprendiz de pintora está desanimada e quere abandoa-la cidade, pero el convéncea para que non o faga. Finalmente, ela acepta volver a convivir con el no seu estudio, pero co compromiso de non volver acostarse con el.

O nudo do argumento é o evoluir desa relacción posesiva, valéndose da cal Scorsese vai desgranando con absoluta mestría, no pouco tempo do que dispon, a as neuras do pintor, as esperanzas da rapaza, e a clase social neoiorquina na que se move a “parella”. Un resultado perfecto para unha mediametraxe que pon en evidencia a hipótese de que fai falta moito tempo para contar ben unha historia. Hitchcok decía que el non gastaba metraxe nun plano que non engadía nada á película, e ese postulado de economía artística era tan válido no momento en que foi dito coma o segue a ser agora.

Abraham Yehosúa

Furioso. Furioso e combativo, así estaba onte Abraham Yehoshúa na súa coferencia en Compostela. Furioso contra a demonización do seu Estado por parte da Europa que orixinou a súa necesidade. E combativo, contra todo aquel que quixera regateárlle ó seu país a posibilidade de existir. “Fun paracaidísta”, alegaba, “e os meus fillos estiveron na última guerra do Líbano”. Non estaba disposto a deixar que unha Europa allea á súa problemática puidera xulgalos con lixeireza. A súa aposta pola polo cese das hostilidades era firme. “Pero se me atacan, eu voume a defender, xa sexa de Palestina ou de calquera outro país”. Un home que propugna alto e claro a retirada dos asentamentos dos colonos, pero que non está disposto a pedir nin permiso nin perdón por algo que debería ser normal para calquera nación. Algo que, e el que o defendeu coas armas saberáo mellor ca ninguén, nunca sae gratis, nin é fácil, nin se mantén só.

20 de jan. de 2007

Onde hai fume

Un dos praceres segredos que me acompañan estes últimos meses é atoparme, cada vez que leo o suplemento de cultura dun coñecido xornal coruñés, coa lista dos libros máis vendidos en lingua galega. Alí, semana tras semana, na sección de Ficción aparece no primeiro posto o libro que máis fai por furgar na historia silenciada da cidade.

O drama dunha xeneración libertaria sepultada polo fascismo sérvelle ó autor para amosárno-las entrañas dunha sociedade na que o terrol inicial, maila deixar de manifestarse abertamente, segue estando moi presente. Nas miradas, nos saúdos, o un na lonxitude das saias nótase unha opresión que a xente acaba por interiorizar. Chega un punto non que non se sabe a ciencia certa porqué hai que facer algo, ou mellor dito, deixar de facelo, pero todos saben que teñen que obedecer.

Nalgún lado lin que quén garda para sí un gozo destrúe o voo da vida, e penso que iso é o que acontece no plano social cando unha comunidade se autolimita, conformándose cunha visión acotada da realidade. Visión que lle impide comprende-lo mundo que a rodea, e comprenderse a sí mesma nun proceso de identificación, de formulación en positivo da súa identidade.

Unha comunidade política que non se asimila dexenera, coma a nosa, en autoodio, porque se o único espello no que te miras é nos dos Caleixón do Gato, dificilmente poderás acadar conciencia da túa xusta medida. Coma dí o refrán, onde hai fume houbo lume.

16 de jan. de 2007

Ayaan Hirsi Ali


No número 1.580 de El País Semanal, publicado o domingo sete de Xaneiro deste ano, aparece unha entrevista de Yolanda Monge con Ayaan Hirsi Alí, de orixe somalí e nacionalidade holandesa (logo de perdela temporalmente por supostas irregularidades burocráticas). Despois de dous anos exercendo de deputada no Parlamento holandés, esta muller de 37, que se fixo mundialmente coñecida logo do asasinato do cineasta Theo van Gogh, para o cal escribira o guión da polémica Submission: Part I, renunción á súa acta en maio do ano pasado, desencantada pola pasividade da clase política holandesa con respecto ó drama das mulleres no mundo islámico. Dende septembro vive en Washington, traballando para un Centro de Estudios de carácter conservador (o que, coma ben sinala a entrevistadora, facilita moito a tarea de denigrala), dende o cal pode expresar máis abertamente que no seu país a súa crítica frontal ás sociedades atrapadas no Islam. A día de hoxe, liberada tanto da opresión da súa relixión coma da mordaza do pensamento políticamente correcto, esta muller, maila atoparse ameazada de morte e vivir por elo permanentemente escoltada, asemella a liberdade personificada.

Pola relevancia dunha testemuña directa, acerco algunha das respotas desta muller, á cal con cinco anos de idade lle cortaron o clítoris cunhas tixeiras. Esta mutilación, que comparte con case tódalas mulleres somalíes, practícase en nome da relixión islámica, co obxetivo de purificar as súas almas; do contrario, os imáns amezan á analfabeta poboación con que esas nenas serán pusídas por demos, caerán no vicio, e acabarán practicando a prostitucíón (que como todo o mundo sabe, é o que lle pasa ás mulleres ás que non se lles corta o clítoris).

Cando a entrevistadora lle menciona as palabras do asesinado político holandés Pim Fortuyn nas que decía que o islam era retrógrado, Ayaan non o dubida: “Segundo o “Informe de desenrrolo humano árabe de Nacións Unidas”, se se mide á luz de tres criterios (liberdade política, educación e condición da muller), o que dixo Fortuyn non é unha opinión: é un feito” Fortuyn era o lider da Lista Pym Fortuyn, considerada de extrema dereita, pero por moito que nos escudemos neso para negarlle calquera autoridade, o certo é que, nesa afirmación en concreto, o lider populista non parece que andivera desencamiñado .

Maila renegar da súa relixión e declararse atea, Ayaan séntese todavía parte da sociedade musulmana. As súas críticas non proveñen dunha mirada eurocéntrica e distante, senón que són froito da súa particular experiencia na súa África natal e na súa posterior vida en Holanda (“Cando cheguei a Holanda (...) o meu mundo comenzou a ser outro, o dunha persoa libre que non vive atemorizada pola relixión nin pola casta nin polo seu sexo.”). O contraste entre a extremadamente opresiva sociedade na que se criou (cando lle viu a súa primeir menstruación ós 14 anos, a súa nai empezou a puñetazos con ela chamándolle “sucia puta”, o cal da idea da educación sexual da súa proxenitora) e aquela outra que coñeceu con vintedous anos, supuxo unha revelación acerca da situación na que viven millóns de mulleres en todo o mundo árabe. Antes non podía sabelo, porque o outro era o normal. Na entrevista conta que, cando tiña vinte anos e vivía no exilio en Kenia, ó enterarse da condea a morte a Salman Rushdie o primeiro que pensou foi que, alguén que blasfemaba contra o Profeta,“sen dúbida, debe morrer”. Quén lle ía decir a ela que agora estaría nesa mesma situación?

Así, Ayaan afirma que: “Durante sécalos (os musulmáns) comportámonos coma se o coñecemento estivese no Corán, negámonos a cuestionar nada, negámonos a progresar. Segundo ela, o motivo foi que: “Ó declarar infalible ó noso profeta e non permitirnos dubidar del, os musulmáns establecemos unha tiranía estática. Fosilizámo-la perspectiva moral de millóns de persoas cunha mentalidade de deserto árabe propia do século VII”.

O mundo musulmán non é o único en recibi-los seus dardos; Ayaan critica a moxigatería de Europa á hora de tratar estas circunstancias, e de coma o pensamento occidental axiña cae no relativismo por medo a quedar de imperialistas: “A xente di que os valores do islam son a compaixón, a tolerancia e a liberdade, e eu obervo a realidade, as culturas e os Gobernos, e vexo que iso, pura e simplemente, non é así. En Occidente, moitos aceptan ese tipo de aservacións porque aprenderon a valora-las relixións ou as culturas dun modo non demasiado crítico, por medo a que lles chamen racista. O peor que lle podes chamar a un holandés e racista. O seu pasado colonizador, o apartheid de Sudáfrica… Para que non lles poidas chamar racistas non teñen que cuestiona-la emigración, incluso cando ésta socava os valores de Occidente.”

Esta muller, cunha irmá, Haweya, asasinada en Nairobi logo de que a violasen estando embarazada, non fala dos dereitos das mulleres porque o lera nun libro, nunha cafetería dunha cidade occidental, cunha cervexa na man e a palestina ó pescozo, mentres se congratulaba de ser unha rebelde contracultural. Case que a súa historia é ben distinta. E fala para “decir a quen queira escoitar que os valores do mundo dos meus pais xera e perpetúa a pobreza, e a tiranía e a opresión das mulleres”.

12 de jan. de 2007

Sodoma e Gomorra


O xornal El Periódico publicou o pasado domingo unha reportaxe acerca das motivacións que levan a mozos musulmáns nados e educados en Europa a sumárse ás filas da yihad, con motivo da publicación en Francia do libro "Os novos mártires de Alá", do iraniano Farhad Josrojavar. O autor, residente no país galo, é especialista en Irán e no mundo islámico, así coma director de estudios da École des Hautes Études en Sciences Sociales.

O seu libro parte dunha vintena de entrevistas realizadas entre outros tantos musulmáns detidos por presunta vinculación con Al-Quaeda. A través delas vaise analisando porqué uns xóvenes educados en Occidente acabaron apoiando a quen propugna abertamente que a súa meta é destruí-la sociedade occidental, sustituíndoa por unha prolongación dos dominios do Islam. Os rapaces sinalan coma detonante a exclusión social á que se ven sometidos pola sua relixión, o cal me parece unha queixa lexítima. Moitas persoas viven unha situación de marxinalidade que as conduce a adoptar posicións radicais fronte á sociedade que as exclúe, e unha sociedade impermeable á inmigración, ou que só a asimila formalmente, é o mellor caldo de cultivo para a nefasta cultura de guetos. Unha vez asumido que dende occidente poderíamos ter feito máis por integralos, preocupame cal é, ós seus ollos, a solución a este problema:

"Unha cousa ofusca ás radicais: o que ven como a depravación moral dos occidentais, que os fai merecedores de ser castigados. "Deus lapidou as cidades de Sodoma e Gomorra e agora vai ocorrer o mesmo con Europa", alerta Osman. Para Ahmad, "En Europa estase todo o tempo tentado polo prohibido: a sexualidade, o alcohol, a droga...".

Ahsen, outro radical, di: "Quero loitar na yihad para que reine a lei divina. Quero poñer fin a este mundo depravado onde as mulleres saen con mulleres, os homes con homes, onde se copula cos animais e se viola aos nenos. A mulleres convértense en homes e os homes en mulleres. É monstruoso". "O que máis me choca --segue Ahsen-- é a homosexualidade. Hai que prohibila. É unha enfermidade para a que hai que atopar un medicamento".

Ademais, denuncian que a tolerancia de Occidente coa liberdade sexual tórnase intolerancia para o islam. "Aquí toléranse todos os travestimos, pero ao islam impídeselle todo", di Hasán. Osmán coincide con el: "Pódese ir espido, pero unha muller que queira cubrirse co veo para respetar a Deus sofre todo tipo de humillacións".

O resultado é que hai que combater a Occidente, berce dunha depravación que está contaxiando aos países islámicos e que subvierte as leis naturais ditadas por Deus. "Hai que facer a yihad contra Occidente --clama Ahsen-- porque a raíz do mal está aquí, que é onde se inventan as depravacións".


Unha amiga parisina contábame que o problema está precisamente nos emigrantes de segunda xeración, posto que foron educados coma franceses na escola, pero ó incorporarse ó mercado laboral se atopaban con que o resto da socieadade non os trataba coma semellantes. Sen embago, non parece que os polacos ou os angoleños, que tamén pasan por problemas desa índole, respondan coa violencia coa que o fan estes razaces.

En Francia integráronse os xudeos, os polacos, os angoleños e os galegos; porqué con eles tería que ser distinto? Un dos entrevistados danos unha pista:"Co islam, Occidente enteiro respéctanos. Teñen medo de nós, trátannos de fanáticos, de tolos, de divos, de xente violenta que non dúbida en morrer e en matar a outros, pero xa non nos desprezan máis." Dificilmente poderá ser integrado quen coida que o recurso á violencia é válido, xa non para que respeten os seus dereitos, senón para acadar algo tan etéreo e intanxible como a dignidade. Martin Luther King encamiñou a revolta pacífica dos negros estadounidenses para acada-la equiparación dos dereitos civís cos que ostentaban os cidadáns brancos, pero o que esta xente busca non é calibrable obxetivamente. Buscan a súa dignidade, ser respetados, ser temidos:"Os musulmanes conseguiron unha nova dignidade que reposa sobre este medo que inspiran nos occidentais".

Espero e desexo que dentro do mundo árabe se dean os pasos necesarios para que a integración en Europa sexa efectiva, encabezada polo sector máis dialogante do Islam, que existe e debe considerarse un interlocutor válido, e non capitalizada por estos prantexamentos xenófobos que só buscan laminar as conquistas sociais acadadas nas actuais democracias occidentais.

Por se alguén ten interés, o texto íntegro pódese atopar en El Periódico.com

7 de jan. de 2007

De costas a Europa

Anque o atentado de Baraxas acabou por arrebatarlle a pouca relevancia que se lle deu, coido que o feito máis relevante que este aninovo trouxo para a nosa nación foi a incorporación de Rumanía e Bulgaria á Unión Europea. A ampliación das fronteiras comunitarias non só traerá un novo equilibrio no reparto dos fondos comunitarios. Galiza, anque afastada dos grandes nucleos de inmigración do Estado, non permaencerá ó marxe dos fluxos migratorios provintes do Este.

A escasa importancia que se lle dou nos xornais galegos á incorporación de Bulgaria e Rumanía é unha mostra do escaso europeísmo da nosa sociedade. É de lamentar que durante a Era Fraga non se aproveitaron os anos dourados do proceso de construcción europea para incardinar á sociedade galega en Europa. Ó marxe dalgunha iniciativa puntual, e case sempre valdeira de contido, coma case todo o que o PP legou a este país, o feito é que os sucesivos gobernos de Fraga Iribarne non fixeron o máis mínimo por potencia-la nosa nación no ámbito da Europa comunitaria. Nin se obrigou á nosa endogámica universidade á ser máis porosa ós influxos dos centros académicos ponteiros no continente, nin se fomentou a creación dun tecido empresarial que incidise naquelo no que tivesemos vantaxe comparativa no Mercado Común. Non interesaba que houbera cidadanía, e menos cidadanía consciente do que acontece no mundo, informada. O que conviña era xente sumisa a cambio da súa ración de sopa boba, e houbo moitos que aceptaron gustosos. Moitos dos que hoxe se queixan do mal que vai todo non tiveron reparos durante anos en rapiña-lo que puideron das arcas públicas. O malo non é que sexamos pobres, ó malo é como nos aferramos á nosa miseria. A herdanza de Fraga é unha sociedade instalada ó cómodo abrigo da subvención, conservadora, que desatende o seu autogoberno e só pretende que outros a remolquen.

Hai que decilo sen panos quentes. Galiza é unha sociedade desestructurada, moi fragmentada, e onde a xente que asume a súa faceta de cidadán é moi minoritaria. Cando noutras nacións xa antes da fin do franquismo se comenzara a artellar unha incipiente sociedade civil, no noso país os ininterrumpudos mandatos de Fraga pospuxeron ese momento ata hai un par de anos. O primeiro sacrificado nesta clase de sociedades é o debate de segundo nivel, aquel que non nos afecta diariamente. Só se fala de Europa cando pon cotas á leite.

Polo pronto, o actual goberno bipartito comenza a dar pasos na dirección axeitada, e anque iso non significa que non acabe repetindo erros pasados, o certo é que se están a da probas da sensatez que tanto lle faltaron ós anteriores gobernos. Os galegos podemos vivir de costas á Europa, pero iso só servirá para que o golpe de mar nos pille desprevidos.

1 de jan. de 2007

Euskadi e a liberdade

Agora que parece que o proceso de paz está irremediablemente tocado (e posiblemente fundido) sucédense as reaccións, a favor ou en contra, de apoiar, maila todo, un proceso de negociacións conducentes ó cese da violencia en Euskal Herria. Persoalmente, espero que a parte dialogante do movemento abertzale acabe impoñendose ó sector máis violento, pero, no ámbito do factible, a pregunta é se o Presidente do Goberno seguirá adiante co escaso apoio popular co que conta neste treito. Espero e desexo que así sexa, porque non paga a pena tensar a corda ata este punto para deixar escapar esta dificil e rara oportunidade. Costou moito chegar ata onde estamos, e iso é algo que a ninguén se lle debe pasar por alto. A acción criminal de ETA complica un proceso xa de por sí dificil, pero iso non significa que, dentro do movemento abertzale non se estéa a dar o debate acerca de se continuar no enrocamento ou tender a obxetivos pragmáticos por medio da negociación. Sen embargo, son consciente de que é dificil que primen estos úlimos, e iso é o que quero cuestionarme aquí.

A pregunta é: ¿Quere ETA e o seu entramado que haxa paz algún día en Euskadi? Non me refiro a que haxa ou non paz se se cumplen os seus requerimentos, senón se están dispostos a que a sociedade vasca tome a decisión que considere oportuna sen ter que coincidir co que a ETA lle pareza correcto. A pregunta que eu prantexo, e cada quén é libre de respostala como lle pete, é ata qué punto o lexítimo dereito de autodeterminación de Euskadi é o seu leit motiv e non a causa trala que se escudan. Se queren enfrontarse ó referendo de autodeterminación ou se pretenden, pola contra, impoñer a independencia.

Un home tan pouco sospeitoso de totalitario coma o filósofo e escritor Antonio Escohotado escribiu no seu ensaio Caos y orden, dentro do capítulo La cuestión nacional, as seguintes reflexión que agora me gustaría compartir con vostedes:

"El fenómeno jurídico de que un grupo pueda constituírse como Estado soberano es indiscernible del fundamento jurídico en cuya virtud puede siempre escindirse de otro (Estado soberano), con lo cual su derecho de constitución es indiscernible de su derecho de secesión. El único límite de semejante decisión es extrajurídico, y concierne al grado de tenacidad y coraje con que proceda, pues esa decisión suscitará sin duda represalias. Pero un repaso a la historia pasada y reciente muestra que cuando este binomio se omite o niega surge de inmediato una espiral de violencia, cada vez menos discriminatoria a la hora de elegir blancos, donde compiten en crueldad separatistas y unionistas. A diferencia de otras épocas, en lo que va de siglo ni un solo de estos conflictos se ha zanjado duraderamente con una victoria militar del unionista, sellada con la rendición de su adversario."

Escohotado, no transcurso do capítulo, entra a coñece-lo caso concreto de Euskadi coma expoñento máis claro do conflicto entre nación e Estado dentro do Estado español. O intelectual madrileño comenza criticando o enconamento das posicións, e o proveito que sacan uns e outros do seu inmovilismo ("Sus verdaderos enemigos pasan entonces a ser quienes aspiran a una salida negociada, sean del bando que fueren, pues amenazan interrumpir el comercio de mano dura.") e, logo de critica-los burdos pretextos do Estado español para eludi-la convocatoria do referendo, pasa a valora-la situación dende a perspectiva vasca:

"Por otra parte, la vileza de gobiernos que enconan reivindicaciones nacionalistas - en vez de darles curso, mediante los oportunos plebiscitos- no asegura que esa reivindicación sea justa, o siquiera argumentable con verdaderas razones. En el caso vacos, por ejemplo, a la siempre legítima aspiración de autogobierno no sólo se engancharon los tradicionales intereses caciquiles de cualquier región, sino ingredientes tan exóticos como el racialcatolicismo de Sabino Arana y el marxismo-leninismo de ETA. Da una idea de ello que las juventudes nacionalistas, representadas por Jarrai, rechazaran al principio el único brote libertario eficaz y espontáneo acontecido en Euskadi y el resto de España - el movimiento de los insumisos ante una recluta militar forzosa- como traición a la disciplina revolucionaria. Encomendándose primordialmente a la nitroglicerina, el combinado de comunismo albanés y aranismo no tardó en producir formas de autosabotaje, como la "irrenunciable" aplicación de la independencia a Navarra (..)"

Prosegue Escohotado a súa análise da situación na confrontación que ás veces se prantexa entre nacionalismo e cosmopolitanismo que "la reivindicación vasca no se opone en principio al ideario cosmopolita, sino tan solo al ideario indiscutiblemente etnómano del gobierno español, basado durante más de medio milenio en una autoridad que claramente es y se pretende "guardiana de la identidad colectiva". Comparado con otras reivindicaciones independentistas - como la catalana-, el independentismo vasco rebosa "etnomanía", pero no hay a priori el más mínimo roce entre nacionalismo (un espírito particular que reclama autogobierno) y cosmpolitanismo (un espíritu que aspira a hacer respetar la dignidad humana en todas partes)." Así, o problema de lexitimidade non viría do obxetivo senón do método.

O futuro de Euskadi pasa irremediablemente pola convocatoria dun referendo de autodeterminación. O feito de que o empecinamento de ETA dificulta ese chanzo é demasiado evidente coma para pasarlle desapercibido ós propios membros do autodenominado Movemento de Liberación Nacional Vasco. O Estado español, con tódalas súas taras, non é actulmente un rexime totalitario de corte fascista, senón un Estado democrático e de Dereito, no que é posible articular medios pacíficos co obxetivo de convencer á maioría dos membros da socieade vasca das bondades dunha hipotética independencia. Unha vez que esa vontade maioritaria sexa clara e inequívoca, ningunha Constitución do mundo pode pór freno ás aspiracións de autogoberno dunha comunidade política. Xa para rematar con Escohotado: "Otra cosa es que llegue a convocarlo (o referendo), porque -fuera de las elecciones- cualquier consulta desagrada a la clase política, y en este aspecto nacionalistas y no nacionalistas coinciden de lleno: unos para no sentar precedente, otros para mantener intacta la ilusión de una posible victoria."

Nestas horas baixas parar o proceso de paz convén facer algunha reflexión ó respecto de porqué falla sempre o diálogo coma forma de solución deste conflicto, pero máis urxente é que, o propio mundo abertzale (¿as 200.000 persoas que votaban HB?), aquelas persoas que consideran que a autodeterminación é un obxetivo non só lícito senón desexable, desautoricen de maneira clara a quen, erixíndose como portavoz e gardían da esencia euskaldún, se empeña en boicotear unha e outra vez un proceso que só compete ó conxunto da cidadanía vasca.