O que se mova non sae na foto
Unha das consecuencias desta última purga da Unión do Pobo Galego é que está deixando ó aire as miserias crónicas do Bloque Nacionalista Galego. Pensabao o outro día, cando lin un comentario nun post anterior, deixado por alguén co alcume “Patriota”, que incidía en que o Partido Nacionalista Galego, autodefinido ideoloxicamente coma liberal, non debería concordar con este proceso. E sen embargo, o seu representante no Consello Comarcal de Vigo non actuou na liña ideolóxica que o seu partido propugna, senón que se cadrou ante a UPG e defendeu unha postura, xa non desviada do seu ideario, senón abertamente oposta. Parece ser que estar no Bloque fomenta o contorsionismo. Non me sinto con forzas para culpalo; non é nada que os demáis partidos non teñamos feito.
É o medo, o medo de sempre a ser purgado cando deixas de serlles útil, cando cuestionas os seus métodos ou os seus obxetivos. Ese medo xúntase con outro, un medo que medra canto máis alto estás no escalafón: o medo a non saír na foto. Este teñoo visto moito, incluso dentro do meu partido. O primeiro é case parte consustancial á militancia non alienada; segundo pasan os anos, renóvanse a xente, pero a situación perdura, é faino coma un aura que rodea todo canto fagas. Sabes que terás unha lupa enriba túa, agardando o momento no que te desvíes para ensinarche, con maior ou menor educación, onde queda a porta de saída. Comprendo o primeiro, e detesto o segundo.
Tamén está a inconsciencia, que non debe ser infravalorada. A inconciencia dun nucleo duro totalmente alleo á realidade, por gusto ou por incapacidade, pero lonxe de calquera atisbo de vinculación coa sociedade e o tempo que lle tocou vivir. A mesma inconciencia que lles fai crer que expulsar a un militante por diferencias de opìnión, escudándose nunha excusa irrisoria que non engana a ningúen, excepto ós fanáticos do pensamento único e a exclusión do diferente, non terá coste político, ou o terá tan baixo que compensará de todolos modos seguir con isto ata o final.
O que esa xente non entende (esperemos que ese día chegue pronto) é que a quen danan non é tanto ó miliante en cuestión, senón á imaxe do Bloque Nacionalista Galego. A militancia do Bloque, adurmiñada por unha cúpula que actúa paternalistamente con ela, facéndolles crer que a discrepancia é disidencia (ou directamente traición), pode chegar ó convencemento de que é xusto que Pedro Gómez-Valadés sexa expulsado da organización. Porque non é coma nós, porque non é bó ter preto a alguén que pensa distinto a coma pensamos nós, ou porque alguén que defende que Israel debe existir non pode ser bóa persoa, e nós temos ben claro que somolos mellores do mundo. Hai mil motivos, ningún deles recollido nos estatutos.
Da igual que estexa disposto a traballar en calquera área, xa sexa a cultura, a lingua, a pesca ou o desenvolvemento sostible; é diferente, e non pode estar connosco. É dramático que a UPG pense e actúe así, máis o realmente tremendo é ver coma o groso da militancia se debate entre a abulia e o seguidismo, e non é quén de expresa-la súa oposición a unha decisión arbitraria contra unha persoa que, ata o dagora, foi exemplar no cumplimento das tarefas que a organización lle encomendou.
Alguén dentro da U será conscinente do que están a desencadear, das consecuencias que isto pode traer? Alguén deles terá a suficiente lucidez coma para intuír que este proceso antisemita na Europa do 2007 é unha anomalía histórica que quedará adherida á pel do Bloque mentres esta organización siga existindo? O BNG non é unha organización marxinal, senón que se atopa cogobernando unha comunidade autónoma do Estado español na Europa de hoxe en día. Alguén se plantexou qué impresión vai levar a xente fora? Ou non levan anos sofocando debates coa excusa de que”é malo para a imaxe do Bloque”? Porque, daquela, que algún me explique qué se supón que ten isto de beneficioso.
Se no próximo Consello Comarcal deciden finalmente expulsalo, o seguinte paso é o Consello Nacional, onde non abondan os votos da U. E alí onde pode que vexamos o segundo dos medos dos que falaba antes: o medo a non saír na foto. O medo, en suma, a disgustar á Komintern. Cando Anxo Quintana e o seu ámbito de influencia teñan na súa man a decisión, todos e cada un de nós teremos ocasión de ver de qué está feito o novo grupo dirixente dentro do BNG, se está disposto a seguir unha ruta propia ou actuará con cobardía, seguindo os postulados que previamente lle dicten os coroneis.
Non concordo con moitas da cousas que fai Quintana, e non votei por el na última AN, pero non por iso sinto animadversión persoal contra el, nin por elo deixo de comprender moitos dos obstáculos cos que se atopa, día a día, para facer política dende a súa posición. Quero dicir que entendo que en política (coma en case todo na vida) non hai bós e malos, senón persoas que buscan o seu espazo. Todos buscamos aire dentro do BNG, e iso ás veces fainos golpear co cóbado o abdomen do do lado. Pero esto non é unha das mesquindades cotiás da política, outra mostra da cortedade de miras coa que, ás veces, actuamos dentro do BNG, xa sexamos de EN, do PNG, da UPG ou de quen sexa. Isto ten outra dimensión, anque non todos acaben de comprendelo.
É o momento de demostrar de qué está feito cada un, de decidir se estamos dispostos a denuciar ben alto este atropelo ou se, por medo a non saír na foto, imos quedar, para vergoña nosa e do BNG, calados coma putas.
2 comentários:
Pódese falar máis alto, pero non máis claro.
Eu non milito no bloque pero desde logo con cousas así menos ganas teño incluso de votar bloque.
Postar um comentário