6 de jun. de 2007

Tres cousas

Tres cousas, tres:

1- Acabouse. E algúns parece que se alegran de ver confirmada-las súas teses. Pero están moi equivocados se cren que se pode acabar coa violencia etarra "sin cuartel y todos juntos". Quedarán coma salvadores de cara á galería, pero a obriga dun gobernante é solucionar un problema, e non facer inútiles exhibicións de forza. Zapatero intentouno, é iso é algo que o honra. O fracaso do proceso, en todo caso, é só imputable a quen vulnerou unilateralmente calquera esperanza de solución dialogada.

2- Esta carta, publicada n´O levantador de minas ilustra ben ás claras cómo actúa un rexime ditatorial, que é o calificativo que mellor lle acae ó Reino de Marrocos. A nova nin sequera aparece no propio xornal, senón que foi enviada por algúen á sección de novas enviadas polos usuarios. Seguro que mañá comenza un boicot contra os productos marroquíes (comenzando pola súa industria hoteleira, claro), ó marxe de que se dite, xa mesmo, unha desas resolucións-churro que a ONU aproba con tanta alegría noutros casos. Si, esa clase de medidas deben estár ó caer. Anque, de todos modos, é comprensible que apenas lle deamos importancia. Ó fin e ó cabo, só son árabes masacrando a outros árabes, nada que nos interese. A gran desgraza dos saharauis é que o Sahara non linde con Israel; iso abondaría para esperta-la nosa solidaridade.

3- Era previsible que o tema de Reganosa ía marcar un antes e un despóis na relacción entre o BNG e a sociedade. Na Comarca de Ferrolterra, as eleccións demostráronno con creces. Recapacitar? Autocrítica? Iso non entra no vocabulario dalgúns. Agora, moito me temo que vimos de cruza-lo punto de non retorno.

10 comentários:

Anônimo disse...

Estás a facer demagoxia co de REGANOSA, porqué non lle afecta ao PSOE, que teñen o poder no Estado, na Xunta, e o Delegado de Goberno da Galiza.
Porque nos afecta a nós e non a eles. En Ferrol, ganou o PSOE.
Iso é o mesmo, co PXOU en Vigo, porque lle afecta ao BNG e non ao PP.
Análise sesgado pola túa parte.
Qué tiña que ter feito o BNG?

Anônimo disse...

Estás a facer demagoxia co de REGANOSA, porqué non lle afecta ao PSOE, que teñen o poder no Estado, na Xunta, e o Delegado de Goberno da Galiza.
Porque nos afecta a nós e non a eles. En Ferrol, ganou o PSOE.
Iso é o mesmo, co PXOU en Vigo, porque lle afecta ao BNG e non ao PP.
Análise sesgado pola túa parte.
Qué tiña que ter feito o BNG?

J. disse...

Se ós votantes do PSOE ou do PP non lles importa o que fagan os seus partidos é cousa deles. Eu critico á organización na que milito e á que voto; é a ela á que lle pido responsabilidades, non a aquelas ás que nunca dei o meu apoio.

Os dous grandes partidos españóis non enganan a ningúen. Non contan coa sociedade, senón que se guían polos seus intereses: a xente sabe o que hai cando os vota. No BNG éncheseno-la boca co de "dialogar coa sociedede", e logo desoímo-lo clamor de toda unha comarca. Dame a min que iso é o que molesta, incluso máis que a decisión en si.

Penso que o BNG de Ferrolterra debería rectificar respecto do seu apoio á actual ubicación de Reganosa.

Anônimo disse...

Achégoche artigo de Aymerich, sobre reganosa, son 4 puntos, claro que por suposto ti non perdas de seguir sendo hipercrítico cao "túa"oranización non vaia ser o demo.

1. O BNG foi a única forza política que formulou alegacións contra a ubicación da planta regasificadora no interior da ría de Ferrol. Nin o PSOE nin IU formularon alegación ningunha nin utilizaron, como si fixo o nacionalismo galego, a súa representación institucional para se opór, cando o había que facer, á tal ubicación. É máis, desde o BNG seguimos a pensar o mesmo: a ubicación idónea para a regasificadora debe ser o porto exterior. Mágoa que ENAGAS rexeitara ese emprazamento. As razóns, nunca explicadas, haberá que llas perguntar ao xenro do finado Xeneral Gabeiras, na altura conselleiro delegado da empresa gasista.

2. As autorizacións para Reganosa se instalar en Mugardos e iniciar o seu funcionamento foron outorgadas polo goberno español. Máis en concreto pola Autoridade Portuaria de Ferrol, ao se tratar de dominio público portuario, e máis polo Ministerio de Industria. Son, xa que logo, estas mesmas autoridades estatais as que poden revisalas de oficio e anulalas como meio de promover o seu translado. Serían tamén, por certo, elas proprias as que tivesen que satisfacer as indemnizacións ou compensacións que, no seu caso, correspondesen. A Consellaría de Industria non ten competencias nin para autorizar, nin para paralisar nin tampouco para deslocar Reganosa da súa ubicación actual.

3. Porén, e á marxe da súa concreta ubicación, a Consellaría de Industria e o conxunto do goberno galego consideran que a existencia dunha regasificadora constitúe unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvimento económico de Galiza e, en concreto, para a instalación de ciclos combinados de gas natural nas térmicas das Pontes e de Sabón. E o BNG non vai permitir que Galiza perda o tren da transformación enerxética en beneficio de Asturies como outros semellan empeñados en que perda o da construción naval civil para maior proveito dos estaleiros andaluces.

4. Outra cousa é que Reganosa deba funcionar con todas as garantías ambientais e de seguranza exixidas pola lexislación vixente e que os danos e prexuízos que a súa posta en andamento poda supor para outras actividades económicas como a pesca ou o marisqueo deban ser avaliados e compensados. Neste sentido cúmprelles ás Consellarías de Desenvolvimento Sustentábel e Presidencia, responsábeis respectivamente pola Declaración de Efeitos Ambientais e máis polo Plano de Seguranza Exterior, extremaren o seu celo e actuaren coa máxima dilixencia.

Xa van sendo horas de pór a cadaquén no seu lugar e separar as lexítimas preocupacións polo meio ambiente e a seguranza doutras motivacións, políticas e económicas, menos confesábeis. Non vaia ser que, ao fin, os mesmos que secundaron que o naval marchase para Andalucía amparados nunha farisaica defensa do sector público, podan conseguir agora que a enerxía marche para Asturies sob a capa dunha falsa preocupación ambiental.

Anônimo disse...

Demagoxia foi o que fixo parte do bng de ferrol e asi lles foi. No feudo de Paco Rodriguez a derrota nacionalista ten un especial significado. O que tiña que ter feiro o bng era abrir o debate permitir que todos expresasen a súa opinión, esintonizar ca base social que levou hai oito anos a Xaime Bello á alcaldía. Pero o que fixeron foi forzar a dimisión de todos os cargos institucionais que discrepaban da ridicula maioria que dominaba a asamblea local de ferrol. Expulsar a canto militante se manifestase en contra da regasificadora. Aplicar a estratexia leninista da upg. Que gañaron: un concelleiro mais en Mugardos e a alcaldia de San Sadurniño, por certo o candidato un traballador de Tojeiro. Perderon alcaldias historicas como a de Fene, de peso como a das Pontes, e un trinta por cento dos votos na cormaca. Houbo autocritica. Non as chorradiñas de Aymerich que reproducense no comentario anterior. Eles nunca se equivocan. E o pobo que non da aprendido. Pero como dicia a cantiga O pobo é o que mais ordena.

Anônimo disse...

Segundo me parece, Aymerich resume ben a situación. O BNG é forza de goberno e gobernar implica, en moitos momentos, optar polo posible ou renunciar á propia posición para evitar males maiores. Chamarlle ao seu artigo "chorradiñas" di moito sobre certa concepción da política. E eu digo: o mundo da mobilización é altamente estimulante; pero as maiorías sociais danlle a confianza para gobernar aos que, despois de estimular(se) demostran cabeciña. Notoriamente, a Aymerich non lle falta.

Ora ben: non podo dicir o mesmo sobre a "maioría" orgánica do Bloque en Ferrolterra, esa que acaba de perder as eleccións estrepitosamente. Non coñezo Ferrol directamente, pero a lectura do acontecido nos últimos, digamos, seis anos dá para pouca alegría e autoestima.

Que facer agora? Véxame libre de aconsellar. Opinando desde fóra (e é ben posible que sen fundamento), abordaría primeiro de nada a recomposición da unidade interna; quedaría na oposición na que o electorado colocou a candidatura nacionalista; ao mellor, se hai relevo posible na lista, pensaría en dimitir. Dito sexa, particularmente isto último, con todos os reparos e eventual desculpa por posible ignorancia.

J. disse...

É certo que gobernar implica tomar decisións impopulares. Sen embargo, coma decía no comentario anterior, eu creo que o que soliviantou á comarca non foi a inactividade do BNG que, coma se recolle no artigo de Aymerich, fixo alegacións sobre a ubicación das instalacións, coma a atitude oscurantista e errática ó respecto. Se o propio BNG presentou recursos administrativos, cómo é que logo votou no pleno para retiralos? Buscábase poñer un ovo en cada cesta? Por unha parte, dar a imaxe de oposición á planta, pero logo actuar para que tal oposición quedara diluída na burocracia. Confuso, ó meu modo de ver.

No canto de abrir un debate real no que tódalas voces foran escoitadas, e logo obrar en consecuencia, opotouse polo autoritarismo paternalista ó que algúns nos teñen afeitos.

A cidadanía merece un respeto; se hai razóns dabondo para promove-la construcción da planta nese emprazamento e con esas condicións, daquela que se expoña sen ambagaxes.

A todo isto, recomendo o relato dos acontecementos que fai o blogueiro Calidonia, que está a tratar o tema con máis profundidade, no seu blogue (o terceiro comentario), así coma o seguemento do mesmo que se pode facer a través de Chuza.

J. disse...

Creo, tamén, que non lle falta razón cando apunta a que a renovación dos cadros é un requisito necesario para comenzar a rexenerar o BNG de Ferrolterra, e incluso non aceitar entrar no Goberno ata que esa rexeneración sexa efectiva (e a xente así o perciba), anque isto último é algo que deberán decidir os compañeiros desa comarca. Saúdos.

Anônimo disse...

A claro o problema é que son da UPG, empezaramos por ahí. Que van decir os de EN.

J. disse...

En primeiro lugar, este é o meu blogue, non o do partido. As opinións que aquí se verquen son as miñas, e por suposto os meus compañeiros non teñen porqué coincidir comigo. De feito (sen ir máis lonxe, no tema de Israel), é frecuente que discrepen.

Polo tocante á UPG, antes xa non me sentía moi próximo a eles, pero co de Pedro conseguiron que os quixera aínda máis,... pero neste caso, eu diría que o problema é que apoiaron unha planta regasificadora ilegal, e non que sexan uns ou outros.

Non é contra a U porque sexa a U, senón contra a U porque tomou unha decisión a todas luces errónea. En serio, polo ben do Bloque, penso que deberían recoñecer que se equivocaron.