1 de jun. de 2007

Munich

Non hai moito, estiven vendo Munich. Como é sabido, a película de Steven Spelberg relata a operación segreda dos servizos de intelixencia israelís, que tiña por obxeto executar ós autores da matanza, nas Olimpiadas de Munich do 1973, de once atletas israelís. Os asasinatos foran cometidos por un comando de Septembro Negro que se colou na Vila Olímpica. Ós erros na seguridade da mesma, uníuselle unha chapuceira operación de rescate improvisada polas forzas de seguridade alemanas no aeroporto da cidade, no transcurso da cal morreron os atletas que non foran abatidos nas instalacións olímpicas. Despois da matanza, nunha decisión difícilmente explicable, o mesmo país que apenas vinte anos atrás masacrara a seis millóns de xudeos, decidiu que o acontecido non era motivo dabondo coma para suspender as Olimpiadas.

A película narra a historia dun heteroxéneo grupo ó cal se lle encomenda a vinganza. Ó longo do seu periplo polo mundo, na súa busca dos autores da matanza, van descubrindo a outra cara dos autores da mesma. Atópanse na tesitura de ter que matar as persoas ás que estan acostumados a ver coma terroristas, no seu contexto familiar, en circunstancias que os levan, en máis dunha ocasión, a dubidar da moralidade da súa misión. Conforme avanza a operación, as dúbidas medran no seo do grupo. Ó mesmo tempo, comenzan a sentirse cercados. Para quen non vira a película, prefiro non entrar en detalles.

Hai unha escea pola que xa paga a pena ver a película. No transcurso da súa operación, recalan nun piso franco nunha cidade árabe (creo que Estambul, agora non estou seguro), o cal xa estaba alugado a outro comando árabe, que non sabe a identidade dos primeiros. Un dos árabes e o lider do grupo israelí, Avner, saen, cando xa é de noite, a fumar ás escaleiras. Coma quen non quere a cousa, este último saca o tema da guerra eterna contra Israel. Intenta convencer ó palestino de que teñen milleiros de sitios nos que vivir, mentres que os xudeos só contan co terreo no que se asenta Israel. En calquera outro lado serán extranxeiros, por moito tempo que pasen. O palestino enfurécese, o israelí deixa o tema, todo queda en calma. Dous homes fumando nunha escaleira non é nada doutro mundo. Polas circunstancias de cada un, ese encontro casual tornase noutra cousa. Máis alá da loita que os enfronta, da súa etnia ou relixión, só son dous tipos fumando, nada máis. A escena é fermosa toda ela, cargada de contido, maila súa sinxeleza.

Se algo queda despois de ver Munich é un pouso de senrazón ó redor deste conflicto. Os intereses non son tan diferentes, ambos queren ter un país de seu, e no canto de comparti-lo terreo, levan máis de sesenta anos na tarefa imposible de intentar que o outro desista antes. Queda, tamén, unha sensación de rexeitamento cara os tan tristemente famosos asesinatos selectivos. E, incluso máis que por calquera consideración ética, que tamén, polo simple feito de que son contraproducentes. É apaga-lo lume con gasolina.

Por moito que xa o supesemos, ó ver nunha trama tan ben recreada as consecuencias que provoca esa moi criticable política do Goberno israelí, non queda se non opoñerse a ela con índa máis claridade. Non é doado decirlle ós familiares dos falecidos nos frecuentes atentados terroristas que, dende sempre, sacuden Israel, que o Goberno non vai a tomar medidas contra os asasinos do seu fillo, muller, pai,… Pero, por incomprensible e doloroso que sexa para eles, o Goberno debería deixar de promover unha medida que, a cambio de satisfacer temporalmente á opinión pública, contribúe gravemente a enconar o conflicto.

Máis alá da media hora do final que lle sobran a tódalas películas de Spilberg, Munich é unha obra honesta, que supón unha oportunidade inmellorable de coñece-los entresixos do conflicto árabe-israelí dende os ollos dalgúns dos seus máis directos implicados.

2 comentários:

Anônimo disse...

Uma grande pelicula!!

IV REICH disse...

SE MATASEN A UNS AMERIACNOS,ALEMÁNS Ou IRANIS SE HABRIA SUSPENDIDO A OLIMPIADA?