13 de jun. de 2007

Un pescador na Ría de Vigo

Dun tempo a esta parte, volvinme asíduo de Flickr. Ó principìo, usábao para buscar algunhas das (escasas) imaxes que colgo do blogue. Pero, ó pouco, funme aficionando, e agora é unha das miñas páxinas de referencia; a principal, cando se trata de fotos.

Normalmente vou a tiro fixo, pero, se teño algo de tempo, admito que me entretén ir dun álbum a outro, deixandome sorprender por tanto talento que, grazas á rede, non apodrece no anonimato, coma era lei de vida ata hai moi pouco (e agora, índa só neste xardín que é o Primeiro Mundo). É así e como, por casualidade, acabas atopando prodixios coma este:


A fotografía é extraordinaria, pero non é, nin moito menos, unha excepción na conta na que se atopa. Pola contra, o album do fotógrafo vigués Manuel Bóo é todo el unha auténtica maravilla, que paga a pena visitar con detemento para poder apreciar cada imaxe. Xa sexan paisaxes, retratos, ou meros detalles (unha flor, unha porta), consegue crear coa súa cámara estampas dun magnetismo prodixioso.

Ata a min me sóa cursi ó ler o que escribo, pero teño un bó motivo para falar deste xeito: é certo. Con tanto lixo que nos queren facer colar por arte, é reconfortante descubrir a alguén que, con talento e paciencia, é quen de facernos ver aquelo ó que estamos afeitos cunha ollada luminosa e renovada. De amosarnos, limpo do pó cotiá, toda a beleza do mundo.

Nenhum comentário: