9 de nov. de 2007

A desagradecida tarefa do socialdemócrata

Recupero aquí un artigo que moito me gustou no seu momento, e do que me lembrei a raíz do post sobre o Che. Reflicte ben a sensación que moitas veces temos quenes apostamos por unha esquerda non populista, e que con tanta frecuencia somos acusados de traidores por quenes non teñen nin proxectos de futuro nin memoria do pasado e, a falta de agumentos, practican o tan ibérico recurso ao insulto. Xente que, coma di no artigo, por moi "revolucionarios" que pretendan ser, viven unha sociedade onde a imaxe é máis importante que o que hai detrás.

A desagradecida tarefa do socialdemócrata


Por Lluis Pérez


Preguntáronse algunha vez vostedes sobre por que os mozos levan camisolas do Che Guevara e non de Olof Palme? En fin, mais alá da visión romántica das esquerdas e da satanización das dereitas, o certo é que o Che Guevara non foi unha personaxe histórica que axudase particularmente a mellorar o mundo onde vivimos. Isto soará a sacrilexio para moitos, pero se falamos de feitos concretos o caso é que o Che foi un dos principais responsábeis da viraxe da Revolución Cubana cara ao totalitarismo e as súas ideas a propósito de estender tal Revolución por todo o continente americano mediante a loita guerrilleira foron un completo fracaso. Tampouco en política económica pareceu colleitar grandes trunfos. En fin, alguén dirá que era un "idealista", mais as ideas ás cales consagrou a súa vida parécenme desas que, cheas de moi boas intencións, conducen de cabeza cara ao inferno. Mais, o marketing castrista e capitalista mediante, as mocidades esquerdistas de hoxe en día venérano como a un mito, incluídas aquelas que en principio non comulgan co totalitarismo que rexe en Cuba.


Olof Palme, primeiro ministro socialdemócrata sueco, non lle foi á zaga ao Che en canto a idealismo. Loitou toda a súa vida por dar aos suecos un nivel de benestar e liberdade como non se coñeceu en practicamente ningún lugar da Terra en practicamente ningún momento da Historia. Mais non só mellorou notábel e exitosamente a vida dos seus compatriotas: tamén foi un duro adversario de todos os imperialismos, soviético e norteamericano incluídos, opúxose con vehemencia ao bloqueo de Cuba pese a ser socialdemócrata, foi un dos líderes da comunidade internacional que mais esforzos dedicou á loita contra o apartheid e destacouse como pacifista durante toda a súa vida. Tamén el, como o Che, foi asasinado, só que aínda a día de hoxe non sabemos quen matou a Olof Palme, índa que se rumorea que foi asasinado polos servizos secretos do apartheid surafricano.


O agravio comparativo entre Palme e Guevara dános a medida do agravio comparativo existente entre reformistas e revolucionarios. Uns e outros farían cousas mellores e peores, pero parece ser que o espírito profundo da esquerda, en especial da mais nova, tende a menosprezar a actividade reformista e a idealizar a dos revolucionarios, independentemente de cal das dúas contribúa obxectivamente mais, en cada momento histórico concreto, a mellorar a situación dos parias da terra, dos que piden (pedimos) permiso diariamente a terceiras persoas para sobrevivir. Na Europa Occidental, por exemplo, paréceme indiscutíbel que a práctica totalidade daquelas cousas que fan mais prósperas e libres as vidas dos plebeos como un servidor conseguíronas os reformistas socialdemócratas: dende o sufraxio universal ate o subsidio de paro ou a Seguranza Social, todo foi froito dun ou doutro modo de loitas reformistas. E, con todo, lonxe de valorar a capacidade transformadora destas medidas, o novo esquerdista europeo estándar tende a rexeitalas con desdén a base de consignas de catecismo, ate o punto de que para certa esquerda o apelativo "reformista" pasou a ser un insulto recorrente como o foi no seu día "revisionista". Téndese, erradamente, a considerar que o reformismo carece de capacidade para mellorar e/ou superar a orde social e económico do capitalismo. En fin, xulguen vostedes mesmos se Suecia é igual que o Reino de España.


Por suposto, aprobar unha Renda Básica (por poñer un exemplo de reforma desdeñada por "reformista" desde certa esquerda oligofrénica) non servirá para rematar con todos e cada un dos problemas da Humanidade. Mais, desde logo, contribuirá a solucionar moitos e a mitigar moitos outros. E o que é mais importante: contribuirá a configurar escenarios futuros onde as poboacións traballadoras de todo o mundo terán máis capacidade de resistencia á hora de enfrontarse ás ondas de privatizacións e desregulacións que ameazan con por a poxa a súa liberdade. Pois ben: isto é o que moitas veces certa esquerda, particularmente xuvenil, non sabe ou quere ver. Un tipo de esquerda que, cegada polo que fica pendente por conseguir, non é capaz de valorar o que se consegue efectivamente e comparalo co que custou conseguilo para así facer un balance racional sobre se tal ou cal reforma foi boa ou mala de cara a acadar unha sociedade mais libre e igualitaria.


Ser reformista, e en particular ser socialdemócrata, é pois unha tarefa nese sentido moi desagradecida. O socialdemócrata poderá contribuír a mellorar a vida dos demais, mais de cando en cando verá que os seus esforzos reciben eloxios mais alá da mera felicitación polo traballo ben feito. E iso cando hai sorte. O socialdemócrata adoita ir con traxe e pelo curto, fai unha política aburrida que consiste en falar de orzamentos, garderías, impostos e subsidios. Non ten a melena ao vento, nin vai uniformado, nin a súa vida adoita ser particularmente aventureira. Quizais ten que ver con iso, con que o socialdemócrata non é un tipo de aspecto heroico. Un problema máis de imaxe, pois, que de realidades tanxíbel. Por iso os mozos levan camisolas do Che Guevara e non de Olof Palme: porque por moi "revolucionarios" que pretendan ser non deixan de ser membros dunha sociedade onde a imaxe conta máis que o que hai detrás dela. O triste cuasi-esquecemento de Olof Palme e o culto á personalidade do Che: un tremendo sarcasmo que certa esquerda profire contra si mesma sen nin sequera decatarse.


Pulicado o quince de Outubro do 2.006 en Socialdemocracia.org.

6 comentários:

Torcinho disse...

Pero qué di????
Olof Palme era o típico representante antisemita da esquerda de salón. Prestou axuda financieira á OLP. E unha vez mesmo foi a Cuba a visitar a Castro. Estou seguro de que se vivise sería o típico altermundista filofundamentalista amigo dos ayatolás.

J. disse...

Agh, sabía que alguén saltaría por ahí. Si, non lle nego que no de Israel a posición de Olof Palmer era ben distinta á miña, se ben non mo imaxino alentando posturas que imposibilitaran un acordo. A súa tarefa ao frente da socialdemocracia sueca foi sinxélamente extraordinario, e iso é algo que avalío moi positivamente ao marxe da súa atitude en política internacional.

Por poñer outro caso, Salvador Allende escribiu artigos antisemitas e arabófobos que podería suscribir un nenonazi, e iso non quita que fora un home que quixo implantar unha maior xustiza social no seu país, nin me fai sentir menos mágoa pola maneira na que o Exército, apoiado polos EUA e orientados polo xudeu Kissinger, acabaron con el e coa democracia en Chile.

Por certo, que ando corto coa retranca: esa maneira de expresarse é unha parodia ou é que concorda comigo en que hai moito desnortado? E vaia por diante que non o digo por vostede.

Torcinho disse...

Si, anda corto de retranca e concordo con vostede en que hai moito desnortado que non ve que a verdadeira ameaza non vén precisamente da esquerda altermundista.

J. disse...

A min paréceme que é problema dabondo que non se aprendan dos erros do pasado. Que se siga a avivar a sempre disposta chama da xudeofobia (que, polo visto, non existe), que se apele a un altermundismo retrógrado no que teñen cabida todos os que se enfronten ao liberalismo, en definitiva, que se antepoñan unha serie de prexuízos a unha análise racional do mundo, que quere que lle diga, a min paréceme que non é esperanzador.

Hai un prantexamento de futuro ou hai un ir tirando, valéndose dunha retórica máis caducada que diola? Eu creo nunha esquerda que atenda ao problemas do mundo de hoxe, non un feixe de sacristáns a darme a murga coas súas verdades absolutas de barra de bar.

Dame que "a verdadeira ameaza", por empregar as súas palabras, é manter a toda costa unha imago mundi non se corresponde coa realidade. Digo eu.

Pedro Gómez-Valadés disse...

Discrepo do compañeiro Palme na súa posición perante o conflito en Medio Oriente. Descoñezo cal tería sido a súa evolución politica de non ser asasinado. Dicir que de vivir hoxe sería un altermundista desnortado é un chisco frívolo. Palme e a socialdemocracia sueca acadaron ao meu ver o mellor sistema político "real" e aplicábel de igualdade social. Efectivamente foi a Cuba. Certo. Mais tamén visitou como Primeiro Ministro o Vaticano por exemplo.

J. disse...

Bo apunte.