Pseudo-esquerda e antisemitismo
O xornal El País publica hoxe unha reportaxe sobre un politólogo estadounidense chamado Stephen Bronner, autor de "Un rumor sobre os xudeus", un libro sobre a influencia do antisemitismo a partires dos Protocolos dos Sabios de Sión.
O artigo comenza sendo sorprendente pola franqueza coa que se asume o fenómeno da xudeofobia dende un medio autodenominado progresista, e mesmo se sinala o papel fundamental que dita retórica ten no mundo árabomusulmán (moi de pasada, iso sí, e limitándoo a grupos coma Hamás e "nacionalistas de dereitas" [!?]):
Que os xudeus controlen os bancos e os medios de comunicación, que influan de maniera decisiva na política exterior de Estados Unidos ou que dirixan a industria de Hollywood son prexuizos amplamente asentados no imaxinario colectivo. Hai quen chega a crer que gobernan Wall Street e incluso que urdiron os ataques terroristas do 11 de setembro.(Sobre os Protocolos)"Non se preocupan si as afirmaciones feitas no tratado son verdadeiras ou falsas, úsannas simplemente para xustifica-los seus prexuicios". (...) cando os representantes das 12 tribus de Israel, dirixidos por un gran rabino, se reúnen nun cementerio a medianoite baixo a lúa chea para trama-la súa confabulación contra a civilización cristiá. "Non hai necesidade de probar que este encontro conspirador en realidad tivo lugar, porque 'nós', os leitores antisemitas, xa sabemos que é certo, coma todo o que aparece na obra".
Sen embargo, coma non podía ser doutra maneira, ao igual que unha reportaxe nos seu dominical de hai unhas semanas aproveitaba, ao falar do rexurdir da comunidade xudía en Berlín, para criticar a Israel, El País non da puntada sen fío. Desta volta, o autor do libro admite que si, que "as sinagogas e os cementerios son aínda en ocasións lixados, e que un estudante xudeu pode ser golpeado hoxen en día igual que sucedía no pasado", pero que o antisemitismo non existe xa en Europa e, o máis importante, que nada disto ten que ver có tratamento que se fai de Israel. Os europeos ó mellor temos un leve pouso antisemita, pero ó analizar ó Estado xudeu guiámonos pola máis alta lóxica cartesiana.
Hai un parágrafo en concreto no que o politólogo e a xornalista se lucen:
Pero se o antisemitismo é aínda un odio latente, ¿cómo combatilo? Segundo Bronner, para derrocar as falsas ideas sobre os xudeus, é necesario admitir que non se atopan hoxe en día nun gueto e que non son unha minoría oprimida. "Pode que os sionistas pensen dun modo diferente pero os xudeus no viven xa no medo, nin en pogromos nin amoreados en campos de concentración", subraia o autor.
Daquela, todo o que non sexan progromos ou campos de concentración xa non é antisemitismo? Home, Hitler puxo o listón moi alto, pero o feito de que as sinagogas teñan que ter protección policial as vintecatro horas do día, que a xente (en nome dun mundo mellor, obvio) se burle do Holocausto, ou que as mesmas ranciadas que o politólogo apunta no texto de arriba se reproduzan punto por punto en todo canto foro hai en internet, acaso non deberían considerarse coma atitudes un chisco xudeófobas? Para El País, antisemitismo só é cando un neonazi golpea a un rabino mentres berra: "Que conste que isto non ten nada que ver co meu posicionamento sobre o conflicto de Oriente Medio!".
Hai tres ideas no texto que son pilares fundamentais para entender este discurso que intenta manter o antisemitismo coma un elemento de unión, ao tempo que busca liberarse de calquera vinculación co mesmo.
1) O antisemitismo é hoxendía en Europa algo marxial. Segundo o autor, o feito de que, en relación ás agresións mencionadas antes, "estas accións se traten coma delitos e os seus autores son xeralmente detidos e castigados", proba que o antisemitismo é algo residual. A mistura entre o funcionamento dun Estado de Dereito e un odio popular non parecen importarlle ó politólogo.2) O lugar que noutrora ocupaba o antisemitismo foi sustituído por arabofobia e islamofobia. Esta é a parte que maís me gusta; xente que che repite coma un mantra que o lobby sionista domina o vento e as mareas, logo indígnase moitísimo cando exixes que se vixile ás redes yihadistas instaladas en Europa. Preocuparse por esa corrente fascista que medra no seo do Islam, o islamismo, é a ollos desta xente unha atitude retrógrada.3) A culpa do antisemitismo é, en gran parte, de Israel. Coma apunta a xornalista e logo secunda este bó home de progreso, "é innegable que a política de Israel é unha das causas que contribuíu a aumentar os prexuízos contra os seguidores do xudaísmo". Isto é, non é que os prexuízos contra esa raza-dominadora-do-mundo, que pensan que poden facer o que lles pete por ser "o pobo elexido" (léase con enfática cara de asco), convirtan o que debera ser un debate pausado e honesto nun circo dominado polas baixas paixóns dos autocompracentes europeos. Por favor, iso é algo que só farían os nazis, que coma todo o mundo sabe, identifícanse por levar emblemas cunha suástica. En realidade, logo de exterminar a seis millóns de xudeus no último e máis sonoro pogromo, o antisemitismo evaporouse. Si, levaba en Europa algún tempo e tal, pero o caso é que desapareceu.Dese xeito, a xornalista Patricia R. Blanco conclúe: "Os argumentos esgrimidos polos sionistas e por aqueles obsesionados coa identidade xudía, que establecen unha relación directa entre os ataques contra Israel e as agresións contra a súa confesión, non constitúen xa un discurso creíble na vida pública". O que hai agora non é unha desas desprezables cóleras populares (que só manteñen catro neonazis), senón unha indignación consciente e solidaria, motivada polas "políticas do Estado de Israel", que se nalgunha medida afecta a alemáns, franceses ou españóis que profesan a relixión xudía ou participan dalgún xeito na súa cultura non é, faltaría máis, por ser xudeus, senón porque son identificados coma parte do sionismo transnacional que, este si, é algo contra o que debemos estar todos unidos.
Con estes pensadores demostrase que mesmo o discurso sobre antisemitismo é susceptible, cando caen en mans dos expertos na dobrelingua, de convertirse nun novo alegato antisemita.
Nenhum comentário:
Postar um comentário