11 de abr. de 2008

Distanzas

Anque teño unha atitude moi alonxada á súa na cuestión territorial e nacional no Estado español, a lucidez e sensibilidade de Antonio Muñóz Molina, que plasma nas súas novelas e naquela xa lendaria columna que publicaba no dominical de El País (e se cren que exaxero, tempo ao tempo. Chegará un día na que se fale delas coma hoxe o facemos de Julio Camba), fan del un dos meus referentes éticos e culturáis habituáis. Camiño a casa, viña cos cascos oíndo unha entrevista súa en Radio Sefarad, na cal pronuncia esta afortunada reflexión:

"(...) Eu creo que o mundo de despóis del 11 de Setembro parécese bastante ao que había antes, só que hai cousas que agora xa non se poden ocultar, e que hai sensacións que tiñan determinadas persoas ou deteminados países, de fraxilidade, que agora se universalizaron máis. É decir, a sensación dun cidadán israelí, de vivir no perigo constante, e real, dunha explosión dunha bomba, ou a sensación de fraxilidade ante un terrorismo que pode ter,.. que podería ter un cidadán español, e que era tan pouco compartida e tan pouco comprendida, fora de... porque hai unha cousa que,... sobre a que eu reflexionei moito nese momento, e que me sigue parecendo escandalosa; para os medios de información, o terrorista é o que actúa preto de ti. Cando se vai alonxando, convírtese nun loitador."

Na entrevista, realizada na cidade de Nova Iorque, ten cabida a vaga migratoria de xudeus que escabapan do Inferno, a literatura estadounidense da segunda metade do século XX que os descendentes desa vaga protagonizaron, así coma alusións ao bravo movemento sindicalista xudeu (daqueles socialistas que artellaban o movemento obreiro en idish, en plena Gran Mazán), e moito máis. Pero sobre todo, e na miña opinión eso é o máis interesante, fálase do gran debate do noso tempo; a loita entre as democracias e o fundamentalismo. E abórdao cunha (sinto repetirme) lucidez que, pola súa singularidade na preguiza intelectual que, ás veces, da a impresión que impera neste Ruedo Ibérico, é aínda máis luminosa.

A entrevista, media hora de conversa distendida, pode descargarse premendo aquí. Para pechar o post, outra frase para a despensa: "O nazismo triunfou non porque fora moi forte, senón porque as democracias non tiveron coraxe para exercer a súa propia forza."

[Máis: O porvir é longo, artigo de AMM sobre o a obra teatral San Xoán, de Max Aub; Sefarad, o libro no que o autor aborda o desamparo que viviron tantas persoas nos tempos da Shoah]

7 de abr. de 2008

Reconciliación

No seu último libro, que por desgraza non chegou a ver publicado, a política paquistaní Benazir Bhutto "denuncia o extremismo, ao tempo que presenta unha interpretación moderna do mundo musulmán". Fronte aos apoloxistas da confrontación, hai que lembrar que as voces modernas no islam existen e deben ser escoitadas. Pulsando aquí pode lerse o primeiro capítulo (en inglés).

6 de abr. de 2008

"Esto lo arreglaba yo en dos minutos!"

"-De los conflictos que conoces, ¿cuál sería el más fácil de resolver y por qué crees que no se resuelve?

-El de Palestina. Bastaría con que se retirasen los colonos israelíes de Cisjordania, respondiendo a la resolución 242 del Consejo de Seguridad. Bastaría con que se devolviese Jerusalén Oriental a sus legítimos dueños. Y con que se negociase una opción justa para los refugiados en el extranjero. Nada más. Si no se resuelve es por una serie de intereses económicos que van desde el agua hasta la industria armamentística, pasando por la especulación inmobiliaria, así como la estrategia política de Washington y la presión que ejerce parte de la diáspora. También está el fanatismo religioso y el mesianismo de algunos grupos radicales israelíes y de los colonos."

Hernán Zin, reporteiro de guerra, nunha entrevista en Migramundo.

3 de abr. de 2008

Nilda Eloy



"Nilda Eloy é a presidenta da Asociación de ex-detidos e desaparecidos. Chegou desde Arxentina coa intención de procurar axudas e apoios para levar a cabo os xuicíos contra os xenocidas da dictadura que tivo lugar entre os anos 1976 e 1983.

ANT TV falou con ela para saber máis sobre a súa experiencia e sobre a situación real na Arxentina do século XXI. Acércanos unha realidade esquecida e escalofriante que coma ela viviron milleiros de persoas, das cais, a maioría non poden nin puideron falar."

Non adoito a falar doutras latitudes máis ca de Oriente Próximo e Galiza, pero a declaracións desta muller ben merecen, coma mínimo, un oco na bitácora.

Máis, en A Nosa Terra, vía A Nosa Terra TV.

31 de mar. de 2008

Pero cómo chegaron aquí?

Logo de ler este post de Marta, picoume a curiosidade por saber cómo chegaría a xente a O ruído. Dende hai varios meses, teño instalado o Google Anaylitics, que me permite saber (máis ou menos) por unha banda canta xente le isto, e pola outra dende onde o fai. Ademáis, ten outras moitas funcións das que non teño nin idea de para qué serven. Unha delas, que descubrín hai uns días, e que tamén tes a posibilidade de saber qué estaba a buscar a xente cando deu coa túa bitácora; está na sección Gráfico de vistas por ubicación, e logo seleccionando en Segmento a etiqueta Palabra clave, por se alguén o ten instalado e sinte curiosidade.

A maioría das palabras teñen relación directa coa temática habitual do blogue. O meu alcume, unha amplísima varidedade de libros relacionados coa cultura e historia xudia, especialmente a Historia da Shoah, de Georges Bensoussan, e información sobre autores coma Amos Oz, Claude Lanzmann ou Abraham Yehoshúa ocupan os primeiros postos. Chamoume moitísimo a atención a cantidade de xente que recalou aquí mentres andaba na procura de datos sobre o escritor Thomas Mann. Sorprendente, sobre todo, porque creo lembrar que nunca falei del no blogue. Dous feitos recentes merecen consideración pola cantidade significativa de visitantes que trouxeron; o novo disco de Noa, así coma o seu concerto acústico de Compostela (ou cómo baixarse o disco de internet, tamén), e sobre todo a apertura do restaurante kóxer Sefardí 515, cunha cantidade exaxerada de búsquedas. Se algún dos involucrados no proxecto le isto, e cónstame que algún hai, norabóa pola bóa acollida que están a ter.

Pero o que me chamou a atención foron as cousas rarísimas que levaron a algunha xente a recalar aquí. Pero raras, raras. A continuación, unha escolma das máis inclasificables:

  • comeclavos.
  • cuales son las costas de Europa.
  • cuando comenzó el debate (así tal cal, que dan ganas de preguntar: "Pero cal?")
  • esmeralda de satanás clavícula de salomón.
  • Le Mossad (ui, que logo todo se sabe).
  • la UPG en Cuba (ein?).
  • mulleres desnudas (xa as porei algún día...).
  • noticia dalgún caso no que interviu a onu (iso tamén quixera sabelo eu).
  • o qué é a ansiedade (ai...).
  • vídeo del jardín del edén.
E a mellor, a insuperable:
  • historias eróticas de funcionarios.

É bóa verdade que hai perversións para todos os gustos. Por haber, ata hai quén le este blogue.

27 de mar. de 2008

Touché

-" Xornalista: Como pode explicar que nos ataques israelís durante a Segunda Guerra do Líbano morreron máis cidadáns libaneses que cidadáns israelís?

-
Netaiahu: Vostede non quererá que toquemos este tema.

- Xornalista: Por qué non?


- Netaiahu: Xa que máis cidadáns alemáns morreron na Segunda Guerra Mundial que cidadáns ingleses e norteamericanos xuntos, e entre Vostedes non hai discusión de que isto é produto da agresión alemá. Inglaterra, en resposta ao "Blitz" sobre Londres, bombardeou e borrou a cidade alemá de Dresden. E eu quérolle recordar que, no ano 1944, cando os británicos quixeron bombardear o cuartel da Gestapo en Copenhagen, os seus pilotos erraron e incendiaron un Hospital de nenos con 83 nenos dentro".

Fragmento dunha entrevista na BBC con Benxamin Netaniahu, lider do Likud e da oposición na Knesset (o Parlamento israelí).

Vía En defensa de Israel.

24 de mar. de 2008

Volta atrás, ata Portbou

Nun exemplar atrasado de El País Semanal veño de reler unha reportaxe sobre a realización, a cargo do director bonarense David Mauas, do documental Quién mató a Walter Benjamin..., adicado a esclarecer as circunstancias do falecemento do filósofo berlinés.


Dende que o seu corpo foi atopado nunha fonda na vila catalana de Portbou, o 26 de Setembro de 1940, a tese que primou foi a do suicidio. Segundo a señora Henny Gurland, que o acompañou durante os seus últimos días, un Benjamin moribundo confesoulle que se na véspera inxerira morfina dabondo coma para poñer fin á súa vida. Asi mesmo, todo segundo o testimonio de dona Gurland, no seu leito de morte entregoulle dúas cartas, unha para ela e outra para que lle la fixera chegar ao seu amigo, o tamén filósofo, Theodor Adorno. Isto unido a que confesara a súa intención de suicidarse oito anos antes, apuntalou a idea dunha morte voluntaria.


Sen embargo, David Mauas, que tivera o seu primeiro achegamento á figura do intelectual xudeu na Academia das Artes de Xerusalén, co estudo do texto A obra de arte na era da súa reproductibilidad técnica, reparou en que non existía ningúnha constancia desas dúas cartas de despedida. A persoa que avalara a versión que dende o principio se dera coma válida, así coma os demáis que poderían botar luz ao acontecido (o médico que constatou a defunción, ou o dono da pensión na que se aloxou as súas últimas catro noites) xa non viven. Ademáis, foi enterrado no camposanto, cousa vedada aos suicídas. Pero só son hipóteses, imposibles, cos datos coñecidos, de confirmar.


Tras serlle retirada a nacionalidade alemana o ano anterior, saíra ilegalmente de Francia camiño de Lisboa, onde podería embarcar cara os EUA; pero unha nova lexislación impedíalle cruzar España. Antes de ser prendido e deportado polas autoridades colaboracionistas do fascismo español, o máis probable, co que hoxe se sabe, é que Walter Benjamin decidira rematar el mesmo coa súa vida, antes de afrontar o que a burocracia nazi prevera para os do súa orixe. Lembrar a este pensador xenial que, ao igual que defineu Rahola a Heine, era demasiado xudeu para os europeos, e demasiado europeo para os xudeus, é unha bóa maneira de recuperar a memoria desa esquerda librepensadora que pereceu entre as ruínas de Europa. Morreron, na Segunda Guerra Mundial, e xa antes, no seu tráxico preludio español, non só millóns de persoas, senón tamén unha certa idea de modernidade que aínda non fomos quén de superar. E fainos tanta falla...


Conta Stephan Hessel, un dos amigos de Benjamin:



Levaba sete anos de exilio. E aquel 1940, cando o exército alemán rondaba por todas partes, cando só Gran Bretaña resistía e Estados Unidos aínda era neutral... As democracias estaban desamparadas, e iso para el, que era un demócrata, representaba unha profunda sensación de desconfianza. Benjamin sinteu que tiña razón cando dixo que a Historia vai cara atrás, coma o anxo de Paul Klee.”



O Angelus Novus, tamén coñecido coma O anxo da Historia, foi mercado por Walter Benjamin no 1921, e dende entón o escritor levou esta pequena acuarela consigo no seu periplo por Europa. Só se separou dela na súa fuxida cara o exilio, depositándoo na Biblioteca Nacional de París, para que lle fora entregada en herdanza ao seu amigo Scholem. A viúva deste, á súa vez, legouno ao Museo de Israel en Xerusalén, onde se atopa na actualidade.


Benjamin deixou escrito deste anxo coas ás abertas e ollos pasmados: "ben quixera el deterse e espertar aos mortos e recompoñer o despedazado. Pero dende o Paraíso sopla un furacán que se lle enredou nas ás, e que é tan forte que o anxo non pode pechalas. Este furacán empúrrao irremediablemente cara o fururo, ao cal das as costas, mentres que os montóns de ruínas medran ata o ceo. Ese furacán é o que nós chamamos Progreso".


Denunciou Adolf Hitler, nun dos seus incendiarios discursos, que os xudeus infrinxiran dúas grandes feridas á Humanidade; a circuncisión no seu corpo, e a conciencia na súa alma. Deberíamos reivindicar a Walter Benjamin, non coma unha figura plana á medida das protocolarias homenaxes institucionáis, senón coma a persoa independiente que non seguiu máis programa ca o do seu desexo, á hora de vivir e tamén á de morrer. Coma a conciencia libre que foi.




[Máis
: O porvir é longo, artigo de Antonio Muñóz Molina sobre a obra teatral San Xoán, de Max Aub; Máis alá da pintura: Paul Klee e Walter Benjamin unidos polo anxo da historia, de Ana González; Angelus Novus, de Andrés Devesa (cun texto das impresións de WB sobre o cadro); Angelus Novus, de Justo Serna]

17 de mar. de 2008

Ante todo, sinceridade


"[Os enemigos de Alá] non coñecen que o pobo palestino desenrrolou os seus [métodos] de morte e búsqueda da morte. Para o pobo palestino, a morte convertiuse nunha industria, na que sobresaen as mulleres, e todo o pobo que vive nesta terra. Sobresaen os máis vellos nisto, e tamén o fan os muxahidíns e os nenos. É por isto que formamos escudos humanos de mulleres, nenos, anciáns e muxahidíns co obxetivo de desafiar á máquina de bombardear sionista. É coma se lles dixeramos a os sionistas: “
Nós desexamos a morte como vós desexades a vida."

Fati Hammad
, parlamentario de Hamás.


Pois norabóa.


[Máis: a nova orixinal; o vídeo coas declaracións]

14 de mar. de 2008

Concerto de Noa

Eis as imaxes do concerto que a cantante israeli Noa, xunto co guitarrista e compositor dalguns dos temas, Gil Dor, deron esta tarde na Igrexa da Universidade, en Santiago de Compostela:

Agardando

O escenario


O comenzo

Noa

Gil Dor

... agradecido ...




... despedida ...

... bis ...

... e despedida definitiva. Nun par de palabras; breve e intenso. Esta tarde a voz de Noa acabou de gustarme do todo, e debo decir que en directo gaña en espectacularidade. Se alguén ten a oportunidade de acudir a un concerto dela, en serio que llelo recomendo.

Por certo, tivo o detalle de presentarse en galego. O recital pechouse co tema en castelán Es caprichoso el azar, que nesta interpretación a dúo con Joan Manuel Serrat ten unha acollida tan calurosa coma a que debeu sentir, hai unhas horas, por parte das douscentas persoas que alí estabamos: a palabra entusiasmo queda corta para os aplausos que Noa e Gil colleitaron.




Atualización: suscribo integramente as declaracións feitas na rolda de prensa previa ao concerto (que onte, lóxicamente, non coñecía), máis non deixa de ser triste que, a unha persoa que veu a cantar, a sometan a un interrogatorio sobre a situación política do seu país.

13 de mar. de 2008

Do Iemen a Manhattan


Noa, nunha actuación en Stuttgart. Foto: don´t expect art.

"Tiven a idea de investigar e recuperar as cancións iemenitas que lle oíra cantar á miña avoa cando era nena. Escoitei un senfín de sorprendentes cantantes, de Aharon Amram, Zion Golan, Shoshana Damari, Shlomo Dachyani e Miriam Tzafri, ata Ofra Chaza. As fermosas melodías e maravillosas voces tocáronme profúndamente e sonrroxáronme grandemente, máis ningunha me atravesou tanto coma a da avóa Raquel,... ela é a número un, todo vai sobre a súa base. Tiña claro que unha moza nada en Israel e criada en Nova Iorque, onde as cancións iemenitas desaparecen, e son sustituídas por Joni Mitchell e Paul Simon, tiña que atopar o seu propio camiño para atopar ese fabuloso lugar (....)"


A cantante Achinoam Nini, mundialmente coñecida polo seu nome artístico, Noa, encabeza así a presentación do seu último traballo, Genes & Jeans, que coma se di no texto, é unha recuperación do cancioneiro popular iemenita e hebreo, pasada polo tamiz da cultura urbana neoiorquina.


Noa, que se dou a coñecer polo tema principal da premiada película A vida é bela, de Roberto Benigni, aborda neste novo disco o dificil reto de conxugar dúas linguaxes musicáis tan distintas. Cantando en inglés e en hebreo, busca traer aos nosos días as antigas cancións que oíra cantar de nena en Israel, intentando non desvirtualas no proceso. O resultado é, na miña opinión, satisfactorio, a xulgar polo que estou a oír nestes momentos.


A través das dezasete pezas do disco, a voz afortunada de Noa e unha instrumentacion austera conxúganse con naturalidade para acadar unha particular mistura de estilos. Non é, xa o advirte ela, unha recuperación arqueolóxica, senón un achegamento dende a súa cultura de adopción e a dos seus devanceiros. Se alguén busca unha achádega purista, é probable que Genes & Jeans o decepcione.


Por unha desas raras casualidades, o lanzamento do disco ven acompañado dunha grata sorpresa: a presentación do disco aquí, en Sefarad, terá lugar mañá, venres, en Santiago de Compostela. Noa dará un pequeno concerto acústico, ás seis da tarde, na Igrexa da Compañía (ver mapa), tamén coñecida coma Igrexa da Universidade, ubicada na zona vella, entre a Facultade de Historia e a Praza da Universidade.


Non se venden entradas, senón que o acceso é cun convite que se agasalla coa compra do disco nas tendas Gong. Eu xa o adquirín, xunto coa conseguinte entrada, e mañá á tarde alí estarei, disposto a escoitar (a poucos metros, por certo, de onde residía a comunidade xudía compostelana) un tranquilo concerto de quen trae á Galiza aires doutras terras, e doutro tempo.



[Máis: Igrexa da Universidade, Praza da Universidade, s/n. 15704, Santiago de Compostela, Teléfono: 981 563 100; ext: 11020; Gong Discos]

10 de mar. de 2008

Thinking Blogger Award

Hai uns días, Marta Salazar, a mantedora de Alemania: Economía, Sociedad y Derecho, (entre outros blogues), tivo a ben agasallarme con dous premios-cadea, que teñen coma obxetivo reforzar os vínculos na blogosfera entre aqueles blogueiros que xa nos coñeciamos, anque só sexa a través da rede, así coma establecer novas relacións con aqueles e aquelas que, sen ter trato previo, menteñen bitácoras que atraen o noso interes.

Os premios foron, respectivamente, o Thinking Blogger Award, adicado a aqueles blogues que nos expoñen que nos fan pensar (que creo non merecer, sen falsa modestia), e o Blogger Sapiens Award, que premia a blogues "que tocan, tratan, tematizan temas serios, pero sen perder o humor. Trátase un pouco de que manteñamos sempre o bo humor, tamén cando falemos de temas serios". E anque en ocasión aquí tratanse feitos dos que, pola súa gravidade e proximidade no tempo, resulta dificilísimo desdramatizar, asumo a necesidade de facer un achegamento a realidades tan duras sen perder un chisco de humor. Doutro xeito, sería insoportable.

As regras son claras; cada un dos premiados, se queren continuar a cadea, deberá, á súa vez, outorgar o premio a aqueles blogues que escolla (seis no primeiro caso, e entre catro e oito no segundo), e enlazar este post, no que se lle dou o premio. Se queren, poden ensinar a imaxe do premio, enlazando o post no que continúan a cadea.

Se alguén non quere continuar, polo motivo que sexa, é perferctamente comprensible. Non sempre hai tempo ou ganas para andar con estas cousas. Aos que sí queiran seguir con isto, vaian xa por diante os meus agradecementos. A todos eles, a miña simpatía e o meu recoñecemento.


Thinking Blogger Award


  1. A rúa xudea. Dende hai xa algún tempo, Xoán Salgado mantén aberta esta vía, na que vai acollendo aqueles artigos, novas e información en xeral sobre a presenza xudía en Galiza. Pioneiro nestas lides, o seu sitio convirteuse nun lugar de referencia para todos e todas os interesados na pegada hebrea no noso país.
  2. Europa-Europa. Outro blogue pioneiro, e polo tanto merecedor de recoñecemento. Cando a fináis de outrubro do 2006, Europa Europa botou a andar, algúns saudamos con entusiasmo unha ventana aberta a Europa dende un país e un ambiente non especialmente propenso ao proceso de integración comunitario (pero onde non se discute ningunha alternativa). Botando un ollo ao blogomillo, aínda a día de hoxe non se atopan moitos máis sitios deste tipo (e ben que se botan en falla).
  3. Im-Pulso. Decíao hai pouco alí mesmo; dende que comencei a seguir este blogue, sempre valorei a capacidade do seu autor por manter posicións progresistas sen ataduras dogmáticas. En temas coma as nunca ben resoltas relacións entre as confesións relixiosas e o Estado (nomeadamente nas inxerencias da mal acostumbrada Conferencia Episcopal española), no tratamento da vida política do país, do Estado e do Mundo, e en xeral pola súa capacidade para analisar, contextualizar e dubidar (premisa que se cumpre).
  4. Desnuda ente un espejo. O cuarto premio quero darllo a unha recén chegada, pero cun blogue que promete moito e que, polo pronto, xa está agregada ao meu leitor. Con artigos tan interesantes coma o que lle adica ao poeta sefardí Yehyda Halevi, ben seguro que este novo espazo vainos deparar máis dunha alegría.
  5. PequenEuropa. O quinto vai para outro blogue ao que podo facer extensibles os motivos alegados a prol de Europa Europa; é un dos poucos, escasos, sitios do país onde os europeístas podemos atopar artigos sobre a materia. Leva tamén moito tempo funcionando, postea en varias linguas, e adoita a colgar textos de certa profundidade e durabilidade, no canto de comentar o día a día.
  6. O bazar de Nes. Con este último blogueiro nunca tiven ningún trato, máis quero enviárlle a el esta cadea. Porqué? Pois por reflexións tan atinadas coma esta. Poque non só abonda con querer ser nación; tan importante ou máis é encher esa idea de contido. E porque no tempo das redes, a propia idea de nación ten por forza que reformularse. E cando algúen se pregunta iso en alto ben, merece ser oído.
Se calquera dos nomeados non ten tempo ou ganas para seguir a cadea, pois o dito, sen ningún compromiso. E polo que toca aos outros premios, os Blogger Sapiens Award creo que quedan para outro día.

Saúdos a todos!

8 de mar. de 2008

Leituras? Ningunha

Sobre o asasinato do ex-concelleiro Isaías Carrasco, que todo parece indicar que foi obra de ETA, veño de atopar en Im-Pulso o primeiro que leo dende que se comenzou a verquer tinta que trata xusto do que pensaba. Salientaría dúas frases: "case todos os partidos obvian adoptar medidas estratéxicas --é decir, duradeiras e constantes-- e, en paralelo, seguen empeñados en convertir a violencia dunha minoría en pedreira útil para lapidarse entre eles, para o que nin sequera dubidan en outorgar aos crímes de ETA unha dimensión política e social da que carecen." (especialmente esto último), e " cando un crimen condiciona o futuro dun país democrático é porque a democracia é inmadura ou está enferma." (...). Porque isto foi un crime a secas, e paréceme importante dexalo moi claro.

Este asasinato non obedece á ilegalización das sucesivas forzas políticas da esquerda independentista, nin á política penitenciaria dos presos condeados por terrorismo, nin moitísimo menos ás aspiracións de autogoberno de parte da sociedade vasca. Non hai que buscar leitura política porque xa hai moito tempo que estos tarados perderon calquera vínculo coa realidade. Contaba Savater, nunha entrevista na Rolling Stone, que, ao chegar a democracia e ver cómo seguía o terrorismo, entendía que se trataba dun fenómeno semellante ao do champán recén descorchado. Pensaba: agora están desatados porque todavía non saben cómo dar o paso á participación política, pero é cuestión de tempo que isto remita. Quén pode manter iso hoxe?

A violencia etarra non obedece máis que a unha inercia histórica que debeu rematar co franquismo. Que, hai seis anos o Goberno do Estado enlodaran aínda máis a situación coa Lei de Partidos (ben ou malintencionada, máis moi torpe) só serviu para atribuírlle algunha intencionaliade política á violencia dunha banda que xa daquela perdera (non foi sen tempo!) gran parte do seu apoio social, pero de ningunha maneira barniza de lexitimidade o terrorismo.

Se do que se trata é de rematar dunha vez por todas con esta senrazón, non vexo mellor maneira de facelo que non abdicando da nosa condición cívica, deixando en evidencia a quenes buscan sempre unha coartada para un vitimismo que os exima da súa responsabilidade.

[Máis: as novas sobre o asasinato, recopiladas no Google News; declaración de condea do Portavoz Nacional do BNG (video) ; post anterior no blogue sobre ETA]

2 de mar. de 2008

En Gaza


Terroristas de Hamás. Visto aquí

Hai post máis difíciles que outros, e creo que este vai a ser dos que máis.


Antes de seguir a cadea que me encomenda Marta (grazas!), paréceme urxente os enfrontamentos entre as FDI e as milicias paramilitares de Hamás na Franxa de Gaza, que nas últimas setenta e dúas horas, e no momento no que escribo, deixou un total de oitenta e oito vítimas mortáis.


Era inevitable, era só cuestión de tempo. Unha breve cronoloxía, para ubicarnos. En agosto do 2005, o entón Primero Ministro Ariel Sharón levou a cabo o máis ambicioso paso cara a paz que ningún Goberno israelí dera. A desocupación de Gaza foi un paso decisivo que marcou un antes e un despóis na relación entre o Goberno de Israel e a ANP. Ao recoñecer fácticamente á máxima autoridade palestina coma o órgano de autogoberno palestino e ao encomendarlle a xestión da Franxa baixo a fórmula dun proto-Estado, por unha banda estábase a ensaiar o modelo de desocupación que habería de levarse a cabo en Cisxordania, e que permitiría a Israel desembarazarse de Palestina e, pola outra, dotouse ao pobo palestino da maior esfera de decisión que tiveran dende que a Ocupación do 67 os obrigara a ser nación.


Todos os ollos estiveron dende entón postos na Franxa, por iso o dagora non pilla a ninguén de imprevisto. A estas alturas pódese afirmar que a experiencia de autogoberno palestino en Gaza resultou un completo fracaso. Postos a buscar un punto de inflexión, é forzoso ir ás elecións gañadas por Hamás. Fixo o Goberno de Olmert canto estaba na súa man para que o goberno de unidade fora tirando? Puido e Executivo israelí por máis da súa parte para evitar que a amalgama saltara polos aires? É imposible que esa pregunta non estea na cabeza de todos agora en Israel. Que se intentou está claro, e que se buscou por todas as vías reforzar a validez dun Fatha que languidece sen deixar herdeiros, incluso con medidas entre inxénuas e contraproducentes, aínda está máis claro. E o peor non é que Olmert non teña futuro, tras unha serie de calamitosas escollas erradas e unha xestión interna marcada polas acusacións de corrupción, senón que o feito de que o actual Primer Ministro estea cuestionado non significa que haxa no horizonte político israelí unha figura que concilie as esperanzas dunha nación cansada. No seu partido, Tzipi Livni agarda. Enfronte, Bibi exixe firmeza. E a sociedade debátese entre seguir cara o descoñecido ou botar man da política de man dura de Netanyahu. E todo alí son conscientes de que iso é pan para hoxe e fame para mañá. A única solución ao conflicto árabe-isralí virá dunha negociación, e nese sentido, os falcóns son balóns de oxíxeno antes de atreverse á seguinte aventura. Non salvan, só reconfortan.


Polo que toca ao bando palestino, a situación é desoladora. Por un lado está o exiliado Fatah, sen xa case credibilidade, cun Abbas que foi incapaz de por coto á rapiña xeralizada e de coordinar á organización que nominalmente preside e, pola outra, a un movemento islámico coherente na súa senrazón (no sentido máis literal da palabra). Neste contexto, a sociedade de Gaza tamén tiña, por forza, que atoparse des-esperanzada. Tempo haberá para buscar responsabeis, nunha beira e a outra da fronteira.


Van xa oitenta e seis mortos, e subindo, no bando palestino, entre eles varios nenos abatidos por misís das FDI. Hai que ser un monstro para non sentir mágoa por eses rapaces inocentes, máis se empregas sistemáticamente a meniños coma escudos humanos é forzoso que alguns acaben morrendo. Ninguén en Israel quere que a os nenos palestinos lles pase nada, e faise todo o posible para evitar que resulten danados, máis se quenes deberían velar pola súa seguridade lles dan instruccións para rodear as plataformas de lanzamento de misís, acompañar na mesma habitación aos líderes de Hamás que teñen unha mirilla debuxada na caluga, ou os animan a correr no medio dun tiroteo para dar tempo aos paramilitares a repoñer munición, é inevitable que algúns sexan accidentalmente abatidos. Mentres o terrorismo palestino recurra miserablemente aos nenos coma escudos humanos, estos dolorosos feitos reproduciranse cada vez que se desencadene a violencia. É todo menos imprevisible.


Tristemente, a esquerda de salón europea entrevé dos actos de Hamás un quimérico proxecto de liberación nacional, onde só hai terror por terror. Incluso se fala da operación militar coma un castigo polos civís abatidos por qaasam e non coma un remedio para evitar que outros sigan a mesma sorte. Mistúrase sen pudor o islam coa liberación nacional, cando a propia idea de Estado-nación, coa súa concepción moderna do individuo coma cidadán, é por forza antitética á do fiel musulmán que o integrismo islámico suxire primeiro, e logo impón. Non son dos nosos. Son só unha panda de tarados armados con rifles de asalto que se aproveitan do caos para espallar entre a poboación as súa solucións salvíficas.


O que está pasando é moi sinxelo, e por iso ten unha solución complexísima. Hamás está facendo o que ten que facer; levar a cabo os principios que plasmou na súa carta fundacional. Os ataques-provocación, principalmente sobre Sderot e os quibutz próximos á fronteiras, e agora tamén sobre Ashkelon, buscaban e buscan atraer ás tropas do Tsahal cara un territorio moi urbanizado que os terroristas islámicos coñecen palmo a palmo.


Deixando ao marxe a desafortunadísima bravuconada do Vice Ministro de Defensa, Matan Vilnai, esta nova incrusión, a máis sanguenta dende había seis anos, vai a ter consecuencias que agora só se poden aventurar. O rumor crecente dunha operación militar a gran escala en toda a Franxa ten un poderoso motivo para quedar só niso, nun ruxe-ruxe, e é que ninguén ignora que unha incrusión desa índole por forza ten que vir acompañada dunha reocupación, sequera parcial, de Gaza. Polo pronto, o Vice Primeiro Ministro Haim Ramón dou mostras de sensatez ao sinalar que unha operación desa índole perxudicaría a Israel máis do que o axudaría, e anque ese sería o escenario idóneo para Hamás, onde podería loitar barrio a barrio, a poboación palestina veríase de novo envolta nun fogo cruzado que só pode acabar en desastre. Adverdtíao provervialmente Amos Oz: non se debe caer na trampa de entrar en Gaza.


Coa incorporación dos novos misiles que sustitúen aos cohetes qaasam, a día de hoxe a organización terrorista Hamás ten a 200.000 habitantes de Israel dentro do seu ámbito de alcance. Cando hai unhas semanas tiraron abaixo o valado que separaba Gaza de Exipto, os xornalistas entretuvéronse fotografiando á poboación que corría a reunirse cos seus parentes do outro lado, así coma a quenes mercaban o que crían que podería chegar a escasear nesa crise humanitaria versión Al Jazeera. Mentres tanto, Hamás introduciu o novo armamento que xa leva días usando, e que espera poder seguir empregando se finalmente o exército israelí entra a gran escala en Gaza. Mentres, hai uns días, asistíamos á iniciativa buenrrollista para consumo televisivo, os milicianos (que diría El País), ultimaban as novas plataformas de lanzamento de misís. Cando o montaxe estivo finalizado, deron o seguinte paso.


Nun só día caeron en chan isralí cincuenta cohetes, matando a un home e ferindo a cinco máis. Que o Goberno de Israel respondese coa ofensiva previsible non é ningunha traxedia para Hamás, senón para Palestina e o propio Israel. Primeiro expulsou a Fatha, logo reforzou o seu control total da Franxa, despois preparou ás súas tropas e agora, vía Exipto, xa conta co armamento necesario para levar a cabo o seu proxecto fundacional.


Era só cuestión de tempo, e por iso agardo a que a situación non se xestione con raciocinio; fará falla moita sangue fría para non caer na estratexia da araña. Agora toca actuar coa maior cautela posible, extremando ata o infinito a protección dos civís palestinos, e prepararse para un conflicto longo e penoso, con pequenos logros puntuáis, antes que deixarse levar pola tentación da solución contundente dunha invasión que, por forza, terá que dexenerar nun inferno.

27 de fev. de 2008

Novo restaurane kóxer na Coruña

Para residentes na zona da Coruña, e para afeccionados á gastronomía en xeral, pode ser de interese saber que o vindeiro xoves seis de marzo, a Comunidade xudía reformista Ner Tamid vai a inauguración na cidade o restaurante Sefardí 515, o primeiro desta índole que se abre en Galiza.

O restaurante estará ubicado no número trinta e oito da Rúa Alfredo Vicenti (ver mapa), e disporá dunha tenda de productos kóxer, tanto para aqueles que queiran seguir os preceptos relixiosos xudeus coma a aos que simplemente nos gusta probar novos sabores. Bó proveito!

Na imaxe, xantar kóxer dunha familia xerosilimitana. Foto: naamul.

[Máis: Código Postal 150004; correo electrónico: info@restaurantesefardi@.com; teléfono: 981263442]

23 de fev. de 2008

Historia da Shoah, de Georges Bensoussan


"Se comprender é imposible, coñecer é necesario. Foto: .Fra."

Levaba xa algún tempo pospoñendo a leitura da Historia da Shoah de Georges Bensoussan, e ao fin esta semana me puxen con este breve libro que me deixou varias impresións que agora quero comentar.

A primeira, que por fin lera o libro definitivo de divulgación da Shoah. Por mor da súa brevidade, do seu carácter analitico e da súa claridade expositiva, o pequeno, máis denso, libro de Bensoussan é o máis acaído que coñezo para que unha persoa que, ou ben descoñeza, ou ben teña un coñecemento moi laxo da Shoah, queira facerse unha idea xeral dese capítulo da Historia de Europa. Hai libros útiles e outros imprescindibles e, anque que aínda o rematei de ler onte á noite, a impresión que teño é que se trata do libro que todas as persoas deberían ler algunha vez na vida. Se non outro máis completo, si cando menos este.

Coma unha árbore sen follas, o libro amósanos as liñas básicas da Shoah dun xeito tan esquemático coma orientativo. Maila baixar en ocasións á dramas concretos, ao longo de toda a narración evítanse aqueles episodios puntuáis que distraian do obxetivo básico do libro; ofrecer, a vista de páxaro, un relato imparcial dende a ascensión de Adolf Hitler ao poder, e aínda o clima antisemita previo que propiciou ese triunfo, ata a liberación dos últimos campos, así coma a reación da comunidade internacional e a sorte que mereceron os autores materiáis e intelectuáis da matanza.

Ao longo do relato, Bensoussan elude as situaciónas máis susceptibles de provocar reacións emotivas, cando non son imprescindibles para entender o conxunto. Máis ben, a tónica predominante é a obxetividade dun médico que ilustra sobre as características dunha ferida. Por momentos, esa mirada cartesiana cede paso a unha maior implicación sentimental, sobre todo cara o final; na valoración sobre a pasividade case unánime do resto do mundo e o benévolo castigo que recibiron a práctica totalidade dos xerarcas nazis, é dificil non notar o sentimento de inxustiza que o autor transmite nas súa palabras.

Hai algo no que incide varias veces ao longo do libro; a suposta pasividade da poboación xudía ante a súa situación. Bensoussan expón que, primeiro, a pasividade non foi tal nin sequera naquelas condicións nas que a loita era só unha maneira de precipitar a súa morte. En segundo lugar, tamén incide no choque paralizador que para un cidadán perfectamente integrado supón verse atacado polo Estado que ata entón o protexera. Outro aspecto capital é a celeridade coa que se levou a cabo o proceso, especialmente entre os once meses que van de marzo do 42 a febreiro do 43. En último lugar, a propia natureza dos feitos resultaba tan inconcebible que a escasísima información que chegaba dos campos era tomada, por unha poboación dispersa e incomunicada, coma unha fantasía difícilmente creíble. Apunta Bensoussan:

O inmediato da execución, o relativo segredo que a rodea, e en fin, o carácter impensable dos feitos paralizaron a capacidade de pensar e reaccionar.


Grazas á Asociación de Traductores en Lingua Galega, a día de hoxe dispomos dunha versión na nosa lingua, verquida do francés por Xoán Garrido Vilariño. Esta edición podese descargar de balde da páxina do proxecto Bivir, a Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. Ás veces recomendo este ou aquel libro, un reportaxe, algunha película, máis neste caso en especial gustaríame recomendar vivamente que se descargen o arquivo de PDF (1,07 MB), que lean o libro, ou que cando menos o garden no disco duro para futuras consultas. A estructura do mesmo, distribuído en seis capítulos, e cos epígrafes e subepígrafes imprescindíbeis, fan da obra de Bensoussan o mapa idóneo para moverse polo espazo físico e temporal da traxedia.


[Máis: libro en pdf, para descargar gratis; crítica do libro en Comunidad Escolar, periódico dixital de información educativa; interesante artigo de Ana Nuño sobre a diferencia de tratamento entre Bensoussan e outros historiadores da Shoah; Memorial da Shoah, museo e centro de documentación xudía contemporánea en Francia, do cal o autor é reponsable editorial.]

21 de fev. de 2008

Diferenzas

- E, qué lles di aos que acusan a Israel de tratar aos palestinos coma os nazis os trataron a vostedes?

- Iso é un infundio, porque todo o que é comparar o Holocausto con calquera outra cousa é banalizalo e non merece crédito. Paréceme moi mal moitas das cousas que Israel fai cos palestinos e viceversa, pero hai que ter en conta que isto non é un xenocidio, nin unha guerra relixiosa, nin existen campos de concentración, nin cámaras de gas. Todo o contencioso entre Israel e Palestina é unha disputa territorial. O Holocausto foi un feito novo na Historia da Humanidade. Xenocidios houbo sempre, pero o Holocausto foi unha matanza industrial, non foi en quente, non era unha campaña, era unha política estatal dirixida dende despachos ministeriáis e coa axuda de toda a sociedade.

19 de fev. de 2008

O comenzo dun debate?

Antes que nada, dúas cousas. Dunha banda, paréceme evidente que o Partido Popular non ten ningunha lexitimidade para erixirse en garante do laicismo do Estado. Pola outra, creo que a súa proposta de contrato de inmigración non é máis ca unha medida eleitoralista de tintes claramente xenófobos. A acatar as leis e a pagar os impostos é algo ao que os inmigrantes xa estan agora obrigados, e polo que respecta a respetar as costumes (as de quén?) e traballar activamente para integrarse, pode haber concepto xurídico máis indeterminado?.

Aclarado isto, esta última oferta eleitoral está a ter o efecto colateral positivo de que, tímidamente, o partido no Goberno e os seus medios afíns comenzan a abordar unha temática, a integración dos inmigrantes, á que durante moito tempo non se prestou a atención debida.

Anque dunha maneira tanxencial, e froito dunha atitude oportunista, paréceme sintomático de madurez que por fin se poidan ler artigos coma este que publicou El País. Por diferenciarse do discurso excluínte da dereita conservadora, e por un universalismo ben intencionado, anque un chisco simplista, tendeuse a crer que a integración dos inmigrantes nas sociedades de acollida era un proceso espontáneo, o cal, por desgraza, día a día se demostra que non é.

Dar o debate de cómo imos a asimilar á quenes veñen a Europa na procura dun futuro mellor é a única maneira de evitar que, tras unha inicial acollida acrítica, os salvadores da patria teñan terreo abonado para espallar as súa solucións salvíficas.

[Máis: artigo de Durán i Lleida sobre o veo, no cal aborda esta e outras cuestións sobre integración]

15 de fev. de 2008

Debate desenfocado

"(...) a miña opinión é que discutir sobre o veo é un erro (...). O verdadeiro debate é sobre a moral sexual que o veo representa, que non é outra que a muller é responsable da sexualidade do home. Debemos cubrir o noso corpo para que el non se excite; debemos permanecer encerradas na casa para que el non se excite. Esta moral, que pon toda a responsabilidade sobre a muller, é o que hai que discutir."

Tirado dunha moi recomendable entrevista con Ayaan Hirsi Ali. Por desgraza, coido que tampouco lle falta razón na súa apreciación sobre Turquía.

[Máis: biografía; post anterior no blogue sobre Ayaan Hirsi Ali]

11 de fev. de 2008

Pola boca morre o peixe (4)

Cando unha persoa detona unha bomba que leva no cinto, no interior dun centro comercial, ao mellor é un terrorista suicida. Ou non. Ao mellor é o que eles queren que creamos.

Ataque "suicida" causa tres mortos nun supermercado en Israel

Unha persoa detonou unha bomba que levaba no cinto, no interior dun centro comercial na cidade de Dimona.


Redacción - 10:15 04/02/2008


Dimona, localidade a cincuenta quilómetros ao sur de Xerusalén, foi o escenario este luns da explosión causada por un ataque suicida levado a cabo por dúas persoas nun centro comercial da cidade. É o primeiro ataque suicida en Israel desde xaneiro de 2007.

A prensa israelí cita fontes policiais que confirman que o ataque foi realizado por dúas persoas, malia que unha delas foi abatida a tiros pola policía antes de poder activar o explosivo que levaba adherido ao corpo.

Poden ampliar en Haaretz.


[Máis: Pola boca morre o peixe (3)]

10 de fev. de 2008

Descoberta

A información que dispomos do pasado xudeu de Galiza é decepcionantemente cativa, tendo en conta que nalgunhas rexións, coma a zona entre Ribadavia e Ourense foi amplamente poboada. Por iso cada nova achádega é acollida con verdadeiro entusiasmo.

Amigos e amigas, anímovos a que vos deixedes sorprender por esta maravillosa descoberta que Manuel Gago desvela no seu blogue. Simplemente fantástico.

Envexa

De vivir nun país normal.

9 de fev. de 2008

Novas técnicas, o mesmo espírito

Quén dixo que xa non hai patriotas? Para evitar que lobby xudeu/israelí/sionista seguira manipulando a opinión pública italiana (valéndose do seu noxento sentimentalismo humanista, coma sempre), un blogue de ultradereita tivo a ben expoñer un listado de cento sesenta e dous proferores xudeus. Para que saiban que hai quén vixía as súas mentiras.

O xesto é enternecedor. Alegra ver que, nestes tempos de confusión, todavía hai voces ceives que axudan a sinalar co dedo aos inimigos da Nación. Non vaia ser que as pérfidas ideas dos nazis xudeus cheguen a infectar as nosas sanas conciencias.

Simplemente, grazas.

8 de fev. de 2008

WPP´07

Esta imaxe dun soldado estadounidense, exhausto nun bunker no val de Korengal, Afganistán, ven de recibir o premio World Press Photo á mellor instantántea do 2007. O seu autor, o fotógrafo británico Tim Hetherington, reflicte nesta instantánea, en palabras do xurado, "a extenuación dun home, a extenuación dunha nación".

Entre as demáis fotos premiadas pareceume especialmente tremenda ésta, de quénes escapan do inferno (supoño que deste) buscando unha vida normal.

7 de fev. de 2008

Neve no Néguev

Se é raro ver cuberta de neve a cidade de Xerusalén, máis o é ver a mesma estampa no deserto do Néguev. A imaxe foi tomada polo fotógrafo Guy Shachar, e forma parte dun portafolio que pode descargarse aquí.

Estoutra foi sacada nos arredores de Dimona. Autor: rampelech.

6 de fev. de 2008

A tamén vella (e útil) banalización do mal

(...) será que, no nome dunha pretendida solidariedade cos palestinos, hai partidos de esquerdas que desprezan o horror nazi, que non senten ningunha piedade polas vítimas xudías e que son os culpábeis da banalización actual do holocausto. Máis aló das simpatías de cada cal cos protagonistas dun sanguento conflito que dura décadas, os millóns de europeos asasinados son vítimas puras, e o seu desprezo é unha vergoña lacerante.

Pilar Rahola.

5 de fev. de 2008

A vella (e útil) histeria colectiva

O linchamento público que está a sufrir Abel está a ter o mesmo efecto que se reventasen os sumidoiros da cidade: toda a merda agochada sae coma un geyser á superficie. Que o Grupo Parlamentar do BNG se desmarque da lembranza institucional da Shoah é un mazazo en toda regra, pero que ademáis haxa tanta xente disposta a apoiar a súa atitude racista é coma para pensar moi en serio cantos retrógrados non camiñarán contigo en Compostela o Día da Patria.

Levo días discutindo na rede, intentando que a xente entenda que unha cousa é a Shoah e outra o conflicto árabe-israelí, pero vese que quizáis só sexa perder o tempo. Se non se matiza nalgo a Shoah, se non se culpa ao xudeu na mesma declaración, daquela mellor deixalo pasar. Total, tampouco é para tanto. O máis demoledor desta clase de atitudes é que revela que, por desgraza, maila a mudanza nas formas, a base social do nacionalismo galego segue a ter un nucleo rancio, provinciano, e profundamente xudeófobo. Podemos ollar cara outro lado, pero o certo é que quenes están dispostos a negar a memoria do Holocausto seguen a ser demasiados, se é que non medra co paso do tempo.

Se o que pretendía Aymerich e compañía era facer piña a dous meses das elecións, está claro que o conseguiron. Que para iso tiveran que botar man do odio grupal máis antigo do mundo, non pareceu importarlles en absoluto.

Se esta é a esperanza do País, triste futuro nos agarda.

[Máis: Carta de dimisión; entrevista en Galicia Hoxe; Blogue do BNG de Neda; e a nova en: Vieiros; El Faro de Vigo, Agencia Judía de Noticias, Chuza; El correo Gallego; La Opinión de A Coruña; La Voz de Galicia; A Nosa Terra; Libertad Digital Opinión: Pilar Rahola; Escaño 351; Jon Juaristi; Hermann Tertsch; Noggia (en inglés); Comunicat da Associació de relacions culturals Catalunya Israel: Shema Israel; Herut (1, 2, e 3)]

2 de fev. de 2008